10 ene 2008

Xa que abrimos o caixón das fotos...
Mediados dos 90, creo. Entrega duns Premios Losada Diéguez en Boborás. Creo que os premiados eran Fran Alonso e Xosé M. Núñez Seixas. Na foto, pódense recoñecer, de esquerda á dereita: Xoán Fonseca (máis delgadoque nunca), ó seu carón o delegado do F. Polisario en Galicia (creo), Benito Losada (agachado), Concha Costas, a concelleira de cultura, Fran Alonso, M.V., Xosé M. Núñez Seixas (coa garabata vermella), César Ansias (detrás) e Afonso Monxardín.


Fototeca: os premios da Mesa en Ourense (anos 90)

Falamos nesta Solaina de Xosé M. Sarille estes días e recupero estas fotos do arquivo. Principios dos 90. O grupo local da Mesa de Normalización Lingüística (MNL), cando Sarille era o presidente da mesma, organizou uns premios chamados PASPALLÁS e PASPALLÁN, para subliñar accións en positivo en Ourense a favor do galego e accións contra o idioma. Os primeiros e únicos premiados (a cousa non continuou) foron, en positivo, o xuíz Daniel García Ramos, falecido pouco despois, e a Cámara de Comercio de Ourense que iniciara un proceso de galeguización das súas actividades (recolleu este segundo premio Celso Delgado, vinculado á Cámara e hoxe deputado do PP: daquela militaba no PNG de Peña, que non entrara aínda no BNG). O premio negativo foi para un delegado de cultura da Xunta en Ourense que fixera unhas declaracións despectivas contra o noso idioma: unha caricatura deste personaxe, feita polo Carrabouxo (a petición nosa), percorreu todos os despachos do país. Imos esquecernos agora do seu nome, porque o pobre tamén morreu anos despois.
Nas dúas fotos están, na superior, de esquerda a dereita: a dona de Celso Delgado (falecida recentemente); Celso Delgado; Daniel García Ramos; Xosé M. Sarille; M.V. Detrás, Mercedes Carnero, Celsa Perdiz, Adrián Dacunha e Asun Arias. Na inferior, Sarille, eu mesmo e a miña dona (María Xosé Picouto).
Naquel acto estiveron tamén (conservo unha ampla reportaxe fotográfica) amigos como Carlos Guitián, Xosé A. Calviño, Maruxa Guitián e Arturo, Felipe Ferreiro, Xosé A. Quiroga, Afonso Monxardín, Pepe Carballido e Pilar Gato, entre outros.

en poleiro alleo
(Imaxe: peza de Urbano Lugrís, da Fundación María José Jove)
Unha fermosura.
(Enviado por Vázquez Pintor).


O LICEO DE OURENSE e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA
comprácense en convidalo/a ao acto literario-musical de presentación do libro:
FÓRA DO SAGRADO, de Anxo Angueira

O acto, que contará coa intervención de Marcos Valcárcel,
co recitado de Anxo Angueira acompañado musicalmente
de O Leo i Arremecághona e Aser Álvarez e coa intervención plástica de Xoán Carlos de Dios e Xosé Luís de Dios, terá lugar o venres, 11 de xaneiro, ás 20,00 horas no Liceo de Ourense, Lamas Carvajal, 9 de Ourense. (Imaxe de Xosé Luís de Dios)
Provocando (Bieito Iglesias en ECG 10 xaneiro)

