31 ago 2007

LA CASTA, DE RIZZO-STELLA (31-08-07)
(Atendendo as peticións recibidas reproducimos aquí este artigo de ARUME, collido en préstamo dende o seu blog)

Para meu amigo a. p.-c., agora Apicultor
Case vinte impresións en apenas dous meses. Número un de ventas en Italia en libros de ficción e non ficción. E iso con andeis cheos de novelas premiadísimas e de libros que resaltan, con énfase sensacionalista, a crise política do país italián (outro día falarei das librerías). O libro en cuestión, traducido como A casta: así chegaron a ser intocables os políticos italiáns, é un repertorio abraiante de cómo os políticos italiáns constitúen un grupo apartado dos cidadáns, empeñados en gastar, de modo absolutamente indecente, os cartos públicos. Os autores, Sergio Rizzo e Gian Antonio Stella son xornalistas do Corriere della sera, expertos en información económica e editorialista o segundo do propio xornal. Apoiados en datos sacados non moi doadamente das contas italiáns, repasan un por un os distintos niveis da administración italiana, desde a Presidencia da República ata os alcaldes pasando por Presidente de Goberno, Ministros, Parlamentarios, Senadores, financiamento de partidos, gobernadores das rexións, parlamentarios rexionais e toda a corte de funcionarios, asesores, amigos e demáis persoal adscrito á calquera desas instancias. Todos, pois, con soldos e con indennità (o que aquí chamamos consolidación ou paga a perpetuidade por ocupar tales postos).
O resultado da investigación, tal é o nome que lle adxudican ao libro, é demoledor. Resulta, sen embargo, imposible facer un resumo de todo o libro porque se presenta como un catálogo dos escándalos máis eminentes. Unha pequena introducción no primeiro capítulo de escasa entidade teórica pero sólida presentación coloca a todos os grupos políticos, sen excepción aínda que con matices, nunha especie de limbo social que eles chaman sen dubidar casta. Termo que agora mesmo en Italia aparece por todos os lados como resultado e consecuencia do éxito indudable do libro. Os autores teñen o cuidado ademáis de evitar calquera tentación demagóxica co emprego dunha ironía por momentos vitriólica, que resulta nalgúns casos insuficiente diante da magnitude da denuncia. O libro está cheo de anécdotas insólitas que permiten, de forma exemplar, adquirir unha idea cabal das dimensións das barbaridades políticas do país. Ao final un apéndice, que fotografiarei para ensinárvolo, resulta moi ilustrativo.
A conclusión do libro é inquedante: a pregunta que formula calquera lector é sempre a mesma: cómo pode sobrevivir un país a este roubo manifesto á cara, sen vergonza nin disimulos, de todo o mundo? Eu, desde logo, non teño respostas. O único que teño é unha escolma de textos que puiden traducir para dar conta do fenómeno. Vaia aquí os primeiros exemplos. Para tomar nota, Gaiás e sobresoldos:
1. Vós de Estado.
Tomade cinco Boeing 737 coma eses da Ryanair de 150 pasaxeiros e facedeos voar de Roma a Londres ida e volta. Todos os días, Nadal e Fin de ano incluidos. Ou alugade oito jet privados de envergadura coma os Gulfstream V de 18 pasaxeiros na ruta Roma-Madrid e volta. Todos os días, Nadal e Fin de ano incluidos. Ou collede en aluguer trece aerotaxis de nove pasaxeiros e mandádeos de Roma a París e volta. Todos os días, Nadal e Fin de ano incluidos. E facede en suma todas as hipoteses que queirades pero as contas non teñen volta: como carallo fixo Palazzo Chigi, no último ano da era berlusconiana, para gastar 179.452 euros ao día en vós de estado? Como fixo para acumular 37 horas de vó ao día? Por curiosidade, quen viaxaba naqueles avións de Estado? Secreto. Confirmado, mesmo despois da entrada de Prodi: secreto.
2. Viaxes varios.
O máximo foi o da Rexión Sicilia que, tendo que preparar un campeonato mundial de ciclismo, organizou un viaxe a Oslo para ver coma o montaban os noregueses. Foron 120, incluidos os músicos dunha orquestina folk, as mulleres (foi espectacular a explicación do asesor Sebastiano Spoto Puleo: “que íamos facer? Despois ían dicir que erabamos os únicos homes de Sicilia que deixabamos en casa as mulleres” (no orixinal en siciliano: “fimmini”), 30 xornalistas e 4 cociñeiros. Os cales viñan precedidos por un trailer de despensa con todos os ben de deus: pomodorini secchi alla bottarga (tomates secos con mojama), berenxenas ao fiuncho silvestre, e viño de Donnafugata.Outra vez, tendo que preparar unha universiada, decidiron ir ver como organizaban os xaponeses en Fukuoka. E montaron unha viaxe que, se non fora bloqueado pola apertura dunha investigación, prevía unha excursión ao país do sol nacente de 231 persoas: deputados, funcionarios, amigos. Máis o necesario para darlles aos hóspedes xaponeses un simpático espectaculiño durante a cerimonia de apertura: 30 abandeirados de Siena, 30 trapecistas da Emila Romagna, 30 gondolieros veneciáns, dez cantantes románs e 30 Pulcinella napolitáns. Todos con reserva en el Hyatt Residence: 500.000 liras (uns 300 euros) ao día. Caro? "Non, non", explicou o asesor de turismo Luciano Ordile: “Dinme que o café costa 10000 liras!”. E preguntáronlle: Non bastaba, por exemplo, levar só os traxes de Pulcinella e usar figurantes xaponeses? Resposta: “Non entendo todas estas polémicas. Non estamos organizado unha festa de aldea.”
Continuará.

