11 oct 2006






Rigorosa memoria do 36

(Andoliña 11 outubro 2006)

A proclamación do 2006 como Ano da Memoria non trouxo moitas novidades bibliográficas: os libros aparecidos nos últimos tempos derivan de anteriores investigacións en marcha. Por iso quero subliñar o esforzo realizado pola revista Grial que, no número 170, dedica un amplo monográfico ó tema coordinado por Lourenzo Fernández Prieto, que escribe ademais sobre a historiografía da guerra. Outros traballos tratan da memoria da fame, da sociedade da posguerra (M. Richards), das pegadas da represión franquista na memoria rural (Ana Cabana), dos lugares da memoria (J.Mª Cardesín), da represión na investigación científica (R. Gurriarán), da propaganda dos sublevados (X.M. Núñez Seixas) e da guerra na narrativa galega (D.Vilavedra).

Un documento útil contra o revisionismo histórico dominante noutros medios e o oportunismo dos bestseller de Pío Moa. Como apunta Fernández Prieto, existe outra corrente (S.G.Payne), que non reivindica os aspectos totalitarios do franquismo, pero presenta este réxime como unha paréntese na historia democrática e como impulsor do desenvolvemento económico: unha tese pouco inocente. Precisamos, dende logo, saber de onde vimos e qué significou aquel tempo de barbarie.

10 oct 2006


Xornalismo literario nos ‘blogs’

(O amigo Miguel Anxo Fernán Vello escribe hoxe sobre os blogs en Galicia Hoxe e de novo dedícanos palabras xenerosas e moi gratas: a min como coordenador do blog e ós que aquí coloquiamos a cotío, cun nivel de debate moi serio e enriquecedor. Graciñas)

Eu sonlles lector de ‘blogs’ e selecciono ao meu xeito –pasan a ser "favoritos"–, coas miñas esixencias particulares, obviamente, aqueles que me interesan polos seus contidos textuais, polo seu estilo, pola súa ética e pola súa vontade cultural ou social construtiva. Non gusto dos ‘blogs’ de autor que navegan nas augas do ensimesmamento e moito menos daqueles que zumegan ou destilan actitudes de resentimento ou de empencha: moitos dos chamados "blogs de comunicación interpersoal", por seguir a denominación de Juan Varela.

No noso país, afortunadamente, existen ‘blogs’ que participan das características que a min me interesan e que, co paso do tempo, se están a converter en puntos de lectura obrigada e en referencias inescusábeis de alto xornalismo literario. Referireime en concreto a dous, mais non esquezo estoutros, altamente recomendábeis: "A canción do náufrago", de Francisco Castro; "Fragmentos da galaxia", de Juan L. Blanco Valdés, e "Si home si", de Josito Pereiro. Un dos grandes ‘blogs’ galegos é sen dúbida "Brétemas", de Manuel Bragado, subtitulado "Notas de traballo de edición". O ‘blog’ de Bragado fornece interesante información, análise e reflexión sobre todo o que ten que ver co mundo do libro e da lectura, e suma ademais unha preocupación cultural, humanística e social que converten a "bitácora" viguesa nun inesgotábel viveiro de ideas para alimentar a calquera lector interesado.

E outro dos grandes ‘blogs’ de noso, este enraizado na "vella Auria", é "As uvas na solaina", de Marcos Valcárcel. O propio escritor e historiador ourensán defíneo como unha "fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: ‘Ser diferente é ser existente". En "As uvas na solaina", como non, pesa o oficio académico, xornalístico e ensaístico do autor, que é capaz de construír através dos seus textos un universo de alta tensión intelectual e rigor formativo e informativo. Lendo o ‘blog’ de Marcos Valcárcel sei da homenaxe multitudinaria a Beiras en Ourense. Dela falarei mañá.

Ricos e galeguistas
(No seu Camiño do Vao fala hoxe Monxardín dos ricos e galeguistas doutrora, en América. Ulos os ricos galeguistas de hoxe, aquí, na Terra?)
A esquerda nunca os reivindicou e pode que nunca o faga. Non tanto porque teña diferenzas irresolubles con eles -no fondo están todos mortos e iso é tremendamente nivelador- senón polo puro descoñecemento que temos da historia do noso país, ata hai pouco máis en mans de voluntaristas amadores e arestora cunha nova xeración de investigadores que nos están volvendo daquela amnesia colectiva que nos caracterizara.

O nacionalismo chamémoslle moderado, afastado de calquera discurso apocalíptico, vitimista e monolítico, deberá lembralos e tratar de compartir o seu recordo con todos e que todos asuman o agradecemento colectivo que lles debemos como construtores de nación. Deberemos consideralos como modelo do que foi posible noutrora, e que debería ser posible tamén e con novas forzas, agora e no porvir.

Refírome á xente rica e comprometida. Aos ricos e galeguistas, por exemplo. O noso nacionalismo, de tendencia bastante cutre, debe aprender moito da xenerosidade dos homes ricos no que respecta de compromiso coa Terra.

