7 oct 2007

identidade
Pan por Pan domingo 7 outubro
O pasado venres tivo lugar nesta cidade a inauguración oficial de curso da Universidade de Vigo, cun acto no que pronunciou a lección maxistral Jesús de Juana, catedrático de Historia Contemporánea, co título “Historia e galeguidade”. Desta conferencia, pronunciada en galego, cabe subliñar o retrato da responsabilidade do historiador no noso tempo, con mención destacada do exemplo humano de Marc Bloch (na imaxe), profesor francés que se incorpora ós 50 anos á Resistencia contra os nazis para ser logo detido, torturado e fusilado. A segunda parte da intervención xirou arredor do eterno problema da Identidade galega, cunha reflexión final tamén sobre a achega a este concepto da emigración espallada polo mundo, nunha perspectiva integradora e universal: un xeito, dixo o historiador con palabras de E. Morin, de selar os vínculos entre o universal e a esixencia de ter raíces.

94 comentarios:

  1. A mín góstame moito ese concepto da Historia que a describe como unha construción do "Entendemento" máis que da mera "Memoria".Como nas ciencias máis puras,os documentos (fiables) de todo tipo tómanse como "feitos empíricos observados" ós que lle hai que dar senso cunha coherencia particular e global que xa quixeran pra sí moitas das chamadas "ciencias naturales".
    ¿Cando veremos á Historia abandoar o ámbito das Humanidades pra sentarse coas ciencias irmás,sempre tamén inacabadas e incompletas?

    (Non sei se non estaréi algo espeso,que non dormín a sesta)

    ResponderEliminar
  2. Creo que hoxe a historia (historiografía) anda á procura do seu propio estatuto epistemolóxico. Cun pé nas Humanidades e co outro nas Ciencias Sociais, é un personaxe que, sempre errático, anda á busca de autor(es).

    ResponderEliminar
  3. ¿Quere dicir,Apicultor,que á Historia lle fai falla o seu Newton,o seu Einstein...?

    ResponderEliminar
  4. De Juana, falando en galego -xa era hora, despois de vinte anos ou máis por Ourense- e disertando sobre identidade e galeguidade? Pregúntome, por non variar, quen lle escribiría o discurso. Cousas veredes.

    ResponderEliminar
  5. Dende logo, non semella o de Juana o máis indicado para falar deses temas (non sei se doutros, pero deixémolo aí). En todo caso, sería interesante ver o texto e achegármonos ás súas sesudas reflexións, que de certo non han decepcionar a todos aqueles que seguimos os seus traballos con paixón e curiosidade. Xamais se sabe quen foi a vítima nesta ocasión...
    En todo caso, son temas gorentosos. A Historia ha ser unha Ciencia Social. Mais é difícil que o seu status gnoseolóxico e metodolóxico llo permita. Podemos quedar coa Historia como forma de coñecemento. Ou como "ciencia social histórica", como a definiron algúns historiadores alemáns. Sempre na procura de alentar o razoamento crítico sobre o que aconteceu, os seus porqués, e sobre os erros do pasado para evitar que se repitan. Agardamos pois polo vindeiro libro de De Juana onde se nos alumeará definitivamente.

    ResponderEliminar
  6. Non, non quero dicir iso, amigo XDC. Para non variar, eu tamén ando espeso de máis.

    Quero dicir -e abrevio- que hoxe non busca a súa identidade á sombra das ciencias "duras".

    ResponderEliminar
  7. Estou de acordo co sentido das palabras de Isildur verbo da historia, aínda que quizais non tanto con toda a súa literalidade.

    ResponderEliminar
  8. Un dos problemas desta crise "estatutaria" da historia, sempre larvada pero xa totalmente desembridada a partir de Foucault e os postestruturalistas, é a aceptación implícita por parte de non poucos historiadores dun uso case exclusivamente utilitarista desa disciplina. Como se dixesen: "Xa que o pasado é incognoscible e a historia non é máis que unha práctica discursiva entre moitas outras, cuxa finalidade é a lexitimación ideolóxica do presente, actuemos en consecuencia e escribamos unha historia metodoloxicamente científica pero destinada a servir á ideoloxía que profesamos e aos fins políticos que perseguimos". ¿É posible que haxa algo desto ou estou eu engañado?

    ResponderEliminar
  9. Algo diso hai, pero non é todo o que hai.

    ResponderEliminar
  10. Pois eu a de Juana vino convincente: viase dominador da materia. Os nacionalistas deben comezar a preocuparse: debemos de estar na fase de vulgarización ou banalización da cuestión. Deume a impresión de que a primeira lección (maxistral) sobre identidade e galeguidade estaba ben aprendida.

    ResponderEliminar
  11. Está claro que os políticos buscan lexitimidade prás súas ideas e prós seus intereses baseándose nos coñecementos históricos.É deber dos historiadores manter a independencia da súa disciplina.
    No pasado,tentaban icluso que as ciencias puras apoiasen coa súa autoridade certas interesadas ideas extracientíficas.

    Por certo,estou lendo estes días "la quiebra de la historia progresita",de Pío Moa...¿Cantos de vostedes están dicindo "Vade Retro"?

    ResponderEliminar
  12. Tamén podemos ver a historia como un xénero da literatura que pretende un estatus de verdade coa falacia dun método científico. Narrativo na súa meirande parte; dramático cando a ocasión patética o require; e lírico nos momentos en que os acontecementos ofrecen luz (ou sombras) sobre o presente.

    ResponderEliminar
  13. Concordo. Algo diso hai, mais os historiadores que posúan sentido crítico -iso que dá o sentidiño, a prática, o exercicio do talento e máis a comparanza e a inquedanza teórica- rara vez aceitarán seren simples servidores dunha causa, con ou sen maiúscula. Hainos que chegan a esa conclusión e se venden ao mellor postor. E grandes historiadores clásicos foron vendidos (á democracia ateniense, á República romana, etc. etc.), de xeito máis ou menos literal. Porén, non coñezo historiador serio, e que se tome a súa discipliña en serio, que acepte ser lacaio dunha idea, dun partido ou dunha facción. Outra cousa é que as súas simpatías, de xeito consciente ou semiconsciente, o leven a privilexar estas ou estoutras variábeis, a atender máis a unhas dimensións do pasado que a outras. É dicir, non sempre a tentar dar unha visión canónica da historia, pero si a apoñer máis forza explicativa a uns factores que a outros. De todos os xeitos, iso tamén acontece nas Ciencias Sociais que ninguén discute (socioloxía, ciencia política, etc.). O método non o é todo, a teoría tampouco, e non poden devir un fin en si mesmos. Mais un modelo teórico ben trabado e explicitado e unha metodoloxía coidada obrigan a marcar pautas e a descubrir as súas cartas ao profesional da Historia (e doutras disciplinas). Claro que a moitos historiadores iso de conceptos e teorías sóalles a herexía. O finado Javier Tusell dicía aquilo de que a Historia só se escrebe con sentido común, e o resto é leria...