En poleiro alleo. Diñeiro milagreiro, de BIEITO IGLESIAS (El Correo Gallego, sección "Pan e Coitelo", 30 agosto). Imaxe: Os comedores de patacas, de Van Gogh, 1885).
Informan os diarios con algún alarmismo dun andazo de pulgas que levanta ronchas na coira de certos habitantes do sul da provincia de Ourense. Velaquí un arroto do pasado, dun tempo en que eses dípteros amoladores inzaban nas casopas camponesas, atopando refuxio nas taborelas esburatadas do chan ou nas banceiras de camas que databan do ano da polca. Sufrín as súas picadelas de rapaz, pero pensei que xa se extinguiran de vez. No entanto volven, como así tamén as léndeas ás cabezas dos meniños ao empezar o colexio, cando tal epidemia caracterizou os anos trinta e corenta, unha era anterior á Zeta-Zeta. Parece que a bichobillada se obstina en ignorar que moramos na novena potencia económica e non deixa de lembrarnos á menor ocasión de onde vimos.
O meu amigo Xavier Castro, historiador da cotidianidade, escribe libros, profire palestras e concede entrevistas para explicarlles aos contemporáneos que hai catro días (por aí catro décadas) que a maioría dos galegos carecían de auga corrente e de sanitarios nas casas. Dá detalles sobre o vestiario que apenas se mudaba e sobre a dieta dunha época na que caro custaba gañar a vida. Sospeito que o público, entrampado nas actualidades, cre que fala dun mundo desaparecido onde el vai, sen decatarse de que así vivimos varios que andamos nas cincuenta primaveras.
A estrañeza circula tamén en sentido inverso. Calquera que, ao saír dunha febre tifoide alá polo 1963, saborease unha cabeza de xurelo como se fose delicadeza de nouvelle cuisine hase admirar de que os mozos de hoxe sexan capaces de avaliar os cartos que levamos no lombo (en roupa e complementos) á primeira vista. En presenza do principal trazo do noso tempo -o imperio dos signos externos de riqueza-, sentirase estranxeiro. Os vellos sentenciosos dicían: "A metade da moza está no comercio". Tanto en homes como en mulleres, ese cálculo quédase hogano moi curto, porque xa non somos máis que o que vestimos ou compramos.

1 ago 2007

Vacacións

Como todos os anos, este blog pecha en agosto. É o meu mes de lecer e adoito aproveitalo só para iso: para o repouso. Neste mes non escribo nos xornais e tampouco no blog. Agardo reencontralos/las a todos/as en setembro.
O 1 de setembro o blog reabrirá as súas páxinas (ou quizais xa nos últimos días de agosto, se estou en Auria e con humor para iso). Que o pasen ben todos vostedes.

31 jul 2007















Ingmar Bergman: despedida-homenaxe.
Como dicía máis abaixo, marcou unha etapa importante da nosa mocidade. A miña actriz preferida nun tempo xa arredado era Liv Ullman: a culpa era de Bergman, evidentemente.
Seica tamén nunha etapa da súa vida Carlos Casares tivo como película preferida Persoa: vímola no Principal hai poucos anos, precisamente en lembranza de Carlos. E creo que a súa muller, a sueca Cristina Berg, colaborou nalgunha das películas do mestre.
Tamén se foi Michelangelo Antonioni, tan habitual nos cineclubes dos 70: un compañeiro de directiva do CC. Padre Feijóo só tiña dous deuses declarados: Antonioni e Miclos Jancsó. E moito discutía con outro compañeiro, que era afervoado, intransixente, de J. L. Godard (Saúdos, A. Llorente e M. Ayán, se chegasen a vós estas liñas...). De Antonioni hai anos que non vexo ningunha película e dubido que me emocionen hoxe como o seguen a facer moitas das de Bergman.
Dos dous, de Antonioni e de Bergman, ocúpase en imaxes o blog Díasestranhos.

Chega a hora do lecer
Andoliña 31 xullo

O que vai de verán vai pouco cargado de noticias. E iso é bo, porque xa reducimos o concepto noticias ás malas novas. De memoria, poucas cousas de calado: a dimisión de Piqué en Cataluña, que deixa o PP en mal lugar para as xerais; as enquisas nos Estados Unidos que sitúan a Bush á altura de Nixon como un dos presidentes peor valorados do seu país; a vitoria dos islamitas en Turquía, seica moderados e pragmáticos (agardemos); a fuga radioactiva nunha central nuclear de Xapón, etc. En Galicia, no segundo aniversario do bipartito, de momento sen incendios e esa é a mellor nova posible: que dure. E para os que quedamos en Ourense, un mes de xullo case fresquiño: unha marabilla. Os que estaban na praia, menos contentos.
E chega a hora do lecer e as Andoliñas van repousar un mes. E morre Ingmar Bergman, sentímolo ben, velaí vai un bo anaco da nosa mocidade: por sorte está a saír en DVD case toda a súa filmografía e revisamos cintas míticas como Amorodos salvaxes, Un verán con Mónica, Segredos dun matrimonio ou Fanny e Alexander. Confésolles que aínda non me atrevín de novo con Berros e murmurios: tal foi o impacto que me causou na súa estrea. Que o pasen ben, ata setembro.

