30 may 2006


ARREDOR DE MARÍA MAGDALENA
(Andoliña martes 30 maio)
De toda a leria esta do Código da Vinci, con libros, películas e demais mercadoría, pódese quizais sacar algo en positivo. Refírome á figura de María Magdalena, que volve ser obxecto de debate nos xornais e programas de televisión. Na imaxe tradicional a Magdalena era a antiga prostituta arrepentida que os pintores clásicos debuxaban no deserto, case espida e oculta nunha cova e ao carón dunha caveira: tamén era unha excelente escusa artística para abordar libremente un tema de gran sensualidade ao abeiro dun tema de carácter relixioso.
Disque está ben demostrada a existencia da Magdalena, citada ata dezasete veces nos Evanxeos canónicos. Non é evidente que fose unha prostituta (a Igrexa cambiou tantas cousas do dogma na Idade Media) e agora xorden as mil teorías ao seu arredor: formou entre os primeiros apóstolos? Casou con Xesús? Foi unha das fundadoras do cristianismo? Hipóteses imposíbeis de demostrar, pero que chaman a atención sobre unha figura feminina no cristianismo. E isto, nunha Igrexa que marcou ese sexo coa Eva culpábel do pecado orixinal, xa é revolucionario: cambia o rol social da muller no mundo , debería mudar tamén dentro da Igrexa, onde sempre estivo relegada e minorizada. (Imaxe: a Magdalena de Tiziano, Palacio Pitti, Florencia, un bon exemplo desa sensualidade renacentista desbordante).

8 comentarios:

Anónimo dijo...

É certo o que dis a respecto do papel secundario, negativo e mesmo malévolo, que a igrexa lle outorgou sempre á muller. O caso de Eva, quen se nos presenta como personificación da primeira traizón, non é menos sangrante que o de Dalila, no episodio pérfido co robusto Sansón, ou o da muller de Lot, quen, pola súa desobediencia, ficou convertida en estátua de sal. A Magdalena como prostituta arrepentida, María como nai de Xesús e á sombra del, a muller de Xob, etc. Poderiamos seguir así e non acabar nunca. Pero a discriminación da igrexa vai máis alá das simples figuras dos relatos bíblicos. Vese na práctica, na nula presenza das féminas nos cargos importantes do trono de San Pedro, ou, sen ir máis lonxe, no papel a xogar. Como exemplo, na entrada aos templos, o home quita o sombreiro e a muller axeónllase.. e así sucesivamente.

Anónimo dijo...

Máis que desbordante, o que eu lle vexo a este cadro de Tiziano é unha sensualidade contida.

Marcos Valcárcel López dijo...

(para anónimo p-c) Si, pero... téñase en conta o que significaba esa sensualidade (que hoxe vemos contida) nos tempos de Tiziano: daquela só admisible nos cadros mitolóxicos que tan ben inmortalizou o veneciano (Mañá falaremos de novo de todo isto)

Anónimo dijo...

Creo que o fisterrán ten moita razón no trato malévolo que a muller sempre recibiu, non só na igrexa, senón tamén na mitoloxía, na sociedade , na política , no fogar, na familia, até nos círculos de amizade, que penso que hoxe en día tamén continúa, e non só temos que viaxar a Oriente, alí a muller xa sufre unha anulación plena, que podemos viaxar sen máis cara México, mesmo en Santiago, á volta da esquina, nalgún fogar que nin podemos sequera imaxinar, seguro que hai unha muller chorando sangue na súa soedade de vítima-heroína. ¡Puto mundo!
Engado que os cadros da Magadalena son preciosos, místicos e ao mesmo tempo sensuales, humanos e espirituales, así son as mulleres, aínda que algúns nos as saiban valorar, por suposto non os que colaboran neste blog, que non haxa malentendidos. Apertas para todas/os, mais terían que colaborar máis mulleres! non?

Marcos Valcárcel López dijo...

Totalmente de acordo, Yoli. Xa hai tempo que notei a ausencia de voces femininas nestes debates (a non ser que figuren entre os moitos "usuarios anónimos"). Só TorredeBabel, Yoli e algunha amiga máis. Non teño máis lectoras? Ou é que non escriben nos post? Que deixen constancia da súa visión do mundo, por favor.

Anónimo dijo...

Entendo ben pouco de arte, desde logo menos que vostede. Estou totalmente de acordo en que hai "diferentes formas de mirar historicamente configuradas", e o que hoxe vemos dun xeito, antano víase doutro.
Con todo, penso que "desbordante", incluso para aquela época, quizais sexa un termo excesivo.
Pero non ten importancia este matiz, no importante non podemos estar máis de acordo.
Segua vostedes deleitándonos e instruíndonos con máis comentarios de arte. Moi agradecido.

Anónimo dijo...

Your are Nice. And so is your site! Maybe you need some more pictures. Will return in the near future.
»

Anónimo dijo...

I'm impressed with your site, very nice graphics!
»