    ResponderEliminar
  14. Se lle vai a "marcha" pode ler ese libro. Pero non se deixe seducir polas súas trampas sadúceas. Eu acompañaríaa doutros textos ad hoc de Enrique Moradiellos, Justo Serna, Alberto Reig Tapia e este outro andaluz cuxo nome agora non me sae.

    ResponderEliminar
  15. Consilio tuo utar,Apicultor
    (Seguiréi teu consello)

    ResponderEliminar
  16. Na miña opinión, A. dos P., a historia non é un xénero da literatura. Válese de técnicas literarias e válese de métodos definidos, ha certificar as súas afirmacións documentalmente, e valerse dun modelo teórico. Logo, claro está, como os historiadores utilizan unha linguaxe polo xeral pouco iniciática, tómaselles por literatos (e cadaquén pensa: eu podo imitar isto, na forma de expresar). O fondo é o que conta.

    Talvez o apicultor se refira a Espinosa. De todos os xeitos, ás veces a moralina nalgún dos seus textos, e o repetitivo dos de Reig Tapia -xa sabemos que Franco era un cabrón, non fai falla dicilo sete veces sen novas ideas, na miña opinión- tamén contribúen, sen o querer, a que Moa, que é un tipo perverso pero dialecticamente moi hábil, poida convencer algúns incautos.

    Por certo, e xa que falamos do tal Moa, segundo máis de un confidente infilitrado no Grapo pola policía. Sabían que tivo unha fase de achegamento ao nacionalismo galego, ao que semella na segunda metade dos 70? Cóntao nun dos seus libros, "Contra la balcanización de España", e como contactou con dous membros da UPG dos que por mágoa non dá o nome.

    ResponderEliminar
  17. Estando de acordo con Isildur. Pero tamén Arume ten a súa parte de razón. Pero só parte.

    Vou copiar unhas liñas do último e recentísimo libro de Alun Munslow, "Narrative and History" (Palgrave-MacMillan, 2007, pp. 27-28), que coido que poden vir a conto:

    First, the past has to be storied, but the story (emplotment) does not pre-exist in the content of past events. The content/story element is the location for the creation of beginnings, middles and ends, moral statements, the empirical reference and inference/analysis.
    Second, the nature and functioning of the historian, as a narrator (the autorial voice) probably requires a far more detalled analysis than it has hitherto received. Though a highly self-conscious group of people, historians are not generally aware of the functioning of the elements of discourse such as voice but also, as we shall see, the narrative concepts of tense/time, mood and focalisation.
    Third, the fact that history can ben expressed in many different modes (verbal, textual, filmic, digital, perfomative, etc.) requires a basic understanding of how each mode is at once constrained by and, in turn, influences the epistemological status of the history produced. In other words, the story space is governed by its mode of expression.

    ResponderEliminar
  18. Vaia,a ver se confesa algún conterulio do blog...

    ResponderEliminar
  19. Que a historia foi considerada un xénero literario amósano as poéticas aristotélicas que inclúen a Tácito, Tito Livio ou César entre os seus representantes.
    Os documentos que manexan os historiadores como probas argumentais poden ser a súa vez literarias: non é infrecuente por exemplo empregar epístolas ou cartas (que teñen unha dimensión retórica moi definida) para sustentar unha tese. Aínda recordo na extraordinaria monografía sobre o conde-duque de Eliott cómo recurría a textos explícitamente literarios para reforzar unha idea.
    E, como argumento en contra desa linguaxe pouco iniciática (ou linguaxe técnica), haberá que decir que os historiadores máis convincentes (porque esa é a proba das ciencias sociais e non outras obxectivables) empregan un deliberado estilo literario. Poña vostede un exemplo e veremos cómo está plagado de recursos retóricos de arriba a abaixo, por moito cientifismo que lle boten.

    ResponderEliminar
  20. Disculpen se tecleei mal algunha palabra.

    En efecto, a historia ten unha estraña e complicada relación (curmáns lonxanos quizais?) coa literatura, pero non é literatura propiamente dita, pois, como ben sinala Isildur, ten uns métodos definidos.

    Eu gusto moito da definición que dá Roger Chartier ("Au bord de la falise. l´histoire entre certitudes et inquiétude", Albin Michel, 1998) cando argumenta que os discursos históricos posúen unhas propiedades formais específicas que fundamentan as operacións propias da disciplina (construción e tratamento de datos, produción de hipóteses, crítica e verificación dos resultados e validación da adecuación entre o discurso cognitivo e o seu obxecto). Así, mesmo se escribe dun xeito literario, o historiador non fai simple literatura, pois existe unha dependencia ao arquivo e ás operacións técnicas propias do oficio, que fan irredutible o seu relato a calquera outro de signo distinto.

    E verbo de Espinosa e Reig Tapia, obviamente é como di Isildur. O seu exceso de antifranquismo retórico e repetivo é unha rémora para que os seus argumentos poidan ser atendidos por persoas que non sexan, en principio, de esquerdas. E é unha mágoa.

    E si, eu oínlle a Aróstegui e a Carrillo o de que Moa, cando estaba nos Grapo, era un confidente do comisario Conesa.

    ResponderEliminar
  21. Era "au bord de la falaise...".

    Concordo e non concordo co que remata de dicir Arume, polos argumentos que acabo de expoñer.

