
Franco, honoris causa: nós xa llo quitamos
Veño de asinar na web que promove a campaña para quitarlle o doutorando honoris causa concedido ao dictador no ano 1965 (www.cansendono.net). Contan en Vieiros que seica non hai regulamentos nisto dos honoris causa e vai ser difícil quitarllo: pois, é igual, apetecíame asinar, e ademais os cidadáns xa lle quitamos hai moito tempo ao vello todas as súas distincións. No 65 eu tiña sete anos e non sabía destas cousas pero agora podo opinar, non?
Lembran tamén en Vieiros que en 1965 aínda ecoaban as protestas internacionais, tras as execucións de Grimau, Delgado e Granados. Malia todo, o entón reitor da USC, Ángel Jorge Echeverri, recoñeceulle a Franco "elementos esenciais como son a fe, a esperanza e a caridade", chegando a exclamar "¡Que belas accións ten realizado o noso doutorando!". Poderíase publicar un tomo ben gordo só cos ditirambos dirixidos ao dictador por moitos escritores e poetas (tamén algúns galegos, como estudou Alonso Montero).
O único ditirambo que merece Franco é algún dos moitos que lle dedicou o poeta Delgado Gurriarán; por exemplo:
"Franco, Franquiño/ piquirrichiño,/ refugallo de homes,/ selso de feixismo./ Alacrán con mando,/ sapo con estrelas,/ arañón con cruces,/ cobra pezoñenta./ Franco, Franquiño/ piquirrichiño:/ nas nádegas de Hitler/ puxeche o fouciño./ E o "duce" da Italia/ tamén llas bicache,/ pra que te fixeran/ o que ti soñache".
Por certo, tal como lembra o debuxo de Seoane en "Trece estampas de la traición", Franco e a Igrexa católica española servíronse mutuamente, durante moitas décadas, para os seus propios fins: cando é que vai pedir perdón a Igrexa española por esta criminal complicidade, como debera facer unha institución cristiá?
Franco, Franco... Francamente, non recordo quen era ese tipo...
ResponderEliminarAh!!!. ¿non era un que escribía filosofía nas paredes de Santiago?... Si. Franco del Carro. ¿Lembrades?
A min sempre me pareceu encantador e un xenio. (Debeu ser anarquista de novo) ¿Alguén recollería aquela arte efémera? Que bo libro de filosofía e teoría do caos daría!
Outro Franco interesante era un aviador, masón, xogador, mulleireiro, simpático que seica tiña un irmán medio parvo, moi túzaro e burro. Por iso é mellor lembrar a Franco del Carro ou o aviador que fixo sentir aos galegos orgullo de selo na Arxentina de comezos de século.
E o do honoris causa? Pois as dannatio memoria non valen para nada. Mellor a terra, ou a lousa que ten alá preto de Madrid.
Que lle dean!!! Ou que lle dean dúas ou tres condecoracións máis -que máis ten- ou o brazo incorrupto do rei das Tartas.
Ademais tiña faltas de ortografía.
Eu tamén asinei.
ResponderEliminarNon sabia eu dese poema de Delgado Gurriaran. E para cando sera o dia das letras galegas adicado a el (non a Franco, claro) ?.
ResponderEliminarUn saudo.
Pois de todos os nomes que saen cada ano como posíbeis candidatos arredor do Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán é un dos que máis o merece, sen dúbida. Non só pola súa poesía satírica-política, senón polo seu compromiso co país, o conxunto da súa obra (un gran poeta, o poeta dos nosos viños, entre outras cousas), o seu labor no exilio (Vieiros,etc.). En Valdeorras houbo unha campaña ao seu favor e xa tiñan apoios significativos, incluído Casares, pero este morreu naquel ano. En fin, esperemos que a RAG se acorde canto antes del... Se a Acedre lle interesa pode acudir ao Cancioneiro da Loita Galega ou a ampla e rigorosa biografía que lle dedicou Ricardo Gurriarán e encontrará moitos máis poemas antifranquistas. Saúdos.
ResponderEliminarEu tamén asinei. Iniciativas como a de cansendono son necesarias para non esquecer nosa historia. O que me chamou a atención foi a data tan tardía en que lle concederon a ese asasino o doutorado. Saude e memoria
ResponderEliminar