28 sept 2007


Uvas e sol, compendio da luz
(Alfredo Conde en El Correo Gallego, 28 set.)

Mediado setembro, este mes que a tantos se lles antolla dourado, e aínda non, andabamos ás uvas. Verdes prós máis raposos, madurecidos náparos pra outros, ácedas uvas do país que outros chaman catalanas pra non poucos, as uvas penduraban ó sol coma se tal cousa; millor dito, como debe ser.
Uvas e sol, velaí o compendio da luz. Unha uva é un sol pequeño, moitas unha luminaria esplendorosa. Se son negras, astrinxen; se brancas, producen laxitude. Se negras, atesouran a luz no medio da que voan as curuxas e outros animais sabios, mouchos e así. Se brancas, a que atravesan os miñatos de vrán e musicou o Maestro Vide. Eu recordoo, pequeno e branco, camiño do Instituto do Posío. El tamén andou ás uvas.
Ir por uvas, velaí unha frase á que sacar moito zume. As froitas proporcionan símiles poderosos. Ir ás claudias, claudiar, é outra da que xa quedan poucos que saiban da súa exacta e terrible concisión. Claudio é o que coxea, o que cae. Claudiar é abatir. As guerras son duras, máis se fraticidas. E a máis dura da dureza fraticida é aquela que padecen aqueles que, nas retagardas, ocupan os lugares dos vencidos. Este noso é un país de retagarda. Foino sempre. Isabel, a de Castela, desmochounos as torres dos castelos, abatéunos os propios castelos, claudiónolos. Logo, afixémonos a elo. Así seguimos. Torre que asoma, torre que abatimos.
Mediado setembro, alguén fixo confesión de parte. Ninguén llo pidira. Colleu un acio de douradas uvas, penduróuno na solaina por ver de que chegaran ó próximo solsticio e fóronlle por elas. Dende outro blog non entenderon nada, así é o país, así somos. Maldita historia.
Hai uvas que, na miña terra ourensá, se chaman de collón de galo, ou de collón de bispo, vostedes disimulen. Son desas das que hai que botar man, precisamente, pra facer confesións de parte, ousando expoñelas á luz sen que ninguén o pida, colgándoas na solaina. Unha vez ó sol han servir prá concordia e o entendemento, nunca pró axuste dunha conta que hai que saber se está ou non vixente, mesmo se o é ou se esta condoada, cando non esquencida ou arrombada pola propia executoria.
Cál afán é o que nos move?: o de xuzgar ou o de condear? Ah, país, país! País, este noso, de xuíces implacables, vingadores e terribles, tal e como o dun Dies irae interminable, sempre no cima dunha torre desmochada, sempre co fondo musical dun renxer de dentes, estremecedor e cruel. Único e tan noso.

30 comentarios:

  1. Este artigo tiña que figurar aquí co meu agradecemento a Alfredo Conde no que significa de apoio xeneroso. Fai referencia tamén a un intercambio dialéctico entre blogs que eu non busquei: non desexo ningunha guerra de blogs con Perfecto Conde e estimo o seu traballo, tamén nos Croques.
    Ademais diso, polo estilo e por todo, é dos mellores artigos que lembro do autor ourensán. Graciñas.

    ResponderEliminar
  2. Conde é moito Don Alfredo. El si que madura ben: coas súas uvas pasas pódese facer un bo tostado dos de antes, dos do Ribeiro, daqueles que bebían os fidalgos de postín.

    Aproveito desde aquí para felicitalo pola súa nova novela. Alguén a leeu xa?

    ResponderEliminar
  3. Eu son de terra de pan, nunca participei en vendima ningunha. Voltando a Galiza estes días admirei o traballo conxunto de marroquíes, búlgaros e galegos polo Bierzo adiante.
    Xa na casa, acabo de levar un atracón de uvas virtuais, a ver se me poño ao día e dixiro tanto acio xunto, entre as verdes e as maduras. (Poño os links para os que, coma min, veñen a toro pasado).