    (Cagondiola, a ver se nos lemos uns aos outros. Que Saavedra non é o único que ten motivos para queixarse)

    ResponderEliminar
  22. O problema dunha tese destas características é que reduce a historia a un relato narrativo, no que o historiador en terceira persoa decide quen son os personaxes, os protagonistas dun elenco dado; organiza o tempo cunha especial cuidado coa cronoloxía, pero de cando en vez se permite flash backs ou adiantos; recrea os espazos conforme a cartografías que recoñece como aproximadas; refire os acontecementos coa preocupación de que sexan entendidos con claridade, pero ás veces renuncia ao detalle e outras á síntese. O historiador, en definitiva, enfróntase coa súa materia reunida cos mesmo bimbios ca un narrador. A vella distinción aristotélica, non obstante, entre historia e poesía parece prevalecer entre vostedes, pero os límites entre ambos hai tempo que quedaron un pouco borrosos.

    ResponderEliminar
  23. En parte si, en parte non, amigo Arume.

    Ademais ultimamente fálase de "narrativas analíticas" nas ciencias sociais aparetentemente máis formalizadas, como a socioloxía ou a ciencia política. E outro tanto se pode predicar da historia.

    ResponderEliminar
  24. Litigar, litigarei, loguiño de clarear.
    Boas noites.

    ResponderEliminar
  25. Como perspicaz polemista -xa o sabemos ben- non ten prezo, Arume.

    Eu tamén lisco para a cama. Boa noite a todos.

    ResponderEliminar
  26. O argumento da subordinación ou pertenza da historia á literatura, no fondo, chanta naquilo de que “no principio, era o verbo”. Pártese da idea de que, se xeneticamente a literatura é o primeiro, porque o primeiro era a palabra ,oral ou escrita, o resto das ciencias humanas, especialmente as que esixen algún tipo de narración, como a literatura, a filosofía, a socioloxía e a antropoloxía, serían “xéneros literarios”. Ante esta pretensión de superioridade da literatura cabe obxectar, primeiramente, que o que hoxe entendemos por “literatura”, práctica autónoma pertencente a unha esfera (a arte) igualmente autónoma e emancipada da relixión e da moral, é un producto histórico. E anque a historia, como o seu nome indica (o substantivo provén de historein: contar unha historia), se refire algo acontecido e narrado, iso non abonda para adscribila á esfera da literatura, pois, como se dixo moi acertadamente, depende do ideal da obxectividade, circunstancia que a fire cunha marca de orixe esencialmente distinta á literatura, esencialmente baseada na ficción. Mais que teña como ideal a obxectividade e que dependa de datos (arquivos, fontes…) no quer dicir que a consiga, basicamente porque o pasado non está presente e ante os ollos, como un átomo ou unha célula, senón que é algo que hai que imaxinar e reconstruir, e para iso, como tamén se dixo con acerto, hai que utilizar procedementos literarios. Por iso toda historia é, no fondo, “historia do presente”, e por iso comprender historicamente algo supón esa “fusión de horizontes” entre presente e pasado á que Gadamer, inspirador de Jauss, alude en Verdade e Método. A doble dependencia dun ideal de obxectividade imposible de cumprir e dos procedementos narrativos propios da literatura imprímelle á historia esa relación tensa coa literatura por unha banda e coa ciencia “dura” pola outra. Non pode haber historia sen esa tensión. Despóis dunha historia positivista-marxista, semella que vivimos un certo un habaneo cara á literatura. En realidade, a boa historia sempre tivo un aquel de literario. Rectifico: tal vez non a boa, pero si a que a min me gusta.

    ResponderEliminar
  27. A pretensión da historia de ser ciencia dura é eso: pretensión, pero vana. Ciencia blandita e vai que chuta. Relato narrativo que xurde do pacto (explícito ou non) entre lector e autor polo cal o primeiro admite, de boa fe e mellor vontade (palabras máis que maiores), que o segundo pretende contar a verdade. Pero que o logre, ese é outro cantar.

    ResponderEliminar
  28. Boeno,a Paleontoloxía ou a teoría da Deriva Continental,ou a Historia Cosmolóxica entran na categoría de científicas,e non lle digo eu qué enormes lagoas e canta boa fe debe debe aceptar o lector...(Só e por "picar")

    ResponderEliminar
  29. Carafio, Arume, erre que erre, que hai que ler o que din os demais, home.

    Hoxe -e recalco o de hoxe- practicamente ningún historiador minimamente serio e preocupado polo estatuto epistemolóxico da súa disciplina sostén a pretensión -nin sequera a pretensión- de que a historia sexa unha "ciencia dura". Algúns poden quedar, pero son dos que non se enteran de nada (e non me faga dicir nomes, por favor). Outra cousa diferente é a pretensión de obxectividade, que segue estando aí como desideratum.

    Jim Morrison, coa habitual elegancia que o caracteriza, expuxo moi ben algunhas destas cuestións.

    Ah, Arume, e se aplicamos os seus criterios, se a historia fose unha "ciencia blandita", os estudos literarios serían unha "ciencia flácida". E recolla esa luva!

    ResponderEliminar
  30. Parécenme moi interesantes as súas teorías (historia/ciencia/literatura) pero se me permiten trollear un pouco, non sei se son conscientes da enorme cantidade de historiadores, fóra desta tertulia, que son incapaces de redactar un texto estruturado. Farteime de ler e, ás veces, traducir, teses moi sisudas que non tiñan xeito nin no idioma orixinal.

    ResponderEliminar
  31. E que o amigo Jim Morrison, con tumba en Pere Lachaise, revolveuse e dixo que a historia sufre unha tensión (alta, imaxino: a famosa hipertensión histórica) coa literatura por unha banda e coa ciencia “dura” pola outra. Non fun eu o que mencionou a dureza da suposta ciencia histórica.
    Que os estudios literarios son ciencia flácida resulta indiscutible. Faltoulle engadir morcillona, pero xa se ve que anda o patio remiso.

    ResponderEliminar
  32. Comprendo as relacións da historía coa narrativa pero que os historiadores utilicen procedimentos retóricos non os sitúa no ambito do literario.
    A polémica entre ciencias duras e blandas é falsa cando se identifican convenientemente os diferentes obxectos de estudo.
    Unha verdade científica non é conmensurabel cunha verdade ética,ou das ciencias sociais, ou na arte.

