
‘O cidadán do mes’, de Ameixeiras
(Andoliña mércores 5 xullo)
Hai unhas semanas gañaba o último premio Xerais Diego Ameixeiras, autor das novelas policíacas Baixo mínimos e O cidadán do mes, arredor das andainas do detective Horacio Dopico. Debemos engadir o seu nome á nosa serie sobre Ourense: universo literario pois ámbalas dúas están ambientadas na miña cidade e con profusión de riscos topográficos. Poderíase elaborar un plano urbano auriense seguindo os pasos do protagonista: dende a Cruz Alta ata o Parque Miño, dende a rúa dos viños ata Barrocás e o Polvorín, con incursións na Derrasa e na Chavasqueira e protagonismo para lugares de culto das novas xeracións como o Café Auriense ou o Rock Club.
Creo que ningunha obra literaria ata agora recolleu un abano tan amplo de espazos ourensáns, axuntando o Ourense histórico e medieval (o que coñeceu a Xeración Nós) cos novos barrios, froito da emigración e da especulación urbanística, nacidos de xeito ben desordenado nas décadas dos anos 60 e 70. Os espazos climatolóxicos tamén son importantes: se en A esmorga a choiva e a friaxe eran dominantes no curso da novela, agora quedamos enchoupados polas suores da calor abafante dun agosto ourensán, tan real por certo.
Entón Horacio Dopico ven sendo afillado do Gumersindo Nespereira do seu amigo Bieito?
ResponderEliminarSi, disque está ambientada en Ourense esa novela.
ResponderEliminarPero... podía darnos a súa opinión sobre a calidade literaria da mesma?
Xa sabe que é un tema en discusión, e a súa autorizada opinión sería de moita utilidade.
Efectivamente, Bouzafría, é afillado do Gumersindo Nespereira, aquel un chisco máis enxebre.
ResponderEliminarPara Usuario Anónimo: aquí só quería subliñar a súa presenza ourensá. Da calidade literaria, xuzgando só por esta (non lle lin ainda a anterior), creo que é unha obra de xénero máis, quizais algo tópica nos esquemas da novela negra e que non será unha das obras claves da nosa literatura, pero o noso sistema literario creo que necesita libros de todas as características e tamén coma este. Por outra banda, D.Ameixeiras é un autor aínda máis novo e pode afondar no futuro en diferentes aspectos (na profundidade no retrato dos personaxes, na riqueza e variedade do código lingüístico, etc.).