EN POLEIRO ALLEO. A política anecdótica (X.M. Sarille, ECG 31 xullo)

(Non abundan estes días os balances rigorosos do primeiro bienio do goberno bipartito. O de X.M. Sarille, dende a esquerda e o nacionalismo, é, como era de agardar moi crítico: velaí o artigo completo. A imaxe é de Gentileschi).

Non se sabe apenas nada da nova organización administrativa do territorio, da división de Galiza en comarcas, rexións e áreas metropolitanas, comprometida no programa do bipartito.
O país perde poboación e ignoramos as medidas, os plans, as ideas para a recuperación. A Cidade da Cultura é un enigma grandioso, resulta un misterio saber onde se situará o prometido por Zapatero, onde se incrustará Latinoamérica, onde as ideas das forzas da cultura, as das cándidas e ilusas reunións deste outono.
Nada sabemos do Plan integral para Ferrol, ao que se lle dá unha man dialéctica cando visita Santiago algún alto cargo do goberno central.
Hai outras débedas e máis responsabilidades ante os cidadáns, tanto do goberno como da oposición, tan gris, desorientada e sucursalista esta última. A fracaso máis grave deica agora é o da reforma estatutaria, un espectáculo de quinta división. E a agonía do idioma galego, da que ninguén quere falar. A rexión europea e o lume deixámolo para cando pare de chover.

CASA DE CITAS (remexendo no arquivo)


A esquerda perde a alma cando ten que gobernar

Cando a esquerda chega ó Goberno esquece calquera tipo de mobilizacións. Por iso fai falla seguir mobilizándose para dar sinais de vida. A subversión en democracia pasa por facer a revolución sen tomar o palacio de Inverno. Moitas das iniciativas de Zapatero teñen forza porque ten detrás o mundo latinoamericano. Por iso, as accións críticas teñen sentido: revelan que non se poden tomar decisións sen contar coa xente. A esquerda perde a alma cando goberna. Fan falla iniciativas que lle lembren que fai falla loitar por unha igualdade social efectiva.

Gianni Vattimo, filósofo italiano, nunha entrevista de El País, 20-I-2006.
A foto que faltaba...

Hai uns meses falouse abondo nesta casa da histórica xornada do 12 de outubro de 1936 en Salamanca, cando Unamuno pronuncia o seu famoso discurso ante o xeneral fascista Millán Astray. Hoxe, en homenaxe a aquel gran aceno, un dos meirandes da historia político-cultural española, recupero esta foto: Unamuno e o bispo Pla i Daniel sáíndo daquel acto entre berros e mans en alto de saúdo fascista e ollos de odio e ira. (A calidade da foto non é boa, excusas: publicouna El País na súa escolma fotográfica sobre a guerra civil)

30 jul 2007


VERMEER E O SIMBOLISMO DA PERLA
La Región 30 xullo

A moza da perla. Podería ser unha película muda, como as dos mestres primixenios do cine, que nos ensinaon unha nova linguaxe: todo está dito nos planos, nos movementos da cámara, na mirada dos actores; os textos son secundarios e a historia podería ser perfectamente intelíxibel só coas imaxes. Falo de “A moza da perla” (2003), a magnífica película de Peter Webber baseada na novela do mesmo título da norteamericana Tracy Chevalier, un dos éxitos literarios dos últimos tempos. Importa moi pouco que a historia sexa imaxinaria: o xenio e o misterio do mundo de Jan Vermeer respira por cada poro dos fotogramas, un mundo de amarelos, azuis e ocres cunha impresionante riqueza de matices e suxestións. A fotografia do portugués Eduardo Serra fai o miragre de introducirnos na sociedade holandesa do barroco, nese Delft do século XVI tan preciosista nos interiores e tan descarnado nos exteriores, mentres que a música de Alexandre Desplat conduce o cachón de sentimentos que as imaxes traducen. O labor do director, neste caso, pasa desapercibido, pero iso non é un demérito, como se ten dito: non se pode competir coa sensualidade e o erotismo que se desprenden as telas de Vermeer. Todo estaba xa no cadro...

Identidade oculta. Aínda hoxe non se sabe quen é a moza da perla que retratou o holandés. Unha cativa de doce ou trece anos que podería ser a filla maior do artista, aínda que as datas non cadran. O que si é evidente é que hai moito amor e moito misterio nesa mirada, unha das obras mestras da arte de todos os tempos. Hai un momento de especial tensión dramática na película de Peter Webber: aquel no que, tras negarse repetidas veces a rapaza, ó cabo accede a colocarse, cando está a posar para a coñecida táboa, as perlas da propia esposa do pintor, un fulxente punto de luz no medio do cadro, pero tamén moito máis, un símbolo da sutil relación que entre pintor e modelo se establece, chea de múltiples matices de sensualidade, fascinación e misterio.

