
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
3 ene 2007


Debeu ser apaixonante vivir a Viena dos anos 20, cando Eric Hobsbawm era aínda un neno e un adolescente. Era a Viena plurinacional que xuntaba figuras intelectuais como Freud e Mahler, procedentes de Moravia; Joseph Roth, da Galitzia polaca, ou Elias Canetti, chegado dende o Danubio búlgaro. Todos eles xudeus e son só algúns dos nomes que cita o historiador británico na súa autobiografía (Años interesantes). É evidente o peso da cultura xudía neses anos na Europa central, malia o forte antisemitismo histórico nesa rexión.
O caso de Hobsbawm é curioso: tamén xudeu, nunca foi practicante nin tampouco sionista. Non eran sionistas, di el mesmo, os xudeus vieneses de clase media nesa época, uns douscentos mil en Viena, o dez por cento da poboación da cidade. Pero, con todo, a súa identidade quedou moi marcada por unha anécdota coa súa nai cando o futuro historiador marxista só contaba con dez anos. Aquel neno repetiu en varias ocasións un comentario crítico arredor dun seu tío, afirmando que tiña un comportamento "tipicamente xudeu". A súa nai, que tampouco era relixiosa, replicoulle moi seria: "Nunca fagas nada, nin por asomo, que dea a impresión de que te avergoñas de ser xudeu". (Imaxe de Chagall)