8 jun 2008

Fóra de contexto (dun blog amigo)

estamos afeitos a darlle valor as cousas nun determinado contexto...

Tintxu, un gladiador do xornalismo
A morte cruzouse no seu camiño deixando tras de si unha vida plena e enérxica. Os seus amigos lémbrano como un “xornalista ilustrado” e sobre todo como un “home bo” (ROSA RODRÍGUEZ en GH. 8.6.08).
Colgamos esta ligazón en homenaxe, ademais de a Tintxu, á amiga e contertulia Lourixe (creo que en nome de todos/as os que andamos por esta casa).
2004: Narrativa, historia, memoria (GH 08.06.2008)

A narrativa galega do ano 2004 viña marcada polo compromiso coa memoria e as esculcas no noso pasado máis conflitivo. En Xerais, aparecían obras como O exiliado e a primavera, de Manuel Veiga, premio Xerais 2004 centrado na volta dun exiliado á Galicia do final do franquismo; a primeira novela de Xesús Fraga, Solimán, premio de novela Rubia Barcia de Ferrol; a ficción autobiográfica de Ramón Chao, O lago de Como,publicada en castelán en 1982 (onde Reigada é Vilalba); Os ollos da ponte, segunda entrega da triloxía da memoria de Ramiro Fonte; ou Orixe, de Sechu Sende, premio Blanco Amor 2003, historia de amor ambientada na ditadura franquista.
Na mesma editorial saían Era por setembro, de Xabier Quiroga; Vermella con lobos, de Carme Blanco; Segunda convocatoria, de X.A. Perozo; Os últimos fuxidos, de Xosé Fernández Ferreiro, que segue a liña temática da súa anterior Agosto do 36; Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras, presentación do detective Horacio Dopico nos baixos fondos ourensáns; e volumes de relatos, na colección Abismos, como Rebelión no inverno, de Mario Regueira, e A ferida, de Begoña Paz. Galaxia achegaba títulos como As humanas proporcións, de Xesús Constenla, premio Torrente Ballester 2003 e premio da Crítica Española para narrativa galega, historias minimalistas marcadas pola calidade e o risco; Amor e música lixeira, unha nova entrega do mundo satírico de Bieito Iglesias; Capitol, última sesión, de Miguel Anxo Fernández, homenaxe ás vellas salas de cine; Ser ou non, de Xurxo Borrazás; Reserva especial, de X.M. González Trigo; Ao pé do magnolio, de Marina Mayoral; Xeración perdida, de Francisco Castro; Os ciclos do bambú, de Xavier Queipo; Oitocentos, de Xavier Franco; 'Unha viaxe no Ford-T', de Xerardo Agrafoxo, premio García Barros.
Xavier Alcalá iniciaba con Entre fronteiras, a súa saga sobre a historia da represión dos evanxelistas en Galicia, neste caso na Pontevedra anterior á guerra civil.

(o artigo completo)

LUIS GONÇALES BLASCO
'Foz', o home que a UPG eliminou da súa historia (Galicia Hoxe 08.06.2008. Foto: P. Santos)


Foi un dos fundadores do partido. De feito, estivo no xantar da Rocha no que se constituiu a Unión do Pobo Galego. Non obstante, o seu nome non aparece na versión oficial do nacemento desta forza política. Agora, vai ser homenaxeado por compañeiros que queren destacar a súa contribución á historia do nacionalismo e recoñecerlle o que outros lle negan. Trátase, non só de lembrar o seu labor na UPG, senón toda a súa traxectoria ligada ó Movemento de Liberación Nacional, ó independentismo e ó reintegracionismo lingüístico.

"O que define unha literatura é a lingua"
(Darío Villanueva, en GH e ECG)
Interesante entrevista de L. Pousa co catedrático galego, cando prepara o seu discurso de ingreso na RAE. Na charla sucédense interesantes suxerencias sobre a lingua, a literatura e autores como Cervantes, Shakespeare, Cela e Torrente Ballester, Joyce e Ruiz Zafón.

