8 mar 2007


Casares no Liceo
(A foto que abre este comentario é de Eduardo Núñez. Foi tomada o 24 de maio de 1997 na homenaxe que o Clube Cultural Alexandre Bóveda lle fixo a Antón Risco. Nese momento tocábame falar a min; logo falaron Arturo Lezcano e Carlos Casares, saboreando o seu puro. Á beira de Carlos, está sentado Carlos Quesada).
Nota: Na web do Liceo (ó carón, na columna da dereita), no apartado Noticias, están colgadas algunhas fotos de Carlos Casres e tres pequenos documentos sonoros coa súa voz.

Conmemorando o quinto aniversario da morte de Carlos Casares, o próximo venres 9 de marzo, o Liceo ourensán, dende a Sección de Literatura, organizará unha serie de actos en Ourense, que consistirán nunha mesa redonda en sesión tertulia de tarde (17,30 h.) na que participarán Julio Alonso Losada, José Carlos Martínez Pedrayo, Javier Casares e Marcos Valcárcel.

Ás 19,30 no Salón Nobre haberá un novo acto no que serán algúns dos seus textos xornalísticos e no que participarán ata 60 persoas do mundo social e cultural de Ourense, entre elas moitos amigos e compañeiros que tiveron relación directa co escritor.
Ademais, se exhibirá un Power Point cun cento de imaxes de Carlos Casares en actos ourensáns ou realizados en toda Galicia. Todos estes actos contan coa colaboración da familia do escritor e da Fundación Carlos Casares.
(Os textos a ler, procedentes de "Á Marxe", foron seleccionados por Sexismundo Bobillo e MV. A documentación posible para as fotos foi achegada por Benito Losada (fotos do Clube Alexandre Bóveda, realizadas polo fotógrafo Eduardo Núñez), e outras proceden do meu arquivo privado e da familia Casares. Finalmente, a montaxe do Power Point será realizada por José Luís Troitiña).

11 comentarios:

  1. Os meus desexos de que os actos estean ateigados de público.

    ResponderEliminar
  2. Ozalá sexa todo un "suceso". Eu xa contribuín ao convite de homenaxe a Casares coa miña postaxe.

    ResponderEliminar
  3. Estando Marcos polo medio o éxito está totalmente garantido. Non podía ser doutra maneira. Desde a distancia do cabo do mundo, os meus mellores desexos por tan merecida homenaxe.

    ResponderEliminar
  4. Estou encantada de participar na lectura dun dos textos de "Á marxe". Non tiven a sorte de coñecer en vida a Carlos Casares, un dos grandes precursores da lingua e da cultura galega, non só a través da súa obra, tamén no eido da política e de institucións culturais (CCG, Editorial Galaxia, etc.), e coñecido por ser un dos amigos íntimos de Ramón Piñeiro, outro dos grandes. Hoxe colaboro como bolseira de investigación no centro que leva o nome deste último. Mañá será unha tarde moi emotiva, estou segura.
    apertas

    ResponderEliminar
  5. Dor, dor, dorrrrrrrrrrrrr.
    Evadne

    ResponderEliminar
  6. PRIMEIROS LECTORES/AS XA COMPROMETIDOS/AS:

    1 Os deleites da linguaxe José C. M. Pedrayo
    2 Problemas para os gordos Xoán Fonseca
    3 En todas partes cocen fabas Xulio Losada
    4 Doutor sen letra Estela Estrada
    5 O escritor e a súa madalena Delfín Caseiro
    6 Cuestión de palabras Delfín Caseiro
    7 Os trens eléctricos Maribel Outeiriño
    8 Unha cociña en Berlín Vítor Freixanes
    9 Os zapatos de Eduardo Marcos Valcárcel
    10 Un ramiño de flores Teresa Devesa
    11 Cousas do corazón Fernando Román
    12 Un blasfemo na rúa Augusto Valencia
    13 Pregóns e pregoeiros Javier Casares
    14 Un soldado romano Pedro Blanco
    15 Xente educada Xavier Paz
    16 Os rostros e as fotos Damián Villalaín
    17 Unha moza que pasa Hakan Casares
    18 Eses africanos que veñen Xosé C. Sierra
    19 Problemas da moda Loli Conde
    20 Na morte do Tucho Afonso Monxardín
    21 O baleiro lingüístico Camilo Franco
    22 Memoria da posguerra Alfonso J. Vilariño
    23 A fala dos curas galegos Trebolle
    24 Por unha peseta A. Piñeiro
    25 Un pesado celofán Segis Bobillo
    26 Da morte ao insulto Sonia Torre
    27 Apunte gastronómico David Simón
    28 Unha bicicleta no ceo Iolanda López
    29 O raio portugués Bea (TVG)
    30 Atravesar os tabiques A. Mazaira
    31 Amigos do demo Mª Jesús González
    32 Historia dun coello Xoan Fonseca
    33 Cuestión de cultura Fernando Varela
    34 Ateos e revolucionarios Eguileta
    35 Os defensores José L. Troitiña
    36 Contemplación profunda Francisco González
    37 Isto só está empezando Galvez
    38 Ocos na axenda Benito Losada
    39 Escribir un relato Chesi
    40 Orxía de sangue Xulio Outumuro

    ResponderEliminar
  7. A casares lembroo de cando presentou na Auriense Xoguetes, a última vez... foi precisamente no liceo, con Rei Ballesteros e unha escritora catalana. Todos os meus respetos e consideración literaria para este grande escritor galego vivo na nosa literatura e na lembranza, na boa lembranza dos que o coñeceron.
    Jimy de Rairo

    ResponderEliminar
  8. A casares lembroo de cando presentou na Auriense Xoguetes, a última vez... foi precisamente no liceo, con Rei Ballesteros e unha escritora catalana. Todos os meus respetos e consideración literaria para este grande escritor galego vivo na nosa literatura e na lembranza, na boa lembranza dos que o coñeceron.
    Jimy de Rairo

    ResponderEliminar
  9. Seguramente que Marcos Valcárcel, rigoroso investigador, non reparou na adscrición de Carlos Casares á "Xeración dos Precursores" que fai Moralla no seu post.´

    ¡¡¡Fai falla ser atrevida e ignorante!!!, dicir que Casares foi "precursor" da lingua e da cultura galegas. ¡Esta señora non ten idea de nada!


    O gato Samuel

    ResponderEliminar
  10. Coidado! O gato Samuel (figurativamente falando, claro) sae do armario. Menos mal, xa que o inquérito covarde que se agocha detrás aínda non se decidíu a dar ese paso (na vida real, claro).

    ResponderEliminar
  11. Home, eu supoño que usou o termo "percursor" nun sentido moi xenérico ou lato, e non na acepción que este ten na historia da literatura galega. Non hai que buscarlle sempre os tres pés ao gato, digo eu.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.