28 abr 2006


VAGALUME, ARDORA, ANDOLIÑA
(Andoliña venres 28 abril)
Seguindo o fío de onte, tamén se fixo en galego o concurso sobre a palabra máis fermosa e diso quedamos en falar hoxe. Foi iniciativa do escritor Francisco Castro desde a súa bitácora “A canción do náufrago”. Houbo máis de cen propostas e quero recoller algunhas ben fermosas: aloumiño, andoriña, ledicia, chorima, brétema, caluga, bufarda, folerpa, axóuxere, escaravello, poalla, solpor, luscofusco, donicela, bolboreta, améndoa, vichelocrego, gorentar, fiúncho, mainiño, borboriño, pardal, costro, lóstrego, etc. Nos blogs galegos está vivo este debate (tamén no meu) e un amigo fisterrán mándame estas xoias do mundo do mar: ardora, rompente, marusía, ronsel, vogar.
Pero a gañadora foi “vagalume”, ese bechiño (Lampyris noctícula) que disque lle brilla o cu, sobre todo á femia, en medio da escuridade da noite. Si, merecía gañar. E ademais ten unha ampla gama de sinónimos de beleza non menor. Escoiten: lucecú, luceiro, lucerna, corcoño, coroceiro, ferriño, vella do caldo, verme da noite...
E moi preto do vagalume, compartindo a súa levidade e a súa fugacidade, está a miña querida “andoliña” que recollera nos vellos tomos verde do seu dicionario don Eladio Rodríguez González. (Ilustración: unha das deliciosas mariñas de Urbano Lugrís, o noso gran artista e fillo de Manuel Lugrís Freire).

4 comentarios:

  1. Manuel Vidal Rodríguez, o crego ilustrado de Maceda empregaba unha verba fermosa: "EMPARDECER"

    ResponderEliminar
  2. Desde logo, calquera das outras posiblidades sería tamén merecedora do premio. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Eu propoño non unha palabra, senón unha frase:
    "Outro tema, por favor!"

    ResponderEliminar
  4. A lista de palabras da túa andoliña deron en poñerse unha detrás doutra, relacionándose entre sí, coma se xogando se expresaran:

    EMPACHO DE VERBAS FERMOSAS (ARDORA)

    Co aloumiño da anduriña
    estarrecín de ledicia.

    Nin chorima nin brétema
    dobregarían a miña caluga.
    Nin os cabelos na bufarda,
    cal mainiñas folerpas
    no branco silencio
    de axóuxeres acalados,
    me someterían.

    Vin, no solpor, entre lusco e fusco,
    ao escarevello evoluír entre a poalla
    mentres a donicela borboriñaba á bolboreta
    amargas améndoas,
    mouras coma o peteiro do vichelocrego.

    Nin o lóstrego fendería
    a súa maldade agochada.
    Nin o costro do fiúncho con zucre
    adozarían as súas intencións.

    O pardal arrepiou de presentimento.
    El nada sabía do debezo
    de vagar na maruxía,
    nada de tremer no rompente
    mais... nada tampouco sabía
    da esperanza do ronsel:
    VAGALUME para as novas xeracións
    máis sabias ca nós.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.