1 jun 2006


Da fascinación das loiras
(PAN POR PAN xoves 1 xuño)
Ningunha parte do corpo feminino tivo na súa evolución tantas variantes culturais como a cabeleira. Así o afirma Desmond Morris en “A muller espida”. Ten razón e non é cousa de agora. Na Idade de Pedra, hai 20.000 anos, había xa adobíos para a cabeza e trenzas. Os pelos postizos teñen cinco mil anos de historia. En Exipto as mulleres de rango rapaban a cabeza para poñer enriba ricas perrucas. E o mesmo as donas romanas no mundo clásico. Logo veu a Igrexa e prohibiunas. Esculca tamén Morris nas causas da preferencia masculina polas loiras: seica os cabelos desa color dan unha imaxe máis xuvenil, máis alegre, máis cálida. Fenómeno que ben explotou o cine: velaí Jean Harlow, Marilyn Monroe, hoxe Scarlett Johansson. Claro que os símbolos tamén cambian coas épocas: as prostitutas da Roma clásica, que eran legais e pagaban impostos, estaban obrigadas por lei a levar os cabelos loiros.

31 may 2006


Zapatero e os profetas do non
(Andoliña mércores 31 maio)
Hai uns anos a dereita gobernante en Galiza adoitaba alcumar os nacionalistas do Bloque como os "profetas do Non". Daquela estes eran un partido antisistema, que non podía aínda nin soñar con chegar ao poder e que seguía, xa que logo, unha estratexia maximalista á agarda de tempos mellores. Lembreime onte deste alcume no Debate do Estado da Nación, pois, sen usar esa expresión, iso mesmo foi o que lle chamou Zapatero ao xefe da oposición, Mariano Rajoy.
Ao líder socialista bastáronlle uns minutos para tirar por terra o discurso "catastrofista" do seu adversario: unha posición negada pola propia realidade e carente de propostas que remata por ser cómica, dixo Zapatero ("patética", diría eu). Zapatero foi contundente nas súas afirmacións: "Vostede non ten nin idea do que é verdadeiramente España", espetoulle a Mariano Rajoy. Así, o presidente do Goberno consolida un liderado gañado por propios méritos, defendendo unha imaxe dunha España plural na que collen todos os territorios e cidadáns do Estado. É a dereita a que segue sen encontrar o seu papel na función.

María Madalena e o simbolismo da cabeleira feminina
(Pan por Pan mércores 31 maio)
María Madalena foi un dos temas relixiosos retratado con máis liberdade polos clásicos, dicíalles eu onte. Así o fixo Tiziano na súa imaxe da Madalena: unha muller de aparencia devota, mirando ao ceo, pero dotada dunha exuberante sensualidade, que tapa coas mans só en parte o seu corpo espido (os peitos quedan á vista) e que arrodea o seu busto cunha inmensa cabeleira solta. Reparen no detalle: a cabeleira feminina como símbolo de sedución, tema sobre o que escribiu un ensaio Erika Bornay (Cátedra, 1994). O pelo solto como convite ao pecado: noutrora só se deixaba libre na intimidade oculta da alcoba. Co mesmo sentido foi usado polos artistas prerrafaelistas, sobre todo por Dante Gabriel Rossetti, pintor de belezas misteriosas como esta “Bocca Baciata” de hoxe (1859). Parte do segredo da súa atracción está nas cores rubias (“pelirrojas” en castelán) dos cabelos: outra clave da sedución feminina.

30 may 2006


ARREDOR DE MARÍA MAGDALENA
(Andoliña martes 30 maio)
De toda a leria esta do Código da Vinci, con libros, películas e demais mercadoría, pódese quizais sacar algo en positivo. Refírome á figura de María Magdalena, que volve ser obxecto de debate nos xornais e programas de televisión. Na imaxe tradicional a Magdalena era a antiga prostituta arrepentida que os pintores clásicos debuxaban no deserto, case espida e oculta nunha cova e ao carón dunha caveira: tamén era unha excelente escusa artística para abordar libremente un tema de gran sensualidade ao abeiro dun tema de carácter relixioso.
Disque está ben demostrada a existencia da Magdalena, citada ata dezasete veces nos Evanxeos canónicos. Non é evidente que fose unha prostituta (a Igrexa cambiou tantas cousas do dogma na Idade Media) e agora xorden as mil teorías ao seu arredor: formou entre os primeiros apóstolos? Casou con Xesús? Foi unha das fundadoras do cristianismo? Hipóteses imposíbeis de demostrar, pero que chaman a atención sobre unha figura feminina no cristianismo. E isto, nunha Igrexa que marcou ese sexo coa Eva culpábel do pecado orixinal, xa é revolucionario: cambia o rol social da muller no mundo , debería mudar tamén dentro da Igrexa, onde sempre estivo relegada e minorizada. (Imaxe: a Magdalena de Tiziano, Palacio Pitti, Florencia, un bon exemplo desa sensualidade renacentista desbordante).