Pensemos en don Manuel Puente en Bos Aires, en Xesús Canabal en Montevideo, en Henrique Peinador en Vigo, en Álvaro Gil en Lugo, en Antonio Fernández... e nun par de ducias máis. ¿Que necesidade tiñan de complicarse a vida cunha idea minoritaria e da que eles, homes de empresa, non sacaban cartos senón que, pola contra, lles custaba? ¿Cantas veces terían que oír os seus asesores ou familias algo semellante? Pero a necesidade que neles mandaba era clara: a do comprimiso ético coas raíces, a da fidelidade á nación da que proviñan e único lugar onde lles interesaba ser estimados.

Estes homes ricos souberon deixarse guiar, nestes temas de apoios a inciativas recuperadoras de identidades, por galeguistas, digamos, pobres, con moita formación e pouca habenza, pero tamén intelixentes e amantes do país que souberon achegarse a eles e pedirlles axuda ao renacemento posible en cada momento, polo amor da Terra. Tanto dá que fose ter a mantido a Ramón Cabanillas en Mondariz para que escribise, como patrocinar o Consello de Galicia en Buenos Aires ou Montevideo. Tanto dá doar unha colección de arqueoloxía e arte única no mundo ao Museo de Lugo, como cadros ao Museo de Pontevedra ou subvencionar un colexio modelo como Fingoi ou a publicidade para pagar Nós. ¿Sería igual Galicia sen ter visto a luz o Sempre en Galicia? Pois houbo quen puxo cartos. ¿Sería igual Lugo se retiramos o torques de Burela do tesouro do Museo de Lugo? Pois alguén o doou.

Naquela vella campaña do Concello de Redondela, hai ben de anos, en favor do galego, usando as imaxes de galegos famosos e ricos, (Adolfo Domínguez, Arsenio Iglesias...) sospeito que ningún cobrou un can. Era o mesmo compromiso coa terra. Unha liña sobre a que hai que volver. Falemos ben dos ricos, que ao mellor, cae algo. Para o país, claro.

Unha voz silenciada.
(Pan por Pan mrtes 10 outubro)
A xornalista Anna Politkóvskaya estaba a escribir un artigo sobre as torturas en Chechenia cando foi asasinada no ascensor da súa casa, en Moscova. Quen a mandou matar? Quizais nunca se saiba: a policía incautou o seu ordenador e os seus papeis. Era a xornalista mais crítica co réxime de Putin e co primeiro ministro do goberno checheno prorruso, por denunciar as violacións dos dereitos humanos en Chechenia. Tamén reclamaba os dereitos dos propios soldados rusos e denunciaba outros casos de corrupción: tiña inimigos abondo para ser acosada e ameazada. Rusia herdou demasiados problemas na caída do réxime soviético: mafias, problemas nacionais na área da antiga URSS, Chechenia, Georgia, todo o Cáucaso. Por certo, nada que ver co retrato idealizado que fai Castelao das repúblicas de Ucraína e Acerbaixán na súa viaxe de 1938.

9 oct 2006




Entrevista a Francisco Rodríguez
(X.M.del Caño en Faro de Ourense, 8-X-2006)
“PROPOR O INDEPENDENTISMO CREO QUE É DAR SALTOS Ó VACÍO”

(Polo seu interese informativo, transcribo un fragmento desta entrevista)

- Vostede e Xosé Luís Méndez Ferrín teñen unha maneira moi diferente de ver a política, como pode comprobarse nos dous libros de conversas…
- Méndez Ferrín é uin intelectual un pouco diletante, e outra persoa que, dentro duns límites, como é evidente, no meu caso, eu tomei sempre a miña actividade como unha dedicación seria, constante, voluntariosa e ó servicio dunha causa: adecuada á sociedade onde vivo. Esto non é un xoguete, en mans particulares.
- Méndez Ferrín responsabilízao a vostede da expulsión de ducias de nacionalistas, entre os que se atopaba el.
- - Eu difícilmente podía expulsar a ninguén naquela época, porque non tiña un papel relevante. Pero dou datos no libro de conversas sobre o seu comportamento político. Se pensa que se pode manter dentro dunha organización política, boicoteando o proceso de creación dunha xunta nacionalista, que é o que fai cando o BNG vai ás eleccións cunha lista de coalición electoral, porque non estabamos legalizados...; esto non se resiste. É máis, Ferrín marchouse da UPG, non o botou ninguén.
- ¿Por que o responsabiliza a vostede da desfeita?
- Eso forma parte dunha táctica consistente en proxectar contra os demais os propios erros e deficiencias. Hai que crear un monstruo; ata neso Ferrín é pouco honesto.
- - ¿Méndez Ferrín di que vostede é un nacionalista compulsivo, sen compromiso de esquerdas?
- Pola práctica os coñeceredes. Eu levo 40 anos entregado a unha causa política responsable. Ferrín é unha curiosidade; paréceme moi ben que lle fora útil ó siostema. Non se pode ser máis conscientemente contrario a un proxecto político amplio para o país.
- ¿Existe unha relación de amor-odio entre vostedes?
- Para min Méndez Ferrín é coma se non existise. Existe no terreo literario. Eu non teño ningún tipo de relación con este home.
- ¿A clave está en que Ferrín optou pola ruptura política e vostede decantouse pola continuidade do sistema?
- Todo eso da ruptura é palabrería. Ferrín sempre estivo moi ben visto, sobre todo cando chegou a autonomía. Ós feitos me remito. Pero eso non interesa.
- O debate sobre o nacionalismo interesa.
- ¿Vostede cre que a nación do pobo galego se basa na existencia de Ferrín ou na miña? Por favor. Pero á parte de eso, ¿cal é a tarefa política de Ferrín? Ferrín, como literato, pódese permitir moitas cousas.
- Ferrín mostra un forte rechazo a Piñeiro ¿Vostede comparte esa valoración?
- Eu considero que Méndez Ferrín é un fillo de Piñeiro, pero noutra versión.
- É unha pena que o nacionalismo esté tan dividido.
- Todo o nacionalismo existente, que pinta algo, está no BNG, os demais limítanse a ir ás eleccións.
- ¿Están mellor fóra ou dentro?
- A integración é imposible, porque eles odian ó BNG.