Simbolismo. A perla na orella da moza era, segundo Norbert Schneider, un símbolo da castidade. Foi un motivo moi presente na pintura do Renacemento e no Barroco: o propio Vermeer insistiu nel, pois o citado autor recolle este elemento ata en en doce retratos femininos da man do artista (“Vermeer. Sentimientos furtivos”, Taschen). Para demostralo o crítico acode ó místico Francisco de Sales que escribiu no século XVII que era un costume habitual nas mulleres pendurarse perlas das orellas polo pracer causado cando aquelas tocaban a pel ao moverse. Pero, na súa “Introducción á vida devota” (1608, oito anos despois publicado en Holanda), engade Francisco de Sales: “Dado que eu sei que Isaac, gran amigo de Deus, enviou pendentes á pura Rebeca como sinal do seu amor, penso que esta xoia significa en sentido espiritual que a orella é a primeira parte que un home quere ter da súa muller e que a muller debe conservar máis fielmente, de tal xeito que non debe traspasala ningún discurso ou tono que non sexa o doce son das palabras castas, que son as perlas orientais do Evanxeo”.

A autopsia da novela, de Xoán Tallón

O pasado xoves presentouse no Liceo ourensán A autopsia da novela, título que leva a primeira novela do autor de Vilardevós, xornalista e escritor, Xoán Tallón (autor tamén hai anos dunha interesante biografía do xornalista republicano e mártir Jacinto Santiago).
El Correo Gallego ofrece hoxe unha entrevista co autor e tamén unha moi breve referencia do que eu dixen no acto do Liceo da semana pasada.


León e Olvido, de Xavier Bermúdez

Se alguén aínda non a viu, que non perda hoxe a oportunidade: na TVE-2, ás 22 h., ou que aproveite para gravala. Paga a pena, non se arrepentirá.

Velaí o seu argumento, premios e moitos méritos.

EN POLEIRO ALLEO. Afán de comunicar e saber (Alfredo Conde, ECG, 30 xullo)

(Sen dúbida, teño que estar agradecido ó escritor Alfredo Conde polo entusiasmo que amosa xa en varios dos seus artigos a favor deste blog. Entusiasmo compartido por todos/as, pois, como el mesmo di, esta é unha aventura intelectual compartida, casa común de moitos amigos/as)

Os tempos de Erasmo foron xerminais. A entón a penas recén estreada imprenta, permiteu que os coñecementos circolaran con unha velocidade que daquela semellaría vertixinosa. Xa non era preciso o monacal traballo dos copistas e dun libro podíanse tirar centos e centos de exemplares que os intelectuais europeos se intercambiaban cunha frecuencia outrora nin soñada. O saber espallóuse moito máis e moito máis rapidamente do que ata ese momento o fixera. E notóuse.
Vendo o que sucede coas uvas na solaina -xa me entenden, os que me siguen, e, os que non me entenden, saiban que falo dun blog moi nutritivo- non podo menos que evocar os tempos de Erasmo. Hai uns días os máis asiduos e pertrechados lectores do blog participantes nas terturlias, debates ou polémicas que nel se producen a cotío, empezaron a largar, cousa fina.
Largaban coñecementos, largaban opinións, loubanzas e críticas a esgalla, intercambiandoo todo entre eles a traves dun fair play intelectual que embelesaba. Permitíao a internet. Eran os tempos de Erasmo redivivos. Chegado un momento empezaron a intercambiar bibliografía, datos, referencias de todo tipo e, os ocultos lectores do seu faladoiro, poidemos disfrutar o que non estaba escrito: é dicir, non só o que non esperabamos, se non tamén o que intuiamos detrás da ausencia de mezquindade intelectual de todos eles; é dicir, unha xenerosidade que non implicaba pedantería ningunha e si moito afán de comunicar e de saber, de inquirir e resolver. E todo Made in Galicia. Os que siguen ese blog de certo que han saber ó que me refiro. Cultura actual, cultural universal e universalizada, os grandes temas da contemporaneidade, expresados en Galicia e en galego con idéntica desenvoltura intelectual que a que un pode atopar por aí adiante, neses países que disque van diante e tantas veces non é mintira.
E, mentres, a cultura oficial, qué? Pois facendo bo o aserto de que o millor ministerio de Cultura é o que non existe. Moito máis valido, o aserto, nun país coma o noso que debeu de estar maiormente habitado por campesiños e mariñeiros a selo por unha clase funcionarial que lle imprimeu o carácter que substituíu xa a aquel outro, enraizado na lingua e na cultura na mesma medida na que este, funcionarial e espeso, se esta a desenraizar delas. Aquela lingua servía pra algo, este castrapo noso de hoxe pode empezar a servir se o camiño de xente como esta da que estamos a falar é seguido pola máis da tribo, coa mesma fineza de espírito

