Mostrando entradas con la etiqueta estereotipos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta estereotipos. Mostrar todas las entradas

21 may 2008


ESTEREOTIPOS NA LITERATURA (RECICLANDO)

Lembro que toquei este tema, o dos estereotipos literarios, moitas veces nos meus artigos. Recupero dous deles, os dous anteriores ó nacemento do blog.

PAN POR PAN xoves 13 febreiro 2003
Andan cabreados os hispanos de Estados Unidos, 35 millóns, por un artigo dun tal Humphries na revista “Vanity Fair” despreciativo coa lingua española. “Olvídese do español” dille o columnista ós lectores, “nada hai nese idioma que pague a pena ler agás o “Don Quijote” que pode escoitar no CD do Home da Mancha”. E engade: “¿Con quen quere falar español? ¿Co servizo doméstico? ¿Cos xardineiros?”. Esta ristra de babecadas desvea como son os prexuízos de clase os que constrúen os estereotipos. Esa era a imaxe que daban tamén dos galegos os poetas do Barroco castelán: xente rústica, suxa, pouco de fiar, falsa, ladroa, etc. O xenial Quevedo escribiu das mulleres galegas: “Muy góticas de facciones/ y de pelo muy espín;/ virginidades monteses/ aman a lo jabalí”. ¡Que pouco cambiou o mundo”.

ANDOLIÑA mércores 22 decembro 2004. Galiza no espello exterior

Co mesmo título que encabeza estas liñas, Xosé M. Núñez Seixas publicou un interesante ensaio na revista “Tempos Novos” que subliña o descoñecemento absoluto que existe mundo adiante sobre Galiza como colectividade etnocultural e histórica de seu. É coñecida a anécdota da confusión entre o noso país e a Galitzia centroeuropea a disputa entre Ucraína e Polonia, como é habitual que os turistas galegos nas súas viaxes teñan que referirse a Santiago de Compostela para que os seus interpelantes sexan capaces de situar estas terras no mapa.
Os tópicos e estereotipos teñen raíces tan fondas como difíciles de arrincar: chega con viaxar ata a literatura castelá do Século de Ouro para encontrar a xénese de moitas dos perfís despectivos aplicados aos galegos, sobre todo aos dos oficios máis humildes en Madrid ou en Lisboa, como xa comentou Castelao no seu día e como estudou X.Caramés Martínez nun volume de Galaxia. Estes tópicos sobreviviron, confundíndose coa caricatura máis infame, e marcaron os os novos emigrantes a América do século XIX, fenómeno que Núñez Seixas ten analisado nos seus libros. É certo todo o que di o historiador ourensán ao respecto, pero o máis triste é que moitos destes prexuízos e estereotipos son tamén a imaxe interior da Galiza para moitos galegos.

Rajoy e os estereotipos
Andoliña 21.5.08
Supoño que son un dos moitos galegos e galegas cabreado pola crise do Partido Popular. Non pola crise en si, que xa entrou nos terreos do esperpento político, senón polo tratamento informativo que se lle dá da mesma nalgúns medios. Os medios que agardaron ata este barullo de declaracións, contradeclaracións e mensaxes crípticas para descubrir que Rajoy é galego e que todos os seus movementos son, así editorializa un xornal de Madrid, "habilidades de un gallego".
E xa estamos asolagados no imperio dos tópicos: a súa astucia galega, a súa indecisión porque non sabe se sobe ou baixa da escaleira, a súa ironía e desconfianza etc. Todo vale no esquema. Se en Madrid lesen a Santiago Lamas agora estarían a falar da "crise borrosa" do PP, porque o seu máximo dirixente procede da ancestral Galicia Borrosa.
Que digan o que queiran, penso. Pero resulta abafante este abuso dos esterotipos que, como indican algúns estudos, veñen de moi lonxe, de varios séculos atrás sen dúbida: velaí os poemas que nos dedicaron algúns poetas españois (moitos) do Século de Ouro. Curioso que caian nestes retratos simplistas, aqueles que logo se fartan de dicir que eles están por riba dos argumentos identitarios. Curioso de verdade.