6 abr 2008


Amigos da República: homenaxe ós artistiñas do Volter (programa)
(O cartel é un deseño do artista Iñaqui Basallo)

Por décimo ano, Amigos da República, asociación apartidaria que reúne en Ourense, como o seu nome indica, a amigos/as e ademais republicano/as quere lembrar nestas datas a II República española e os valores que defendeu, valores todos eles fundamentais para o desenvolvemento da sociedade: Liberdade, Igualdade, Fraternidade e laicismo.
Un dos sinais de identidade da nosa asociación é querer representar aqueles valores en persoas do noso entorno. Nesta ocasión queremos homenaxear aos Artistiñas, grupo de artistas ourensáns ou residentes nesta cidade denominados así polo escritor Vicente Risco, con quen se reunían e falaban do humano e o divino na taberna ourensá do Tucho, na praza do Eironciño dos Cabaleiros. Risco comezou a chamar a aquela taberna O Volter xa que lle lembraba a un café de Zürich, Cabaret Voltaire.

Os seus integrantes: Xaime Quessada, José Luis de Dios (pintores), Acisclo Manzano, Manolo Buciños (escultores), Virxilio (pintor), Arturo Baltar (escultor) e Xabier Pousa (pintor) son os protagonistas deste ano, xa que pertencen a unha xeración que bebeu nos valores da República e que tanto polo seu traballo como polo compromiso ideolóxico tentaron que a Liberdade regresara tras a “longa noite de pedra”, que dixo Celso Emilio Ferreiro.

O pasado ano homenaxeamos aos cidadáns/ás que protagonizaron unha heroica resistencia cívica aos golpistas: Camilo Pérez Pato e Manuel Prieto García, veciños respectivamente de Paderne de Allariz e Entrimo, que defendendo a República dende o Quinto Rexemento defenderon aos cidadáns/ás, o que fixo que coñeceran a represión, cadea e campo de concentración. Amigos da República homenaxeou tamén a Pepín e Honesta: “Dous loitadores pola Liberdade” (1998); ao mestre galeguista Luís Taboada Camoeiras (2000); a Josefina González Cudeiro, Maruja González Cudeiro, Luisa González Cudeiro e Fina Priede Priede (2001), representantes do papel da muller neste período de progreso e liberdade, interrompido polo golpe de Estado fascista. No 2002 os actos centraranse no movemento sindical na República, personificado no veciño de Ventosela, José Bóveda Formigo, mentres que no 2003 foron homenaxeados os guerrilleiros na persoa de Camilo de Dios, o guerrilleiro da Limia. Ao ano seguinte foron homenaxeados os veciños de Cambedo, pobo da Raia. En 2005 a homenaxe recaeu en Clemente Jiménez, mentres que en 2006 o homenaxeado foi Julio Alonso Losada.

ACTOS. Mércores 9 ABRIL
Presentación do libro: “Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República. Álbum de Guerra”.
Venres 11- ABRIL. Mesa redonda: “Da ditadura á Democracia, pasando polo Volter”, presentada por Benito Losada. Participarán Arturo Lezcano e Marcos Valcárcel.
Cea da República: “Homenaxe aos artistiñas”.
Domingo 13- ABRIL. Cemiterio de Ourense: Homenaxe aos republicanos/as fusilados/as. Presentación: Xosé Lois Carrión.
Luns 14 - ABRIL
Homenaxe aos Artistiñas: Pasarrúas republicano, con atención especial ás obras urbanas dos Artistiñas instaladas na cidade de Ourense. Coordinado por Ánxeles Cuña e Sarabela. Ánxeles preparou un amplo e interesante programa que transcribimos no inicio dos comentarios.
Venres 25 abril. Concerto RockPública. Actúan: Cuchufellos e Sonoro Maxín.