O novelista francés Restif de la Bretonne labrou a súa sona escribindo catálogos de costumes do século XVIII; pero nos seus cadros galantes introduce un pormenor que os aparta por completo do realismo: "Os homes non se namoran das damas pola pureza das súas faccións, a galanura do seu corpo, as súas prendas espirituais, etc, senón, exclusivamente, pola beleza dos seus pés". (A verdade das mentiras. Vargas Llosa). Inadvertidamente, o escritor libertino confesa unha paixón secreta e feiticista que hoxe coñecemos como bretonismo. Os seus contemporáneos amarían outras moitas meiguices nas mulleres, no entanto a súa obsesión polos pés delicados de ponte perfecta e dedos fiordos, lévao a medir a fermosura co metro subxectivo do seu desexo.
Algo semellante pasoulle ao bispo de Tenerife, tamén el vítima dos segredos inconfesables do seu subconsciente. Este monseñor seica se sente provocado polos rillotes de doce anos, insolentes e guapos. Onde o resto dos mortais só ve raparigos máis ou menos trastes, Ilustrísima apreza tentadores, demoníacos acenos de sátiros en calzas curtas que someten a castidade a duras probas. As declaracións deste xerarca da Igrexa (abominables, por canto converten os mozotes en crueis sedutores dos pobres pederastas, tan sensibles eles que se ven arrastrados ao pecado pola descarada louzanía da carne noviña) unicamente conteñen unha verdade: "A sexualidade é complexa". A duns máis complexa que a doutros, de todos modos.
Mentres tanto a católica España maniféstase contra o terrible goberno laico que padecemos, culpable de chamarlle matrimonio á unión gaia e de aplicar as leis de divorcio e interrupción do embarazo promovidas por gabinetes anteriores. A Conferencia Episcopal debería presentarse ás eleccións de marzo cun programa abolicionista do aborto, do divorcio, do condón e do casal homosexual. En lugar diso fai campaña a favor do PP, que aínda que gañase nunca asumiría medidas tan impopulares. Deus nos libre de falsos profetas.

Algunhas efemérides do 2008.
Andoliña venres 11 xaneiro (na imaxe, F. Cuevillas; texto n. 1450)
Como outros anos, reviso as efemérides deste novo 2008. Será en primeiro lugar o ano dedicado ó poeta e editor Xosé María Álvarez Blázquez no Día das Letras Galegas. Tamén será o centenario do nacemento do dramaturgo coruñés Xenaro Mariñas del Valle, membro das Irmandades da Fala, e dos pintores Laxeiro e Urbano Lugrís; estamos tamén a cen anos do Romance de lobos de Valle Inclán. O centenario do pasamento do poeta Curros Enríquez (7 de febreiro) é outra cita digna de recordo, mesmo dos sucesos que rodearon o seu enterro multitudinario na cidade coruñesa.
Tamén sería bo lembrar os 50 anos da morte do gran Luís Pimentel (13 febreiro) e a fundación en Madrid do grupo Brais Pinto, con Ferrín, Reimundo Patiño e Fernández Ferreiro. Onte neste mesmo diario Xabier Cordal evocaba os 50 anos do Percival de Ferrín e das mesmas datas son o Don Hamlet de Cunqueiro, Samos de Ramón Cabanillas e o Diccionario Enciclopédico de don Eladio Rodríguez. En 1958 falecían o pintor Carlos Maside e o prehistoriador Florentino Cuevillas (30 xullo) e nacía, da man de Alfonso Gayoso Frías, Eufonía, unha fermosa revista dos exiliados en Buenos Aires.l

Cúmprense 50 anos do ‘Percival e outras historias’ de Ferrín (Xabier Cordal en Galicia Hoxe 10 xaneiro. Por certo, graciñas a Xabier Cordal pola mención que fai no seu artigo deste blog).

9 ene 2008


Un pasado non tan arredado
A Nosa Terra, 4 xaneiro 2008 (Imaxe: Borrachos, de James Ensor, 1886)

Hai unhas poucas semanas presentamos no Liceo ourensán o último libro de Xavier Castro, “Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX” (Nigra), nun acto compartido co propio autor e co tamén historiador Jesús de Juana. O traballo de Xavier Castro, que ten un precedente para a etapa anterior nun excelente estudo de Pegerto Saavedra, é unha esculca polo miúdo das formas da vida cotiá na Galicia campesiña tradicional e, en menor medida, tamén no mundo urbano. Co apoio sobre todo de testemuñas literarias (tan vizosas na nosa cultura) e tamén de entrevistas orais e doutro tipo de documentos oficiais, o historiador vai retratando como era a vida nos fogares galegos, a súa alimentación e indumentaria, a hixiene e o vivir tremendo de frío, a historia da infancia e da escola, as formas de noivado, amor e matrimonio ou o que el chama o Ars Amandi na vellez, que tamén interesou ó Castelao escritor nas súas “Cousas da vida” e en “Os vellos non deben de namorarse”.