29 jul 2007


A calumnia
Pan por Pan 29 xullo

A escritora Lillian Hellman (1905-1984) é un dos grandes nomes do teatro norteamericano contemporáneo, ó carón de Arthur Miller, Tennessee Williams e Edwar Albee, entre outros. A súa obra máis famosa foi “A calumnia” que William Wyler levou ó cine en dúas ocasións: primeiro co título “Eses tres”, en plena vixencia da censura radical do Código Hays, e logo na coñecida película que interpretaron Autrey Hepburn e Shirley MacLaine. Revisitei a cinta estes días para comprobar a súa plena frescura e vixencia: cambiou o mundo e quizais a homosexualidade sexa vista con máis naturalidade, pero é ben fácil imaxinar unha situación como a que describe a obra teatral: a cerrazón hipócrita de toda unha sociedade sobre dúas persoas estigmatizadas e condenadas sen apelación. Sempre foi difícil admitir a diferenza e a liberdade: nos tempos de Lillian Hellman e nos nosos.

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1975. os poemas a Moraima

Bo ano de libros o último da ditadura con Franco vivo, nun tempo político sen dúbida moi conflitivo (folgas xerais de Ferrol e Vigo). Publicábase a novela de Carlos Casares, Xoguetes para un tempo prohibido, unha das obras máis autobiográficas do seu autor, premiada meses antes co premio do 25 aniversario da Editorial Galaxia. Tamén é das mesmas datas o primeiro wéstern no noso idioma, obra de Xosé Fernández Ferreiro, A morte de Frank González, que abría así a aposta por unha literatura en galego para todos os públicos (a chamada "literatura de quiosco"). Da mesma andaina é a edición castelá de Las musarañas, de Blanco Amor; Os inmortais, de Xoán Ignacio Taibo (colección O Moucho); unha versión de Contos de nenos de Perrault, por Edelmira Cacheda Otero; Campo e mar aberto, contos de Dora Vázquez, e Cantarelas e contos prá xente miúda, de Xosé Neira Vilas.

A poesía ofreceunos en 1975 títulos tan emblemáticos como Onde o mundo se chama Celanova, o derradeiro libro de versos de Celso Emilio Ferreiro, publicado pola Editora Nacional, con texto bilingüe: na segunda parte do volume, ‘Moraima: Diario de a bordo’, están algúns dos mellores poemas de amor escritos na nosa lingua. No mesmo ano saía Al césa
r anano, un folleto con poemas seus en castelán contra Franco (co pseudónimo Stow Kiwoto Lumen) e iniciábanse en Akal as Obras Completas do escritor de Celanova, prologadas por Alonso Montero e con debuxos de Xaime Quesada (saen nese ano os dous primeiros volumes). Outros libros poéticos do ano foron Paso soa de luz, de Miguel González Garcés, publicado por Adonais en versión bilingüe; Non vexo Vigo nin Cangas, de Bernardino Graña (quen dende 1966, con Profecía do mar, non publicara novos versos), na colección Val de Lemos da monfortina Xistral; Oriolos neneiros, poemas de Dora Vázquez, e Vento antergo, de Luís de Souza. No campo do ensaio rexistremos obras como Lembrando a Castelao, de Ramón Piñeiro (...)

EN POLEIRO ALLEO. Repeinados fillos da nada, de Alfredo Conde (El Correo Gallego 29 xullo. Foto Gallego)

Repeinados fillos da nada. Iso somos todos. Cada quen no seu sitio, máis sinalado algún, menos sinalado outro, mesmo máis repeinados uns ca outros, todos somos iso. Fillos da nada, algúns algo repeinadiños. A expresión utilizóuna un bloger, se é que dun bloger se trata aquel que participa nun blog. De ser así, de estar eu no certo e atinar coa definición, cousa que dudo, o bloger deste caso que comento escribeu tal cousa no que coordena Marcos Valcárcel. Dise coordena pois que xa non é del, senón de todos, patrimonio común, ben patrimonial y-lo-que-te-rondaré-morena. As uvas na solaina. Os de sempre xa saben de qué falo. Non fai falla, pois, que reseñe de novo a páxina web na que recibe.
Marcel Swann, a qué me soa, é o nome do que bota man o oculto bloger pra se presentar. Di que eu caíalle pior cando mandaba algo. Pero que iso sempre pasa. Ten razón. A mín tamén caíame ben pior esta miña sucesora de hoxe ata que, aí atrás e dende atrás, reparei nun feito incuestionable. Ten unhas fermosas pernas. Con tan harmoniosas e sólidas columnas debería manterse ben o noso cultural constructo, o que ela está a edificar e sen embargo. Así que é millor que Marcel Swann non se confíe.
Sen embargo, reconozo que eu son dos repeinados; dos repeiteados, diríase más ben. Victor Freixanes diría dos estirados, referíndose a el e máis a mín, que algo si debemos selo, terei que mirar a ver. Son dos estirados. A veces mesmo polos catro cabalos da apocalipse a turrar de mín por cada unha das miñas catro extremidades, agás a quinta que, a estas alturas, xa empeza a molestar menos. Pero aínda. Sen embargo.
Ás veces é tanta a soedade, tan inxente a melancolía dun mesmo, que unha frase, a de Swann, tamén a de a.p.-c. nese mesmo blog, me aclara o día e saborexo unha caña con arume dos piñeiros e leituga. Non hai coma ser un fillo da nada e se saber na propia condición. Grazas por recordarmo. De aí pró norde todo é sol.
E sen embargo. Sen embargo-nembargantes-arestora que adoitaba dicir con moita sorna morna o finado do Conde Corbal, aquel entrañable mostacho, a das bonitas e columnarias pernas aínda non declarou BIC ó blog inusual de Don Valcárcel. Xa o fará, non se preocupen. De non facelo ela, farémolo nós, os despeinados fillos da nada. Pra empezar, ó par da caña eu agasallo cun BIC, non servirá pra nada, pero debuxaremos garabatos. Tan afeitos estamos algúns a nos meter sempre en dibuxos. En todo caso, grazas, meus repeinados fillos da nada.