Dous monos”, de Bruegel, 1562. Disque aínda non se coñece ben o significado destes dous monos encadenados e melancólicos. Na iconografía cristiá, os monos simbolizan case sempre a estupidez ou vicios como a vaidade e a avaricia. As cáscaras de avedlá aluden ó refrán neerlandés, “ir ós tribunais por unha avelá”. Segundo isto, os monos terían perdido a súa liberdade por un asunto insignificante. No fondo, hai unha vista do porto de Amberes, cidade que deixou Bruegel en 1563 para establecerse en Bruselas. Rosa-Marie e Rainer Hagen, Bruegel, Taschen, 2000.
Terceira tertulia no Liceo (6 outubro 2006)

Participaron nesta ocasión os contertulios Afonso Monxardín, Andrés Mazaira, Ángeles Castro e a súa amiga (excusas, preguntareille o nome o próximo día), Sonia Torre, Serafín Alonso, Pepe Trebolle, José Paz, Segismundo Bobillo, César Ansias, Felipe Ferreiro, José María Eguileta e este cronista.
O pasado venres falamos da cultura nesta cidade. Neste espazo só pode anotar, de xeito esquemático, algunhas das variables que alí se manexaron, a xeito de diagnose dun estado cultural. Velaí:
1. Calificouse como disparate dedicar o nobre edificio do Banco de España a oficinas do catastro (que poden ir noutro lugar), sacrificando o que debera ser o centro cultural de referencia da cidade.
2. Reclamouse a necesidade de manter para usos culturais os históricos locais que hoxe ocupa a Biblioteca da Deputación
3. Denunciouse a arbitrariedade na designación de responsables políticos nas áreas culturais e ausencia de xestores e persoal técnico axeitado en moitos casos.
4. Criticouse o concepto de “Cultura-Espectáculo”, que leva a erguer contedores culturais sen saber moi ben qué facer con eles nin planificar as programacións estables necesarias.
5. Anotouse a confusión existente entre campos que deberan disterarse con certa autonomía (festas respecto de cultura e cine).
6. Subliñouse a escaseza de infraestructuras prioritarias: poucas bibliotecas municipais, Arquivo Municipal, unha Escola de Música municipal cunha demanda moi superior ás prazas existentes.
7. Salientouse o absurdo de manter a denominación de Museo Municipal para un edificio que non é tal, só unha sala de exposicións, e que carece ademais dunha programación coherente.
8. Reclamouse a necesidade de coordenación entre institucións e colectivos de base, como xa sucede nalgúns campos (Miteu, Casa da Xuventude, etc.) e tamén a desexable relación, tamén coordinada, entre os axentes da cultura pública e da cultura privada (caixas e bancos).
9. Demandouse unha maior programación de actividades para o sector infantil e xuvenil, sen dúbida o público máis agradecido.
10. Anotouse tamén a falla de rendibilidade de eventos que manexan grandes orzamentos para prazos de tempo moi breves, cando podían ampliar as súas programacións paralelas ó longo de todo o ano (Festival de Cine).
E unha pregunta que pairou sobre todos os participantes neste faladoiro:
Interesa todo isto ós cidadáns?
Por qué logo esa apatía dos ourensáns ante moitos dos datos aquí recollidos?