No coloquio posterior constatei dúas realidades. Primeiro, que ese pasado non está tan arredado: os presentes naquel acto, que non somos tan vellos, tiñamos aínda vivencias en común coas que se contan no libro. Segundo, comprobei que o dirixir a mirada cara o pasado leva a dúas actitudes vitais contrapostas: dende a condena radical dos tempos idos ata unha visión idealizada do pasado que subliña a perda dos valores auténticos que definían as sociedades tradicionais e comunitarias: había outra ledicia nas caras, díxose alí. A afirmación pode ser obxectiva, pero non debe ocultar outras sombras, que están no libro que comentamos: o maltrato habitual ás mulleres, as xerarquías autoritarias que dominaban todo, o absentismo escolar porque o traballo infantil era necesario, etc. Era, admitamos cando menos isto, unha sociedade na que o azar determinaba moitas vidas: a filla maior dunha casa, por exemplo, raramente podía estudar, á marxe da súa valía, e convertíase nunha segunda nai e escrava dos seus irmáns.
Políticos mediáticos.
Pan por pan 9 xaneiro

Vivimos tempos de políticos mediáticos: Berlusconi, abriu moitos camiños neste sentido, lembran? Onte soubemos, por exemplo, por unha entrevista de Naomi Campbell a Hugo Chávez, que este querería ser un cantante latino de éxito, de non ser presidente de Venezuela. E que non lle importaría posar co torso espido, como fixo Putin. Creo que non é bo mesturar a información política e as páxinas do corazón: todo acaba ensarillado e tinguido de rosa ou, quizais, de color ocre. Velaí o caso Sarkozy, que acapara a egrexia prensa francesa, que ó mesmo tempo empeza a criticar a exhibición da vida privada do presidente galo. O que si me sorprendeu é que esta pasarela de fotos de Sarkozy coa cantante Carla Bruni vaia acompañada dunha caída da popularidade daquel. E non será unha venganza inconsciente dos cidadáns galos, atormentados pola envexa?

8 ene 2008


QUERIDOS E QUERIDAS REIS E RAÍÑAS MAGOS E MAGAS (Monxardín, La Región 8 xaneiro)

No fondo, recoñecerán comigo, quen se difrace de Rei Mago é intrascendente. Que o faga un político, unha actriz porno, un preso, unha quiosqueira, un sacerdote, tanto ten. Como isto non o van ler os cativos, aclarareilles que os auténticos reis Melchor, Gaspar e Baltasar, non viñeron nunca a Ourense. Que os reis son os pais... e as nais, claro, que me esquecía e quedaba eu de machista, meu deus. Lembro como un pasatempo doutrora adiviñar quen eran, de verdade, os reis da Cabalgada. Que se tal concelleiro polos bigotes, que se tal funcionario, que se tal xogador do Club Ourense de Baloncesto... Incluso en mellores tempos de Bemposta, participaban eles coa súa parafernalia toda de paxes interraciais, lumes, cabalos e incluso camelos.
O problema non é que sexa intrascendente, é que é unha parvada. Os nenos non notaron a diferenza porque as mulleres ían disfrazadas de homes... E isto, como poden valorar, é, para o conxunto das mulleres traballadoras galegas, un importantísimo avance social, algo sen parangón noutras comunidades do Estado, que aquí é onde se ve que non imos a remolque das políticas de igualdade do goberno central senón que nos manifestamos sempre como punta de lanza na recuperación e consolidación dos dereitos de nenos, mozos, mulleres e anciáns de Galicia.
A min o que de verdade me preocupa –á parte do futuro do oblast de Kaliningrado- é a perda da lingua. Non tanto da galega ou da castelá senón do sentido común lingüístico e do que iso significa, por causa da correccion imperante. Xúrolles polos meus mortos que vin escrito que un grupo vigués puña no seu manual de corrección lingüística que en vez de dicir “O can é o mellor amigo do home”, cumpría dicir “O can e a cadela son os mellores amigos e amigas da muller e do home”. Cun par, como os do cabalo de Santiago...¿Ou era egua?
Aquí non imos tan alá, aínda que se siga a corrección política actual. Ninguén quixo reescribir a historia e dicir Melchora, Gaspara e Baltasara. Tampouco creo que o respecto pola pluralidade levase a Melchora –muller-, Gaspar – home- e Baltasar –transexual-, ou calquera outra combinación posible.
Podemos, si, discutir o sexo dos anxos; un pasatempo teolóxico tradicional apoiado na indefinición da Biblia e en que os anxelotes dos retábulos barrocos teñen unha pinta ambigua de carallo... Pero ai as brancas barbas de Melchor!... Ai o Gaspar sen depilar!... Ai o seica ben dotado Baltasar!... Sentíndoo moito, señores, estes tres non lles teñen dúbida. Nunca poderemos dicir “Reis e raíñas magos e magas”... A non ser, claro, estáseme ocorrendo, que recuperemos –ou sexa reinventemos- a tradición da raíña de Saba, oculta seguramente a súa participación na viaxe de adoración a Belén xunto cos outros tres reis polo machismo da Biblia e a conspiración da xerarquía eclesiástica... Así, os Reis e Raíñas Magos e Magas correctos politicamente para o futuro serían catro... Ah, pero con tres-un non está conseguida a paridade... Haberá, pois, que operar a un dos outros. ¿Voluntario? Eu creo que Gaspar... sempre lle notei algo raro. Cando o demo non ten que facer, espanta moscas co rabo. Dixit.

