25 jun 2006


Galería de badocos.
(Pan por Pan domingo 25 xuño)
Pensei que ninguén lograría nunca superar os xeitos do meu badoco preferido: xa saben ese que vai coas ventás do coche baixadas, a música chunda-chunda a tope para que se escoite a dous quilómetros e abaneando a cachola sen parar cando se detén diante dun semáforo. Pois no universo das realidades horteras sempre hai quen gañe: é o caso do badoco motorizado cunha moto destas de catro rodas para andar polo monte (chámanlles “quads”, creo), que logo vai a todo meter polo centro urbano, facendo un ruído insoportábel, cun casco estilo dos tonechos e mirando as mozas da beirarrúa da dereita e da beirarrúa da esquerda: aquí vai o guapo do barrio... Ademais non adoita parar diante dos semáforos en vermello. Supoño que no monte estes cacharros son unha ruína para o medio natural. No mundo urbano, o maior esperpento da gran badoquería.
(Imaxe: unha lectora de Courbet que se conserva en Washington)

3 comentarios:

  1. Estou preocupado: eu vou cos Beatles a toda pastilla no coche, e canto en alto as cancións... en fin, supoño que non será o mesmo...

    ResponderEliminar
  2. Os Beatles non é o mesmo que o chunda-chunda, claro. E, ademais, espero que, cando circulas pola cidade, non lle vaias impoñendo, a todo volume, coas fiestras baixadas, a túa música a todos os paseantes. Deso se trataba...

    ResponderEliminar
  3. Por suposto que non. Fiestras subidas, entre outras cousas, para que non me escoiten cantar a min.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.