A MEMORIA RETIDA (5)
O PAI MIÑO (La Región 8 xuño)

Dous libros recentes fannos volver a mirada ó Miño: a novela de Julio López Cid, “El río”, e o poemario gañador do último Cidade de Ourense, “Miño”, de Francisco X. Fernández Naval. Pero o certo é que o pai Miño sempre estivo aí. E poetas e narradores sempre esculcaron nos seus misterios. O río flúe nos versos vangardistas de Eugenio Montes, na novela “O bosque das antas” (de Fernández Naval), en moitas páxinas de Bieito Iglesias e en poemas de Víctor Campio, Otero Pedrayo, Manuel de Dios, Augusto María Casas, Vázquez Naval, Millán Picouto, entre outros.
O neno que foi Carlos Velo deixounos na súa “Memoria erótica” o eco das lavandeiras e campesiñas que se achegaban ás súas beiras: nas súas carnes entrevistas o neno imaxinaba o engado pecaminoso das grandes actrices das orixes de Hollywood, como Clara Bow ou Perla White.
E sempre foi lugar central de sociabilidade e lecer, memoria íntima de descubertas. Como ben reflicte esta foto dunha barcaza no medio das súas sedutoras augas, ás veces tan perigosas.

Unha visión crítica do Maio


A distancia do Maio 68,

7 jun 2008

Timor Leste, a illa do Sol (en Terras de Acolá)

Recibín unha mensaxe do amigo Luis Menéndez: “Mirade ó de Timor este sábado, ou como nos entendemos en galego no Extremo Oriente, a 22.000 qms..”.
E vin o programa, por suposto, o “Terras de Acolá”, do que xa falamos ben aquí (ver 16 marzo). E, en agradecemento, vai aquí un breve resume do mesmo.
País independente dende o 2002, está na área da cultura portuguesa no mundo. Unha parte da illa pertence a Indonesia.
Terras de arroz, bananais e plantacións de café. Dende o 1515 andou por alí a presenza dos misioneiros e conquistadores portugueses. E hoxe, a tantos miles de quilómetros, segue sendo visible esa pegada lusa: velaí o Menéndez, no programa, entendéndose, en galego, cos habitantes da illa.
A reportaxe salienta tamén a pegada da cultura chinesa e do catolicismo, que os diferenza dos veciños indonesios (o maior país musulmán do mundo). Vemos imaxes dos túneles que furan a illa, feitos polos xaponeses na segunda guerra mundial, onde hoxe xogan os nenos.
A illa foi colonia portuguesa ata 1975. Logo invadiuno o xeneral Suharto coas tropas de Indonesia. En 1999 aprobaban un referendo de autodeterminación: quedaban douscentos mil mortos dese período de 25 anos.
A reportaxe fala ademais do heroe independentista do FRETILIN (Fronte de Liberación de Timor); Xanano Gusmao, e entrevista ó arcebispo Ximenes Belo e o avogado Jose Ramos Horta, actual presidente, os dous premio Nobel da Paz (nas fotos). Este último fala do seu país como unha terra contraditoria, un pobo guerreiro e pacífico á vez. Cunha moi alta diversidade étnica e lingüística: coexisten 16 linguas autóctonas e son oficiais o portugués e o crioulo (tetu): no ensino poténciase a excelencia do portugués co crioulo como complementario.
E algunhas notas de gastronomía, economía e crenzas. Manteñen, xunto co catolicismo, o animismo: nos camiños vense túmulos animistas feitos con caveiras de búfalo. No plano económico, aspiran a vivir do desenvolvemento agropecuario e do petróleo, ata agora explotado por Australia. O deporte nacional é a pelexa de galos, cunha extrema violencia. Unha lenda di que a illa foi creada, como o mundo, por un crocodilo: e ven nas súas montañas a imaxe do réptil deitado.

FÍO MUSICAL (22), de Xabimusic.
¿OUTRO CATASTROFISTA MÁIS OU UN ATINADO OBSERVADOR?

Segundo o investigador Bernie Krause a sociedade actual está poñendo en perigo tamén o equilibrio e a harmonía sonora natural das especies animais. Segundo a súa teoría do nicho cada especie ocupa un espectro acústico propio que non interfire co das demais: os sons dos cans non se confunden cos das rás ou dos humanos, por exemplo.No seu traballo está tamén a rexistrar os sons en perigo de extinción.

¿Cren vostedes que por aquí hai tamén sons en perigo de extinción e que debamos salvar e preservar? Velaí: Sons a preservar.
FÍO MUSICAL (21), de Gustavo Peaguda

DELIRiOUS LOVE*
... e se o señor Brecher ten razón e non somos mais que unha existencia espida?
Así que esta maña de venres deixei que a voz de Neil Diamond que non escoitaches cando saias ben cedo pola porta fuxira pola ventá da miña casa e se perdera pola rúas do Ensanche de Compostela para que chegue a zona vella e se pouse nos teus beizos de doce morneza e así podamos cantar os dous en voz moi baixiña.
Delirious Love!
Delirious Love!
Delirious Love!
* Delirious Love. Neil Diamond. 12 songs (2005).

A estrela e as cores. Andoliña 7 xuño.