Olá, irmán Don Paco (Méndez Ferrín, Faro de Vigo 7 xaneiro)

(Suscribimos -eu e creo que tamén moitos lectores/as desta casa- , liña por liña, o fermoso artigo que onte lle dedicaba Ferrín a don Paco del Riego)

Vexo nunha interviu que Francisco Fernández del Riego está rexo, lúcido, crítico ou sexa coma sempre. Crúzome por Camelias con Rufo Pérez, e o mesmo. Este cronista, que vai vello, nunca dará xuntado suficiente volume de agradecemento para aqueles resistentes que foron capaces de sobrevivir o franquismo e de nos trasmitir aos máis novos os secretos do que houbera antes, ou sexa nos días da II República. Falo dos que coma Del Riego naceron entre 1910 e 1920 e que hoxe, se fican, son rexos nonaxenarios.Se morreron, eses resistentes seguen dictándonos norma nos máis suntuosos tabernáculos da nosa memoria. Salvador Espriu definiu a función histórica da xeración heroica, naturalmente en catalán, con estas verbas: "Nós vivimos para salvarvos as palabras/ e pra vos devolver o nome de cada cousa".Así fixo Rufo Pérez González no labor diario do Instituto Santa Irene conmigo. Así fixeron, con quen tivo ouvidos para ouvir, e cada un á súa maneira, Lois Soto, Daría González, Carlos Velo, Celso Emilio Ferreiro. E houbo moitos máis, homes e mulleres, no labor de restaurar a Patria ameazada e modular o relato. Desde a miña historia particular podo decer que cada un dos transmisores emitiu un punto de vista diferente e fixo énfase no que el vivira con meirande paixón. Para ese cronista Francisco Fernández del Riego constitúe un caso especial: nunca foi esplícito no pormenor dos acontecementos pro a súa presenza e a súa acción diaria impúxonos un estilo. De cada un dos movementos de Paco del Riego, da mañá á noite e desde o término da Guerra Civil, desprendeuse e despréndese un imperativo: recuperar a Nación derrotada, recuperar a palabra. Os nosos inimigos tamén percibían isto por iso odiaron a Paco del Riego e nunca conseguiron domealo, nen sequera nos días de falsidade e defección aos que a historia oficial chama "La Transición".Vexo con inmensa satisfacción como o irmán Don Paco calca con seguridade a soleira do ano 2008, e digo irmán porque é así como os que procedemos da tradición das Irmandades da Fala nos tratamos (cando nos peta a gana) antre nosoutros. As preocupacións de Don Paco son as dos bos e xenerosos: que a lingua (na devandita tradición soemos decer idioma) sobreviva, que Galicia se erga da prostración e da miseria pública na que aínda xace. El é optimista, como todos os loitadores metálicos dotados de intelixencia crítica e de corazón sen lañas. Obrígannos as súas palabras e a súa conducta a sérmolo nós tamén.Gostaría de lle mandar un saúdo cordial ao irmán Don Paco. "Meu querido amigo, non sei se viches que o primeiro meniño que naceu en Galicia no ano 2008 foi inscrito no Rexistro Civil co nome propio de Anxo, en idioma galego. Espero que viva moitos anos co nome e os apelidos de Anxo García Machado, tantos coma ti viviches e vivirás. Sen o labor de persoas patrianas coma ti ese neno sen dúbida existiría pro non se chamará Anxo. A miña aperta de sempre".Ah, a mamá de Anxo declarou, orgullosa, aos medios de comunicación: "Nós quixémoslle poñer un nome galego". Olá, pequeno Anxo.
en poleiro alleo