8 oct 2006


CEN ANOS DE

HISTORIA CULTURAL

1937: DÍAS DE RESISTENCIA

Foron os días de Atila en Galicia e Galicia Mártir, de Castelao.Tamén os de Nova Galiza; Nueva Galicia e El Miliciano Gallego. E do protagonismo de Rafael Dieste e tantos outros. E da traducción da Internacional ó galego, nas versións de Luis Bóveda Pérez e de Ramón Cabanillas. E dun centenario do nacemento de Rosalía case clandestino. E do protagonismo en América dos exiliados, con Luís Seoane á cabeza. E da prensa fascista-falanxista de novo cuño na Galicia ocupada. E cando mataron a Xohán Carballeira e a Xosé Villaverde. E cando Celso Emilio coñeceu en Asturias á súa querida Moraima. E moitas cousas máis... De todo iso falo hoxe (seguindo basicamente os traballos de Claudio Rodríguez Fer e Alonso Montero) na miña páxina dominical do Galicia Hoxe.

7 oct 2006

Un artigo de Miguel Suárez Abel co que se identificarán moitos profesores

Con mil amores (El Correo gallego 7.10.2006)
¿Que facemos con eles?
Quéixanse moitos docentes, con razón, de que en determinadas aulas, polo seu número de alumnos, é dificilísimo impartir clase. Non é o caso. Nesta de 1º da ESO, os alumnos non chegan a vinte. Non obstante, os profesores mostran o seu desespero desde o comezo. De dezasete, seis teñen un nivel de coñecementos que non superaría un exame rigoroso de 3º de primaria. Un, o máis rebelde, vive nun ambiente familiar rodeado dunha niñada de irmáns, nunha situación económica deplorable, cun pai agresivo e alcohólico e unha nai submisa e mártir. Outro, atolado e impulsivo, con formigas no cu e paxariños na cabeza, lareta canto pola lingua lle pasa sen saber se está nunha aula, nun parque, na cociña da súa casa ou nun monte queimado. Outra, consentida e mimada ata o ridículo, choromica, pinga no moco, escribe cartas cunha ortografía que feriría os ollos de calquera agás os do rapaz que as recibe, namórase cada sete minutos, contesta airada porque ninguén comprende o seu sufrimento e ameaza con se tirar pola fiestra se os seus caprichos non se cumpren. Un máis, tímido, metido e si, melancólico, coa mira nos pés, no dá aberto a boca nin para boquexar, necesita dun guindastre para lle mover un brazo e responde unicamente si ou non despois dunha presión e tenacidade propias de heroes gregos. O penúltimo é duro, esquinado, seco, retorto, contesta e provoca, busca o enfrontamento e ten unha coiraza impenetrable; non se lle coñece pai e a súa nai non a ve porque, para comer, traballa de sol a sol limpando oficinas. A última, nerviosa, axitada, invadida por unha comechón infinita de hormonas, adéstrase para modelo, artista, candidata a Gran Hermano ou Operación Triunfo; seduce, conquista, abandona, somete, planta, chulea ós nenos coma unha profesional; todo con tal de que miren para o seu embigo. Os seis, en clase, lanzan papeis, rin, asubían, cantan, belíscanse, acosan a compañeiros e esnaquizan os nervios do profesor máis temperado.
Diante de tal situación, tres posturas. A dos profesores da man dura: expulsión, expediente, fóra. A dos profesores bondadosos: pobres, que circunstancias, que vidas, necesitan psicólogo, cariño e apoio. E a dos pais dos once alumnos restantes: o meu fillo ten dereito a poder estudar, non pode perde-lo tempo porque seis inadaptados non estean preparados para convivir nunha aula... ¿Que facer? Como en educación, igual ca en fútbol, todos somos expertos, ¿vostedes que proporían?

Sobre a homenaxe a Beiras en Ourense

Máis de 200 persoas no Ateneo de Ourense para escoitar, con entusiasmo, a Xosé M. Beiras. Aínda había máis na cea-homenaxe nos locais de Aixiña, con moitos mozos, de Galiza Nova e independentes. (Un dato para reflexionar, o día anterior houbo un acto público da persoa que hoxe (e sempre) mandou no Bloque a nivel orgánico: con moitísima menor presenza de militantes). Composición moi plural dos públicos arredor de Beiras: profesionais, amigos de Beiras (Buciños, Carlos Martínez, Xaquín Acosta, Paco Constenla, etc.), moita mocidade, militantes do BNG e non militantes. Presenza moi importante de xentes de Esquerda Nacionalista, de Unidade Galega, do antigo PSG, etc. Presenza destacadísima de militantes e cadros da CIG e de colectivos ecoloxistas e outros. “Chapeau” para os organizadores (Secundino, Lito, Henrique) pola súa capacidade de comunicación coas xentes e de convocatoria. Ausencia radical de cargos institucionais do BNG (nin o primeiro). Asiste o candidato ás municipais da cidade, Alexandre Sánchez Vidal, antigo beirista, nun xesto que lle honra (xa sabía que ía escoitar cousas un chisco incómodas: eu falei con plena liberdade e creo que non dixen ningunha mentira). Entusiasmo e aplausos sentidos no foro do Ateneo.