    ResponderEliminar
  33. Leo agora o post de Arume.
    Paréceme que non ven a conto esa gradación, de dura blanda ou moricillona, porque a gradación de facela faríamola en diferentes escalas. Nom me mida vostede por favor ,o meu convencimento de que estou actuando correctamente nun caso de etica, co patrón do metro gardado creo que en Paris.
    Se confundimos narrativa, ou relato con literatura entón poderíamos dicir, que o protocolo previo a un experimento é literatura. Así de simples, sen sequera intención,vamos! nínn nas Brillo box de Warhol.

    ResponderEliminar
  34. "A narrativa foi e continúa a ser o modo predominante da escrita histórica. O principal problema para calquera teoría sobre a escrita histórica non é a posibilidade ou a imposibilidade de un método científico para o estudio do pasaso, senón o de explicar a persistencia da narrativa na historiografía. Unha teoría do discurso histórico debe dirixir a cuestión á función da narratividade na producción dun texto histórico".
    Hayden White, Figural Realism, 1999.

    ResponderEliminar
  35. En ningún momento Hayden White fala de literatura.

    ResponderEliminar
  36. "...
    1.5. Hai vinte anos a filosofía da historia era cientifista; débese evitar o extremo oposto de ver na historiografía unha forma de literatura. O historismo [non se confunda co "historicismo": engadido propio] é o juste mileu entre as dúas: o historismo conserva o correcto dos enfoques cientifista e literario da historia, e evita o hiperbólico de ambos.
    ...
    3.3.1. Gran parte da filosofía actual da narración histórica [enténdase White & Cia: engadido propio] está enfeitizada pola imaxe da declaración".

    F.R. Ankersmit, "Historia y tropología. Ascenso y caída de la metáfora" (2004, e.o.: 1994).

    ResponderEliminar
  37. "...
    A partir do momento em que White decidiu não fazer caso da interação entre `imaginação histórica´ e prova histórica, entre um artefacto literário e história como actividade de investigação, a sua conclusão não era imprevisível.
    ...
    Dizer que um texto histórico, como narrativa que é, partilha alguns elementos com um texto de ficção não passa de um truísmo. É muito mais interesante, penso eu, dar um passo em frente procurando indagar porque se percepcionam como reais os factos contidos nun texto histórico [o que se chama "effet de vérité: engadido propio]. Este efeito é normalmente produzido por elementos que tanto podem ser extratextuais como textuais".
    ...

    Carlo Ginzburg, `Ekphasis e citação´, en "A micro-história e outros ensaios" (Lisboa, 1989, e.o.: 1988).

    ResponderEliminar
  38. Un exemplo ben burdo de elementos extratextuais (ou máis ben textuais) para darlle a apariencia de verdade é rotular o libro como de Historia: entón aparece ese pacto na recepción, pero non quita que a estratexia do historiador non sexa narrativa.
    Eu non vexo a White como un extremista: todo o contrario. Creo que, defendendo a posición do discurso histórico como narrativo, non ataca o que el chama a primeira fase archivística de reunir os datos, os documentos para fundamentar o seu relato. O problema para o historiador é que sempre ten que haber relato, a menos que se adique á cronoloxía, a relación de datas, que, no fondo, tamén pode interpretarse modo epopeico.
    O problema, amigo Jimy, é que tal vez esteamos empregando conceptos distintos de literatura. Pot ser.

    ResponderEliminar
  39. Se no básico e principal estamos de acordo. Nalgúns elementos secundarios ou como se representan aqueles, non. Repase os meus posts con atención, que xa canso deste debate.

    ResponderEliminar
  40. "As narracións históricas son ficcións verbais cuxos contidos poden ser tanto inventados como encontrados e cuxas formas están mais cerca da literatura que da ciencia" Hayden White (1985:82).

    " O erro de White consiste en confundir a narración histórica (a construcción da historia por un relato) e a ficción histórica (a invención literaria do pasado" La Capra, 2001.

    ResponderEliminar
  41. Creo que vamos cansando ao persoal e creo que as posturas están xa ben claras. O estatus do historiador está sen definir e, desde logo, a aproximación retórica ofrece unha boa solución de partida. Daí a necesidade de vermos o relato histórico (construcción ou invención, quen o decide?) como un corpo narrativo. Así poderemos salvar os problemas de veracidade, de apariencia de verdade ou de capacidade de convicción ao lector de que o que le pode ser tomado por verdadeiro.
    Se non partimos desa base, creo que non podemos avanzar nesa tarefa.

    ResponderEliminar
  42. A Historia sempre se nos conta como unha colección de relatos lineáis,mesmo se se supoñen simultáneos.Sexa un episodio local e curto non tempo ou un global e de gran duración.Parece como si se manexara a mesma "resolución temporal" pra todos eles.
    Hai moitas disciplinas nas que se manexan moi diferentes ferramentas conceptuales según se trate de "micro" ou de "macro" fenómenos,por exemplo a economía.Non sei se na Historia se fai algo parecido.
    E,de todolos xeitos,o mero relato dos feitos históricos sería a parte "descriptiva" .¿Qué outro tipo de análisis,de enfoques se poderían facer? ¿Qué "leis" históricas poderían enunciarse que fosen independentes dos feitos concretos,e qué nome recibiría a parte da Historia que as estudase?

    (Esto non é máis que o "desbarre" dun profano XDD )

    ResponderEliminar
  43. "O erro do señor La Capra consiste en non decatarse de que a introdución de mecanismos narrativos, argumentais e mesmo causais na relación duns feitos que, de seu, constitúen procesos de longa duración non ensaiados previamente, outórgalle a esa relación unha dimensión inevitablemente, aínda que non unicamente, ficcional." (Leituga 1, 2007)

    ResponderEliminar
  44. Non fai falta ter lido a última novidade bibliográfica para decatarse da relación entre historia e narratividade. De todos modos, ben vida sexa a referencia ao tal Hayden White, que, pola contundencia e ultimidade coa que se cita, debe tratarse de toda unha autoridade na materia. É verdade, Jimmy, que non é o mesmo narración que literatura. É necesario algo máis ca o simple narrar para que exista literatura; pero a falta dunha definición de literatura vencellante e compartida (como insinúa Arume, esa non é a discusión), os que chamamos a atención sobre o carácter literario da historia, empregamos a palabra "literatura" nun sentido metafórico e non enfático. Nese sentido, e coas reservas pertinentes (xa se dixo que a obxectividade é o ideal non conseguido nin conseguible da historia e que esa búsqueda tamén pertence ao quefacer historiográfico), o uso de "literario", por parte de White e de quen sexa, é, ao meu xuizo, oportuno e correcto. De todos modos, tampouco compre esaxerar a familiaridade da historia coa literatura, pois, do contrario, quedaría a porta aberta para todo tipo de charlatáns con talento para narrar (é dicir, de escritores) e a historia esqueceríase do seu fin: contar os feitos do pasado.