Unha proposta aperturista (Afonso Monxardín en Galicia Hoxe, 8 xaneiro)
Sobre a cultura portuguesa no ensino

Do vicio á apocalipse (Xosé M. Sarille en ECG 8 xaneiro). Da familia e do integrismo católico.

Os ríos das nosas infancias (Alfredo Conde, ECG 8 xaneiro)

Anxo, 2008 (M.A. Fernán Vello, GH 8 xaneiro)

7 ene 2008

PROTECCIÓN OU IMPUNIDADE? (de Xosé Manuel González)

Poucas cousas haberá máis tristes, de humillación e ofensa á vista, ca un neno ou incluso adolescente vexado e maltratado. Tendo en conta a súa condición, en principio vulnerable, o que lexislativa, xudicial, policialmente se faga para coutar esa lacra está plenamente xustificado, é necesidade indiscutible.

Como, ademais, para o caso estamos saíndo dunha filosofía e práctica social permisiva do que os pais e adultos tivesen a ben -ou mal- facer con eles, coutada se acaso pola letra bíblica que encomenda non exasperalos, terlles amor e prodigarlles coidado, a nova perspectiva que os establece legalmente como suxeitos de dereito necesita o contraste social e corrección que o tempo dá. Ora ben, polo medio, e se non se apura a medida correctora, veñen enfermidades que cuestionan a eficacia e dosificación do remedio.

Ao caso. É cinco de xaneiro, en Lugo, e camiño das oito do serán centos de persoas agardan ante o pazo do concello para a visita aos Reis Magos. No cimo do Cantón dos Frades, ángulo esquerdo da Casa Consistorial, a multitude ateiga o espazo entre os edificios de atrás e maila barreira que organiza a policía; o paso queda interrompido, nenos e maiores abondo fan con manterse nas condicións que permiten respirar e moverse un pouco. Os transeúntes que chegaban de arriba e abaixo optan por dar volta; non todos. Un grupo de rapaces (ou nenos) presionan, procurando quen sabe o que; o de diante ha ter nove ou dez anos, os de atrás -máis maiores- levan un sorriso medio oculto, posiblemente do tipo cínico. Un pai, co seu fillo de seis anos, está no punto que recibe a presión, resístea e, non cesando aquela, di: “Por aquí non pasades”. O neno-vértice ponse a berrar que empuxan de atrás, dille ao adulto que non o toque, con cara e actitude agresiva semellante á dun matón televisivo; magoa advertir un pequeno ameazador rodeado de adultos calados: diríase que intimida.

O pai, aparentemente, decide que abonda e afasta para atrás o vociferante; xorde daquela un dos da retagarda (“¡no toques a mi hermano!”), trece anos ou así, máis alto có adulto, e o grupo case completo fai ademán agresivo; outro pai, coñece ao primeiro implicado, volve por el; xorde aínda outro vociferante, maior de idade; vanse retirando, con expresión idéntica ou semellante a “¡Soy hijo de...!” e “¡Me quedo con tu cara!”. Entremedias, algunha xente maior e alarmada xa ten marchado, unha nai nova increpa ao primeiro dos pais, que saíu decidido a expulsar os rapazolos; ela mira polo seu case bebé, que ten ao lado.

Non remata a cousa aquí. O grupiño vai na procura da policía local e fai que tomen declaración e carné dos dous adultos, anunciando, ademais, denuncia na comisaría. Marchan sen aparente punición nin admonición; dos adultos que rodeaban aos dous pais implicados, só un colaborara na expulsión; canto aos outros, algún apoia de voz, pero non quere “meterse nun lío”, un xa os entendía por motivo e precedente lexislativo-xudicial, á vista do acontecido aínda os entende máis.

