31 dic 2007










Unha fascinante historia das nenas, por Apicultor

Un dos xéneros ensaísticos máis en voga nos últimos anos son os libros nos que se explica aspectos do pasado e do presente, das ciencias e da cultura, a nenos e nenas cunha linguaxe clara e sinxela. Son dúcias de libros os que posúen esta condición. Hainos mellores e peores, dependendo da capacidade narrativa e expositiva do autor. Hainos, tamén, extraordinarios.

Hoxe quero recomendárlles un excelente libro deste xénero. Agasallouno hai poucos días a historiadora (alemana de berce e galega de adopción) Henrike Fesefeldt a miña filla pequena, que o está devorando sen pausa. Henrike, toda amabilidade e simpatía, é a muller do historiador, e catedrático da universidade compostelá, Xosé Manuel Núñez Seixas, e, sobre todo, nai de dúas preciosas nenas. E fíxolle este regalo porque a autora do libro é a súa tía Wiebke von Thadden.

Nacida en 1931 en Tubingia, Wiebke von Thadden traballa como escritora free-lance e estudou historia e filoloxía latina en Göttingen. É tamén autora de varias novelas históricas. A obra en cuestión titúlase Una hija no es un hijo. La historia de las niñas desde la Antigüedad hasta nuestros días (Barcelona, Muchnick editores, 2001). En pouco máis de douscentas páxinas, a escritora establece un fluído diálogo coa súa neta Rebeca, no que lle vai relatando a condición da infancia ao longo da historia, e dentro dela o papel das nenas e das adolescentes nas distintas sociedades.

Un libro cheo de sensibilidade feminista (e feminina) e de coñecementos exactos, instrutivo e ameno, humanista e universal. Se teñen unha rapaza de máis de once ou doce anos a quen llo agasallar, sería unha boa idea. De paso, tamén o poden ler todos vostedes con total proveito e aprendendo moitas cousas, como vou facendo eu cando o libro queda libre.

30 dic 2007

Imos ter que crer no fado...



só un ano despois ou pouco máis da morte do seu fillo, tamén pintor.

O noso pésame a toda a súa familia, con especial agarimo para os seus irmáns Antonio e Carlos Quesada, tamén dous artistas excepcionais, cada un no seu campo, ademais de amigos.
En homenaxe ó artista vai tamén o cartel que fixo para a Asociación de Amigos da República no 2001, que me pasa XLC.


Benezir Bhutto.
Pan por Pan domingo 30 decembro
Nin sequera está claro quen a matou: puido ser Al Qaeda, ou os grupos próximos a Musharraf ou calquera célula integrista islámica. O único claro é que era unha muller fermosa e valente: en atentados morreron antes o seu pai e tres irmáns seus e aí estaba ela, sabendo o risco que corría. Din os que saben que nin sequera foi boa gobernante cando lle tocou e que con ela floreceu a corrupción. Pero agora xa é un mito da loita democrática.
Tamén está claro que todo vai cada vez a peor nesa área xeopolítica: Paquistán, Afganistán, Iraq. A democracia non se pode impoñer pola forza: ata Bush acabará por entendelo. Pero a descomposición provocada polo fanatismo, a ignorancia dos máis elementais Dereitos Humanos, tamén nos apuntan co dedo. Que facer? Eu dende logo non o sei. Algún día alguén fará unha película sobre Benezir Bhutto e alí parecerá todo moito máis sinxelo.

29 dic 2007

FÍRGOAS (1): COLEXIO PILAR.

Gustaríame encontrar a tecla que abre o disco duro e dende aí ir sacando, de vagariño, as lembranzas esquecidas da miña infancia. Pero non é tan doado. Para empezar, imos con algunhas anécdotas escolares da infancia que mesmo lles teño contado a algúns alumnos/as. Eles, dende o que coñecen hoxe e o que viviron, raramente poden crer que pasaban estas cousas. E non hai tantos anos. Ou si.

