
La Región 26 febreiro
Ten esta cidade moitos déficits pendentes e algúns deles só empezaron a ser tomados en serio nas últimas décadas, dende a morte de Franco: por exemplo, as súas infraestruturas culturais. É neste campo onde se constata o baleiro máis grande: un espazo nobre e céntrico, dedicado á memoria da cidade. Con diferentes nomes foi reclamado polos grupos políticos nas diversas convocatorias electorais, pero segue pendente a súa posta en marcha. Ese espazo da memoria debe reconciliarnos coa nosa historia, sobre todo a máis achegada, e ser o espello para os visitantes do que foi Ourense, do qué é a cidade e mesmo do que pode ser esta gran urbe no futuro: un lugar onde acudan tanto os rapaces dos colexios como as familias e as excursións do resto de Galicia e de España para saber qué definiu a Ourense na súa historia. Que marcou decisivamente a nosa identidade de cidadáns aurienses?
Un lugar centrado nos grandes referentes que nos identifican ante nós mesmos e ante o mundo. Un espazo para a memoria da Xeración Nós, co que significou na historia de Galicia, ponte cara a modernidade dende unha perspectiva universal. Un lugar para Curros Enríquez e Blanco Amor, para Lamas Carvajal e Antón Tovar, para Valente e Otero Pedrayo, para Vicente Risco e Carlos Casares, para Méndez Ferrín e Pura Vázquez. Un lugar símbolo da nosa potencia cultural. No xornalismo: dende os tempos do “Heraldo Gallego” e “O Tío Marcos da Portela” (capital fundacional do xornalismo en galego) ata “La Región”, “La Zarpa” ou a revista “Nós”. Un encontro coa nosa vizosa tradición musical: dende os gaiteiros populares e a Coral de Ruada ata Antonio Iglesias, Manolo de Dios, o Conservatorio (agora cumpre 50 anos) ou “Los Suaves”. Un espazo que atesoure a memoria do noso teatro: “Histrión 70”, “Auriense”, “Rúa Viva”, “Sarabela” e un longo etcétera. E o esforzo dos que creron dende os inicios no poder das imaxes: a historia dos primeiros cines, o lexendario Barbagelatta, as Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións e o cineclubismo e o novo Festival de Cine. E, co protagonismo que se merece, o mundo dos artistas plásticos: de Parada Justel a Fernández Mazas, Prego de Oliver, Faílde, Virxilio, os Quesada, Acisclo, Baltar, Buciños, De Dios, Iñaqui Basallo, Oro Claro, etc. E a evocación do mundo da Radio, o Círculo Azor, “Posío”. E os nosos arquitectos. E o asociacionismo cultural, dende o Liceo de 1850 en diante. E a nosa microhistoria das festas populares: o antroido, os maios, o Corpus, os personaxes que definiron o noso perfil máis simpático, dende Xan da Cova ós toliños de onte. E a creación da riqueza económica: os Franqueira, Barreiros, Fundición do Malingre, as sagas de comerciantes. E o mundo dos deportes e os cafés-cantantes e o excursionismo e os naturistas ácratas de preguerra.
Existe hoxe un lugar, un espazo da memoria, para todo iso? É obvio que non. O edificio do Banco de España pode chegar a ser ese lugar. Depende da vontade dos cidadáns: se é firme e decidida, as institucións e os políticos non poderán deixar pasar esta oportunidade.
Que boa homenaxe á nosa terra, incluída a fotografía en branco e negro. Parabéns.
ResponderEliminarQue fotografía tan fermosa. Vánseme os ollos para a beira do Seminario. E se a miña sinatura de oriundo ourensán valese para algo apoio a moción.
ResponderEliminarOnde hai que asinar? Paréceme a proposta máis realista, ilusionante, necesaria e integradora que coñezo para dar un uso cultural ao antigo Banco de España. Perder ese edificio sería unha catastrofe.
ResponderEliminarFaime unha especial ilusión a referencia aos antigos xornais da cidade, auténticas marabillas da nosa historia. Moitas colecións están mal conservadas entre ratos e humidade, outras en man privadas, outras en faiados esquecidos. E todo elo na era Internet. Unha das imaxes máis desoladoras que teño visto foi contemplar unha coleción dun xornal ourensán dos anos 30 completamente estragada pola humidade. Salvemos este edificio e por favor, salvemos tamén La Zarpa.
Para Bouzafría e para David Paz Nóvoa: por suposto que son ben recibidas todas as adhesións a esta campaña (para facer ben as cousas podedes mandar unha mensaxe neste sentido ó meu correo persoal: está no perfil meu no blog). E para David: é certo que segue habendo grandes xornais de Ourense en coleccións privadas, un día falaremos diso: p.ex. "El Miño". Pero, por fortuna, "La Zarpa", que moitos consultamos na casa dos parentes de Basilio que a gardaron, consérvase hoxe, en boas condicións, na Biblioteca da Deputación de Ourense: ademais, creo que estaba en proceso de microfilmación. E o groso da nosa prensa, sobre todo do XIX, está en boa parte no Mosteiro de Poio, da colección de Arturo Vázquez Núñez, que para alí a levou Rey Soto cando, nos anos 60, en Ourense ninguén a quería.
ResponderEliminarHoxe grazas á tecnoloxía dixital, é factible compartir eses bens hemerográficos e outras moitas cousas. Unha fototeca, de orixinais dixitalizados, etc. etc.
ResponderEliminarA casa da memoria da cidade, no centtro da cidade. Proxecto ilusionante que deberá facer confluír vontades.
Magnífico comentario, no tono. E magnífico o tono, sobre este tema, nos últimos días.
ResponderEliminarÉ algo que teño claro e así o digo no meu círculo. Teño pensado dar opinión tamén no artigo do venres.
Unha aperta.