29 may 2006


11 agosto 1851
(...) nunha carta dirixida a un amigo que se queixaba de sentir tedio): " ... e sobre todo vexa o mar. Xunto del é imposíbel aborrecérmonos. É un espectáculo que nunca nos cansa..."
(Eugène Delacroix, Diário (Extractos), Lisboa, Ed. Estampa, 1979)
(Imaxe, Mar de xeo, de Friedrich, 1823)

TODOS ELES ERAN INOCENTES
(La Región 29 maio)
Hai un par de semanas participei nun debate en Telemiño sobre a guerra civil e o franquismo. Dende aquela ata hoxe foron moitas as persoas que me pararon na rúa ou me chamaron por teléfono, algunhas delas fillas das vítimas directas e todas indignadas polas opinións dalgúns contertulios que na práctica xustificaban aquela barbarie, ás veces faltando á verdade ou utilizando a persoas mortas (que non se poden defender) como o republicano Alberto Vilanova ou o comunista Clemente. Creo que estas persoas se merecen estas liñas.
As vítimas defendían a democracia lexítima: os golpistas foron os conspiradores. En Galiza non houbo guerra civil, só matanzas desapiadadas, fusilados no Campo de Aragón e sacas para “ir ás claudias”. A represión chegou a todos os demócratas e está ben documentada hoxe grazas aos estudos de Xulio Prada. Houbo moitas voces que calaron para sempre. No propio concello da capital, as de Gonzalo Martín March, gobernador civil, e Manuel Suárez Castro, alcalde socialista da cidade. Ou as de moitos republicanos de esquerda como o avogado Eduardo París Villar (IR), Aníbal Lamas Cid (UR); Marcial García Barros (IR), tenente de Asalto; Marcelino Otaduy, axente de Vixilancia; José Salgado “Peste”, conserxe de Artes e Oficios (UR); o industrial Celso Pereira Rego (IR). Ou as de comunistas como Benigno Álvarez, Manuel Gómez del Valle, Manuel Docampo Pousa e Ramón Lafuente Rodríguez (responsábeis da Casa do Pobo), Modesto López Teijeiro (do Sindicato da Banca); Enrique Nanín Ansias; Silvio Torres Díaz, e un longo etcétera. Na lista fatal están tamén moitos socialistas como o xa citado alcalde Suárez Castro, Fernando Cordón; Luiz Izquierdo Balbuena, de Correos; Ramón Fuentes Canal, avogado, os seus irmáns Manuel e Emilio, e Antonio Taboada Nóvoa, das Xuventudes Socialistas; Severino Nóvoa Gutiérrez, director de “Espartaco”; José Fernández Pérez, “Pepe da Botica”; Herminio Docabo de la Iglesia; Amador Cobas Fernández; etc.
E mestres de todas as ideoloxías, como Eligio Núñez (radical socialista), Rafael Alonso, A. Caneda, Gumersindo Núñez, Eduardo Villot Canal (comunista), Eulogio Vázquez Gómez (presidente da Escola Laica), entre outros. E escritores como o xornalista e poeta en galego Roberto Blanco Torres (que fora gobernador civil republicano en Cuenca) ou o xornalista Jacinto Santiago. E soldados como Amaro López Basante, Claudio Rodríguez Díaz, Ramón Regueiro Barreiro, entre outros. Ou paisanos como Manuel Nogueira García, secretario xudicial; Ángel Quintas Barreal; Antonio Ledo Rivero; Emilio Moure Carcacía; Ramón Pérez Anglade; Secundino Alfonso Fernández; Enrique Santiago Nóvoa Arce; Francisco Figueiras Gómez; Francisco Paradela Núñez (da casa Ford); María del Valle Lozano (nai dos irmáns Gómez del Valle) ou Salud Torres Díaz. Son só algúns nomes para simbolizar a masacre: a relación completa de vítimas ocuparía varias páxinas. Todos eles tiñan algo en común: todos eran inocentes. (Imaxe: Ferrol, 1938, foto anónima. Do arquivo da familia Escrigas).