Da miña etapa infantil, un dos colexios que tivo maior pouso na miña vida, para ben ou para mal, foi o Colexio Pilar, que estaba no Parque de San Lázaro, ó carón do edificio sindical. Saiamos a xogar ó recreo ó propio Parque. A dona era unha muller que levaba ese nome e o seu marido chamábase Rubén, profesor de francés: polo que lembro este me quería ben.
Isto foi antes do ingreso, un ou dous anos antes. O colexio seguía as pautas represivas da época: era habitual castigarnos, cando nos portabamos mal (como sería iso, daquela?) deixándonos pechados, ás escuras, de pé e cun fato de libros en cada man, cos brazos en cruz. A profesora marchaba e volvía ó cabo dun rato, todos caladiños, ás escuras.
Unha profesora que vivía perto da miña casa (creo que esquecín o nome: mellor así) pediume unha vez o caderno de caligrafía ou do que fose. Non lle gustou o que viu e rachoume o caderno en varios anacos, diante miña e de todos. Quedei máis amolado que se me deran un par de labazadas.
Contáronme anos despois os meus pais que a tal directora nunha ocasión falara co meu pai e lle dixera que eu non servía para estudar, que nunca sería capaz, que mellor que me puxese a traballar no taller e aprendese un oficio (o meu pai tiña un taller de xoiería). En casa non fixeron caso, por fortuna, pero daquela anécdota quedou en min un certo respecto, case temor, pola responsabilidade que os profesores poden (podemos) ter para decidir o futuro dunha vida. Dende logo este tipo de contundencia, tan intransixente e ignorante, pode ser case letal.
Non sei cantos anos botei alí, non moitos dende logo. Naquela época a caligrafía era fundamental. Sentabámonos nuns pupitres pequeniños de madeira, que tiñan de fronte un rebaixe alongado, para colocar a pluma, e na esquina dereita, un buratiño para colocar o tinteiro. Se caía unha mancha de tinta había que empezar de novo. Ou borrar co secante e seguir logo.
Nunha ocasión, o neniño que eu fun debeu quedar sen tinta ou algo semellante. O caso é que mirou para o pupitre que estaba detrás, pedindo algo, e nestas sentiu un lóstrego de dor e crueldade incomprensible. A profesora (ou profesor?) aproveitou a ocasión para pegarme na cabeza con toda a súa forza e deixarme a boca esnafrada contra a madeira do pupitre traseiro. Non lembro moito máis: só o sabor a sangue na boca, algún dente roto e ir correndo para a casa, chorando, a uns quince minutos de alí. O meu pai indignouse con toda xustiza, porque era totalmente contrario ós castigos corporais e de feito nunca nos puxo un dedo enriba a ningún fillo.

Ó día seguinte xa non volvín a aquel lugar e cambiáronme de colexio, para outro máis achegado aínda: os Maristas, que estaban case en fronte de onde eu vivía nesa época, na Avenida da Habana (n.111 daquela). Por certo, enfronte, aínda que daquela case non nos tratamos, vivía un tal Afonso Vázquez-Monxardín: curiosidades da nosa pequena historia. Quero engadir ademais que os castigos físicos estaban totalmente estendidos e tamén en Maristas pegaban algúns "Hermanos" (e algún laico): a min case nunca me tocou. Só nunha ocasión caeume unha labazada por detrás dun crego, pero non se me ocorreu dicir nada en casa. Tiña alí xa todos os amigos e non quería mudar de novo de centro e sabía que se en casa se decataban (mesmo tiven ese medo unha tempada) o meu pai volvería a cambiarme de colexio.
Fototeca: Arturo Baltar, Risco, López Cid...

Para o convite da exposición de Arturo Baltar no Centro Cultural da Deputación usaron esta simpática e histórica foto, datada o domingo de entroido, 22 de febreiro de 1960. A foto é de Arturo Cudeiro e na calesa (non se sabe o nome do conductor), están, de esquerda a dereita: Adolfo Estévez, Arturo Baltar, José Luís López Cid e Vicente Risco.



Fototeca: Casares e Conde

Outra foto de hai uns cantos anos, arredor de 1982 (enviada por Monxardín). En Trasalba, na festa dos Premios, pero aínda sen carpas. Carlos Casares, a súa dona Cristina e Alfredo Conde en primeiro plano. En fronte debe estar Sixto Seco. O que toca as maracas podería ser, ten un aire, o Segade, profesor da Facultade de Dereito, pero quizais só sexa un paisano que se lle parece.