    ResponderEliminar
  45. A porta sempre ten que estar aberta para os charlatáns. Esa é servidume da libertade de narración do pasado.

    ResponderEliminar
  46. Os seres humanos somos as nosas histórias e as nosas historias teñen que narrarse. Os seres humanos son aqueles que....A mais leve das nosas historias narraa o noso carnet de identidade. Quen renuncia a narración renuncia as súas historias, e quen renuncia as suas historias renuncia a si mesmo.
    As historias teñen que ser narradas, non son predecibeis como procesos regulados por leis naturais, ou como accións planificadas, porque so se convirten en historias cando sucede algo imprevisto. Mentres non sucede nada imprevisto son predecibeis e narralas carecería de interés. Únicamente cando nun proceso regulado por leis naturais ou nunha acción planificada irrumpe unha contrariedade inesperada, só entón deben ser narrados e de feito so entón poden ser narrados.
    Pero hai unha diferencia grande e clara entre a narración dunhos feitos históricos e unha narración literaria. A diferencia reside na ficción.
    Os enunciados literarios son actos ilocutorios de aserción sin verificación. Aceptar o pacto novelístico non é aceptar unha imaxe ficticia do mundo, senón antes diso, aceptar un falar ficticio. Nótese ben non un falar finxido do autor, senón un falar pleno e auténtico, pero ficticio. Ao non detectarse ningunha propiedade semántica ou sintáctica particular da ficcionalidade, colíxese que se trata dunha categoría que se constitúe pragmáticamente. O texto ficticio resulta pois das modificacións intencionais efectuadas polos axentes, emisor e receptor da acción comunicativa. No caso de que ambos realicen a mesma moficicación, a ficcionalidade será completa por co-intencional, pero basta que o lector, auténtico dono e señor do texto unha vez porducido este, o practique para que o texto na súa totalidade se ficcionalice. O pacto de ficción, a voluntaria suspensíon do descreimento, obedece ao mesmo principio. Nese impulso de cooperación, o lector tende a aproximar o universo intensional do texto ao seu proprio, ao referente extensional. O lector competente que fai unha optima actualización estética da obra de arte literaria, asume espontanea e naturalmente a seriedade do escrito, que ainda que ficticio na súa orixe, ser presta a unha decodificación realista. Esta consistiría na tarefa hemenéutica de dotar dun sentido real ao texto, iluminando seu campo de referencia interno e inmanente dende o campo de referencia externo que non é outra cousa que a visión e a interpelación da realidade multiple e polifacética de cada un dos lectores. A clave residiría non tanto no vinculo do texto coa realidade, canto en analisar como os lectores se sirben dos seus textos, para facer intencionalmente enunciados sobre a súa propia realidade. Ao fin donación de sentido realista a un texto do que se fai unha hermenéutica de integración desde o horizonte referencial proporcionado pola experiencia do mundo que cada lector posea. Ao aceptarse a suspensión voluntaria do descreimento producese tamén unha concesión que conduce a proxectar a propia experiencia empirica da realidade sobre a ficción leida, e a producir realismo intencional e dende esta perspectiva calquera texto pode ser intencionado realísticamente, incluso os de caracter mais abertamente alegórico, simbólico ou incluso fantástico. pois detrás dese complexo sistema de signos que o texto é, hai sempre unha referencia acutalizabel e intencionabel, ben cara a realidade apariencial, ben cara outra profunda de esencias. En canto ao lector normal, o proceso de actualización ralista intencional é espontaneo.O propio poder da enunciación escrita e adicionalmente, da letra impresa suxire certa forma de veracidade que estimula a intencionalidade realista. A lectura intencionalmente realista é a resposta natural, e non obrigada ou ao menos pactada no contrato narrativo implicito en toda novela.
    Non hai engano cando a víctima está ávida por deixarse enganar.

    ResponderEliminar
  47. De feito, a porta está inevitablemente aberta a todo tipo de "charlatáns" (haberá termos enxebres máis acaídos), pero non só na historia, senón en todo aquilo que se exprese mediante palabras.

    Xa algo máis en serio, as diversas aproximacións retóricas e narrativistas, e en xeral postmodernistas, (White, Ankersmit, Muslow, Jenkins, ...), teñen a virtude de chamar a atención sobre aspectos centrais do quefacer dos historiadores, coa salvidade de que o labor historiográfico non se pode reducir exclusivamente ao "contido da forma" (White, 1992, e.o.: 1987), axundando a complexizar o seu necesario carácter autoreflexivo.

    Eu sego pensando con Voltaire -para quen a historia era sen ningún problema un xénero literario- que "a historia é o relato [e máis a interpretación, engadiriamos hoxe] dos feitos que se consideran certos, mentres que a fábula [ou narración literaria, diriamos hoxe] é o relato dos feitos que se consideran falsos". E tamén que a “operación historiográfica” implica que a narración histórica conleva elementos, signos ou fórmulas que apuntan a unha realidade exterior, extratextual, a través do que Krzysztof Pomian denomina “marcas de historicidade” (Pomian, 2007, e.o.: 1999), e cuxa finalidade última sería achegarse o máximo posible e sempre provisionalmente á “verdade” (e descúlpese o uso dunha palabra desterrada e impronunciable hoxe en día), pero sempre moi lonxe de sentar supostas "leis (meta)históricas".

    ResponderEliminar
  48. Non lembro qué directivo famoso,cando lle chegaba o asesor con sesudos informes,táboas estadísticas,diagramas de sectores,etc.,apartaba todo pra un lado e decíalle:
    -Todo eso está moi ben,pero...¡cónteme unha historia!