28 may 2006


Cen anos de historia cultural: cousas que pasaban en 1923

Pois cousas coma estas: nacía a revista Alfar, unha das principais publicacións abertas á vangarda na Galiza. Fundábase o Seminario de Estudos Galegos, que viña sendo algo así como a nosa ILE e a nosa renovación científica e educativa. Nacía tamén o coro Queixumes dos Pinos na Coruña e A Nosa Terra publicaba as Bases do Insiño Galego, un xeito de Galescolas da época, moitos anos antes de nacer Anxo Quintana. Gañaba o Nobel de Literatura W.B. Yeats, tan admirado polos galeguistas e o teatro galego seguía arrasando: 21 veladas dominicais na Coruña nos locais das Irmandades da Fala. Publicábase tamén Entre o deber e o querer, de Galo Salinas, a primeira zarzuela galega, e morría Manuel Murguía, o gran ideólogo e cabezaleiro do galeguismo dende o século XIX. De todas estas cousas falo de vagariño na miña páxina de hoxe en "Lecer" (Galicia Hoxe).
Na revista Nós escribía Portela Valladares en 1923: “Cada libro de especulación e de cencia que saia en galego, será un bloque que se poña pra o futuro do idioma”. E nese ano saen á rúa títulos como Cousas Gallegas, de Fortunato Cruces; Sinxebreza, de Cotarelo Valledor; Bestas bravas, novela curta de Vaamonde Lores; Escumas e brétemas galegas, versos do poeta de Noia Lisardo Barreiro; a novela curta Amor malfadado, de Leandro Carré, e os cadernos do Diccionario Gallego-Castellano da Real Academia. Na colección de novela curta de Céltiga, aparecían, con debuxos de Cebreiro e Bello Piñeiro, A Santa Compaña, de Nóvoa Santos; Luar. Contos galaicos, de Evaristo Correa Calderón; e Sempreviva, de Cabo Pastor. En castelán publicábanse El secreto de Barba Azul e Tragedia de la vida vulgar, de Fernández Flórez; El pazo, de Cotarelo Valledor; e Aventuras de una peseta, de Julio Camba. E o Almanaque Gallego que editaba en Bos Aires Manuel Castro López publicaba o Conto Gallego, de Rosalía de Castro. Tamén en 1923, en xullo, é nomeado arcebispo de Compostela o poeta galego Manuel Lago González, saudado con entusiasmo polos galeguistas en A Nosa Terra, e Castelao expuña os seus debuxos no Ateneo de Barcelona, impartindo alí dúas conferencias Risco e o propio Castelao.

27 may 2006


Dos tempos da letra con sangue
(Andoliña sábado 27 maio)
Naquel colexio que lles contei onte, unha profesora decidiu escarmentar a aquel neno pequeno –que nin sequera fixera aínda o ingreso– facendo estoupar o seu queixo contra un rexo pupitre de madeira. Supoño que era a única pedagoxía que coñecía: "A letra con sangue entra", dicíase. Era habitual que nos castigasen en silencio cos brazos en cruz ou de xeonllos e en total escuridade, coas persianas baixadas: algunha vez lles conto estas cousas aos meus alumnos e algún pensa que o profesor desvaría. Cambiáronme, para ben, de colexio: no novo tamén levei nunha ocasión unha pequena labazada, pero non o contei na casa porque tiña alí os meus amigos e alí quería quedar.
No primeiro colexio, o do tinteiro e a cabeza contra o pupitre, comprendín ademais a tremenda responsabilidade que un mal profesor pode contraer se lles transmite un mal consello aos pais: algo no que teño pensado abondo agora que exerzo esa profesión. A directora daquel lugar chamou un día ao meu pai, que tiña un taller de xoiería en Auria, e díxolle moi seria que este seu fillo, hoxe xa con algunhas canas, non servía para estudar e que era mellor que me puxese no taller a traballar.
(Imaxe de Sandro Chia, 1984).