Actualización (30 dec.): como confirma nunha mensaxe X.L. Carrión, o paisano das maracas non é Segade, senón o señor Juan, que formaba parte da charanga do Cuco de Velle. Engadimos unha carátula deste grupo festivo musical: o señor Juan está no centro do grupo, por baixo do Cuco de Velle, alma mater do grupo.


Xosé Cuiña deixa orfa a dereita galeguista
O ex conselleiro da época Fraga Xosé Cuiña faleceu onte no Clínico ó non superar unha dura pneumonía bilateral complicada cunha lexionela de evolución moi rápida (foto e titulares de Galicia Hoxe).
O home que o foi case todo no país galego
O político que tivo un soño imposible (polo de agora)

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé M. González
25. Festa, sombra, melodías.
O Jimmy de Rairo, disque,
ten encontrado entre hortas e portas algún tempo suspendido.
Para el é esta mónada luguesa.

(Foto tomada de http://sanfroilan.lugo.es/postais.asp?cat=Antigas: páxina ben interesante por certo de postais antigas, engado eu, M.V.)

A máis dalgún non oriúndo, a epigrafía local mantén lembranza de tres compositores. Fica extramuros a vía dedicada ao máis recente, Jesús Bal e Gai, e menos popular; pasou moita vida lonxe, non é o labor musicolóxico para multitudes, rara vez se encontrará obra del en repertorio de banda. Naceron os outros dous na Rúa Nova; o máis vello pertence ao Rexurdimento, epígono ou continuador é o máis novo e en tal liña cadansúa peza son ou foron emblema local. Que ambos nomeen rúa no casco vello igual ten fundamento no ano da respectiva morte (1899, 1948) e a escasez do Lugo exterior ata os cincuenta; ou se cadra é debido á máis doada popularidade. Arestora, chámase Xoán Montes un instituto de ensino secundario, Gustavo Freire un auditorio; casualidade ao mellor, volve resultar suxestivo o caso de Bal: dálle nome á residencia universitaria.

Nos anos sesenta, bandas e corais adoitaban interpretar, rexistrar en disco “Negra sombra” e “Festa na Tolda”. Polo topónimo incluído, calquera lugués identificaba a segunda coa propia cidade, relacionase ou non o título con aquel asubiado tan corrente. O da primeira non é sinxelo explicárllelo aos mozos arestora; quen fora Montes, o título e comezo da letra debían integrar o patrimonio inmaterial común. Eran, polo menos, coñecemento moi xeneralizado; un dato: que lembre, non me constaría que o poema o escribira Rosalía de Castro ata ter eu dezaseis ou dezasete anos. Quen sabe cantas veces levaba xa escoitado “Negra Sombra” pola radio, en palco ou ante o busto do compositor, no Xardín de San Roque.

Estaría máis difundida, entre os restantes galegos, a autoría rosaliá. Pero deles, aparte saudade e metafísica, posiblemente moitos non desdeñasen considerar o texto como ex libris xeitoso para a cidade amurallada, aló no seu outeiro; onde o escuro treboento do país se fai alta pantalla e un escaso neón mantén xenuína sensación de noite; onde a néboa, que aparenta acomodada, sen ser negra volve sombras os contornos. Pola contra, con Freire alborexa a romaría na linde fluvial, un arrecendo a herba seca trae sinestesia case alimenticia, pon no cerebro acougante nova de que o verán lles dá tregua e vitamina a óso e artello. Pasa a banda, queda a gaita; sobe e estoupa un foguete, entre a misa e o xantar hai encontro, leria e recoñecemento.

O lugués goza coa festa e tamén se sabe sombra; grande é aínda o prestixio de Montes, sesenta e pico anos xa na cova. Realizara moito labor en Lugo, non foi un dos menores traballos fundar e dirixir o multilaureado Orfeón Gallego onde cantara o meu veciño Luís, pai do Pirulo; nos oitenta, coma o músico tamén se había chamar outro orfeón, dirixido polo Enrique Alvarellos que tiña academia e editorial case ollando aquel mencionado busto. Antes, agrupación distinta abrangue boa parte da sona en materia de música tradicional: Cantigas e Frores; botou un tempo inactiva, pero fotos e imaxes traen vizosa memoria de cando o feito lingüístico e nacional galego tiña acocho e expresión pública no folclore. Os Montes, Os Amigos... tercetos e cuartetos, con diana e alborada, provían alegría fronte a algún desprezo; houbese ou non gaiteiro en Penalta, ninguén probablemente o encontraría “coma un príncipe cumprido”.

