
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
24 mar 2007






O esplendor do mundo do fado é hoxe indiscutible. Nos últimos anos unha nova xeración de grandes voces portuguesas está a ter presenza internacional con nomes como Mariza, Dulce Pontes ou Mafalda Arnauth (na foto; a súa música na súa web), que estivo en Auria o xoves pasado presentando o seu último disco Diario. Un concerto excepcional, cheo de quentura e complicidade. Din que o fado é tristura. Pero non sei. É, si, saudade, melancolía, desacougo. Unha forma singular de estar no mundo.
Tristura é, iso si, ver a roda da historia virar cara a atrás: de novo bandeiras franquistas e falanxistas en Madrid: a dereita española está a enlamarse nas augas máis toldadas dunha paixón política rancia, perigosa e desestabilizadora. Disque non asumiu, esta nosa dereita, que está na oposición: que seguirán tensando ata volver ó goberno. Sempre sobran motivos para pancartear. E a Igrexa outra volta a condenar o aborto e o divorcio, vinte anos despois de aprobarse no Parlamento as súas leis respectivas: máis tristura. Polo medio deste panorama, a constatación de que estar na oposición é bo para crear ideas: velaí o PP galego empeñado en controlar a posible manipulación do voto emigrante.
Si, as boas ideas nacen cando un está lonxe do poder.