Explico que, no momento álxido, a policía non estaba e dificilmente podía estar; que a súa actitude non foi censurable, entendo que ao contrario; que non hai, ao final, noticia de denuncia. Reitero que catro mocetes actuaron con prepotencia entre adultos aparentemente impotentes; que foron expulsados, pero puideron denunciar e posiblemente marchar afoutos. E que eu, por se acaso, eludo nomear os homes que implicitamente decidiron: “xa lle chega”. Gustaríame ler moitas opinións, de moitos, ao respecto. Porque un pode tratar con certa soltura os temas cando principalmente os contempla; cando se encontra presenciando o turbillón, ou no seu vórtice, cámbialle a perspectiva.
Don Quijote en spanglish (enviado por Marga)

In un placete de La Mancha of which nombre no quiero remembrearme, vivía, not so long ago, uno de esos gentlemen who always tienen una lanza in the rack, una buckler antigua, a skinny caballo y un grayhound para el chase. A cazuela with más beef than mutón, carne choppeada para la dinner, un omelet pa’ los Sábados, lentil pa’ los Viernes, y algún pigeon como delicacy especial pa’ los Domingos, consumían tres cuarers de su income. El resto lo employaba en una coat de broadcloth y en soketes de velvetín pa’ los holidays, with sus slippers pa’ combinar, while los otros días de la semana él cut a figura de los más finos cloths. Livin with él eran una housekeeper en sus forties, una sobrina not yet twenty y un ladino del field y la marketa que le saddleaba el caballo al gentleman y wieldeaba un hookete pa’ podear. El gentleman andaba por allí por los fifty. Era de complexión robusta pero un poco fresco en los bones y una cara leaneada y gaunteada. La gente sabía that él era un early riser y que gustaba mucho huntear. La gente say que su apellido was Quijada or Quesada –hay diferencia de opinión entre aquellos que han escrito sobre el sujeto– but acordando with las muchas conjecturas se entiende que era really Quejada. But all this no tiene mucha importancia pa’ nuestro cuento, providiendo que al cuentarlo no nos separemos pa’ nada de las verdá.

Á marxe, de Carlos Casares

Un lector preguntaba noutro fío por qué non se publicaban as columniñas da Voz de C. Casares. Xa lle responderon alí, por parte doutro contertulio, pero vou ampliar a información para todos os lectores/as.
As columnas de Á marxe están a ser publicadas pola Editorial Galaxia, na colección Biblioteca Carlos Casares, que hoxe conduce Víctor Freixanes. O primeiro tomo, que recolle as columnas de 1992, apareceu no ano 2005. Dende aquela foron saíndo varios e no Simposio C. C. de decembro, en Ourense, presentamos xa os tomos V e VI, correspondentes ós anos 1996 e 1997. Faltan pois aínda case 5 tomos, pois morreu en marzo de 2002.
Todos os libros están ilustrados (tamén as novelas que se están reeditando deste autor) con pinturas de Egon Schiele, o xenial artista expresionista alemán e un dos preferidos de Carlos.
Teño entendido que Pedro Blanco está a realizar un índice temático de todas as marxes, o que constituirá un instrumento de consulta moi útil para todos os estudosos e admiradores do escritos (grazas polo traballo, Pedro).
Supoño que ó rematar de reeditar estas Marxes, Galaxia debería continuar a recoller todo o xornalismo de Casares: por ex., os seus artigos en LVG anteriores a 1992, que son moitos; a sección de crítica literaria A ledicia de ler; as súas entrevistas e reportaxes, pois cultivou diversos xéneros (de memoria, lembren a entrevista sobre a morte con Domingo García Sabell ou os seus artigos sobre Suecia no verán de 1976) ; tamén os artigos anteriores de La Región, que eu dei a coñecer e agora habería que recoller de xeito exhaustivo. E mesmo moitos outros artigos aparecidos na prensa española, en xornais e revistas (El País, El Ciervo, Quimera, etc.). Recollido todo isto que estou a describir poderiamos falar dunha obra xornalística próxima ós 20 tomos (e creo que non me equivoco). Casares merece todo iso e seguirá a redescubrirse ante novos lectores/as.


