30 abr 2008


RONSEL DOS LIBROS. OLGA GALLEGO.
(La Región, 26-6-2001. Recupero esta columna, a propósito do premio Trasalba a Olga Gallego, publicada cando saiu o seu libro sobre a cidade de Ourense).

Gustaríame que esta columna fose hoxe lida non só polos amantes dos libros, senón tamén por todos os lectores do xornal e pola maioría dos ourensáns, porque vou falar dun libro que debería estar en casa de cada cidadán de Auria: “A cidade de Ourense. Unha visión a través dos séculos”, de Olga Gallego Domínguez, publicado polo Museo Arqueolóxico como Anexo 27 do Boletín Auriense. Este é un libro que a autora nos debía ós ourensáns hai tempo e no que se resume case toda unha vida de traballo, entregada á esculca de documentos medievais e protocolos notariais, integrando ademais os seus traballos anteriores e doutros autores (Ferro Couselo, López Carrera, Fariña Busto e un longo etc.). O resultado é un fermoso traballo, nunha moi coidada edición (mágoa non ter incluído unha bibliografía final), que nos fala das raíces da cidade, moi singularmente entre a Idade Media e os comenzos da Idade Contemporánea (1812).

Todo colle nun estudo deste tipo: a estrutura do casco urbano; os seus complexos defensivos; as casas nobres e as casas campesiñas; o Cárcere da Coroa, a Casa do Peso e a Casa da Alfóndiga; os colexios, as igrexas e as ermidas; os cruceiros e os fornos; os muíños hidraúlicos e os cemiterios, etc. Un rico tesouro documental estudado con rigor e agarimo. O lector de Auria debería achegarse ó volume como quen abre o álbum de fotos familiar: velaí aquela forca do Codesal que se caiu cando mandaran aforcar dous homes, as tabernas pechadas no século XVIII, as vodas e os enterros...

4 comentarios:

  1. Revolvendo nas miñas estanterias: apareceume "AS BARCAS E BARCOS DE PASAXE DA PROVINCIA DE OURENSE NO ANTIGO RÉXIME".
    Pero "A cidade de Ourense", xa está neste momento encargado.
    Trebi

    ResponderEliminar
  2. Na Galiza o dos premios é típico dunha sociadade estamental. De seguir así un manto de aburrimento cubrirá toda a escena cultural, entón será o momento no que o español virá a animar a cultura, a vivificar o intelecto, a refrescar o tedio no que a cultura galega se sumiu protocolariamente, académicamente,caciqueadamente, e mentres, de costas ao latexar aillado. Non pode ser, que algo viva nun pais que da cultura só celebra o que foi ou o que administrativamente pode ser. mellor afogar a súa vitalidade porque denuncia co seu existir a necrosis avanzada da cultura oficial.

    ResponderEliminar
  3. Non podía faltar unha intervención resentida, catastrofista e patética. Un clásico.

    ResponderEliminar
  4. Canta razón ten, Trisquel. Sónlle intervencións clónicas. Á mínima oportunidade, zas, xa vén o típico resentido e amargado (ao mellor alguén lle fixo algo) a botar a súa cantinela podre. Xente coma esta debe ter xa redactado un post para colocalo á máis mínima. Ten razón, son un clásico da rede. Os dous de sempre facendo o de sempre. Non pasaría nada se non fosen tan repetitivos, tan aburridos, tan torpes. Non saben facer nin dicir outra cousa. Son clónicos. Hai que ter moita paciencia.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.