    ResponderEliminar
  49. ¡Que sentidiño tiña Voltaire! Tanta discusión e tanta leria e, ao final, chega o señor Apicultor con esa sinxela á vez que densa definición volteriana e, polo menos para min, queda todo bastante claro. Dígoo sen ironía ningunha: Voltaire, un sabio. Hayden White, un mareador de perdices. E nós, uns cachondos botaporelas ("charlatáns").

    ResponderEliminar
  50. Cachondo: Dominado polo apetito venéreo. Que está en celo.

    ResponderEliminar
  51. Parece que onte algún lector deste post decidiu comprobar a diferencia entre Historia e Literatura na Librería Follas Novas:

    "Cogieron una tapa del alcantarillado, con todo el peso que tiene - expresa el dueño de este establecimiento, Rafael Silva- y la tiraron con toda la fuerza contra el cristal", explica el afectado. La luna de uno de los escaparates quedó completamente destrozada, con un agujero de más de un metro de alto. El ladrón aprovechó, entonces, la situación para apoderarse de cinco ejemplares de libros expuestos al público. "Algunos eran de Historia y otros de Literatura", comunicó a este rotativo Rafael Silva.

    ResponderEliminar
  52. A aseveración de Voltaire traída aquí e matizada polo Apicultor: "Eu sigo pensando con Voltaire para quen a historia era sen ningún problema un xénero literario -que a historia é o relato (e mais a interpretación, engadiríamos hoxe) dos feitos que se consideran certos, mentres que a fábula (ou narración literaria, dicimos hoxe) é o relato dos feitos que se consideran falsos", reflexa a participación de Voltaire nos prexuízos da época respecto ao discurso literario, e o seu rescate hoxe revela unha completa inópia referida á valoración contemporánea do fenómeno literario ao identificar falsidade con ficción.

    ResponderEliminar
  53. Como era que se dicía en galego o de "charlatáns"?

    ResponderEliminar
  54. A miña abóa decía "lengoretos"

    ResponderEliminar
  55. Lengoreteiro adj (1)Charlatán (2)Murmurador (3)Delator, que denuncia en segredo a outro.
    Diccionario Estravís

    ResponderEliminar
  56. Para Apicultor, de LÉXICO: apuntouse aquí, como alternativa enxebre a "charlatáns", as formas "lengoretos" e "botaporelas". Supoño que tamén valería "falabaratos", quizais máis empregada.
    E agardo que non teña este blog nin o seu moderador ningunha responsabilidade no atraco violento a Follas Novas, onde merquei algúns libros que lle quero ben. A min pasoume como a Arume: intrigoume a nova e sobre todo iso de "libros de historia e de literatura". Toda unha pista para iniciar unha novela negra. Se o dono de Follas lese isto, pediríalle máis datos: que libros de historia eran? Non sería o mesmo que fosen de Pío Moa que de HUgh Thomas... tirando deste fío seguro que aparecía o ladrón/ns.

    ResponderEliminar
  57. Fantasma tamén podería valer, supoño.

    ResponderEliminar
  58. Chamade ó xefe e preguntaille
    Gustavo
    Tfno librería 981 594 406

    ResponderEliminar
  59. "Baduador" decía miña abóa dos que falaban moi ben de sí mesmos.

    ResponderEliminar
  60. Bardallas, bardalleiro, tamén valerían.

    (E de memoria, que consultando dicionarios é facer trampa)

    ResponderEliminar
  61. BARDALLAS encántame porque mo chamaba ás veces o meu avó Benxamín e sobre todo VERGALLO, era unha das súas palabras preferidas cos nenos.
    Do outro, eu non me atrevo a chamar ó xefe de Follas Novas, porque non o coñezo e eu son moi cortado nestas cousas, pero sigo intrigado...

    ResponderEliminar
  62. Acaba de caer casualmente nas miñas mans o anuncio dunha interesantísima conferencia na cidade de Marcos de Xan da Coba, a celebrar mañá.

    Títulase "Mártires españoles del siglo XX: La aportación Salesiana a la santidad gallega".

    Propoño que se tire zume deste título, que sospeito que dá para moito.

    ResponderEliminar
  63. Quen sería?
    Uns rapaces en estado etílico, fora de sí.?
    Alguén que tentou facerse con mercancia para logo vendela?, pero libros?
    Alguén que se fixo cos libros para lelos???

    Un tertuliano deste foro, excesivamente dentro de si, que quería sair adiante cunha cita dun libro que estaba no escaparate a altas horas da noite?

    Segundo Follas Novas
    Un dos libros roubados era de Enzo Traverso " el pasado instrucciones de uso".

    Ao mellor simplesmente alguén que ten problemas co pasado, problemas para relatalo e usalo.

    Teño escoitado "sencias", supoño que abreviatura de esencias. "-Anda! que eres un sencias-"

    ResponderEliminar
  64. Veña.Marcos,vostede pode decir que é periodista da Rexión e que vai escribir sobre o tema.
    (Por outro lado,eu xa chaméi antes,pero non estaba o xefe nese momento.Só a encargada de infatil,que non sabía...)

    ResponderEliminar
  65. Charlatán pode entenderse como estranxerismo: como ademáis, (fíxense neste caneo nacionalista) charlatán, o que é charlatán, Galicia non coñece, é necesario importar a palabra. Charlatán é sempre de fóra. O bardallas é o doméstico: o local.
    Non esquezamos que é italianismo e así evitamos o castelanismo.

    ResponderEliminar
  66. A mín góstame a palabra francesa "bavarder".É moi "sinestésica". E a italiana "ciaccare" (Non sei se está ben escrita,Arume d.p.) que pasóu ó castelán "cháchara"

    ResponderEliminar
  67. A charlatan is a person practicing quackery or some similar confidence trick in order to obtain money or advantage by pretense.

    http://en.wikipedia.org/wiki/Charlatan

    ResponderEliminar
  68. Vaia, "in order to obtain money or advantage by pretense" .B� apunte.

    ResponderEliminar
  69. Verbo da rotura e roubo de libros en tan acrisolada libraría compostelá, procedamos segundo os cánones establecidos pola literatura policial clásica.

