22 feb 2007


Mellorar o uso da lingua

Houbo tempos, dicía eu onte, nos que case non existían instrumentos útiles para perfeccionar o galego que usaba cada cidadán: lembremos a linguaxe clandestina dos panfletos dos anos 70 ou de moitos libros daquela época. Admitamos, porque esa foi a realidade, que case non había daquela materiais onde acudir: os cursos de galego nas asociacións culturais facíanse coa Gramática elemental del gallego común de Carballo Calero (Galaxia, 1966) ou logo, dende 1971, cos métodos Gallego 1, 2 e 3 do Instituto da Lingua Galega, pensados estes para neofalantes que accedían ó noso idioma dende o castelán.
Hoxe a situación é moi outra: métodos de galego, TVG, prensa en galego, galego na escola. Por iso os falantes con presenza pública, os que deitan opinión na televisión e nos xornais, os que nos representan a todos nos parlamentos, xa non poden xustificarse detrás da ignorancia do código lingüístico. E o certo é que algúns deles falan un galego tan deficiente como aquel, marcado polo descoñecemento, dos primeiros 70: un galego cos pronomes átonos mal colocados; con teísmos e cheísmos; confundindo a forma ‘saúdao’ cun incorrecto ‘saúdalle’; con formas verbais compostas, etc. Un galego para mellorar.
Andoliña xoves 22 febreiro

Moito que mellorar.
O Manifesto do E, do que falei antonte, está a provocar un pequeno debate sobre a calidade do galego que usan os nosos políticos. Está nos xornais e nos blogs: sobre o tema opinaron estes días Antonio Piñeiro, Xosé M. Sarille ou Monxardín, entre outros. Moitas opinións piden un galego máis enxebre e menos artificioso. E iso é posible, respectando a variedade de rexistros propia de toda lingua, deturpando erros como os que apuntei onte neste curruncho e volvendo ás raíces do idioma. E hai moito camiño para mellorar: todos, tamén este cronista. Por exemplo, velaí a ausencia cada vez maior de infinitivos conxugados, tan propios da nosa lingua. Ou a escaseza dunha fraseoloxía galega, limitándonos a traducir os ditos casteláns. Ou o necesario respecto á pronunciación e ás melodías do idioma. Ou o esquecemento do pronome de solidariedade. Si, hai moito que mellorar.
Pan por Pan xoves 22 febreiro.
(Imaxe de Laxeiro, dos fondos da Galería Elvira González)

4 comentarios:

  1. Conformaríame con máis correcto e menos castelán.

    ResponderEliminar
  2. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  3. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  4. O malo é que -tamén entre os ensinantes- algúns están máis pendentes de foderlle a moral ao persoal co sempiterno debate das vogais abertas e as pechadas que en centrarse no meritorio "labor docente" de inculcarlle aos paisanos (algúns, futuribles politiquillos) unha correcta sintaxe e, en consecuencia, un aceptable uso do idioma patrio.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.