(Na imaxe, un dos últimos carteis do BNPG, creo que o derradeiro, 25-7-1982. Por certo, aínda se reivindicaban as Bases Constitucionais...)

O Bloque presentou antonte a súa campaña do Día da Patria Galega e así como quen non quere a cousa, anunciou o cambio máis radical da súa historia nas tres últimas décadas. E indico, para evitar suspicacias, que non falo dende a ironía. Porque o equipo de Quintana presentou uns carteis onde a histórica estrela vermella se converte agora nunha estrela azul. Feito non casual nin anecdótico: calquera que coñeza a importancia dos símbolos no nacionalismo albiscará a relevancia deste aceno. E a moitos militantes tampouco lles gustará.
Cando menos dende os inicios de 1976, coa fundación da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), o nacionalismo de esquerdas usou sempre a bandeira coa estrela vermella no medio. Antes a mesma icona estivo en moitos deseños da UPG ou do PSG: identidade nidia de esquerda e dos movementos de liberación nacional do Terceiro Mundo, do anticolonialismo que se espalla dende os 60.
Supoño que o tema provocará debate. Agora soamente quero subliñar a transcendencia do cambio. O azul está na bandeira da Galicia e sempre foi, pois, símbolo identitario. Podíase engadir aínda que é a color do mar, nun país mariñeiro, e a color da Terra dos mil ríos.

6 jun 2008


Símbolos e nacionalismo.
O Bloque colorea de azul a súa estrela vermella.

Segundo conta hoxe LVG o BNG de Quintana afronta o cambio máis radical da historia do nacionalismo de esquerdas: eliminar a estrela vermella, símbolo revolucionario utilizado cando menos dende os inicios do 76 (nas orixes da AN-PG). E o dito vai sen ningunha ironía: a polémica está servida. Calquera que saiba o significado que teñen os símbolos entre as bases nacionalistas, pódese decatar do arriscado desta decisión.

axenda: Olga Gallego
(foto Trebolle)
Hoxe, venres 6, 13 h., no Liceo, preséntase o volume "Mulleres de Ourense", de dona Olga Gallego. Estará na presentación Carme Adán.
en poleiro alleo

¡Non me toque os pronomes!, un artigo de Helena Villar en ECG (6.6.08). Curiosamente os dous primeiros comentarios do artigo na web do xornal son críticos co mesmo: un castelanista e outro lusista!

O tema estrela do día nos artigos de Opinión é Barak Obama: del escriben, en ECG, Carlos Luís Rodríguez e, en GH, Fernán Vello e Rivas Troitiño.

E Méndez Ferrín ("O arcebispo desexado") lembra no Faro a figura do bispo galeguista Lago González: ademais hai unha entrevista co "Ferro" en El País, de Daniel Salgado.

Alumnos e alumnas
Andoliña venres 6 xuño (Imaxe: J. Opie)

No estudo que xa citei onte neste recuncho fálase tamén das aptitudes dos rapaces e rapazas no seu rendemento escolar: as mozas, cando menos en Primaria e ESO, obteñen mellores puntuación que os nenos, agás nas materias de Matemáticas e Física. Tamén melloran as rapazas, en varios cursos, en Lingua Castelá, por diante dos seus compañeiros (creo que o estudo non ten datos de Lingua Galega).
Esta é unha realidade que non será estraña a moitos profesores: por suposto, hai alumnos mozos de magnífico currículum, pero tamén moitos cursos onde son elas a que levan a dianteira. Véxanse os premios de Bacharelato dos últimos anos. Ou a xa decisiva feminización de moitas carreiras, incluídas as que esixen mellores notas para ingresar. Esoutro día dei unha charla nun colexio ourensán e o seu director confirmaba esta tese: "O mundo futuro é delas. Non hai volta".
Que pasa cos mozos? Menos motivación, outras distraccións, menos capacidade de concentración nos estudos, etc. Se a iso sumamos o esterotipo dos adolescentes masculinos nas películas americanas e nas series de TV, imos apañados: parvalláns, infantís, obsesos co sexo, a comer hamburguesas. Algo terán que facer para espabilar, digo eu...

5 jun 2008


Porca miseria (Bieito Iglesias, ECG. 5.6.08)
Imaxe: dous carteis de "Sete ocasións", a película de Keaton á que se refire o Bieito ó remate. Supoño que, coma min, viuna no Cineclube Padre Feijóo aló polo 1974, e canto rimos daquela...

