18 nov 2009



Liberdade 10, Galegofobia 0
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 18.11.2009
Martín Chirino.Raíz.


A galegofobia que dun tempo a esta parte deu en amosar as súas facianas máis grotescas e as súas artes máis manipuladoras acaba de recibir unha perfecta resposta por parte do Tribunal Supremo. Andaban os galegófobos a encher a boca con iso da "libertad lingüística", falando arreo de "imposición" e de "libre elección de los padres" -no seu punto de mira sempre o galego- e vai o Supremo, órgano xurisdicional superior, e dilles mediante fallo xudicial que é "absurdo" permitir a libre elección dos pais no ensino, xa que abriría as portas a que todos puidesen reivindicar unha instrución impartida en calquera idioma e en calquera territorio. O Tribunal Supremo responde así a un recurso de casación interposto polo pai dun neno vigués (don Estanislao), que pretende que o idioma propio de Galicia non contamine, nin roce sequera, o seu fillo (Teófilo), pois este "cabaleiro da liberdade" esixe que Teófilo reciba todas as clases integramente en castelán. Cousas veremos. ¿En que país e baixo que leis pensa que vive o pai vigués? ¿Como se lle pode negar a un fillo o coñecemento da "lingua propia" do seu país? ¡Vaia coa "liberdade lingüística" que defende don Estanislao! O propio Supremo ten que lembrarlle que "a Administración educativa, como a Administración en xeral, está suxeita ao bloque da constitucionalidade, do que non só forma parte a Constitución, senón os Estatutos de Autonomía, como constantemente recorda o Tribunal Constitucional". Eu recoméndolle a don Estanislao que lea -en castelán, se quere, que existe tradución- o Estatuto de Autonomía de Galicia, e en particular o seu Artigo 5. E tamén lle recomendo ao cabaleiro vigués da imposición/discriminación que repare no seguinte parágrafo da sentenza do Supremo: "A discriminación produciríase precisamente no caso de que a Administración autorizase o pretendido polo demandante, no sentido de permitir que, a criterio do peticionario, se puidera cursar un determinado tipo de estudo con esquezo ou marxinación de unha das linguas concorrentes".

13 comentarios:

  1. Goleada, tanta goleada, tanto entusiasmo, non o vexo. Pero entendo que en épocas difíciles toda pinga de auga pode ser oceano.

    ResponderEliminar
  2. Explíquese, por favor.

    ResponderEliminar
  3. 10-0 é un resultado demasiado abultado. A sentencia non di nada que non dixeran outras anteriormente. A poñencia limítase (eso si con frases que merece a pena destacar) a sinalar o que o TC e TEDH xa sentaron con anterioridade.
    Eu sinto non ser tan entusiasta co fallo do Supremo.
    Item máis: receo da intención das persoas que presentaron (pésimamente: sabéndoo?) o recurso de casación, porque sabían perfectamente (e me consta porque mesmo comentan nos correos electrónicos da uvigo que a lei do catalán é en esencia un golpe de estado) que o sistema educativo galego e o corpo constitucional non lles podían dar a razón. Por que presentan algo que saben que non van obter por unhas costas ridículas de 600 euros?

    ResponderEliminar
  4. Pois acabo de ver no telexornal de Telecinco o caso dunha nai á que o xulgado ameaza con retirar a custodia das súas dúas fillas a favor do pai. O motivo da sentenza era telas levado ao ensino en galego sendo a familia paterna de Alcorcón. O xuíz ademais atreveuse a por por escrito xuizos de valor persoais cualificando o galego como "lingua inútil".

    ResponderEliminar
  5. Iacobus Von der Steinjue nov 19, 09:58:00 a. m.

    Deberan saber que en Alcorcón ultimamente pasan cousas moi, pero que moi raras.

    ResponderEliminar
  6. A nova Galicia podería levar na súa divisa a mesma máxima que figura no Gran Selo dos Estados Unidos: E pluribus unum. De moitos galegos, unha soa comunidade.

    Quen o di?

    ResponderEliminar
  7. Non sei, Arume, se algún lector non llo estará soplando xa a Feijoo. Que a tal divisa, deslocalizada, resulta altisimamente polisémica. E dá para distraer...

    Ora ben: en que sentido o di vde.?

    ResponderEliminar
  8. Terá que preguntarllo ao propio Feijoo que é quen o di e en ocasión fastuosa.

    ResponderEliminar
  9. Eu, o que non entendo é que, cando convén, sácanse a colación as leis. E cando non, discútese a nivel "filosófico".

    Pasa como coa lingua. Cando convén, sácase a colación a gramática (a "lei " da lingua). Cando non, trata de alterarse, coma no de "todos e todas".

    ResponderEliminar
  10. Estou de acordo con Xoan da Cova. Cando a lei favorece os intereses, logo convén cumprila; cando a lei ou as sentencias son desfavorables, logo estamos diante dunha situación absurda que convén mudar. Se o TC di que o Estatut catalán non é constitucional en certos aspectos, que diremos?
    Nos sectores contrarios á discriminación positiva do galego non se plantea o cumprimento da lei: consideran que o decreto e mesmo a LNL deben ser derrogadas. Polo tanto, o recurso de que a lei rexeita os seus postulados a eles tráelles ao pairo porque o que eles non queren é a propia lei.

    ResponderEliminar
  11. Ante todo: 'todas e todos' (expresión desdobrada que eu apenas utilizo) é perfectamente gramatical. Está, logo, dentro da lei.

    No do galego: é obvio, Arume, eles negan a maior, como negamos outros nalgún outro caso.

    O Estatut, por outra banda, é unha lei pendente de certa sentenza: un caso que presenta certa diferenza. Foi aprobado en referendo (que votase un 49% non lle limita eficacia) e agora é sometido á discrecionalidade dun ente cuxa composición foi determinada partidariamente; do que ben poderiamos inferir que o xuíz é parte. Eu, decidan o que decidan, non direi nada: xa o digo agora. Tocante ao TC español ou o TS estadounidense, onde non sei se permanece o ao mellor paradigmático justice Scalia.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.