15 abr 2007


Primo Levi (Pan por Pan 13 abril)

Cumpríronse 20 anos da morte de Primo Levi, vítima do nazismo, testemuña indeleble do alegato contra o Holocausto. Na súa lembranza, estes seus versos:
Se isto é un home/ os que vivides seguros / nas vosas casas caldeadas/ os que vos topades, ao volver pola tarde,/ o xantar quente e os rostros amigos: / considerade se é un home/ quen traballa na lama/ quen non coñece a paz/ quen loita pola metade dun panciño/ quen morre por un si ou por un non. / Considerade se é unha muller/ quen non ten cabelos nin nome/ nin forzas para lembralo/ baleira a mirada e frío o colo/ como unha ra invernal. / Pensade que isto aconteceu: / Encoméndovos estas palabras. / Gravádeas nos vosos corazóns/ ó estar na casa, ó ir pola rúa,/ ó deitarvos, ao erguervos;/ repetídeas aos vosos fillos. / Ou que a vosa casa se derrube,/ a enfermidade vos imposibilite,/ os vosos descendentes vos volvan o rostro.

3 comentarios:

  1. Hai uns poucos meses, fixera eu un amplo comentario sobre Primo Levi nesta mesma bitácora. Por aí andará no arquivo.

    Sería moi pretencioso pola miña parte recuperala. Pero vaia aquí o meu recordo para unha figura insustituible na historia contemporánea, de quen tanto aprendimos e de quen tanto aprenderemos. Sempre.

    ResponderEliminar
  2. Vou ser eu quen poña esa intervención de AP-C, con permiso de todos.

    ..................................................
    Quixera, para finalizar e para non cansalos, falar moi brevemente de Primo Levi. Hai moitas obras testemuñais e de reflexión sobre a entidade do Holocausto e dos xenocidios. Moitas, e case todas dignas de mención. Pero as obras deste xudeo italiano que, capturado pola milicia fascista a finais de 1943, deu sobrevivido ao exterminio nazi (en especial a súa triloxía de Auschwitz: “Si esto es un hombre”, “La tregua” e “los hundidos y los salvados”, as tres traducidas en Muchnik Editores), son das máis capitais para “entender” o Holocausto e recoméndoas moi vivamente. Tal é así que Tzvetan Todorov (“Memoria del mal, tentación del bien. Indagación sobre el siglo XX”, Barcelona, Península, 2002) non dubida en falar do “século de Primo Levi”. Especial interese ten o que Levi chama “a zona gris”, termo que utiliza para penetrar con inusitada clarividencia na esencia do mal e na natureza humana en situacións extremas e os seus comportamentos (a vida e as relacións humanas no “lager”). Primo Levi, como di Todorov, “non vocifera, senón que fala a media voz, sopesa os pros e os contras, lembra as excepcións, procura as explicacións das súas propias reaccións. Non ofrece para os feitos do pasado explicacións estrondosas nin adopta as entonacións do profeta directamente conectado co sagrado; fronte aos extremos, sabe permanecer humano, sinxelamente humano”. E así é. En palabras do propio Levi: “… antepoño a xustiza ao odio. Por esa mesma razón… usei a linguaxe mesurada e sobria da testemuña; non a lamentosa linguaxe da vítima nin a iracunda linguaxe do vengador: pensei que a miña palabra resultaría tanto máis crible canto máis obxectiva e menos apaixoada fose; só así a testemuña cumpre nun xuízo a súa función, que é a de preparar o terreo para o xuíz. Os xuíces sodes vós”.

    Leamos, pois, a Primo Levi, un bo antídoto contra os totalitarismos e os xenocidios que, en efecto, aínda están aquí entre nós. Porque, como el mesmo nos recordou, “Un oprimido pode convertirse nun opresor. E a miúdo faino”. Nós somos os xuíces e debemos condear activamente a todos os opresores, de todas partes, de todos os signos, con todas as nosas forzas.

    Boa noite a todos.

    ResponderEliminar
  3. Gusto de reler aquela reseña do AP-C. A ela permítome engadir a novela "Cristo si è fermato a Eboli", publicada no seu día por Xerais ("Cristo parou en Eboli"), expoñente do neorrelismo e sobre a cal Francesco Rosi realizara no seu día un filme ben do meu gusto, con Gian Maria Voloté, Lea Massari, Irene Papas e outros.

    Novela e película probablemente serán recomendables para entrar na cuestión do Mezzogiorno ou Italia como dualidade en termos sociais e económicos. Hai que posiblemente, aínda nese sentido, haxa máis de dúas italias.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.