Tocoume facer a presentación, xa saben, e prepareina ben: un longo discurso, case 8 folios, arredor de tres datas históricas: 1936, 1963, 1982, con Beiras na cerna das miñas palabras, por suposto. Tentarei difundilo por esta vía (blog) ou por outra que me ofrezan. Gustou moito ós asistentes (toda a noite estiven recibindo felicitacións) e tamén a Beiras e a Aurichu, de corazón. Simplemente dixen o que moitos nacionalistas querían escoitar e ninguén se atreveu a dicir en público nos últimos meses: fíxeno eu porque estou libre de obediencias e podo falar con plena independencia e liberdade. Rematei pedindo a xustiza histórica coa figura de Beiras que lle foi negada. E facendo un canto á irmandade e fraternidade solidaria dos vellos galeguistas, a que amosou Bóveda cando defendeu a Filgueira Valverde ó fundar este a Dereita Galeguista: “onde estea Filgueira estade seguros que estará un obreiro da causa galega”. Palabras que o nacionalismo debe recuperar: fraternidade, irmandade.

Beiras deu un discurso impecable sobre o nacionalismo no momento actual e as estratexias arredor da negociación do Estatuto de Autonomía. Moi crítico coas tácticas que se están a levar, co mimetismo arredor do Estatuto catalán, co rexeitamento a impugnar o límite constitucional. Explicou a inserción dos poderes na autonomía e a necesidade de impulsar un cambio “cualitativo” (non cuantitativo, “o problema non son as competencias”, dixo) no novo Estatuto: cambio xurídico que recoñeza o pobo galego como suxeito político do poder, como figura na Constitución ó respecto do pobo español. Se iso non se pode facer, o nacionalismo quedaría negado e deslexitimado no futuro aprobando un Estatuto de segunda división. Críticas a unha autonomía cun Poder Xudicial que vai por libre e depende do Estado central, cando debería estar incardinado nas institucións autonómicas; que non foi quen aínda de organizar a súa propia estrutura territorial (concellos e deputacións) de xeito realmente autónomo. Un discurso discutible, como todo, pero no nivel intelectual eficaz, case académico, contundente.

Beiras estaba conmovido e agradecido: non foi pose, estiven na súa cea ó seu carón e falamos de moitas, moitas cousas. Necesitaba este xesto e alégrome que se fixera en Ourense. Estou seguro que noutro lugar calquera de Galicia tería a mesma repercusión e apoio social. O nacionalismo está vivo: demostrouse esta noite, coas gañas que teñen moitos militantes de recoller un alento de esperanza e de ilusión.
Beiras percorreu todas as mesas (“como nas vodas”, díxenlle) saudando os amigos e amigas e sen parar de facer fotos. Os mozos trouxéronlle algún agasallo. Cantouse espontaneamente a Internacional e o Himno Galego e houbo os berros habituais “Galicia ceibe, poder popular” e tamén “Independencia”.
O Beiras falou tamén ó remate da cea: cinco ou dez minutos, aparentemente improvisados (levábao todo moi ben pensado), pero cunha elegancia de estilo e claridade de significados maior que nunca. Devolveu os aplausos ós asistentes para dicirlles que eles eran os homenaxeados, por estar aí e ser quen de traballar tantos anos no futuro do país. Afirmou que el estivo sempre a disposición da xente e que tivo moitas oportunidades, se el quixer, de ser presidente da Xunta de Galicia, xa nos inicios da transición: só tiña que buscar o cabalo axeitado; pero non se trataba diso, tratábase de que a xente quixese cambiar as cousas e el só sería presidente da Xunta se era en nome desa xente que loitaba con el todos os días.
Enlazou co meu fío da presentación para reclamar esa fraternidade necesaria dentro do nacionalismo. E engadiu que está aí, con moita máis xente, e que loitará por volver a un novo equilibrio do Bloque que reoriente a súa dirección e a súa estratexia (hoxe sábado había unha xuntanza en Santiago dos beiristas, baixo o nome “Encontro Irmandiño”, independente da “Alternativa” que propugnan EN e UG). Quizais se encontre no camiño con outras persoas e colectivos que van nesa liña: iso depende dos militantes e dos debates que veñen. Pero el está con folgos para ese debate e saíu de Ourense cargado de enerxías, co apoio e a calor de varios centos de nacionalistas que non queren que sexa negado nin borrado da historia deste país.
(Imaxe: Caricatura de Beiras por Pinto-Chinto, do libro da Segunda Bienal de Caricatura de Ourense, 1994).
NOTA 1: podedes escoitar a conferencia completa (arredor dunha hora) e a miña presentación (media hora máis) en (http://alter-galiza.agal-gz.org), grazas ó labor do amigo Vítor M. Lourenço que está a salvagardar importantes documentos sonoros do noso país.
NOTA 2: en La Región de hoxe publícase unha entrevista de Laura Grandal con Beiras, na que fala con claridade diáfana do que está a pasar no BNG.
NOTA 3: Información en Galicia Hoxe sobre a homenaxe a Beiras en Ourense e a presentación da Alternativa en Compostela.
NOTA 4: Baixar ou ler o texto de homenaxe en formato .pdf

6 oct 2006



Dona Emilia e as Academias.

