
Yunque’, a vangarda política
(Andoliña 12 xaneiro)
O Centro Ramón Piñeiro continúa a recuperar as revistas culturais do noso país en edición facsimilar. A última reedición foi a de Yunque (Periódico de vanguardia política) que se publicou en Lugo e só sacou seis números, tres deles descoñecidos ata hai pouco: moitos investigadores escribimos sobre a revista ignorando os tres primeiros números, rescatados agora por Elvira Meilán e Claudio Rodríguez Fer.
Das revistas da época das vangardas, Yunque ten unha fasquía diferente, porque foi a máis ideoloxizada e a máis esquerdista de todas elas: nas súas páxinas podía aparecer a Internacional ou o programa radical-socialista ou unha cita do Manifesto Comunista ou un artigo de Montero Díaz sobre o escritor ruso Eremburg, pero tamén prosas líricas de Francisco Lamas, versos de Luís Pimentel, textos de Ánxel Fole ou mesmo o Madrigal a Compostela de García Lorca.
Son moitas as xoias desta publicación, entre elas as entregas artísticas, de primeira fila: Seoane, Maside, Colmeiro, Ánxel Johán, Norah Borges, etc. Tamén están aquí os primeiros artigos de Ramón Piñeiro (asinando como Luís de Veiga) e artigos de Álvaro Cunqueiro, Luís Manteiga, Ramón Martínez López e Víctor Casas entre outros.
(Na imaxe un linóleum de Ánxel Xohán, publicado nesta revista en 1932)l
Podería poñer aquí algún deses textos de Ramón Piñeiro? Grazas.
ResponderEliminarSon só dous textos, de tema político-ideolóxico. Publicarei algo deles, aínda que sexa escolmados, en canto teña un pouquiño de tempo. Un titúlase, creo (agora non estou na casa), "Racionalización da política".
ResponderEliminarCaramba, pois ese é un título moi acaído aos nosos tempos!
ResponderEliminar