29 jul 2006



A cidade como a gran lurpia
(Andoliña sábado 29 xullo)

Os combates de hoxe dos integristas, de calquera color que sexan, funden as súas raíces moitas veces nos mitos clásicos. Alguén relacionou os atentados ás Torres Xemelgas de Nova York coa Torre de Babel: nesa mentalidade premoderna é Deus (Alá neste caso) quen cobra vinganza contra o home que desafía as leis da natureza. Nos primeiros séculos do cristianismo, baixo a pegada da Apocalipse de San Xoán, a cidade era a metáfora do mal: Roma ou a Gran Babilonia. Logo santo Agostiño contrapuxo a cidade real, como sede do vicio, contra a cidade celestial, símbolo do amor de Deus: de novo Caín contra Abel.
Ese desafío do integrismo non soporta a visión da cidade como modelo de modernidade: dende tempos medievais as urbes son o territorio da liberdade, do progreso e do benestar, pero tamén do pracer do lecer, do atractivo do diñeiro e do poder do comercio: de novo o pecado da soberbia, dirían os fanáticos. Destruír a cidade sería, nesta perspectiva antimaterialista, destruír o símbolo da metrópole como gran lurpia, presente nos clásicos, e negar a modernidade en todas as súas facianas posíbeis: avións, metros, liñas de ferrocarril, convértense así en obxecto dun fanatismo arcaico que se presenta como redentor.
(Imaxe: Frédéric Bazille, La Toilette (detalle), 1870).

2 comentarios:

  1. Así, un pouco pola tanxente... Si de verdade a cidade, a urbe, compendia todas esas maravillas ¿Por qué a xente fuxe de elas cando ten vacacións? ¿Por qué se arruina o medio ambiente do litoral construindo escapatorias para urbanitas? ¿Por qué na publicidade o rural sempre aparece idealizado como máxima calidade de vida?
    Non lle discuto a perspectiva que da dos fanatismos de orixe relixiosa, pero que os fanáticos estean contra as cidades non significa que o desenvolvemento urbano sexa unha panacea.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.