    ResponderEliminar
  4. n' "A Nosa Terra" desta semana, páx. 30, aparece moi ampla referencia ao libro de conversas, acabado de saír, con Darío Xohán Cabana. Entre os extractos que ANT insire figura defensa de Alfredo Conde, e manifestación de amizade, por parte do entrevistado. É ben que estas cousas sexan coñecidas, igual que son outras.

    Por certo: no mesmo número e páxina, a columna de Damián Villalaín trata o tema dos "chistes de gallegos", con referencia clara na información do semanario no número anterior e, para min notoriamente, tamén na discusión verificada neste blog; que Villalaín vén ás Uvas paréceme desde hai tempo evidente, ao tempo que posibles outras eventualidades que eludo. O artigo pode ser considerado epítome da destreza conceptual do autor; porén, e malia a útil achega de tópicos reubicados, non podo gozar co balance, ante a sospeita de quedar persoalmente incluído en nebulosa nómina de masoquistas sufridores.

    Pode ser, xaora, que en vez de masoca ande algo paranoico. E non me fagan falar máis, desta volta non.

    ResponderEliminar
  5. Fai ben,Lourixe.Xa se sabe que toro pasado non move muíño.

    ResponderEliminar
  6. Co permiso de todos, quero agradecer a quen corresponda (coido que a dous bos amigos) o envío da edición facsímile de "Arredor de si", que aínda recollín hoxe. Manifestara eu aquí hai tempo que, se había unha alma xenerosa, celebraría que ma remitisen. E dito e feito. Dá gusto ter amigos nas "altas" e nas "baixas" esferas que len este blog (e digo altas ou baixas porque, en realidade, como na miña infancia non había Barrio Sésamo, non distingo ben entre os dous conceptos). Fíxome moita ilusión recibilo. Saben cando custaba a obra no momento en que se publicou (1930)? Pois 2 pesetas: así o pon o seu lombo.

    Por certo que, aínda que non o lin, acompaña, dentro do estoxo, un opúsculo de 29 páxinas asinado por Touriño, que ten moi boa pinta.

    ResponderEliminar
  7. Que significa en galego "condear"?

    ResponderEliminar
  8. Noutro tempo,o mes octavo
    cando xa non fai calor
    cando as uvas se apañan
    con ledicia e con amor
    cando eses "tolos enanos"
    van a escola,seu labor.


    Pero eu triste e coitado
    vivindo nesta prisón
    e non séi cando é de día
    nin cando as noites son
    senon fora pola hora
    que sáe escrita no post.

    Berran tripas con esmero
    ¡A hora de cear chegóu!

    ResponderEliminar
  9. Ágrafo Troll Xoan da Coba
    saiunos regueifador!
    Imitando vellas trovas
    cánta ás tripas e ó amor,
    finxe ser un prisioneiro
    sen axenda e sen reló
    que lle digan se é de día,
    ou se a noite xa chegou.
    Lévanlle mellor as contas
    as tripas que o corazón!

    ResponderEliminar
  10. Xan da Coba, xan da coba,
    ágrafo troll da blogueiría
    o día que vos naciches
    grandes sinales había.
    Estaba Ourense en calma
    a lúa andaba crecida
    troll que en tal signo nace
    non debe dicir mentira.
    Alí respondera o troll;
    escoitade o que dicía:

    (Deixo os versos en branco;
    doulle o pe para que siga)

    ResponderEliminar
  11. Condear é o mesmo que condenar en castelán. Só que en galego perdeu o n intervocálico por ser unha palabra patrimonial. É ou non é así, amigo González?

    ResponderEliminar
  12. Vísperas de San Froilán,
    mañanciñas de primor,
    cando uvas e solainas
    brillan no primeiro sol,
    velaquí ven Xan da Coba,
    que antes foi ágrafo troll.
    Viste traxe azul a raias,
    zapatiños de charol,
    e por abreviar vos digo,
    que Ourense é todo un clamor,
    das damas que por él desmaian
    saloucando: amor, amor!

