

A lingua derrotada
A opción de se dedicar á escritura en Galicia (enténdase: á escrita en lingua galega), aínda non goza da consideración social que se pode respirar noutras latitudes, cando o certo é que, grazas ao labor de quen escolle este modo de expresión estética, o noso país aínda segue vivo, con vida cultural propia e diferenciada, por máis que ferido en múltiples partes vitais.
Moitas veces, por enredar, nunha brincadeira algo macabra, téñome proposto imaxinar que, de súpeto, desaparecesen a lingua e a literatura galegas. Que Galicia se entregase, cansa e derrotada, á lingua de Castela ou á lingua inglesa, ou ás dúas xuntas, queimando todo o patrimonio literario nas cacharelas de San Xoán e renunciando así á súa propia enerxía para se botar en brazos do alleo, cara ao que tanta querencia ten, por certo.
Imaxinar a reacción da sociedade, se un día aparecese nos medios de comunicación que os nosos escritores e escritoras, todos, unanimemente, renunciaban a seguir escribindo, dando dese xeito por rematado e fracasado para sempre o ciclo que se abrira con Rosalía, e dispostos a continuar a súa vocación noutras linguas.
Antóllaseme que quizais o xogo habería ser algo así como o que fixo Orson Welles o 30 de outubro de 1938 na radio, cando con impresionante realismo levou a cabo unha adaptación da novela de H.G. Wells, A guerra dos mundos, provocando o pánico en Nova York e Nova Jersey, onde moita xente tomou por verídico o que estaba escoitando sobre unha invasións de naves marcianas que viñan aniquilar os Estados Unidos e os seus habitantes con gases velenosos.
No meu xogo non imaxino, dende logo, unha reacción inmediata tan radical como a dos ianquis, pero tampouco non acabo de poder imaxinar un encollerse de ombreiros, unha abulia xeneralizada e perdurábel ou mesmo un aplauso minoritario entusiasmado con semellante catástrofe. Non acabo de ver iso no meu pesadelo de vixilia e, quizais polo afán de procurar un final feliz, vexo a troco un vagaroso balbordo social nacendo e medrando mesmo dende os individuos e os sectores máis recalcitrantes e belixerantes contra o galego; un desacougo que había rematar engordiñamente nun clamor pedindo que as cousas volvesen ao seu e que os nosos escritores seguisen para adiante na angueira de construír unha literatura coa que poder presumir fóra de Galicia. Mesmo a furibunda (seica) bilingüista Gloria Lago de seguro que amosa certa fachenda cando a poñen na tesitura de ter que se definir dediante das súas amizades nas praias de Valencia, Cataluña e Euskadi ou nas piscinas esteparias castelás, dicíndolle a Montserrat ou a Jordi, a Ainoa ou a Iñaqui, a Almudena ou a Isidro, que ela tamén leva na súa bagaxe cultural algo propio que presentar, e a certeza de poder dicir que os galegos temos unha lingua milenaria recuperada e cultivada nunha literatura que nada ten que envexarlles a outras moitas. ("¡Ay, hija! pues nosotros también te tenemos una lengua propia y mas una literatura muy buena").
Se eu non estivese seguro de que este habería ser o final verdadeiro, como podería amencer todos os días e saír á rúa a respirar o noso aire en terra queimada, sen lilas, nin orballo, nin outra primavera?.ANXO TARRÍO VARELA:Galicia Hoxe-10/06/09
Debería facerse unha campaña do tipo:
ResponderEliminarO galego, un toque de distinción.
Ou mellor aínda: A Touch of Distinction.
As reaccións contra esta enquisa están sendo numerosas, a sociedade civil galega segue a mostrarse viva ainda que as formas políticas partidarias estean periclitadas.
ResponderEliminarOs que na Terra falades e escribides en galego de xeito consciente tedes que estar máis unidos que nunca na defensa da lingua. E máis agora que os partidos da oposición están adormecidos, e a maior parte da prensa escribe a ditado das subvencións.
ResponderEliminarNunca choveu que non escampara.
Agora, afortunadamente, temos un medio para nos dar a valer: Internet, os foros de opinión, os blogs, etc.
Prégase a difusión deste escrito ao equipo directivo, profesorado, consello escolar e ANPA. Grazas.
ResponderEliminarAs organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:
1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.
2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.
3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.
CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística
"Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego."
ResponderEliminarE toda esta arterada baixo a mirada atenta do grande profesional Anxo Lorenzo, a quen se laudaba hai pouco por aquí.
Non é un pouco forzada esa tendencia a identificar a continuidade da lingua coa existencia de unha literatura galega?. Sempre os escritores autoerixíndose nos paladís da defensa da lingua cando moitos deles mesmo son castelánfalantes na práctica.
ResponderEliminarA continuidade da pasa por a sua fala cotiá na rúa, de xeito natural , en todos os rexistros, non sólo no literario.
Tampouco se garantiza a sua continuidade na rúa anque o 100% do ensino se dera en galego. Os rapaces diferencian o mundo da rua do mundo da escola.
No Senegal, o 100% do ensino, é en francés. Pero a ningún se lle ocurre falar francés na rúa.
Se quere oír o máis triste que se me ocurriu con toda esta leria das enquisas e tal? Algo no sentido de que nun día todo cambia, non que se deixe de escribir en galego, outra cousa que vai na mesma liña.
ResponderEliminarDaquela pase por:
http://cuartos.blogaliza.org/2009/06/13/galiza-espertar-sono/