23 sept 2008
22 sept 2008

Hai uns días o escritor Antonio Muñoz Molina lembraba a figura do recentemente falecido Johnny Griffin. Para min este nome vai unido o meu descubrimento do Jazz. Cando tivo lugar esto?. A esta pregunta xa case podo responder con aquel verso do poeta Jaime Gil de Biedma “Ahora que de casi todo hace ya 20 años..".. Eu tiña dezaoito anos e acaba de comezar os meus estudios de dereito. A musica que escoltaba por aquel tempo era a que fixeran aqueles xovenes dos anos 60. Os Small Faces.. Os The Who. Os Stones. Maís tiña un amigo que vivía preto da miña casa na rúa na que o sol nunca sae que cando ía a súa casa me ensinaba a súa colección de vinilos de jazz. Estusiasmabase con aqueles nomes. Miles Davis. Charlie Parker. Dizzy Gillespie. Un día este amigo díxome se quería ir a un concerto o Café Latino. Aceptei a invitación . O concerto era dun home xa maior para unhos ollos de dezaoito anos e que encaixaba na descrición que fixera Joseph Roth dos músicos xudeus “ Os músicos son moi pobres porque viven das alegrías alleas”. O concerto que escoitei en aquela noite de Ourense foi do saxofonista Johnny Griffin. Así comezou a miña paixón polo jazz e que anos mais tarde fixo xurdir uns versos que apuntei no meu caderno de poeta imprevisto e que agora dedico a memoria daquel saxofonista que visitou xa fai moito tempo Ourense .
JAZZ NO LATINO
“Luz morna sobre ás mesas”
Lansgton Huhges
“ SOIO DE TROMPETA CON SOIDO
MANIFESTAMENTE SUICIDA”
A. Pexegueiro
Pouca luz,
vasos cheos de soños e xeo sobre ás mesas de mármore,
risas e saudades contaxiosas de candidatos o suicidio
que adoran a poesía de Costafreda,
promesas incumpridas por viaxantes da soidade,
bicos aprazados por constructores de pirámides de acontecementos,
bagoas pola ausencia de amor nas meixelas dos que fan xirar a roda estatal,
bicos suspendidos no aire coma notas do piano
de Hancock na fría noite do catro de outubro en Estolcomo,
mentres o jazzmen busca no ceo os mortos polo jazz.
A Coltrane.
A Montoliu.
A Gillespie.
A Davis .
A Thelenius Monk.
A Sonny Rollins.
E nos aínda pensamos que o Village Vanguard non esta en Nova York
senón en Ourense que non é unha enorme metáfora. do reino de Mánoa
senón que sigue sendo a Auria de Blanco Amor
e dos poetas e bispos camiñantes nás frías noites de inverno
nás que baila a lúa dos mortos ca túa sombra de mal poeta.
Respiramos o mito entre fume de tabaco!.

ar pola orella unha cobra ou un sapo calquera.Pero é que hoxe -onte cando lean isto- estaba para deixalo. Despois de chegar canso do traballo ao medio día e servirme no prato a gornición de verdura do polo, ergo a vista e vexo na TVG o indicible. Nin máis nin menos que unha noticia sobre a evolución das cesáreas das vacas. Aí lle ronca. E para máis, ilustrada cunhas imaxes tremendas, ou sexa nas que tremía a vaca e que me facían tremer a min. Un veterinario -un deses 1.200 de garda que seica hai xa- turraba dun tenreiro que non daba nacido a través dunha fenda feita no lombo da parte de babor -ou de estribor non sei ben- da vaca. Puagh. Unha orxía de sangue, líquidos e humores, pouco compatibles coas verduras e polo que tiña no prato. ¿Pero onde vai o sentido común?, o ‘sentidiño’ de que falaba o noso ex presidente Albor. (...) 
Marcos Valcárcel
O Instituto que ardeu.
20 sept 2008
Un amigo desta casa tivo a ben enviarnos este documento político do Partido Galeguista. Colgámolo aquí porque pode interesar a algúns dos nosos curiosos e espelidos lectores/as:
GALEGUISMO: A IDENTIDADE
O Partido Galeguista é unha organización política de mulleres e homes que teñen por obxectivo erguer a Galicia até situala en pé de igualdade cos pobos europeos máis desenvolvidos.