(Pan por Pan 6 Outubro)

Contouse tamén na Coruña, no Simposio sobre a Pardo Bazán, cómo foi a campaña que ela mesma dirixiu, moi sutilmente, para impulsar a súa candidatura á Real Academia España: a escritora mobilizou xornais, amigos, estudantes, etc. Pero de pouco lle valeu: a Academia era conservadora e non quería mulleres no seu seo. Seica un bispo, tamén académico, dixo daquela que mentres el estivese alí, non habería nesa institución outras saias que as súas. En cambio, dona Emilia foi nomeada Académica de Honor e Presidenta Honoraria da Real Academia Galega. Pero non foi á sesión fundacional de 1906. Sabía que alí estaría Manuel Murguía, con quen mantivo unha forte polémica na prensa (o escritor rexionalista consideraba que dona Emilia minorizaba a figura de Rosalía). A autora de “La Tribuna” escusou a súa presenza porque estaba “indisposta”.

(Imaxe: Dona Emilia cun fillo no colo, foto tirada de La Tribuna, A Coruña, Casa Museo Pardo Bazán, n. 3, 2005).




CONFERENCIA DE Xosé Manuel BEIRAS Torrado:
NACIONALISMO E ESTADO NA GALIZA ACTUAL"
Presenta: Marcos Valcárcel
LUGAR: Ateneo de Ourense
DATA: 6 de outubro de 2006 -venres-
HORA: Oito da tarde (20,15)

5 oct 2006


CIDADE DA CULTURA (Tirado de Chuza: un texto de Bieito Iglesias e unha idea en imaxes de Suso Sanmartín)
Xullo 13. PURO PRESENTE
Asisto a un cónclave de literatos a fin de suxerir contidos prá controversa Cidade da Cultura. Este xénero de reuniós deslízanse cara o arbitrismo e o diletantismo, no mellor dos casos, ou o craso 'dame algo': dame unha sesión de poesía visual, un local pra unha performance, unhas palestras, un obradoiro literario...Existe un problema previo a calquera outra consideración: a obra do monte Gaiás pertence á cultura do espectáculo. Querse dicir, "ao reino autocrático da economía de mercado, unha vez accedeu ao estatuto de soberanía irresponsable, xunto coas novas técnicas de goberno que acompañan o seu reinado" (Guy Debord). Apostila de Félix de Azúa: "Todo o que a sociedade do espectáculo presenta, é verdadeiro, bo e necesario, polo simple facto de telo presentado". O escritor tradicional peta pouco nesta meada. Talvez poda desecarse algún autor emblemático –despois de expirar, non antes- pra exhibilo en vitrina como o museu de Banyoles mostraba un bosquimano.
Bieito Iglesias, Tempos Novos, Nº 111 (Agosto 2006), pág. 81.

Dona Emilia. (Pan por Pan 5 outubro)

Xa lles contei que estiven na Coruña, nun Simposio sobre a Pardo Bazán e o xornalismo. Estaban alí varios reputados pardobazanistas de España e algúns franceses e italianos e aprendín moito sobre a autora de “Los pazos de Ulloa”.
Por exemplo, teño que recoñecer que, a través da lectura das súas obras, tan exactas na descrición dun mundo campesiño en crise, tiña eu unha imaxe en exceso liberal, no plano político, de dona Emilia. Agora sei que estaba contra o parlamentarismo, contra o constitucionalismo e os partidos políticos, segundo estudou Xosé R. Barreiro. E que se deixou influír polos pensadores do tradicionalismo católico francés, como De Bonald e De Maistre. Quedei sorprendido, pero só en parte: unha vez máis demóstrase que o relevante nun escritor son os mundos que é quen de crear e non as súas ideas políticas concretas.
Banquete no Hotel Miño, Ourense, dos galeguistas a Emilia Docet, miss España
Na foto están, entre outros (están todos identificados, se a alguén lle interesa): Otero Pedrayo e a súa dona María Xosefa Bustamante Muñoz; Álvaro Cunqueiro; Blanco Amor; Leuter González Salgado; Vicente Risco; Ramiro Illa Couto; Emilia Docet (miss España, no medio); Manuel Luís Acuña (que recibía ese día o premio do certame literario Manuel Murguía); Xoán Luís Ramos Colemán; Manuel Peña Rey; Esther Peña Bouzas; Alfonso Vázquez Monxardín (avó de...); Xosé Goyanes; Daniel Piñeiro e varios comerciantes da cidade.
andoliña 5 outubro
75 anos do voto feminino (e 3)
Na asemblea nacionalista de Lugo, en 1918, as Irmandades da Fala asinan como primeiro punto do apartado III do seu programa (Problemas Políticos) a ‘Igoaldade de dereitos para a muller’. Non era esta unha posición xeneralizada naquelas datas: non esquezamos que a escritora Francisca Herrera Garrido escribe na revista Nós en 1921 un artigo ridiculizador do dereito ó voto das mulleres. Cando chega o debate na República, o Partido Galeguista crea un Grupo Feminino en Ourense e abre unha sección nova en A Nosa Terra titulada ‘O recanto da muller’, no que escriben varias militantes femininas.
Eran xestos importantes, pero de resultados relativos. Como indica Carme Blanco, os galeguistas utilizaron acotío a imaxe do mito maternal galaico como fundamento da nación, nunha liña próxima á praxe dos nacionalismos irlandés ou vasco. E apelan á súa condición de traballadoras; velaí aquel cartel do Estatuto con dúas labregas e o texto ‘Mulleres que traballades como homes, votade o Estatuto’. Pero tiveron escaso protagonismo orgánico. Só isto: Mercedes Docampo pronunciou un discurso na terceira asemblea do PG e Xosefa Iglesias Vilarelle formou na directiva da Dereita Galeguista de Pontevedra.