Éche ben certa a sentenza que di: nunca sirvas a quen serviu. Vénme ao acordo ese consello en vista da política de inmigración do goberno italiano, a máis restritiva -calcando perigosamente na estrema da xenofobia- da Unión Europea. Porque os transalpinos viviron un éxodo só comparable neste continente ao experimentado por Irlanda ou Galiza. Para medir tal arroiada de emigrantes abonda con anotar nomes de futbolistas (Di Stefano) e baloncestistas (Ginóbili) arxentinos, de guiadores de bólidos brasileiros (Fitipaldi) ou de personaxes do cinema americano de malandros (Corleone).
Os italianos marcharon ás cheas cara ós países do Prata, a Pequena Italia novaiorquina ou a Europa dos anos sesenta; no entanto esqueceron semellantes diásporas a xulgar polas leis do gabinete Berlusconi que tipifican como delito a inmigración sen papeis. Pais e avós dos votantes do Cavaliere viaxaron como turistas a Suíza ou USA, para conseguir despois un chope e gañar a vida neses lugares de destino. Estes ex delincuentes prosperaron e agora necesitan man de obra forasteira para os labores que eles desdeñan por seren duros ou mal pagados. Desexarían, iso si, exemplares de inmigrante sans, ben mandados e traballadores, polo que contemplan con desgusto a paisanaxe que entra polos furados dos aeroportos sen que ninguén lles examine o dente, como facían antano os tratantes co gando ou os escravos. Quererían resucitar algo parecido ao Instituto Español de Emigración, que seleccionaba o persoal antes de embarcalo en vetustos comboios. Nun destes trens viaxou miña nai no 62, e o mentor que recibía en Madrid aquelas mozas destinadas aos hoteis dos Alpes deulles un enderezo para xantar e instrucións para o transbordo. Logo montou no coche, e as mulleres, véndose perdidas na megápole, correron aos catro pés atrás do automóbil atrancando as rúas. Como Buster Keaton en filme cómico escapaba dun exército de noivas vestidas de branco, o guía víase perseguido por desterradas que en Madrid xa eran estranxeiras.
O ENSINO E A DEMOCRACIA
Andoliña xoves 5 xuño

Publicáronse nestes días os resultados dun estudo da Universidade compostelá sobre competencias de estudantes de Primaria e ESO. Varios xornais destacaron en titulares unha realidade que xa era coñecida: a cultura dos pais e o seu estatus económico e educativo son determinantes no rendemento escolar dos alumnos. E isto é así, dicía Luís Sobrado, director do estudo, tanto nos centros públicos como privados, aínda que haxa que supoñer unha mellor posición económica nas familias dos alumnos que acceden ó ensino privado. Outro dato a subliñar dese traballo é a constancia dos mellores resultados das nenas en Lingua, mentres os nenos destacan en Física e Matemáticas.
Unha escola igualitaria é unha das máis grandes conquistas do mundo moderno. E convén lembralo cando dentro duns días milleiros de alumnos se enfronten ás probas de selectividade. O ensino público non só é unha peza fundamental da democracia, en canto axente valioso para a construción de cidadáns libres, senón que tamén axuda a construír a igualdade de oportunidades necesaria nun réxime de liberdades: porque, que temos as persoas, á marxe da educación, como apoio para un futuro mellor sen privilexios nin favoritismos?

4 jun 2008

Para os que aínda non o coñezan
Este é Pepe Trebolle, fornecedor de tantas fotos desta casa
A imaxe foi tomada na Feira do Libro de Ourense, cando lle asinaba o seu libro sobre N. York a escritora Inma López Silva (ó fondo, X.M.del Caño, Alonso Montero e Peña Rey).
Caen chuzos sobre o bipartito...

Dunha banda, as críticas sindicais ós "chiringuitos" e o desentendemento BNG-PSDG-psoe no tema da suposta axente electoral en América.
Doutra, unha opinión pública, ou publicada, ben contundente nestes días. Dous exemplos, o artigo de Salvador García-Bodaño en ECG ("Evidencias da mala xestión"), o domingo pasado, e o de hoxe de Ánxel Vence no Faro ("Fraguismo sin Fraga"): este último molestará especialmente á militancia socialista e nacionalista ó identificar o labor do bipartito en certos campos (Cidade da Cultura, chiringuitos, viaxes a America) co sempre rexeitado Fraga, algo que resultará noxento para os que fixeron do antifraguismo a cerna da súa loita política.
A caída dos mitos (Paul Preston)

Paul Preston sinala a pervivencia dun "franquismo sociolóxico" que se atopa detrás das resistencias ás políticas da recuperación da memoria
M. DOPICO . SANTIAGO (GH. 4.6.08)
Franco foi peor que Mussolini en termos de represión e crueldade".