3 comentarios:

  1. ROTEIRO REPUBLICANO HOMENAXE ÓS ARTISTIÑAS.
    Puntos de cita: 01. Praza do Eironciño dos Cabaleiros: Coa presenza dos artistiñas Acisclo Manzano, Arturo Baltar, Manolo Buciños, Xosé Luís De Dios e Virxilio.
    Presentación: Belén Constenla e Serxio Pazos.
    Descrición histórica: Xosé Gómez Alén.
    Recitadores: Marisa Calvo; Carme Lorenzo; Teresa Devesa; Fernando Iglesias; Esteban Plaza.
    Músicos: RUSGA
    Creación Plástica: Alberto Bahón
    Zancudos: ZANCOLINO
    Grupo de Percusión do Conservatorio e a profesora Martirio.
    Tuchos: 12 alumnos da Aula Universitaria "Mariscastaña", dirixidos por Sabela Gago, de Sarabela Teatro.
    Roupas cos deseños de Xaime Quessada e outros traxes cedidos polo CDG e realizados por Concha Abad.
    02. Praza do Ferro: Homenaxe a Arturo Baltar.
    Composición grupo escultórico: Lola Fernández, Marian, con alumnos/as da Universidade Laboral.
    Son: Martiño e Capela Madrigalista.
    03. Rúa da Paz. Nas casas de Risco, Otero Pedrayo e Xocas
    Voces: Alumnos das Aulas Universitarias. Recita: Serxio Pazos
    04. Escaleiras de Sta. María: Homenaxe a Pousa. Son: Manuel de Dios dirixe Vellos Amigos, que cantarán Ourense ao lonxe.
    Recitan: Grupo de teatro da Casa da Xuventude.
    05. Museo Arqueolóxico. Figurinos de Quessada, atrezzo de A. Manzano. Leoncio e Helena
    Colaboración do director do Museo, Paco Fariñas e Araceli Gallego.
    Acción dirixida por Matilde Vázquez con Ánxeles Álvarez, Matilde Vázquez, Adolfo Salgado, X.L. Llamas, Alba
    Son: Xestreu, cunha cantiga sefardí.
    06. A Barreira. Homenaxe a Buciños
    Recita: Manuel Blanco
    Actores: Fernando Dacosta, Elena Seijo e Tito Asorey (de SARABELA TEATRO)
    Son: Juan Manuel Vázquez Vázquez. Chove en Santiago e Saudade
    07. Praza Maior. Homenaxe a Xosé Luis De Dios.
    Son: O Sonoro Maxín con Fillos da Madrugada.
    Bastidor: Xulio do CDR Universidade Laboral.
    Composición Plástica: Antonio Hernández.
    Exposición: Caixa Nova
    08. Praza de San Martiño. Homenaxe a Acisclo Manzano
    Son: RUSGA
    Réplica escultórica: Alberto Bahón e alumnos de Bacharelato Artístico da Universidade Laboral.
    09. Escaparate Hnos. Barros. Homenaxe a Virxilio
    Son: El Pararrayos
    10. Xardín do Padre Feijóo. Homenaxe a Quessada
    Acción: Cómicos de “Don Hamlet” co grupo Tarumba dirixido por Tito Asorey
    Son: El Pararrayos
    11. Escaleiras de Sta Eufemia
    Son: Banda Municipal de Música: Himno de Riego
    12. Liceo Recreo Ourensán
    Obra pictórica e escultórica dos “7 artistiñas”
    Poema de Ferrín: Ouréns
    Recitadores: Carme Lorenzo, Marisa Calvo, Teresa Devesa, Fernando Iglesias, Esteban Plaza.
    Son: RUSGA
    A ollada dende hoxe: Manuel Outeiriño, Camilo Franco, Chisco, Manolo Figueiras e Carlos Caneiro
    Ficha técnica: Fotos e diapositivas: Mani Moretón. Deseño gráfico: Elena Iglesias e alumnos e alumnas da ESAD "Antonio Faílde".
    Proposta: Asociación Amigos da República
    Deseño, dirección e produción: Ánxeles Cuña Bóveda, de Sarabela Teatro. Axudante de dirección e produción: Nate Borrajo.

    ResponderEliminar
  2. Unha pequena idea, Sr. Valcarcel, que vaian o Queixo, pan e viño do Manoli e lle pidan prestado o letreiro que el aínda conserva do VOLTER,o bar do Tucho (moitas partidas de dominó botei con el; bo xogador, máis dun xenio adoecido cando xogaba), penso que vén moi ben para o acontecemento

    ResponderEliminar
  3. Teñen suficiente confianza có Manoli pra pedirllo, o rótulo do Volter, todos os "amigos da República". Pero por si acaso, que saiban que me ofrezo eu tamén a solicitarlla. Son amigo e cliente habitual do "Queixo".

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.