28 jul 2007








Libros e vacacións


Antes de saír de vacacións, hai que escoller algúns libros que nos fagan compaña neses días. Tarefa ben difícil: hai un cento deles agardando, moitos deles ben importantes, e outro cento que imploran tamén o seu dereito a compartirme como lector. Pero, en fin, hai que escoller. Polo camiño mercarei algúns máis, seguro. E seguro que irán na maleta cando menos estes catro: o último poemario de Anxo Angueira (Fóra do sagrado, Xerais); un amplo estudo sobre La poesía de Quevedo (Universidade de Vigo), de Manuel Ángel Candelas Colodrón; a primeira novela de Lois Paradelo, Xelamonite (Galaxia) e, moi recente (chegou hoxe), a última entrega narrativa do xenial Xosé Miranda (As mans do medo, Xerais, colección Fóra de Xogo). Esa é a miña escolla hoxe: poida que algo teña que ver que os catro autores son bos amigos. Xa lles contarei se teño tempo para lelos todos.


Unha frase de Quintana na Quintana
Andoliña 28 xullo

Leo nos resumos da prensa que a arenga de Anxo Quintana en Compostela incluíu esta frase: "Nin o galeguismo histórico nin o nacionalismo contemporáneo entenderon nunca o exercicio do dereito de autodeterminación como un feito puntual nin como unha decisión plebiscitaria, senón como un proceso dinámico para lograr maior capacidade de autoorganización e de autogoberno". Eu estaría de acordo, se se me permiten algúns matices nese "nunca": en moitos núcleos nacionalistas pensouse sempre no dereito de autodeterminación co esquema clásico dos movementos anticoloniais dos anos 60.
A autodeterminación como un proceso vivo, constante e dinámico, que non se esgota nin se identifica necesariamente cun acto constitutivo no cal a nación se dota dun poder político propio. Non é, por suposto, un concepto novo. Hai bibliografía ó respecto: por exemplo, Gurutz Jáuregui, Contra el Estado-nación, 1986. Pero si supón un elemento modernizador no ideosistema desta forza política.
Agardo que o Bloque siga adiante nesas teses: as mesmas que defendían os militantes do PSG-EG nos 80. Daquela, por dicir iso, algúns alcumábanos como reformistas, liquidacionistas e traidores.
ENTRE HORTAS E PORTAS (Xosé Manuel González)
7. Espectros na brétema
.

Cedo ou tarde?

Non digo que acontecese. Pero no 1969, un serán de xuño, víame no serio apuro de volver para a casa e recoñecer, por primeira e nunca suposta vez, que suspendera tres materias a fin de curso. Menos por pensar ca para atrasar o inevitable, no canto de enveredar por onda o Seminario tirei cara ó parque; xa viña neboeiro do río. Baixando Recatelo aínda o ánimo non tivera a ben comparecer e en vez de Ronda arriba botei Ronda abaixo, só ata o vello poxigo, para entrar e pola rampla subir á muralla. Andando só a angustia non marchaba, ao revés; polo menos, atrasábase a hora da decepción familiar.

En Lugo a brétema pode xurdir calquera día, pero en fin de primavera non é moi corrente aquela pea soup, como seica din en Londres. Onda as traseiras decrépitas da rúa do Miño quixen contemplar o balaústre de Dona Urraca; forzaba a ollada cando unha voz grave, con extravagante fonética, deixou oír curiosas palabras: “A escudeiro moço é devido mostrar valentia”.

Revolvinme súpeto á dereita, pois aquela dición que lembraba os antigos romances era posiblemente o que menos esperaba escoitar naquel lugar pretendidamente solitario. Tiña a carón unha como fosforescencia que medio se impoñía ao neboeiro; pero medida e contorno deixaban sospeitar tamén algo humano e, en efecto, logo se fixeron aparentes, primeiro, xibón, capa, calzas, botas, despois un rostro barbado en cabeza cuberta. Alta e arrogante figura que, descubrín, tamén levaba espada. “Que quere?” “Trago ajuda”. “Quen é?”. “Alma soo; fui homen e ua vez d’aquí mirey”.