Porque “música culta” era idea distanciada do “regional”, e tamén modernidade. O Círculo das Artes fornece marco para a Sociedade Filharmónica programar concerto e sinfonía; “marco incomparable do Salón Rexio” non vulgariza o concepto, resulta lucensemente exacto: ningunha outra sala á altura, con leve dúbida para a lembranza do Gran Teatro. A sociedade fomenta así mesmo o instrumental de corda: Tino Prados organiza un Grupo de Pulso e Púa; xorde o Rocho Musical. Considerada máis selecta, a solfa chamada clásica ten o prestixio do exclusivo e distinguido; espiñento resulta afirmar -a teor de experiencias posteriores- que sempre a audiencia compartise melomanía ou ficase libre de carraspeira. Sexa como for, afección hai; e empezando os setenta xorde a Semana de Música do Corpus.

Pero se un di popular, a máis da resistente gaita refírese inequivocamente a banda e orquestra. Gusta o lugués adulto, non despreza moito mozo, das agrupacións con gorra de prato e habitual vestiario azul: ten sona a Lira de Ribadavia, algo equívoca a de Celanova e na provincia a de Sober; esperta interese o grande e prestixioso colectivo que veña en ocasión especial. Pero sobre todo, ante todo, a Banda Municipal de Lugo, dirixida polo Mestre Méndez, é unha das cousas que o cidadán coñece e verifica por súas e ben feitas; xoves pola tarde, domingo á mañá son as semanais e concorridas exhibicións, na Praza Maior.

Onda a orquestra hai encontro de vellos e novos. Aqueles oen, botan o pé se toca pasodobre; estes danlle a todo, ao que poden se cadra ou lles deixan. Sesión vermú, festa, verbena... Cada cidade ten o seu creto ou mito; Poceiro en Pontevedra, Pontinos de Ourense, Trébol ferrolá... Sintonía viguesa, Satélites ou Españoles; por riba, atinxible canto á música, de incomparable semántica, aquel grupo cun nome do río Tambre e o único Boedo. Acaban os sesenta, Pavillón dos Deportes; entre dúas cancións, conta un conto: fóra do país, entra na barbería, demanda servizo, pregúntanlle se é galego, “no”; reitérase logo a pregunta, “no, aféiteme”; entra un compañeiro, igual Prudencio Romo ou Paisal, “Pucho, vés agora?”, “despois, desque me afeiten”; barbeiro: “oiga, ¿por qué me ha negado que es gallego?”; “muy sencillo: es que no me gusta darme importancia”.

En mal tempo para tales alegrías, emerxendo, Pucho Boedo e Os Tamara presumen polo mundo de galegos. O país devolve enorme popularidade: en toda Galicia, grupos e orquestras mandan correr a Carmela, que chove; compadecen os mariñeiros de Noia, cegado porto de Compostela. Con diferente aire e motivo, a luguesa Clave, se cadra, no San Xosé das Gándaras pregunta polo carro do Manolo; a Vélez evoca un rancho grande en Domingo Tallo; Kalú ao mellor -e co Julito no palco, movendo o pedido cigarro, vertixinoso e incrédulo ante tanto protagonismo- mándanlle a Alma Llanera na Praza da Soidade. Probablemente, en todas partes remata a Muiñeira de Chantada.

Rock e achegados son asunto exclusivamente xuvenil, madia leva, e para iso limitado, baixo certa sospeita. Curioso que o primeiro grupo de guitarra eléctrica e batería forxe nome baixo o abeiro dun influínte cidadán, Alejandro Santín Díaz; Los Alesandi abren camiño polo que andarán Nez, Amable, Moreno, Grandío... Dous programas da SER -“Superventas” e“El Gran Musical”-, un de Radio Popular de Lugo (“Aquí la Juventud”) facilitan encontro, non ficamos sós. No espazo lugués da COPE, cara ao público, sábado á tarde, Manolo Lombao ofrecerá escenario, actuación para moitos; virá tamén folk, O Carro, Sendas del Folk, Fuxan os Ventos, máis tarde A Quenlla. Historia, porén, que me pide outro relato.