4 oct 2006

Clara Campoamor: símbolo dos dereitos da muller e do voto feminino, símbolo da democracia, símbolo de ser quen de levar adiante unha posición firme dende a ética e a máis fonda convicción nas propias ideas (aínda contra o seu partido, o Partido Radical)

Seminario Estudios Socialistas Manuel Suárez Castro

Un amigo infórmame do nacemento de Seminario de Estudios Socialistas Manuel Suárez Castro e dun blog asociado a esta figura histórica. Unha nova que me enche de ledicia e que fai xustiza ó alcalde socialista da cidade auriense coa Fronte Popular, fusilado nos horrores da barbarie fascista. O blog conta xa cunha ficha biográfica do líder socialista, un breve artigo meu de hai uns meses e un longo e documentado estudo de David Simón, máximo especialista na historia da sanidade ourensá e da nosa psiquiatría e autor de varios libros imprescindibles ó respecto.
Noraboa de novo.
Eduardo Galeano opina sobre a democracia
(entrevista no Faro de Vigo, hoxe, de Carmen Villar)

"No existe la democracia todavía: es un proyecto"

El conocido autor uruguayo defendió ayer en Santiago que "podemos hacer la historia".
El escritor uruguayo Eduardo Galeano abrirá hoy el ciclo de conferencias "América, cada vez más latina", que organiza el Club Internacional de Prensa y lo hará hablando de "los otro siete pecados capitales". La cita es a las ocho en el Aula Sociocultural de la Fundación Caixa Galicia, en Santiago.-
¿Cree que el hombre es libre de decidir su destino? ¿Tiene esa posibilidad todavía la humanidad?- Creo que sí y no. Creo que estamos presos de jaulas visibles e invisibles que nos mutilan la libertad de elegir nuestro destino, pero que esas jaulas no son nuestro destino y que por lo tanto podemos ser libres en la medida en que seamos capaces de conquistar la libertad de imaginar el futuro en lugar de aceptarlo. En lugar de cruzarnos de brazos y decir estamos condenados a la desgracia incesante, decir, bueno, vamos a inventar un futuro diferente. Somos libres, pero no somos libres en la medida en que no seamos capaces de construir nuestra libertad. Estamos todavía muy prisioneros de todo tipo de jaulas que hemos aceptado como si fueran inevitables maldiciones de la naturaleza, que son las jaulas que nos obligan a creer que mañana es otro nombre de hoy, es decir que podemos repetir la historia pero no hacerla.
- Pero, ¿no cree que es difícil decidir el destino cuando la democracia es cada vez más formal y aumenta el control de los poderes económicos?- Sí, bueno, la democracia es una democracia en construcción. No existe la democracia todavía. Es un proyecto ese del poder del pueblo, un proyecto que puede ser realizado en la medida en que la gente vaya adquiriendo protagonismo democrático y que deje de creer que la democracia consiste en una ceremonia hueca y que se cumple depositando un voto cada cuatro, cinco o seis años porque eso es una misa sin dios. La verdadera fe democrática implica una verdadera participación popular en las actividades públicas, en lo que tiene que ver con el destino común. Si la gente asume su protagonismo, las cosas van a cambiar. Pero si la gente sigue creyendo que la política es cosa de los políticos, tengo mis dudas de que podamos cambiar nada.