    Semella evidente que alguén se viu impelido a indagar nas analoxías/diferencias entre literatura e historia. Esta pulsión irrefreable non adoita xurdir da nada, senón que é moi posible que se vise aguilloada polo debate que aquí se produciu: que día e hora coincidan é indicio máis que razonable.

    Daquela, as probabilidades de que poidese ser un contertulio -si, un de vostedes!- acrecéntanse notablemente. Entón, hai que proceder a descartes lóxicos (advirtan, de paso, o xogo de palabras: "descartes" e "lóxica").

    Así, Marcos, Arume, Saavedra, Xaime, Xan da Coba, Jim Morrison ou eu mesmo, que vivimos ben lonxe de Santiago, estariamos no último lugar da lista de sospeitosos, porque non é moi rendable coller o automóbil a altas horas da noite e desprazarse a Compostela para perpetrar tan culto roubo: sae máis a conta mercar os libros no lugar de residencia que acodir á cidade do Apóstolo, co conseguinte gasto de tempo, gasolina ou gasóleo e aparcamento, amén dun café nun "after hours" ou nunha estación de servizo.

    Polo tanto, vaise estreitando o círculo de sospeitosos. Leituga 1 disque vive tamén en Vigo, aínda que non se pode descatar de todo que pernocte algún día que outro en Santiago. A señorita Lourixe di que é de Lugo e neo-rural, mais tampouco se pode desbotar que poida facer noite de cando en vez na cidade levítica. A estes dous hai que engadirlle o caso de Jimmy, quen dixo nalgunha ocasión que moraba en Santiago ou arredores. Ou tamén o misterioso adaíl da teoría da acción comunicativa e visitante da facultade de filosofía, máis coñecido como Levita.

    Hum, o caso é complicado de máis, diso non hai dúbida. Pero semella palmario que estes dous últimos teñen máis papeletas que os outros. Engádase tamén o dato de que son cultos e intelectualmente curiosos e obsesivos.

    En suma, todos indicios apuntan a que ben puidesen ser Jimmy ou Levita os culpables do furto. Aínda que non se pode descartar a outra liña de investigación, na que tamén seguiremos traballando.

    ResponderEliminar
  70. Para min que foi Apicultor e quere disimular botándolle a culpa aos habermasiáns.

    ResponderEliminar
  71. Sabendo os títulos dos libros, a investigación sería máis doada. Pero Apicultor camiña con xeito: vai estreitando o círculo. Aínda que toda teoría ten lagoas: non esquezamos que o Marcos Valcárcel vive en Ourense, pero agora ten a filla en Santiago e ben puido achegarse a levarlle algo. Por outra parte é probable que estea abrumado polo nivel intelectual dos contertulios no debate Historia e Literatura e se vexa impelido a unha reciclaxe urxente da súa bibliografía. Se no futuro cita libros deste tono, xa sabemos de onde proceden...

    ResponderEliminar
  72. García Mañá poderá axudarnos?

    ResponderEliminar
  73. O caso é peliagudo, remiso e plurifactorial, ademais de intrincado, multiforme e retórico.

    Unha pista que hai que seguir é a definición de charlatán que deu Arume (“A charlatan is a person practicing quackery or some similar confidence trick in order to obtain money or advantage by pretense”) e sobre a que, perspicazmente, xa chamou a atención Xan da Coba. Tirando dese fío quizais poidamos chegar a dar corpo, por fin, á vedraña teoría barrueliana da conspiración. Sabido é que os habermasianos –que non o deus ao que adoran- forman unha sorte de secta de iluminatti que todo o fan xuntos, dialoxicamente, coma quen di. Daquela, as motivacións para unha acción conxunta por parte dalgúns membros especialmente estimulados nas súas recorrentes conversas, a xeito de inacabable xirandeira xira feita en táboa redonda, deben ser contempladas como unha hipótese máis de traballo.

    Así e todo, máis ca prestar atención a aspectos en exceso evidentes, quizais conviña aplicar o método morelliano tal como o decribiu Sigmund Freud en “O Moisés de Miguel Anxo” (1914): “… penetrar en cousas secretas e ocultas a base de elementos pouco apreciados ou inadvertidos, de detritos ou `desperdicios´ da nosa observación”. Método que, como é doado de apreciar, é análogo ao desenvolvido polo mestre Holmes, Shrerlock.

    O que si, en principio, podería descartarse é a participación de Marcos Valcárcel ou de Apicultor no misterioso caso do roubo de libros por motivos de física elemental: as posibilidades de que un deles –e atreveriame mesmo a dicir que xuntos- puidese levartar a tapa dun sumidoiro para estampala no escaparate da librería revélase como imposible (e afórrenme agora a explicación mediante diagramas e vectores de forza, que xa fixo o noso colaborador científico Xan da Coba).

    O asunto, reitero, é complexo. Pero habemos de dar coa resolución definitiva do caso. Tempo ao tempo, señores. Deixemos, polo momento, que os nosos investigadores fagan o seu traballo (nos que non se encontra, por sorte, o arumaticamente mentado: motivos internos impiden dar máis datos sobre o particular).

    ResponderEliminar
  74. Quen rompeu que? [asubiando]. Eu acabo de chegar.

    ResponderEliminar
  75. Se propoño aplicar Poirot (cherchez la femme), dificilmente haberá auga que me lave. Ou non desbotamos as opcións politicamente incorrectas?

    ResponderEliminar
  76. Haberá,pois, que falar con García Mañá. Como xefe de policía e como novelista está habituado a desenfiar tramas complicadas. Ata pode ser que o noso ladrón de libros ande refuxiado polo Couto Mixto e non lle poidamos botar a man enriba se se acolle a vellos dereitos históricos...

    ResponderEliminar
  77. As opcións politicamente incorrectas nunca poden ser desbotadas. Con quen non se pode falar é co mentado: xa dixen que está fóra da investigación por asuntos internas. Que non é ouro todo o que reloce!

    ResponderEliminar
  78. sabedor da teimosía do noso Api-Holmes, presenteime esta mañá en comisaría para dar conta da miña coartada. Alí entereime dun dato mais, que pode ser relevante, entre os libros roubados había unha "historia da apicultura" e outro sobre horticultura.
    Pareceme moi axeitada a observación do apicultor de que para levantar a tapa do sumidoiro precísase posibelmente máis dunha persoa.