A memoria, o tempo, os afectos
Andoliña sábado 29 decembro. Foto William Wegman.

Hai unhas semanas aparecía en varios xornais unha nova de carácter científico sobre a memoria que me gustaría rexistrar aquí, neste meu diario, tamén de afectos e descubertas. Contaban aqueles xornais que uns investigadores da Universidade de Buenos Aires concluíron que a memoria garda con máis facilidade datos vinculados a algunha carga afectiva. O cerebro garda aínda milleiros de misterios, moitos deles asociados á memoria: non podemos lembrar todo, é necesario que vaiamos borrando datos do disco duro. Ou quedarán por aí esquecidos, perdidos nalgún recuncho ignoto, ata que alguén aos resucite de novo?
Todos sabemos que as persoas maiores poden lembrar cousas da súa infancia e esquecer as cousas cotiás só poucas horas despois. Todo iso debe ter moito que ver cos niveis de emoción, como din os estudosos arxentinos. En realidade, eu creo que xa o sabiamos, sequera como intuición. Sabíano dende logo os poetas e os artistas. Como a dama namorada do trobador Xulián Bolseiro, cando lembra a brevidade das noites de amor co amado e se angustia ante a longura das horas en que o amigo está ausente, imprecando así a Deus: "porque as non fez ataes (as noites) / no tempo que meu amigo/ soia falar comigo?".














William Wegman.
Pan por Pan sábado 29 decembro. (Na foto superior, W.Wegman co seu can Fay Ray, nun retrato de Annie Leibovitz)

Onte colguei neste recuncho, falando dos animais e das súas emocións antes negadas, unha foto de William Wegman. Hoxe vai outra. Wegman é un fotógrafo norteamericano obsesionado cos cans, en concreto cos da raza weimaraners. En 1970 colleu un inexpresivo sabuxo que nacera no seu estudo e chamoulle Man Ray en honor ó gran fotógrafo do surrealismo. Logo veu o resto da familia: Fay Ray, Crooky, Chundo e a agarimosa e sexy Batty.

De todos eles fixo William Wegman múltiples fotos e tamén vídeos e ata performances: moitas desas mostras pódense encontrar na rede. Se un dos obxectivos de calquera artista é encontrar a súa propia voz, este fotógrafo atopouna con estes cans, disfrazados, envoltos en exóticas escenografías, humanizados sempre. Quen lles dera a moitos actores ter a expresividade dos canciños das imaxes de William Wegman !

28 dic 2007


Das emocións dos animais
Andoliña venres 28 decembro

Emocións animais: diso tratou un dos documentais da Dúas de onte. Hai anos os científicos só admitían o concepto de instintos e negaban a existencia das emocións no mundo animal, isto é, accións nacidas no cerebro, ás veces imprescindibles para a supervivencia. Por exemplo, o medo. Sen o medo a propia especie humana non estaría aquí. Estas emocións animais poden cambiar co paso do tempo: unha proba con corvos amosa que de novos se deixan levar pola emoción da curiosidade e proban todo tipo de cousas novas; xa adultos, tornan en neofóbicos, por prudencia teñen medo a comer cousas novas.

E falábase tamén no documental de cobiza ou de altruísmo como motores de comportamento animal. Ou de como o compartir emocións positivas e negativas (entre elas, a ira, a cólera, a dor) é o que permite convivir a moitos individuos nun grupo social. Ou da práctica habitual nos chimpancés de compartir o alimento para devolver favores anteriores. E como asocian o pracer da comida co da sexualidade.

En fin, cousas todas de grande interese, cando menos para min: a esa hora da tarde, ben relaxado diante do televisor, apréndese tanto sobre o ser humano vendo o que fan todos estes bichiños!

(Imaxe de William Wegman, o fotógrafo dos cans weimaraners e do seu querido Man Ray. "Cuando el hombre era perro", de Ángela Molina, en El País 2003, unha interesante achega ó labor deste singular fotógrafo).