"El panorama internacional del poder es una especie de dictadura"

- En su opinión, ¿esa democracia es factible?
- Se están procesando distintas formas de entender la democracia más allá de la formalidad porque cuando es verdadera, no se hace democracia en nombre de otros, se hace con otros. Es muy difícil, pero hay procesos orientados en ese sentido, aunque hay montada una maquinaria gigantesca enemiga del cambio. Porque los organismos dominantes, los que gobiernan a los gobiernos, no son democráticos (el FMI, el Banco Mundial, la OMC o la propia ONU). El panorama internacional del poder es muy poco democrático. Más bien es una especie de dictadura de algunos países. - ¿Cree que las nuevas tecnologías pueden ayudar a cambiar las cosas?- No queremos sobrevivir, queremos vivir. Ni las migajas del banquete universal. Se trata de ser escuchados, de tener una voz propia, que no sea un eco triste de las voces del poder, que son sospechosas, mienten. En ese sentido, yo reconozco que, contra todos mis prejuicios, Internet ha abierto la posibilidad de que muchas voces condenadas a sonar en campana de palo hoy puedan tener eco universal.
75 ANOS DE VOTO FEMININO
Celebrouse antonte (domingo 1 outubro) o 75 aniversario do histórico debate nas Cortes, o 1 de outubro de1931, que abriu o paso ó voto das mulleres en España. Diversas institucións e organizacións políticas e sociais conmemoraron esa data en toda Galicia: en Ourense, nun acto organizado polos socialistas, leuse o gran discurso que daquela pronunciara nas Cortes Clara Campoamor, deputada do Partido Radical e unha das grandes promotoras do voto feminino. Foi un debate moi difícil: Clara Campoamor apoiouse nos mínimos presupostos éticos para defender o dereito a voto das mulleres: “Tendes o dereito que vos deu a lei, a lei que fixestes vós, pero non tendes o dereito natural fundamental que se basea no respecto a todo ser humano”, díxolle ós deputados. Como é ben sabido, houbo varias posturas contrapostas.
Os partidos divídironse.
O propio Partido Radical, o de Clara Campoamor, estaba en contra do voto feminino. En contra falaron tamén o socialista Indalecio Prieto ou a gran Victoria Kent, de Esquerda Republicana, ou o galego Roberto Nóvoa Santos, unha das grandes intelixencias do país, que, malia iso, puxo en dúbida que as mulleres fosen “órganos igualmente capacitados” que os homes.
O medo é sempre mal conselleiro e o medo conducía as posicións de moitos republicanos e militantes da esquerda no debate sobre o voto feminino. Temían que este estivese dirixido pola Igrexa e dese a vitoria ás dereitas. Nesa altura, por outra parte, a militancia feminina nestes partidos era escasa: non había grupos de mulleres no PSOE ourensán, por exemplo (si entre os socialistas de Ferrol).
No semanario local “La Lucha” un militante socialista de Amoeiro escribe un artigo chamando á educación política da muller para que non sexa manipulada polos curas de aldea nin por prexuízos relixiosos: este militante consideraba o voto feminino prematuro, “porque no lo pedía ni ansiaba por lo menos la masa general aldeana”.
Outros defenderon a minorización da muller, como Hilario Ayuso, deputado republicano federal, que quería que o home votase ós 23 anos e a muller ó superar a “idade crítica” dos 45. O debate sobre o voto feminino acelerou a implicación feminina na vida política. Os galeguistas crearon un Grupo Feminino en 1933 e pasearon polo país a Emilia Docet, miss España. E a dereita fixo de Acción Femenina Gallega un dos núcleos de maior mobilización da CEDA no período.

Dona Emilia Pardo Bazán
Empeza hoxe (martes 3 outubro) na Coruña, na Academia Galega, un Simposio sobre o xornalismo de dona Emilia Pardo Bazán. Falarei no mesmo do xornalismo galego do século XIX e lembrarei algúns sucesos esquecidos, desenterrados das páxinas amarelas dos xornais. Dona Emilia tivo grandes defensores en Ourense, como Juan Neira Cancela. E tamén detractores. En 1893 os republicanos que editaban “El Correo de Celanova” protestaban iradamente contra a decisión de designar unha rúa co nome da escritora. Dicían que nada legara a Celanova a creadora de “La Tribuna”, fóra de ir por aló “a correrse una juerguecita”. Engadían unhas desagradables alusións machistas e logo pedían para as rúas de Celanova os nomes do médico Fernández Losada e do poeta Curros Enríquez, colaborador dese diario. Ás veces, polo visto, os republicanos tamén se equivocan.

Xornalistas do XIX. O periodismo ten hoxe un prestixio merecido: conste que non entra nesa categoría o que algúns chamados “periodistas” ornean nalgúns programas de televisión. No século XIX os xornalistas carecían de formación específica e a maioría das persoas que chegaban a ese oficio facíano polas mesmas vías que conducían á administración civil do Estado, ó abeiro dun cacique ou dun político con veleidades literarias. Por iso dixo en 1901 Alejandro Lerroux, o republicano histórico, que o xornalismo en España era “refugio de fracasados en la literatura, hospital de inválidos de otras carreras o camino por donde marchan en carrera desenfrenada las ambiciones políticas”. Aínda así, quedaron na memoria nomes ben egrexios de xornalistas do XIX e principios do XX: dalgún xeito o sistema acaba por depurar os elementos máis espúreos.