    ResponderEliminar
  13. Abenámar,Abenámar
    moro de la morería
    si me quisieras
    todo te daría

    ResponderEliminar
  14. Mirade como os pobri�os exipcios ti�an que vendimar coa m�n.A�nda non hab�a ferramentas de ferro.Xa est�u o�ndo,cando se inventaron as navallas,� entendido :"Eu sigo vendimando a m�n.Cortando coa navalla non s�e tan b� o vi�o"

    ResponderEliminar
  15. Pois "condear", sinto corrixir, é un hipergaleguismo. Caería o -n- intervocálico se o étimo latino fose *condenare, pero realmente é condemnare, e a evolución, supoño,

    CONDEMNARE > *CONDENNARE > CONDENAR.

    Confróntense o francés "condamner", o italiano "condannare" ou o adxectivo inglés "condemnable". Tamén, por certo, o vocalismo dos dos primeiros co do ben coñecido coloquialismo galego "condanado". Aqueles vulgarismos, a miúdo tan risibles entre nós, veríanse ao mellor con outros ollos á luz do multilingüísmo.

    Por certo, sorprendente e suxestivo o seu alarde poético. Onde brilla con especial intensidade, hai que dicilo, a luz que vén da Coba.

    ResponderEliminar
  16. Pensei que Apicultor ía de brincadeira: Condear é un neoloxismo, tal vez con maiúscula.

    ResponderEliminar
  17. Xa sabe, amigo González, que pode corrixirme en todo o que sexa necesario. E en lingua galega moito máis aínda, onde -ben se ve- os meus coñecementos son máis ben escasos. Por iso agradezo notoriamente todas as indicacións que me permitan escribir con maior pulcritude (cando vexa que eu cometa un erro clamoroso, agradecería a corrección). No meu descargo direi que non son profesional da lingua, nin por activa nin por pasiva, xaora.

    ResponderEliminar
  18. Poñéndonos aínda máis etimolóxicos, o condemnare latino ven de cum dannare. E probablemente ese condemnare que cremos latino non foi máis ca forma culta. Polo baixini, no latín vulgar ao mellor xa dicían condanare. Non sei: non teño eiquí o Thesaurus. O luns mirarei.

    ResponderEliminar
  19. Canto saben os nosos filólogos! Así dá gusto.

    ResponderEliminar
  20. Esquecín dicir que os románs (ou de calquera outro lugar do imperio onde xa se falaba latín) que chegaron para facer o cardo e o decumano en Lugo e preparar o terreo para as casetas de san Froilán ao mellor xa falaban así.

    ResponderEliminar
  21. Paréceme que en galego é "romanos" e non "románs". Pero a ver que din os que saben.

    ResponderEliminar
  22. Probablemente, Arume, que na historia do Imperio Romano a nosa fundación ocupa lugar cronoloxicamente serodio. As diversas pronuncias serían sucesivas no tempo, e determinadas formas clásicas (tal o grupo -mn-) forma fosilizada e antiga. Con todo, véxase a forma italiana (co grupo -nn-) que supoño patrimonial; a diferenza da francesa e, xa que logo, a inglesa, parece claro que cultismos.

    ResponderEliminar
  23. Si, "romanos". Enténdese ben que a fixación recente do galego padrón dea estes problemas.

    ResponderEliminar
  24. Recente e aínda non resolta. Engado.

    ResponderEliminar
  25. Agardemos que non nos pase como a Gibbon, de quen dicían que viviu a maior parte da súa vida sexual nas notas de pé de páxina.

    ResponderEliminar
  26. É que as notas a rodapé teñen moito morbo, amigo Arume.

    ResponderEliminar
  27. Vaia.Con razón a miña abóa decía "condAnado",con "a".Eu,que pensaba que falaba mal, eo que falaba era latín.

    ResponderEliminar
  28. Moito jijijí,moito jajajá.Pero eiquí o único que pasei a tarde vendimando uvas de verdade,fun eu.As sete xa rematara as que tiña.E aínda porriba,agasalléillas a un amigo que fai viño.

    ResponderEliminar
  29. Si, pero ese amigo que fai viño halle agasallar cunhas cantas botellas. Así que menos queixarse!

    ResponderEliminar
  30. E unha vóuna beber á sua saúde,Apicultor.Que ademáis resulta que temos como amigo común a Pepe Paz,como dí Marcos noutro post.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.