27 dic 2007



Dúas fotos ben diferentes

Hai uns meses pasáronme esta foto de Carlos Casares nun festexo na Alameda, supoño que os magostos do ano 1972, cando el leu o pregón oficial (está recollido no libro que eu preparei Carlos Casares, punto de encontro, Concello Ourense 2002). Dende logo, ten fame o Carlos ou estaba rico o condumio. Tamén Cristina, a súa compañeira, ben noviña, ó seu carón. Enfronte está Manuel Rego Nieto, que foi varios anos concelleiro de cultura e festas. E as bailarinas de rigor, "de baile regional".
Agradécese calquera outra identificación que se achegue aquí dos personaxes da imaxe.








A outra foto mandouma un amigo hai uns minutos: é Margaret Trudeau no baño. E, se hai que xustificar aquí a súa presenza, é porque se falou dela e da súa beleza estes días noutro post.
Elena Árnaiz, na lembranza

Acabo de enterarme, por un amigo. Morreu, creo que hoxe mesmo, Elena Árnaiz.
Coñecina hai bastantes anos, a ela e a súa irma Xoana, nalgunha pandilla da mocidade. Despois trateina un pouco, non moito, nos seus tempos de militante comprometida de Esquerda Unida.
Era profesora, creo que de Matemáticas, no Couto. Viviu hai tempo na Valenzá. Oíra xa hai anos que estaba enferma, pero non sabería dicir moito máis ó respecto. Traio aquí a nova porque era unha boa rapaza e seguro que moitos amigos/as desta casa tamén a coñeceron.
Sentímolo ben. O meu pésame a toda a súa familia e amigos/as.
Homenaxe ó mestre republicano Antonio Caneda (29 decembro, San Xoán de Río)
Frío (Bieito Iglesias en ECG 27 dec.)

As reseñas do libro de Xavier Castro (Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX) supoñen un axuste de contas cun pasado rural que sufriu manipulacións de signo contrario. Por un modo houbo quen mitificou un paraíso labrego de tranquilizadoras estampas de calendario; por outro lado unha requitropa de "desertores do arado" empéñase en borrar as pegadas de recentísimos devanceiros neolíticos (en 1960 a maioría da Galiza era labradora), vistos como miserables, ignorantes e brutamontes. Non só os nosos bisavós -como pensan certos xornalistas de escaso coñecemento histórico-, senón os nosos pais e nós propios pasamos frío en moradas sen calefacción, co único agarimo da lareira. Aínda máis, son lexión os compatriotas que, cando nenos carentes de servizos sanitarios, limparon o cu cun fento entre as xesteiras. Tales escenas resultan sórdidas a ollos dunha clase media actual melindrosa e empanicada, pero non tanto para os que acudimos á escola rebrincando sobre placas de lazo e aproveitamos as arroiadas para instalar muíños de xoguete nos regos. O frío, antes da tecnoloxía frigorífica, podía converterse na marabilla dunhas barras de xelo rebozadas en serradura, que servían para refrescar as bebidas nas festas do verán ardente (Isto nos arrabaldos citadinos, nas aldeas abondaba con baixar as botellas nun caldeiro endeica o fondal do pozo).

Podo admitir un pasado cheo de horrores a condición de que se describa o presente sen ningún idilio: terrorismo doméstico, cayucos, asasinos en masa, comida lixo, televisión copada por idiotas e persoas solitarias prendadas de mascotas caninas que enzoufan parques e xardíns. O mundo foi, é e será risoño ou sombrizo asegún. Aceptemos a espantosa noticia de que tódolos homes -de calquera época ou lugar- somos iguais. Este biruxe de decembro (avisan os cardiólogos) propicia os infartos. De paso cura os xamóns e quizais nos permita brincar con bonecos de neve.
25 anos da estrea de E.T.
Andoliña xoves 27 dec.

Nunha reportaxe de Salvador Llompart en La Vanguardia, encontro a nova de que se cumpren 25 anos da estrea de E.T., a popular película de Steven Spielberg. Unha película cativadora, chea de tenrura e bo saber narrativo. Dos alieníxenas sabemos dende vello, primeiro polos autores de ciencia-ficción de H.G. Wells en diante. O cine durante moitos anos, cando menos ata finais dos 60, presentounos sempre como horribles monstros: o medo ó descoñecido.