    ResponderEliminar
  79. Esquecinme firmar, lapsus freudiano.

    ResponderEliminar
  80. Esquecinme firmar, lapsus freudiano.

    ResponderEliminar
  81. Ainda que obsrvando a entrada última de Xan da Cova, preguntando de que roubo se trataba, lembreime como foi capaz de pasar todo un verán agardando o dia de volta a ourense para ir a mercar aquel libro que vira na vitrina da libraría Clemente, e que fora xa vendido. Tal frustración na súa adolescencia tivo que deixar un trauma que quizais provocou esa conducta irracional tanto anos dispois.

    ResponderEliminar
  82. Ben feito, señor Jimmy, moi ben feito. Un bo cidadán responsable ten que colaborar coas forzas de orde pública para que estas impoñan a lei. Como debe ser: felicítoo por ser un cidadán modelo.

    Que vostede faga público un dato que, até o momento, era secreto de sumario, é algo que me afaga (halaga en galego?) profundamente. Pois que haxa alguén tan interesando na vida dun como para roubar a súa autobiografía, é o máximo recoñecemento ao que se pode aspirar.

    Por certo, cales serían os outros libros roubados? Estou especialmente intrigado por coñecer os títulos de literatura.

    (Asinar dúas veces, que tipo de "sobrelapsus" virá sendo? Jungiano acaso? Lacaniano talvez?)

    ResponderEliminar
  83. Moi boa dedución sobre Xan da Coba, señor Jimmy. Queda vostede incorporado ao equipo de investigadores (ou será meter o gato na ratoeira?).

    ResponderEliminar
  84. A quen desboto é a Jim Morrison, utilizaría un método máis sofisticado e elegante.

    Non creo que fose tampouco Marcos, a súa cuasi autoinculpación denuncia a súa inocencia.

    ResponderEliminar
  85. Teño que deixar a investigación durante un tempo, porque teño que ir facer a compra. E non de libros precisamente, senón de produtos hortícolas e italianos (el habería algún libro en italiano entre os roubados?).

    ResponderEliminar
  86. Non quixera desviar o sen dúbida recto camiño da investigación, pero non terá que ver con isto a visita onte dos parlamentarios á cidade da cultura? Tal vez sexan estes os primeiros libros para a nova Biblioteca? Boa estratexia para abaratar costes no futuro. Se rouban un tolomeo da BN para un particular, non podemos roubar a un particular para encher a biblioteca? Ou era hemeroteca? Ou mediateca? Ou discoteca?

    ResponderEliminar
  87. Vós andades decindo que fun eu,que fun eu.¿Quen sabe? ¿Quén sabe? Vos falades moito.Ó millor non fun eu.

    (XDDD)


    Tamén pode ser que os autores do escachamento non sexan os mesmos que os que roubaron os libros.Se vostedes pasan por diante dunha librería có cristal feito añicos ¿non alargarían a man pra cambiar de sitio algún?



    ¿Vostedes saben por qué as tapas das alcantarillas son redondas?.É imposible que caian polo burato,i encaixan sempre nel sexa cal sexa a dirección de arrastre

    ResponderEliminar
  88. X.M.Glz,eu sempre fun máis de Holmes que de Poirot e as súas "células grises".

    Fai anos eu estaba na librería TANCO,aínda na céntrica rúa do Paseo do Ourense.Miraba libros cando vín a unha amiga que facía o mesmo.Púxenme a falar con ela,pero díxome.algo agobiada,"¡vámonos,vámonos!".Eu, extrañado pola sua conducta paguéi no mostrador o exemplar que escollera,e saín con ela á rúa.Xa no Parque de S.Lázaro,díxome:"Tiña presa por marchar por que roubéi un libro",e sacóu de entre a roupa "O retrato de Dorian Gray".Agasallóumo.Estuven tentado de devolvelo e contarlle o caso ó Manolo,pero logo penséi que desconfiarían de mín tamén cando volvera.Así foi como lín esa famosa novela.Manolo:como a túa cabeza é un ordenador prós libros,deseguro que o votáches en falta ,sabendo que non o venderas, cando fixéstedes o traslado da librería.Eu vivo máis atormentado que o protagonista da historia.Cada vez que sae Oscar Wilde a colación,síntome culpable,e así será pra sempre.

    ResponderEliminar
  89. Tome en serio a proposta que lle fixen hai tempo, amigo da Cova, de editar todas estas cousas que vostede conta. Esta última é antolóxica. Pode titulalo: Cousas de Xoan da Cova, contadas por el mesmo.

    ResponderEliminar
  90. Voume permitir achegar un dato que talvez abra novos camiños na investigación e estreite o cerco sobre o asaltante: un dos libros roubados, o de Enzo Traverso, é, segundo me soplan na orella, o seleccionado para a vindeira tertulia do grupo autodenominado "Café Voltaire", que se reune periodicamente na cidade de Vigo.

    ResponderEliminar
  91. - Houbo quen citou a Voltaire. Houbo quen lle gustou a cita. Houbo quen a rexeitou.

    - Logo o culpable é...

    - Elemental, dr. Watson.

    ResponderEliminar
  92. Os fillos de Leví,coidamos dos obxectos sagrados, imos sempre rasurados, non bebemos e non roubamos.
    Amais nestes tempos de culto a memoria sería dunha incorrección política atroz convertirme en chivo expiatorio.

    ResponderEliminar
  93. Foi un sonámbulo que se levantóu da cama,cós brazos extendidos,dirixíuse soñando á librería,colléu a alcantarilla,rompéu a vitrina (lembrando unha das últimas esceas de "alguén voóu sobre o niño do cuco"),colléu os libros e despertóu ó outro día con eles na mesilla de noite.Aínda hoxe non se explica cómo apareceron alía.

    (E a explicación que teño preparada por si me pillan)

    ResponderEliminar
  94. Xa o colleron. A ver se sabemos algo máis. Eso sí, na policía teñen a un redactor macanudo:
    "El individuo "fracturó la luna del escaparate con una tapa arqueta de la alcantarilla, causando múltiples daños y destrozos." "Fracturar lunas", que fermosa prosopopeia!

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.