“Éche o Espírito do Tempo Pasado como eu o do Futuro, segundo me avisaron”. A outra voz, algo enfastiada, viña da esquerda, e alí había nova ardora e humanidade cuberta por engurrada chaqueta, pantalón e zapatos. “Dentro de vinte e cinco anos hanme chamar Manolo Meiriño, vivirei encasoupado aí polo Carme e vamos axiña, que non me quero atopar comigo en versión infantil”. Case paralizado, sentín como me collían de cadansúa parte; considerándome alucinado, pouco estraño me foi o de descolgármonos polo pano da muralla que ningún transeúnte advertiu, pois ningún había; canto aos dous condutores do Seat 600 e o Simca 1000 circulantes no momento, terían dabondo que facer furando coa vista na sopa de ervellos. Nun tris estabamos na Porta Miñá e alí quixo parar aquel para min solemne individuo. “O amor que me adusse! Soidade de sennor ou cortesia... Poren non era eu eno mundo en era de mil e duzentos”; ollaba unha lápida colocada á dereita da porta na que eu nunca antes me fixara. Pero Meiriño, ou o que fose, deunos para adiante: “de boa gana miraba eu tamén a onde ha chegar o señor Mingos dentro dun tempo, e a Mercediñas” -acenaba cara a onde as prostitutas se amosaban, movendo as canelas contra o frío- “pero non lle hai ocasión, señor trobador; aquí vimos ao que vimos”.

O cabaleiro riu francamente. “Vossa mercee é putanneiro e semella fodedor. Frade sabia eu de tal guisa, e abadessa de que aver proveyto. Mas non haja oimais escarnno en presença do pastor”. Estaba eu certamente escandalizado, non por feitos e palabras seren para min totalmente novidosos, senón por tan abertamente usadas e referidos. Pero xa culminaramos a rúa do Miño e o portador de espada encamiñábase, primeiro, pola da Catedral (algo dixo de “Iohannis Rulan” ou así), despois cara á basílica mesma ata o pé do Pantocrátor.

Contemplou o Cristo en maxestade coma cousa familiar, fixo reverencia e meteunos dentro. Onda a pía da auga bendita santiguámonos ambos; Meiriño -que inicialmente non- acabou facendo o mesmo, quizá xulgándoo cousa que a ocasión demandaba. Dubidou o guía, pero acerto ou casualidade levouno cara á esquerda ata a Capela da Virxe dos Ollos Grandes, onde apenas unha velliña, unha moza e dous homes paraban naquel intre; notoriamente as dúas ardentías non eran visibles para eles, por canto só a min a rapaza dedicou breve e disimulada ollada ao que o titulado trobador me levara ata un dos reclinatorios da dereita instando a “preegar por vós e por min”. Boteille un breve Padrenuestro e, en tanto o parceiro remataba máis delongada prece, considerei de esguello como o outro, que non axoellara, con leve sorriso irónico parecía ensumido en cousa como evocación; alí cabo miña, sentinlle lene rosmido: “Gustaba de saber que será por este tempo do Gaiarre, no seu tobo das Rías Baixas”.

Saímos á Praza de Pío XII, e no medio do adro e néboa o tal Meiriño tomou iniciativa en tanto o compañeiro de misión asumía posición secundaria. “Mira, rapaz, ti estás un apuro e mandáronnos aquí para orientarte. Segundo ves, o fidalgo ten boa crianza, o que non sei é a quen se lle ocorreu escollerme a min, que nin de min mesmo dou gardado; supoño que alí, onda a Porta do Carme, non había nada mellor á man”. Parou e gargarexou; fungou algo así coma que “agora, o que tiña era eu que ter xa sete ou oito zóspiros tomados, e máis con esta borraxeira do carallo”. Decateime de que levaba máis de media hora sen dar chío pero seguín calado, el xa volvía: “non podes ser tan cagán porque é inútil: tes que ir á casa, dicirlles aos patróns que suspendiches e aturar o que che caia. Ti fuches un pasmón: de toda a vida, o que che gustaba eran a Historia e a Literatura, pero nada: polo que din das saídas, que seica ao mellor acabas enxeñeiro e non sei que conas, vas e matricúlaste por Ciencias”.

Sabía a miña vida coma min. “Non che digo o que tes que facer, cadaquén labra a súa leira, cago no leite negro, pero eu de ti pensaba se vas ben ou cómpre mudanza”. “Quiçá quadrivium non é bon consello; quiçá trivium for mellor, e cantigas de Johan Romeu, Lopo Lias, Coton e El Rei don Afonso. Esforço e valentia, escudeiro luguees!”.

Ergueu ollos e fronte o barbado, concentrou a mirada o da chaqueta engurrada. Fitáronme ao pé de medio minuto e deron volta cara á rampla, Meiriño calado e de mans nos petos, o outro entoando un aire no que quixen entender as verbas “Que me queres, amor”; subiron á Muralla e tiraron á dereita, posiblemente cara á Porta Miñá. Por un momento quedei parado no adro, despois botei a andar coa cabeza remoendo. Na Praza do Campo subín soportais arriba. Á esquerda quedaba o Antón Grande -sen barba, con melena, sen coleta- rebrincando onda unhas nenas. Pasei onda as tabernas, nunha certa moza fermosa e elegante -a quen lle chaman Julia- atende os parroquianos; no mostrador dunha segunda -por dentro- ten os cóbados Xaime Dapena e asoman as bochechas coloradas do Rodri suxerindo qué tal iría se, en vez de bar, tivesen unha tenda de discos e roupa: “menos soño, rapaces, que hai clientela” di desde atrás a señora Lola Ceide; “unha de naturales!” piden noutro sitio e sae un home portando bandexa de grosos, celmentos e fumegantes mexillóns.