Nós, os Galeguistas, entendemos que Galicia, como nacionalidade histórica europea e tamén como expresión sociopolítica da irmandade universal que conformamos os galegos espallados polo mundo, demanda unha renovación da teoría e da praxe política que redeseñe os puntos referenciais de calquera acción que interprete, administre ou reivindique os seus dereitos lexítimos como nacionalidade participativa, soberana e diferenciada tanto da Unión Europea como do Estado de Dereito definido pola Constitución do 78, baixo a denominación xenérica de España, que implicitamente recoñece e debe protexer os diferenciais da nosa IDENTIDADE como pobo, da nosa cultura e tradicións, do noso idioma e das institucións que representan e expresan, sociopolítica e administrativamente, tanto os intereses como os lexítimos e históricos dereitos dos cidadáns galegos e, por extrapolación, do concepto de nacionalidade, de nación, que reside no pobo galego e debe de expresarse por medio dos seus órganos constitucionais representativos.
Xa que logo, SETENTA E SEIS ANOS despois da súa fundación e ás portas de cumprirse VINTETRÉS ANOS da aprobación (no V Congreso), da liña programática de "Concordia Nacionalista", o Partido Galeguista abre un proceso para acada-los devanditos obxectivos o máis axiña posíbel, polo que defenderémo-los intereses dos galegos en tódolos ámbitos de actuación convenientes, mediante a elaboración e a execución de estudos, programas e demais traballos que posibiliten a conquista dos maiores niveis de desenvolvemento económico, social e cultural, das xentes dos lugares, parroquias, aldeas, vilas e cidades, tanto dos residentes dentro dos territorios históricos da Galicia como daqueles que residan noutros países ou estados da península Ibérica, Europa, América e no resto do mundo.
Queremos que a mensaxe galeguista chegue ós cidadáns do único xeito xenuíno que ten de manifestarse: a través do Partido Galeguista; e para iso traballaremos sen desmaio e executarémo-las formas de actuación política máis idóneas e axeitadas, principiando pola loita para acada-las cotas de autogoberno que precisámo-los galegos para podérmonos desenvolver como pobo diferenciado que somos, cousa que compatibilizaremos cun traballo concertado e solidario cos demais pobos. Somos e seremos, cada vez máis, a opción política capaz de garanti-la máxima capacidade operativa e decisoria para o parlamento e o goberno galego, sen caer en sinerxías excluíntes nin illacionistas; unha opción, en definitiva, que será capaz de interpretar axeitadamente o concepto da IDENTIDADE GALEGA, cunha VISIÓN de ESTADISTAS da política centrada en construír País, en facer País, en facer Galicia e, por iso mesmo, en ter unha visión axeitada de concertación política a nivel do Estado Español e da Unión Europea. (...)
(Segue en Comentarios)
19 sept 2008
Como todos os profesores eu tamén me queixei máis dunha vez das partes máis ingratas do meu labor profesional: corrixir exames, longas xuntas insufribles, algún problema con algún alumno (moi raramente), etc. Non son dos que se queixan a cotío e en xeral estou, sempre o estiven, moi satisfeito coa miña condición docente e a relación cos compañeiros e cos alumnos/as.
Por iso onte estrañei o inicio do curso, poden crerme ou non, pero así foi. Agora non sei o que tardarei en reincorporarme ás aulas, pero faríao xa (fareino, cando sexa) moi feliz.
Dende aquí un saúdo a todos os compañeiros/as (algúns achéganse de cando en cando ó blog) e tamén para os alumnos/as. E repito as grazas a todos os compañeiros e cargos directivos que me chamaron nestes días.