O cambio de imaxe veu con Stanley Kubrick en 2001: unha odisea no espazo e logo con Spielberg en Encontros na terceira fase. Con todo, a versión terrorífica non desapareceu: lembren, entre as máis noxentas, aquela primeira entrega de Alien, o oitavo pasaxeiro (1978).

Foi o propio Spielberg quen se atreveu a ir máis aló na imaxe do alieníxena cando imaxinou ese bechiño feo e de ollos xigantescos, unha criatura entre as formas temperás dun bebé e as engurras dunha velliña: a beleza do ser feble, perdido nun mundo alleo, que depende da empatía dos demais para reencontrar o seu destino. E vaia se acertou: despois de tantos anos, E.T. segue a funcionar e pode facelo aínda para varias xeracións. Agardemos que chegase xa de volta á súa casa.

26 dic 2007



A Andoliña de hoxe,

dedicada a A. Fernández Paz.

Nova imaxe do xenial Pablo Auladell.









Cine, Cine, Cine...
Bos días estes para ver cine. Mellor, bo cine. Diario dun escándalo, de R. Eire (o director de Iris), non defrauda: pode lembrar nalgúns momentos A calumnia, de William Wyler.
Lejos del cielo, de Todd Haynes (xa a vira en DVD, revisámola en TV) non é Douglas Sirk, pero fai todo o posible por achegarselle. E conta con Julianne Moore, garantía de estar pegados á pantalla, creo que é unha magnífica actriz, mesmo nestes papeis aparantemente "con pouca substan
cia".
E anda polos quioscos, por se alguén aínda non se decatou, unha oferta (só 10 euros) desas dúas xoias que son Million Dollar Baby, de Clint Eastwood (outra vez), e Mi vida sin mi, de Isabel Coixet: a escena en que o médico lle comunica a protagonista, sentados nun corredor do hospital, sen atreverse a mirarlle a cara, que ten un tumor, xa é antolóxica da historia do cine. Digo eu.

25 dic 2007




As fotos de Carles Santos, censuradas en Lleida

Un novo caso de censura artística. De novo con temática relixiosa polo medio.

As fotos foron antes exhibidas, sen problemas, en Barcelona, Valencia e Berlín.

A decisión tomouna o concello de Lleida, gobernado por PSC e ERC, ó considerar que as imaxes "poderían ferir a sensibilidade dos cidadáns". O autor, que non participou na inauguración da mostra en protesta pola retirada obrigada de 5 fotos, alerta do arriscado que é "permitir que as autoridades decidan sobre qué debe e non debe ver a xente".





en breve
(esta é a entrada n. 1400)


"Se deixasen de súpeto de expender pílulas, todo sería un caos..."
"Sería un caos e nova en todos os medios de comunicación. A xente andaría polas rúas ou nas súas completamente inqueda, angustiada, desasosegada e con desspero non non achar remedo inmediato, que é o químico, contra o seu mal"
(Miguel Silveira, psicólogo clínico, en Faro de Vigo, 22.dec.)

Xúntanse os expdeputados do Hórreo para facer un "lobby" e reivindicar a súa utilidade pública (LVG 22 dec.)
Pero, dos primeiros que asisten, falan todos en castelán nesa primeira xuntanza: quizais, digo eu, porque xa están fóra dos marcos da corrección política dun deputado en exercicio. Indignada, Pilar García Negro fala en francés, con plena corrección, para ridiculizar que ninguén fale en galego.
Indignante ou deprimente? Cantos deses exdeputados pronunciaron máis dun discurso en favor do galego no Parlamento?

Os docentes somos funcionarios da sociedade
José A. Marina, sobre a polémica dos contidos da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (El País 10 dec.):
A polémica causa danos á escola ó presentala como un xeito de mecanismo sen sentido crítico, unha máquina adoutrinadora do Estado. Os docentes aparecen como monicreques, cando a realidade é outra. Aínda que somos administrativamente funcionarios do Estado, somos de feito funcionarios da sociedade, é dicir, temos que defender se é necesario a sociedade fronte ó Estado. Somos intermediarios críticos, non correa de transmisión das directrices ministeriais.