Todo iso pasa pero eu nada vexo, vou na rúa da Cruz camiño de San Roque. Hai que dicir na casa que suspendín as Matemáticas, Química e Debuxo Técnico; aguantar a arroiada e, no cabo, anunciar que quero cambiar para Letras. A brétema levantou.

27 jul 2007


EN POLEIRO ALLEO
(Imaxe do artista italiano Alberto Sughi)

Os poetas e Deus, Helena Villar (OCG, 27 xullo)
Hai indagacións poéticas que pretenden descubrir ese camiño descoñecido que nace na emerxencia temporal do pozo escuro e frío que nos precede, e buscan a continuidade dese fluír no que procuramos algún xeito de inmortalidade. Neste longo camiño os poetas patentizan a miúdo actitudes moi próximas aos sentimentos relixiosos. Por exemplo, cando perciben de forma elexíaca un algo que perdemos e resulta difícil de reconquistar, feito que que conduce á saudade dun paraíso. Cando intúen que a morte é un momento supremo de transformación do dinámico en estático, do perecedeiro en eterno. Cando conciben o amor como a única enerxía liberadora e guía durante a espera. Ou cando se abrazan á paisaxe como á parte aglutinadora de nós mesmos cara atrás e cara adiante, porque é ela quen nos integra na harmonía do universo, na redondez edénica da prácida envoltura da que debemos proceder e cara á que camiñamos.

Falan de nós (e falan ben): Alfredo Conde en Narcisismo umbilical
Son, estes extremos que se recordan, consecuencia da lectura -nese impagable blog que Marcos Valcárcel mantén aberto baixo a denominación de www.asuvasnasolaina.blogspot.com- da última polémica habida nel por conta de Herge, o seu Tin-Tin e o filonazismo do debuxante belga.
De certo que sería difícil que os máis dos habituais do blog cairan en trampas saduceas de índole semellante á descrita. Agachados baixo pseudónimos amosan coñecementos e actitudes que se antollan alleas á máis da intelectualidade oficial, mesmo á non oficial-oficial, e fan desexable a súa irrupción nunha vida cultural que pide a berros un oreo, unha ventilación, consecuencia de novos aires e actitudes, tamén da posta ó día dunha comprensión do mundo baseada nos coñecementos e non no estricto orde escalafonal que rixe esta apampanada, esta estática vida cultural que padecemos, ofrecida por xente disposta a asinar calquer apoio que se lle pida pra calquer nación eslavona que se nos poña a tiro.

O pracer (Bieito Iglesias, OCG, 26 xullo)

Ver cine na sala de estar, pouco máis hai que rañar nun período estival que nos escorrisca das praias a poder de choviscas ou nordés. Por fortuna contamos coa expectativa de viaxar en agosto e cos actos do 25 de xullo para entreter a espera. Esta data tráeme bos recordos das verbenas do Santiago no barrio ourensán da Ponte, amenizadas polas míticas orquestras Bellas Farto ou Los Chicos del Jazz, co seu vocalista Manolito el Pescador á frente. Tamén das manifestacións anteriores á conquista da santiaguesa praza da Quintana polos nacionalistas, cando había que espilirse para safar das cachamorras da policía. O 24, amais do tradicional folión, este ano pudemos desfrutar dunhas recuperadas Vésperas do Apóstolo na sé compostelá. O 25 reservámolo algúns para soñar coa Alba de gloria de Castelao.


O partido do riso e da felicidade
Andoliña 27 xullo, Galicia Hoxe

Tal como recollía onte este xornal, Manuel Rivas dixo en Santander, nun curso da Universidade Menéndez Pelayo, que había que fundar "o partido do riso", a propósito do de-sagradable secuestro da revista El Jueves. Coincidía Rivas coa miña columna destoutro día en defender os bufóns e reivindicar a ironía: "Paréceme asistir a un episodio doutra época", afirmou o novelista. Pois ben, ese partido do riso, que dende logo sería un pouco especial e diferente das forzas políticas máis convencionais, debería ter como obxectivo non a habitual loita polo poder, senón máis ben a conquista da felicidade.
A este partido do riso non poderían pertencer, segundo o canon que xa citamos de Bertrand Russell, nin os envexosos nin os competidores compulsivos. Nin os fatigados nin os molestos e excitados. Nin os vencidos polo concepto do pecado. Nin os que padezan manía persecutoria. Nin tampouco os obsesionados polo medo á opinión pública. Todos estes levan canda eles as causas da desgraza e mal poden, pois, defender a causa da liberdade e do riso.
Os que queden fóra dese catálogo, que ó cabo serían poucos, militarán (militaremos de bo grao) no partido do riso.