A NATUREZA. A BELEZA. AS RELIQUIAS.
La Región, 7 xaneiro 2008

De bichos. Recupero unhas notas dun deses programas de bichos de Segunda Cadea que tanto me gustan. Falaban da sexualidade dos animais, da beleza e da simetría. Pódese facer a Historia da Beleza, como a da Fealdade: Umberto Eco atreveuse coas dúas. Pero imos cos bichos e o seu comportamento sexual, especie animal incluída, que nisto non somos tan diferentes. Partindo de Darwin, sabemos que é “a muller” quen elixe e que as femias son sempre moi esixentes: por exemplo a mosca escorpión quere sempre o mellor macho entre os que poida dispor e desprezará os demais. Aínda máis,segundo algúns científicos, a atracción sexual ten algo de xeométrico porque é a simetría masculina o que máis excita as femias no amor. Un recente estudo insistía na importancia da simetría na idea harmónica da beleza.
Adobíos. E, por suposto, nunca sobran os adobíos: as femias do pavo real buscan machos de cola moi grande. Unha científica de California, Nancy Burley, demostrou en laboratorio que os paxariños admiran as cristas dos nosos “punkies”, mira ti por onde: organizou un pases de modelos para pinzóns femias comprobando que elas preferían os machos cunha falsa crista na testa colocada pola propia Burney.
As femias dos animais esixen tamén prologar o máximo posible o cortexo e soubemos duns escaravellos machos que teñen que cantar, bailar, lamber, morder e demostrar outras habilidades antes de merecer chegar á cópula. En fin, que o tema do ligoteo e todo o demais nunca foi doado nin sequera no mundo animal.

Reliquias. Pódese percorrer hoxe toda Europa seguindo a pegada das reliquias que conformaron a historia das xentes na longa Idade Media: as lascas da Verdadeira Cruz, a Santa Bágoa, o Santo Sangue, o Santo Sudario, etc. Reliquias eran tamén os anacos da vestimenta ou as partes do corpo dalgún santo ou santo, ata as partes máis inverosímiles que hoxe non collerían nas normas do pudor politicamente correcto. No seu momento algúns poderes emprenderon grandes Cruzadas a Terra Santa e iniciaron longos e sanguentos conflitos militares. As reliquias mobilizaron grandes masas, xeneraron xubileos, fundaron ordes militares e relixiosas, crearon cidades como Compostela e toda unha vizosa literatura vencellada ós Miragres da Virxe e dos santos, dende as Cantigas de Santa María de Afonso X ata toda a haxiografía medieval.
Dende o noso poleiro do século XXI miramos enfonchados cara os tempos pasados, incapaces de rirnos da nosa propia imaxe no espello. Hai hoxe persoas que pagan cifras multimillonarias pola súa paixón coleccionista: o chisqueiro de James Dean, un vestido de Marilyn, a cachimba de Bogart, os novos santos da modernidade e os seus obxectos mercados en subhastas milagreiras e asombrosas. A isto chamámoslle cultura, non reliquias, e Umberto Eco de seguro engadiría algo sobre a estilística kitsch na cultura de masas (“Apocalípticos e integrados”). Pero, cando menos, agora somos modernos.
xantar de Reis (estaba todo moi rico)
(aclaración en comentarios)

6 ene 2008

Quintana insinúa que CiU, PNV e BNG poderían "decidir" conxuntamente "quen é o próximo presidente do Gobierno"
Di que os membros de Galeuscat preséntanse ós comicios coa proposta de pedir o "recoñecemento plurinacional do Estado"

A nova en Europa Press

GALEUSCAT NAS ELECCIÓNS
Andoliña martes 8 xaneiro

Nestes días Anxo Quintana fixo unha declaración ós medios afirmando que CIU, PNV e o BNG poderían “decidir” conxuntamente quen sexa o próximo presidente do goberno español. Engadiu ademais que os membros de Galeuscat levarán nos comicios a proposta de pedir o “recoñecemento plurinacional do Estado”. Sen dúbida esta segunda tese vai estar nos programas electorais dos nacionalismos galego, catalán e vasco, como outras veces, pero a primeira hipótese creo que é puramente retórica ou electoralista: sería a primeira vez que se puxesen de acordo nun tema de tal calado os tres nacionalismos periféricos.
De certo, atendendo á experiencia dos últimos anos, non sería nada doado facer coincidir os intereses das tres forzas, tan dispares en tanta cousas: aínda hai unhas semanas visualizouse o desencontro na votación coa que o BNG lle salvou “a imaxe” á ministra de Fomento.
Tamén é claro, velaí a historia parlamentaria recente, que o BNG, forza de esquerda, coincidiu máis con Esquerda Unida que con CIU nas votacións. Podería o compromiso que propón Quintana figurar nun documento público preelectoral? É obvio que non. Pois logo...