Noraboa a Francisco Castro, graciñas a Daniel Ameixeiro
Noraboa a Francisco Castro, polo seu recentísimo Premio Blanco Amor: pego dende Vieiros esta nova. E graciñas a Daniel Ameixeiro por incluírnos na súa lista de favoritos da rede.

Francisco Castro gaña o Blanco Amor de novela con 'Punto Com" [27/05/2006 15:49] O Premio Blanco Amor de novela, un dos máis emblemáticos e onerosos da literatura galega, foi fallado este mediodía no concello de Neda. O gañador é o escritor e blogueiro vigués Francisco Castro, cunha novela que vira ao redor do "mundo cibernético", cun estilo "funk e irónico", e que, en palabras do xurado "racha moldes" no panorama da narrativa galega. Francisco Castro naceu en Vigo en 1966 e foi autor de A xeración perdida ou Un bosque cheo de faias, e dende hai un ano mantén o blog A Canción do náufrago. Para Castro, a novela é unha reflexión sobre o mundo da empresa e do traballo, "e sobre internet e a soidade, sobre esas persoas que viven conectadas ao mundo por unha webcam ou o correo electrónico". O premio Blanco Amor de novela organízano os concellos de Galiza e neste ano contou co apoio de 54 entidades municipais.
(Imaxe: un detalle orientalista de Delacroix, en A morte de Sardanápalo, 1827-1828, París, Musée du Louvre).

26 may 2006


FALAMOS GALEGO: CANDO SE CUMPRAN OS NOSOS SOÑOS...
(montaxe fotográfica de Afonso Vázquez-Monxardín)

DA DEFUNTA ESCRITA A MAN
(Andoliña venres 26 maio)
Lémbranse vostedes dos “Cuadernos Rubio” que se usaban noutrora para mellorar a caligrafía dos alumnos? Eu, que tampouco son tan vello, aínda os usei. E usei tamén os tinteiros no pupitre: sendo moi pequeno, nunha ocasión ata perdín algún dente da labazada que me dera unha mestra por pedirlle tinta a un compañeiro. Tempos aqueles!: os meus pais sacáronme daquel colexio aquel mesmo día.
Co avance da tecnoloxía, a escrita a man está chamada a desaparecer: así o conta unha reportaxe nun xornal asinada por Juan Carlos Rodríguez. Morre a palabra manuscrita: cada vez escribimos menos a man e eses textos (notas, apuntes, etc.) rara vez permanecen. Moitos mozos teñen hoxe unha letra ilexíbel, case todos infantil: quizais é a mocidade a infantilizada (e tamén os adultos). Sen falar da ortografía, arrombada ao cubo do lixo no mundo do móbil e os SMS.
Nunha sociedade acelerada como a nosa só este portátil no que escribo me permite gravar, reutilizar, indexar e enviar este artigo por correo electrónico: ningunha desas cousas as podía facer, dende logo, cos Caderniños Rubio. Pero, dun papel e dun bolígrafo, sen máis, nas mans dun poeta, pode xurdir todo un novo universo. Tamén é certo.

25 may 2006


Galego en positivo: a viveza dun debate.

Segue o ruxe-ruxe sobre o galego en positivo. Os amigos que adoitades visitar esta bitácora demostrades o interese do tema (velaí esas 36 entradas, neste momento, no último post ao respecto). Outros amigos, dende casas veciñas, como Veloso, adheríronse a estas reflexións, con consideración tan interesantes como intelixentes. Tamén está presente este tema noutros blogs amigos como galeidoscopio e besbellinha (16 maio). E na prensa escrita xa falei das voces de Víctor Freixanes ou Alfredo Conde, entre outras. En fin, o debate é ademais multinacional: o meu técnico particular (graciñas sempre Xulio de Rabal) infórmame que nos últimos días houbo visitas dende Santa Cruz -Bolivia; Santa Mónica-California; San Francisco; Georgetown; Aisburn; Paris, etc. (Tamén lle interesou o tema, polo visto, a alguén do Centro Superior de Investigacións Científicas).
E para que non se enfade Roi Queimado, que ten razón nisto, imos alegrar as imaxes deste post, algo macabras nas últimas entregas (aínda que non me neguen a xenialidade do simbolista belga Antoine Wiertz): por exemplo, esta fermosísima muller entre as ondas (1868) de Courbet, que a min me lembra aquela marabillosa fábula do Barón de La Motte Fouqué, que se chamaba Ondina e que me namorou para sempre destes seres misteriosos:

"Alí, no fondo do mar, viven uns seres amábeis e máis fermosos que os homes. Algunhas veces un pescador afortunado tivo a dita de ver a unha desas mulleres acuáticas cando xurdía cantando dende as augas. E falou da súa beleza. Os homes chámanas ondinas. E agora, meu amigo, fíxate ben, pois tes diante túa unha desas ondinas".