A serpe traía cola. Steiner pide perdón nunha mensaxe cargada con dinamita
O racismo lingüístico aumenta en Europa, segundo a Axencia para as linguas minorizadas e a desculpa de George Steiner non mellora as cousas
XABIER CORDAL en Galicia Hoxe 20-9-08


17 sept 2008
Veño de pasar unha fin de semana no Baixo Alentexo, en localidades como Alcoutim, Mèrtola ou Beja, capital rexional. Comín carne de porco (preto) á alentexana e cocido de graos (bicos ou garavanzos), pero non é este país para famentos impacientes. O ritmo destas partes aseméllase ao do réptil aletargado nun terrario, baixo unha raxeira de sol que rebrilla nas casas caleadas. Cómpre esperar unha hora ou dúas desde que sentas na mesa ata meterlles o dente ás viandas. Os domingos pechan restaurantes e pastelerías, unha nugalla precapitalista apodérase de xentes intensamente morenas que non teñen moita ansia de recibir turistas portadores de virus perigosos, tales como a vertixe ou a ambición mercantil. En Mèrtola, desde a "alcaçova"outea o viaxeiro sobre as revoltas dun Guadiana que serpea con doce teimosía, alterado apenas por parrulos que atravesan as correntes con magnífico estilo natatorio, comparable ao do plusmarquista Michael Phelps.
E, xa en Beja, pode ascender a unha orgullosa torre de homenaxe erguida no século XIII polo rei-poeta don Dinis, ou visitar o museu rexional dedicado á memoria de soror Mariana Alcoforado, a freira portuguesa á que se lle atribúen escandalosas cartas de amor redactadas no século XVI. Fóra dos núcleos habitados, azazan coa calor eidos resecos punteados por aciñeiras vellas, oliveiras rateñas, sobreiros de tronco escascado e algún piñeiro manso de toro redondo, contrafigura do lanzal piñeiro pondaliano. No país inzan apelidos como Cadaval ou Janeiro polo que queda practicamente descartado que Jesulín Janeiro (de Ubrique) sexa da estirpe de Helena Villar Janeiro ou que os irmáns Cadaval (Los Morancos) garden algún parentesco con Quico Cadaval, o noso inspirado director dramático e maxistral contacontos. Estas terras están fortemente vencelladas á Andalucía Occidental por algo máis que as ombreiras ("paletillas") ou faces ("carrilleras") do marrán negro.
Tamén están unidas á Galiza por un liorto ben máís subtil: o idioma común.
pan por pan xoves 18 setembro
A relación na sociedade actual entre a política e a comunicación é tan directa que mesmo se podería afirmar que a primeira non sobreviviría sen a segunda. E moitas veces é o segundo polo quen impón a súa axenda á propia clase política. E así chegamos ó que o amigo Xoán da Cova, contertulio habitual do meu blog, definiu como “Goberno espectáculo”. Velaí nas súas palabras: “O Goberno-Espectáculo. Non ten que gobernar (iso é imposible), ten que entreter. Dentro de pouco, veremos as accións de goberno como quen ve unha película: sen ningunha conexión coa realidade. E as eleccións serán unha especie de entrega de Oscars". Isto non quita, como engade o atinado Apicultor que os políticos busquen, co efecto mediático, a eficacia das accións de goberno. Pero isto depende de factores non sempre controlables, incluída a propia receptividade da sociedade.
Director da coral Tempos Novos
Entrevista de Imanol Hernández en La Región 17-09-2008 (e saúdos a Xabimusic)


Falamos onte da moza do maltratador, nova vedette dun xeito de periodismo ben dubidoso. Somos contiñeiros morbosos e os que o saben explotan o filón. Un xornalista non pode ser cínico, dixo Kapúscinski. Pero o mestre nunca entrevistaría a esta energúmena. Tampouco foi este un caso excepcional.
Esoutro día un xornal galego cubría case unha páxina cunha ampla entrevista a un personaxe que responde no argot por Makelele. O mérito de tal individuo para saír nos medios? Pois seica deixar un matrimonio morto en Vigo tras unha suposta carreira de coches; logo, xa liberado polo xuíz, foi detido de novo, por conducir unha moto ebrio. A entrevista era xustificativa e servíalle para dar outra imaxe da súa personalidade: tamén se queixaba de ser obxecto de "linchamento mediático". Que pensarán os familiares dos falecidos ó ver publicada esa entrevista con todo luxo de detalles?
