6 feb 2007




Palabras contadas


No seu último libro, “Palabras contadas” (Xerais), Camilo Franco ofrécenos un amplo abano de historias breves, fragmentarias, todas elas afíns ó xénero do microrrelato, aínda que algunhas se presenten como argumentos de novela. Ese xénero esixe, ademais de brevidade, capacidade de contar dende a sorpresa, un certo virtuosismo na arte de ver o mundo a contramán. Se fose necesario cun algo de provocación e transgresión, xénero que Camilo domina ben, ó cabo coñece con detalle o mundo do teatro: nos seus breves relatos hai tamén moito de xogo escenográfico (“Era ou non era”) e o humor e a ironía son o carimbo necesario para poñer en cuestión tanto a vida cotiá aburrida dos humanos como as grandes institucións (o Exército e a Igrexa, por exemplo). Se é preciso tamén dende o xogo ousado da truculencia: como no relato “Estaba de ser” (Foto de Eduardo Núñez). (Pan por Pan 6 febreiro)
Estaba de ser
Chamábase Jack, era carniceiro, viñera do norte. A xente desconfiaba del, que logo din que a literatura non serve para nada. A natural prevención que levantaba a súa mala prensa quedaba compensada coa amabilidade de vendedor e coa elegancia con que cortaba os finísimos filetes. Co mesmo sorriso atendía a quen pedía pescozo ou xarrete, O seu cada vez máis leve acento inglés dáballe o aire cosmopolita da elegancia. A primeira cliente da mañá non puido reprimir os xestos de puro terror ao mirar a cabeza feminina chantada nun dos ganchos e cada unha das partes anatómicas da británica esposa perfectamente despezadas sobre o mostrador.
Instinto básico
Ela entrou no bar cun chupachup na boca e hai que se foder co inmediato que é o instinto masculino.
Era ou non era
Foi naquel tempo en que as compañías de teatro subían os espectadores ao escenario. Por meter medo no patio de butacas. El, fuxitivo e desorientado, entrou no teatro buscando un refuxio. Chegou con manchas de sangue entre os dedos mentres un actor gracioso buscaba entre o público alguén con cara de bo tipo. Viuno intranquilo e sinalouno co dedo. Non tiña idea de qué ía o asunto pero subiu porque qué mellor coartada. O cómico colocouno no medio do escenario baixo as lámpadas que simulaban un interrrogatorio e preguntou: que faría vostede se acabase de asasinar a súa muller?

10 comentarios:

  1. Non sei se con outros ocurriría o contrario, pero os micro-relatos colgados déixanme indiferente. O que non é óbice para que o autor cáeame ben persoalmente.

    ResponderEliminar
  2. "para que o autor me caia ben..."
    (mellor)

    ResponderEliminar
  3. Grazas, anónimo. Ás veces peco de hipercorrección.

    ResponderEliminar
  4. Pero iso non é "hipercorrección".

    ResponderEliminar
  5. Pero iso non é "hipercorrección".

    ResponderEliminar
  6. Vale, vale, ... que eu non son profesor de lingua galega como vostedes, pero entendino á primeira, non fai falta que mo repita dúas veces, ho, que parvo de todo aínda non son (mais todo se andará). Dígame logo que é exactamente, para sabelo e dicilo ben. Graciñas.

    ResponderEliminar
  7. Por certo, creo que "dfistinto" non se di, que o correcto é "distinto". Pero corríxame outravolta se me trabuco, que seguro que si.

    ResponderEliminar
  8. Fsadfñor Annoimosdf Poliggo-cutlrtal:
    Nnon kokmetas incorrredfciósn de maqiuina uqe algo así seikca pasou coa falabra futbol que saueiu sem n a cepots nuna verciósn das Normas" e a xente teimafa en que fora aguda e no grve. Ata uqe cairon ca gurra.
    Substitúa "poara que" por "pois" no primeirao correro e xqa está todo b3en.

    ResponderEliminar
  9. Só coñezo a Camilo Franco polas súas crónicas xornalísticas e por estas ocasionais lecturas que o amigo Valcárcel e outros blogueiros teñen a ben incluir nos seus posts. Pero vexo nos comentarios que suscitan unha radical diferencia na apreciación de CF: ou pésimo ou óptimo. Cabe a indiferencia, como APC, pero en xeral noto culto ou animadversión. Pregunto con inocencia, alguén podería dar algunha clave?

    ResponderEliminar
  10. Pois eu non lin nada de Camilo Franco, así que sería interesante que o noso anfitrión nos orientase, e se lle place fixera unha introducción e valoración da súa obra, coas seriedade e rigor que caracterizan os traballos de Marcos.
    Jimy de Rairo

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.