O vento da ruína e dos estragos
(Andoliña xoves 24 maio)
"No escudo en que descansa/ o corredor voado/ fan niño as anduriñas volandeiras/ i escóndense os lagartos;/ e na cima da torre/ o galo da veleta desprumado,/ remela os ollos cara o vento Leste,/ ¡o vento da ruína e dos estragos!": estes versos pertencen a "O último fidalgo", un poema de Curros Enríquez que describe a decadencia dun pazo fidalgo, non sen certa compracencia e ledicia por parte do gran poeta republicano. Iniciábase así a longa andaina literaria sobre a fidalguía que deixou tan forte pegada nas letras galegas e españolas, dende dona Emilia Pardo Bazán ata Valle Inclán ou Otero Pedrayo.
Os pazos e casas fidalgas de hoxe están en ruínas, afirmaba nestes días Carlos Acuña, presidente da Asociación de Heráldica. Uns 400 pazos corren serio perigo de conservación e moitos están á venda en Internet. Outros foron recuperados para funcións de turismo rural e similares. Aínda no franquismo tolerábase a venda de escudos e labras de armas: por sorte hoxe non se permite trasladalos e mesmo esíxese un permiso da Xunta para a súa limpeza e restauración. É esta só outra das moitas tarefas pendentes na defensa do noso patrimonio. Como a salvagarda das casas reitorais ou das nosas vellas pontes medievais.
(Imaxe: unha nova peza de Antoine Wiertz, pintor belga que estou descubrindo nestes días: "Cabeza guillotinado", 1855).

24 may 2006


O galego, lingua sen rei nin cortes
(Andoliña martes 23 maio)
É ben coñecido o papel crucial que o Padre Sarmiento desempeñou na reivindicación da nosa lingua como instrumento útil para todas as funcións sociais. El mesmo definiu ben as orixes da postergación do idioma na política centralizadora dos Reis Católicos e na reforma das ordes monásticas, que encheron o país de xuíces, escribáns, cregos e funcionarios alleos que "ni hablaban ni entendían gallego y así se introdujo el abuso de escribir y actuar en castellano". Figura excepcional a de Sarmiento, pero non única, pois tivo precedentes, como amosa Beatriz Vaquero no seu traballo no volume "Entre liñas" (Univ. Vigo). No século XVII Fray Atanasio de Lobera, cisterciense, falaba desa lingua que "ben falada é graciosa, suave, elegante, sentenciosa e que en poucas palabras comprende moito, e mellor que outra a esencia do que vai tratando". O xesuíta Álvarez Sotelo denunciaba que os nobres falaban castelán e o galego non podía ser estudado por carecer de libros. E en 1606 o portugués Nuno de León explicaba que o portugués se convertera en lingua culta, deixando atrás o galego, porque aquela tiña Reis e Cortes, que é a oficina, "que nunqua houve en Galliza" dicía, onde se forxan e pulen os vocábulos. (Imaxe de Durero)

23 may 2006

SEGUE O RUXE-RUXE: O DEBATE DE FALEMOS GALEGO.
Segue o debate nacido neste blog sobre o Galego En Positivo. Se hai uns días era Víctor Freixanes o que manifestaba a súa opinión, hoxe súmase, co mesmo entusiasmo e un fermoso artigo literario, Alfredo Conde dende a súa columna diaria en "El Correo Gallego" (sección "Os outros días").