A democracia garante a liberdade de expresión, xa o sei. En tempos os delincuentes saían estigmatizados en El Caso: moitos con menos culpa dos que acabo de citar. Facer aboiar todo o que se remove nas cloacas da sociedade, exercendo o cinismo e a chulería, ofrecendo unha dignidade a personaxes que carecen dela, todo iso é xornalismo?
16 sept 2008
É cousa sabida, case de libro de texto, que antes de Evo Morales a Embaixada dos Estados Unidos posuía a prebenda de nomear os ministros de Defensa e de Goberno. Este privilexio agora desaparecido é unha boa razón para descubrir as cualidades de Philip Goldberg, o embaixador expulsado o outro día. Os perfís dos diplomáticos son sempre determinantes para a diplomacia estadounidense.
Goldberg estivo destinado en Iugoslavia, desde o comezo da guerra civil. Máis tarde, entre o 94 e o 96, foi enviado a Bosnia polo Departamento de Estado, nos meses anteriores a que os separatistas albaneses fixesen estalar o novo conflito. Actuou tamén como asistente especial do embaixador Richard Holdbrooke, un dos enxeñeiros da desintegración iugoslava, e aínda volveu á capital de Kósovo en 2004, antes da separación de Serbia e Montenegro.
Paga a pena volver ver "Estado de Sitio". É un filme de Costa-Gavras que narra a pura realidade. Nel un técnico estadounidense destinado para o Uruguai en 1973, aparentemente coa misión de axudar ao progreso social, é o encargado de organizar escuadróns da morte, formar a policía e crear dentro dela grupos sen control institucional, baixo a súa obediencia. Cambiaron algo as cousas; agora a nova estratexia en América Latina, alá onde é posíbel, consiste en crear e incentivar as condicións para a revolta de provincias e rexións ricas contra os poderes democráticos correspondentes. Pretenden estender esa estratexia a Ecuador, Venezuela e Guatemala. Por iso Goldberg se reunía cos gobernadores da Media Luna, que controlan tamén os grupos da extrema dereita de ascendencia ideolóxica fascista e nazi.
Bolivia parécese moito á vella Suráfrica. Nos anos cincuenta do século vinte aos escravos chamábanlles pongos (un pongo é un orangután) e estaban á venda. Foron legalmente prohibidos en 1952, mais continuaron comerciando con eles. Até 1951, os indios non tiñan dereito a voto, nin a andar polas beirarrúas. E segue habendo escravos en facendas da zona oriental. A Evo Morales nunca lle perdoarán que o seu pobo veña de tan abaixo e que por riba abrigue unha alta civilización.

Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 16-9-08
O outro día fun ver, claro, ‘Los girasoles ciegos’. Eu, coma todos, buscaba nos extras e figurantes a coñecidos. E coma todos, non vin a ningún. Entre Salvador -Raul Arévalo-, Maribel Verdú e Cámara enchen a pantalla. Só por xenerosidade e simpatía dese ourensán que é Cuerda xa -pode ir escollendo entre Corda ou Sedeño- grazas a el, a cidade aparece como fermoso telón de fondo, incluso co inhabitual detalle de sinalar explicitamente a localización nun texto ao comezo.E logo do cine, cunha cervexa na terraza sobre o río, xulguei a presenza do Cara al Sol no filme excesiva, e pensei nas veces que eu o cantara. Bastantes, por certo. Creo que os nacidos en 1960 e incluso algúns dos anos inmediatamente seguintes que estudamos no Curros Enríquez fomos os últimos en entoalo de forma regular. (...)
O artigo completo


Andoliña martes 16-9-08
Pola contra, esta “señora” asume xa o papel da gran mala do espectáculo mediático que, polo de agora, cobra cifras suculentas por aparecer nos medios. Sen coller colores nas meixelas, para nada. Terá futuro na súa nova andaina? Nunca se sabe. De momento asegura audiencias millonarias e iso ten o seu valor nunha sociedade de mercado descarnada como esta. Unha perversión do xornalismo, velaí.