Robots.
Pan por Pan domingo 7 xaneiro

Sempre me gustaron os relatos de ciencia-ficción. E as películas que se inspiran neles. Hai dez ou once películas paridas dende historias de Isaac Asimov e auténticos clásicos como “Blade runner”, de Ridley Soctt, baseada na novela “Soñan os androides con ovellas eléctricas?”, de Philip K. Dick. Historias de anticipación, tamén se lles chamou. Cada vez están máis perto o mundo real e o virtual. Ou a existencia virtual de persoas reais. E a medicina camiña cara seres que non estarán moi lonxe do robot de “O home bicentenario” (1989, na imaxe) que reclamaba a súa humanidade. Non me estraña que en Xapón e Corea do Sur estean preparando leis para regular a conduta dos robots, na liña das tres leis famosas de Asimov. A primeira delas rezaba: Un robot non pode facer dano a un ser humano ou, por inactividade, permitir que un ser humano sufra dano. Valería mesmo para os propios seres humanos.



Cen anos de historia cultural. Balance dos anos 80

Cartel do primeiro festival de poesía no Condado, no que participaron importantes escritores galegos. Debuxo de Picasso para Celso Emilio Ferreiro.

A década dos 80, co Estatuto de Autonomía xa en marcha, deixounos novas institucións culturais como o Consello da Cultura Galega ou a creación da Radio e Televisión Galegas. No teatro, o nacemento do Centro Dramático Galego, cunha xeración de creadores como Roberto Vidal Bolaño, M. Lorenzo, Eduardo Alonso, Xulio Lago, M. Guede etc. No cine, o papel precursor de Mamasunción de Chano Piñeiro e logo outras obras do mesmo cineasta e Xavier Villaverde ou Carlos L. Piñeiro. Nas artes plásticas, o fenómeno Atlántica como máis relevante e novidoso. Na prensa, Luzes de Galiza, Dorna, Boletín Galego de Literatura ou Mancomún.Desta andaina son tamén creacións como a Biblioteca Básica da Cultura Galega (Galaxia), a colección de poesía Leliadoura, a fundación dos Premios de narrativa Blanco Amor, Xerais e Merlín ou a tradución ó galego, por Darío Xoán Cabana, de A Divina Comedia.

O salientable dentro da poesía.
Tempo de poetas: clásicos en vida como Luz Pozo Garza, Xoana Torres, A. Cunqueiro, A. Tovar, Avilés de Taramancos, Méndez Ferrín ou López Casanova. E a longa xeira de novas voces: Fernán Vello, Luís González Tosar, V. Araguas, R. Raña, M. Forcadela, M. Vilanova, Eusebio Lorenzo Baleirón, Lois Pereiro, Rodríguez Fer, Xavier Seoane, Cesáreo Sánchez Iglesias, Millán Picouto, Álvarez Torneiro, Antón Rodríguez López, P. Pallarés, etc.

Na narrativa obras fundamentais de Carlos Casares, Méndez Ferrín, Alfredo Conde, Víctor Freixanes, Xavier Alcalá, Carlos Reigosa, Antón Risco, a estrea de Manuel Rivas e Suso de Toro e un longo etcétera con nomes como Martínez Oca, Xesús Rábade, Fernández Naval, Cid Cabido, Lois Diéguez, Xavier P. Docampo, e outros citados nas últimas semanas. Destacados no ensaio e na investigación.

No campo do ensaio e da investigación destacan obras clave ou de síntese de Ramón Villares, Carlos Gurméndez, Carlos Casares, Alonso Montero, Torres Queiruga, R. Máiz, A. Santamarina, Neira Vilas, Fernández Del Riego, Filgueira Valverde, Carballo Calero, Ferro Ruibal, Antón Costa, Francisco Pillado e M.A. Fernán Vello, Carlos Fernández, Anxo Tarrío e Xosé R. Quintana, entre moitos outros.