Falemos e salvemos o galego (Alfredo Conde)
¿Fermosa é toda a nosa fala, palabra a palabra? Eo. Palabra por palabra. Palabra. Sucede que algúns aínda non o saben. Aínda están a tempo. Palabra.
Alá polas miñas terras de nación, alá por Ourense a Dourada, que tal a amosa o sol cando a baña no outono. No outono, cando a xente vai apañando uvas que poden dar chegado ata o nadal. Daquela, seino ben, pois no bico do cangallo deitabamoslle unha gotiña de cera derretida que algo debía axudar a elo, ou tal criamos; no outono, dicialles, pendurabanse os acios de uvas nas solainas de xeito que o dourado sol e mailos ventos que baixaban dos montes máis solemnes e rotundos, máis míticos e hoxe máis amados lle deran vida. E dabanlla. Dabanlla mentres a vida declinaba. Éralles o outono. Sol e vento a acariñar, dourandoas, facéndoas de ouro, as uvas na solaina. Bagos de uva coma ouro, ou coma bagoas. ¡Deus que fermosura! Así as palabras. E daban chegado ó nadal, á festa da luz que nace e se renova, vaia se daban.
Por Ourense a Dourada din que se a política non deu acabado co galego, a política tampouco non o vai salvar. Din que somos nós, a sociedade civil, os que temos a palabra. E a cera, diría eu. A xalea real. Mesmo a solaina. Tamén temos as gañas. Teñen razón. Non son as subvencións, nen esta nosa cultura suntuaria e de ilusorias pompas de xabón, quen van salvar a nosa fala.
O galego é de todos e salvarase entre todos ou non se salvará. Non é deste ou daquel, daqueles ou destes, deste partido político ou desta concepción do mundo. É de todos. Privilexio de ninguén en exclusiva, patrimonio común e sabiamente compartido. O galego non é un arma arreboladiza, un arma política ou partidaria, senón un fermoso intrumento de comunicación, o noso e peculiar, e enxebre instrumento de comunicación que non está enfrontado con ningún outro, que non exclue ningún outro e levamos no corazón como se fose unha bandeira. Unha fala nunca é nemiga doutra fala. Son os homes quen as veces se nemistan.
Tal din por Ourense a Dourada, onde se douran as palabras na solaina. Ogallá que o dito se espalle como auga que alague e que fecunde. Benvida a ilusión, benvida a luz neste mes polar ós que nos han dicir do outono. Falemos galego. Ten as palabras tan fermosas coma os bagos de uva dourados polo sol do outono e qué fermosa é a paisaxe contemplada dende a solaina solaz e serena deste tempo que por fin se anuncia sosegado. Palabra.
ac@alfredoconde.com

Entre liñas, a cultura escrita
(Andoliña martes 23 maio)
Hai unhas semanas clausurábase, no campus ourensán, a mostra ‘Entre liñas’, interesante reflexión sobre os pousos da cultura do libro. Froito dese mesmo pulo, a Universidade de Vigo editou o libro Entre liñas. Unha ollada á historia da cultura escrita en Galicia, coordenado por Pablo Sánchez Ferro. El mesmo salienta no limiar o carácter serodio da cultura escrita: seis milenios dende a cultura Uruk do Próximo Oriente, fronte a noventa mil anos da especie humana.

Este volume vén ser un bocexo da historia da cultura escrita en Galiza, un oco aínda por encher na nosa produción historiográfica. Colaboran nel os profesores Susana Reboreda, Beatriz Vaquero, Ofelia Rey Castelao e Xosé R. Barreiro Fernández. A viaxe que propón é de certo apaixonante: dende as epigrafías romanas ata a literatura clandestina do noso país a finais do século XVIII. Sublíñase a importancia da vía relixiosa na romanización, tal como quedou reflectido nas inscricións relixiosas e funerarias. Abórdase o esplendor cultural do século IV d.C. (S. Reboreda) e tamén un mapa moi detallado das dotacións educativas das cidades galegas na Idade Moderna (B.Vaquero). E algunhas cousas máis das que seguiremos a falar (Imaxe: Pontormo, detalle da Anunciación, 1527).

22 may 2006


MÁXIMAS, AFORISMOS, UNHA LECTORA
(La Región 22 maio 06)
La Rochefoucauld. François de la Rochefaucauld foi un dos grandes moralistas da súa época. Pertencía a unha vella estirpe da nobreza francesa e viviu nos tempos de Richelieu e Luis XIV. Das súas “Máximas”, que tiveron a súa primeira edición en París en 1665 (viu cinco edicións do libro en vida), dicía Nietzsche que as prefería a “todos os libros xuntos de todos os filósofos alemáns”. Velaí algunhas que falan da intelixencia, das paixóns e da bondade:
A maior intelixencia consiste en coñecer detalladamente o valor das cousas.
É unha gran intelixencia saber ocultar a súa intelixencia.
As mentes estreitas adoitan condenar todo o que estea máis aló do seu alcance.
Un home de enxeño veríase a miúdo moi embarazado sen a compaña dos necios.
Do mesmo xeito que o que distingue as mentes despexadas é dar a entender en poucas palabras moitas cousas, pola contra os babecos teñen o don de falar moito e non dicir nada.
A paixón a miúdo converte en tolo ao máis sensato dos homes, e a miúdo tamén fai sensatos aos máis atolados.
Ninguén merece ser eloxiado pola súa bondade se non ten a enerxía suficiente para ser malo; calquera outra bondade non é a miúdo máis que preguiza ou impotencia da vontade.
Agustina Bessa-Luís. Da gran escritora portuguesa e dos seus “Aforismos” (Lisboa, 1988), escollemos seis pequenas xoias:
“Tudo acaba, até o sol, até os nomes que damos a Deus”.
Todo home que morre é un deus cercado de poderes que tivo e non gozou, porque temeu a súa divindade.
A vellez é o desapego que xa se alia á morte. É pois a liberdade.
Cando morre un home, morre un actor.
Algún día a sombra do home terá máis realidade que o propio home.
Tan pouco se medra, entre a infancia e a morte!
A lectora de novelas. No ano 1853, un gran pintor romántico belga, precursor do Simbolismo, Antoine Wiertz pinta “A lectora de novelas” (na imaxe), que se conserva no Musée Wiertz de Bruxelas. Unha muller deitada na cama, totalmente espida, concentrada na lectura dunha novela. Na beira do leito a man dun diaño vai depositando novos libros para corromper a súa alma: esa era a concepción que daquela tiña a Igrexa católica sobre o efecto pernicioso das novelas románticas da época. Por certo, pódese distinguir o autor dos libros corruptores: o gran Alexandre Dumas, tan de moda naquela época. O cadro é un prodixio de concepción e de feitura: quizais na súa intención ata fose moralista, pero Wiertz trata a modelo con tal sensualidade que o efecto que produce no espectador é xusto o contrario.

21 may 2006



CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1922, O ANO DO "MÁIS ALÁ"
Como todos os domingos, dende o pasado mes de xaneiro, sigo co meu percorrido polo século XX na nosa historia cultural, no xornal galicia hoxe. Este domingo a cita é co ano 1922 e eiquí deixo a ligazón: foi o ano do manifesto Máis Alá de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro (fago algunhas referencias breves sobre a súa recepción na prensa galeguista en en La Zarpa). Tamén cando empezaron a saír os magníficos volumes de narrativa breve da colección Céltiga: Xaime Quintanilla, Gonzalo López Abente, Castelao, Eladio Rodríguez González, etc. Iniciábase unha etapa de auténtico esplendor das Letras Galegas que duraría xa ata 1936. E o momento do nacemento en Vigo do xornal Galicia, aquel espléndido xornal liberal e galeguista. Tamén foi o ano en que naceron, entre moitos outros, Luz Pozo Garza, Tomás Barros e María Casares.

ARRAIANOS
Pan por Pan domingo 21 maio
Hai xa anos que naceu Arraianos, asociación “que se ergue como unha cornamenta épica de vaca cachena sobre os planaltos desa fronteira que se debruza entre Galiza e Portugal” e que inmortalizou a estirpe ferriniana nun dos seus mellores libros, co mesmo nome. Dese pulo sae a revista “Arraianos” que chega nesta primavera ao número 5 con colaboracións de Riveiro Coello, Viale Moutinho, Xurxo Sierra Veloso, Domínguez Alberte, Fran Alonso, Ramón Nicolás, etc. Tamén deste cronista que aquí asina (que esculca na presenza de Curros na prensa de Celanova). Nesta entrega hai valiosos traballos, entre outros, sobre as máscaras de inverno nesa zona (por José R. Cruz), sobre os signos lapidarios da Torre de Vilanova (Mascareñas Alonso) ou mesmo unha peculiar lectura dos relatos de Ferrín polos psiquiatras David Simón e Emilio González. Velaí unha das revistas comarcais máis dignas do país. (En www.arraianos.com figuran os sumarios dos cinco números anteriores da revista).

20 may 2006


Segue o debate FALEMOS GALEGO: EN POSITIVO
Naceu neste blog e está tomando forma e cobrando apoios: un proxecto a favor da nosa lingua en positivo, sumando e non restando. Un proxecto que funcione como Laboratorio de Ideas a favor da lingua galega e que sume colectivos, sectores, persoas, hoxe arredados do galego, pero non hostís á lingua. Unha estratexia que deseñe formas de tender pontes e de abrir fiestras. Nesa liña vai tamén o artigo de Víctor Freixanes hoxe en La Voz de Galicia (sección "Vento nas Velas": o pasado mércores falamos destes temas con el e con outras persoas (Ferro Ruibal, Carlos Varela, etc.) e só podo dicir polo de agora que moita xente está esperando un aceno neste sentido. Velaí o artigo de Freixanes:

Emitir en positivo
ERRA de cheo o Partido Socialista de Cataluña con esa campaña a prol do novo Estatuto de Autonomía dirixida contra o Partido Popular. Refírome a esa campaña na que o PSC pide o voto favorable no referendo do próximo 18 de xuño argumentando que dese xeito os votantes derrotarán decididamente ao PP (sen facer referencia ningunha a Esquerra Republicana, por certo), porque o PP disque está contra Cataluña. Nos manuais de estilo da comunicación hai unha lei que advirte contra os que titulan en negativo. Titular en negativo significa sempre restar, nunca sumar. Ás veces é inevitable, certo. Pero sempre que se poida (e en política moito máis) o discurso debe ser o contrario. A sociedade necesita vento a favor para navegar, nunca en contra. ¿Non hai argumentos para salientar os méritos da causa que defendemos? ¿Tan fráxiles son que necesitamos descualificar, arredar, asustar ás audiencias coa ameaza dos que pensan ou defenden unha posición distinta da nosa? ¡Contra Franco viviamos mellor!, aínda sentimos dicir a algunha xente. Son os desesperados, ou os desesperanzados, ou os derrotados. ¡Claro que non viviamos mellor contra Franco! Contra Franco non viviamos. Só dende a simplificación, sen intelixencia, se pode soster semellante afirmación. A democracia esixe propostas, ilusión, proxectos de futuro, trabes e armaduras para levantar a casa, non petardos para derrubala. Ninguén se apunta á destrución, nin á catástrofe, nin aos funerais (por moi ben diagnosticados que estean), nin ás derrotas. ¿Lémbranse dos «profetas do non»? Durante moito tempo o nacionalismo e a esquerda (tamén o nacionalismo galego) construíu o seu discurso á contra: non ás celulosas, non á autoestrada, non ás centrais nucleares, non aos encoros... A maioría desas campañas (non todas) estaban xustificadas, tiñan razón de ser naquel momento, pero a sociedade percibíaas sempre en negativo, e en negativo non se constrúe nada. Agardábamos outra cousa dos cataláns do PSC, francamente. Todo o contrario do manifesto que me chega estes días a través do correo electrónico a prol da lingua galega, asinado polos amigos Alfonso Monxardín e Marcos Valcarcel, dende Ourense. Con humor, con imaxinación e afouteza, di máis ou menos así: «Traballemos polo galego e comámonos a beixos». A lingua é un espazo de todos, un espazo para unir e sumar, non para restar nin arredar aos que non a falan (aínda) ou pensan diferente ca nós. O académico Ferro Ruibal falaba o pasado 17 de maio en Sada dos «falantes pasivos», esas persoas que, aínda estando en condicións de falar o idioma, polas razóns que sexan, moitas delas profundamente enraizadas no ADN dos comportamentos (instalados na xenética do fracaso, a inseguridade e o medo), non a falan, resístense a incorporarse ao pulo común do seu uso normal e normalizado. Houbo un tempo que a táctica de algúns consistía en denuncialos ou descualificalos, como se non fosen galegos. Ferro Ruibal propón, e moitos sumámonos decididamente a esa proposta, a táctica da comprensión e do afecto: xa virán, deámoslles tempo, pero sobre todo deámoslles probas e argumentos para que veñan a ese territorio que nos une e no que nos recoñecemos, o universo das palabras herdadas dos avós, transmitidas felizmente e sen complexos aos fillos e aos netos. ¡Falemos galego e comámonos a bicos! Gústame a invitación. Non necesitamos estar contra ninguén. Temos argumentos abondo para defender a causa que nos convoca. Os cataláns do PSC equivócanse. O futuro só se constrúe dende a ilusión dos proxectos compartidos.