8 abr 2008


Lembranza do Volter
(ANT 3-4-08)
Hai unha década, máis ou menos, xuntouse un grupo de amigos en Ourense, todos eles homes do galeguismo e da esquerda, e decidiron celebrar cada ano a festa da proclamación da Segunda República, facendo unha homenaxe sinxela a persoas da cidade significativas na memoria histórica auriense. Cun total pluralismo ideolóxico por esas homenaxes pasaron persoas como o galeguista das Mocidades, Luís Taboada, hoxe residente en Vigo; o vello comunista Clemente, peza clave ademais no mundo do xadrez nas Burgas; o anarquista Pepe Formigo e a súa dona, e moitos máis. Ese grupo constituíuse logo como Asociación de Amigos da República e impulsou a realización dun fermoso monumento, en clave simbólica-musical, no cemiterio de San Francisco, perto de onde foron fusilados varios centos de ourensáns. Con entusiasmo, estes amigos programaron cada ano múltiples actividades paralelas e foron capaces de axuntar cada 14 de abril arredor de trescentas persoas, de todos os colores políticos, nestas andainas.
Seica este ano despiden esta xeira de homenaxes e acordaron celebrar unha lembranza dos artistiñas do bar Tucho, rebautizado como Volter por Vicente Risco, ese núcleo admirable formado por pintores e escultores como Xosé Luís de Dios, Acisclo Manzano, Xaime Quessada, Manuel García Buciños, Xavier Pousa, Arturo Baltar e Virxilio. Entre as múltiples actividades programadas está previsto un Roteiro polo casco vello, conducido por Ánxeles Cuña, con 12 lugares vinculados ós artistiñas onde haberá diversos tipos de accións musicais, poéticas e teatrais. O Volter, desaparecido nos 70 pola desidia ourensá, insírese na tradición dos faladoiros da cidade nos anos 50 e 60 e reflicte, unha vez máis, o papel de maxisterio de Risco en tantas tarefas intelectuais: o creador de “O porco de pé” xa en 1960 facía crítica artística sobre a considerada primeira exposición de arte abstracta na cidade e de seguro abriu moitas mentes ás novas ideas: Carlos Casares, asiduo a outras das súas tertulias, teno contado moitas veces. Discípulo daquela xeira foi tamén o xa falecido Xaime Quessada quen definiu nunha ocasión a Risco como “O Gran Bruxo Hiperbóreo”, subliñando a súa admiración sincera pola súa figura, símbolo, na creación artística, de antidogmatismo e modernidade intelectual. (Máis fotos en Ourensanía)

16 comentarios:

  1. Unha magoa que se perdera o Volter...
    Alguén ten fotos del?

    ResponderEliminar
  2. Seica hai unha colección de fotos de todo, sacada antes de derrubalo. No libro de Sofía Tros cítase o nome da persoa que as gardou nun álbum encadernado, pero non o teño agora aquí. Nese libro hai bastantes reproducidas, pero algunhas tan en pequeniño que case nin se ven. Todas as que paguen a pena irán á Ourensanía.

    ResponderEliminar
  3. O "Pichi", que tiña un bar enfrente, sacóulle fotos aos muráis interiores antes de que o derrubaran. A ver se vexo paseando o can, que é o que fai agora, e lle pido copias.

    ResponderEliminar
  4. Tiña unhas fotos preciosas en b/n o irmán do xornalista Afonso Cid. Non o secretario de Vitorino, o outro, o hippie fotógrafo e artesán, como se chama? Non lembro. Eu compreille unha pequerrechiña.
    Unha filla do Tucho era mestra e seica ten o grande cadro de Xaime que había entrando á dereita e algunha outra cousa.
    Cando se convocara o primeiro premio Vicente Risco de xornalismo, alá por comezo dos oitenta, que o levara o Jesús de Juana, eu pedira o premio para o Tucho, para gastalo nese local fundido pola desidia auriense. A mesmiña que nos fai baduar e deixar que caia San Francisco mentres os políticos dálle que te pego.
    Se cadra somos o que Valente pensaba de nós. Que non é gabanza moita.

    ResponderEliminar
  5. Efectivamente, o irmao do Alfonso Cid vendía fotografías en b/n nos viños.Pintores,escritores,científicos...Logo, levara un tempo a cafetería do centro da terceira edade de Ribadavia, fai xa anos. Vexetariano,preparaba platos dese estilo tamén.De conversa agradable,perdínlle a pista, e tampouco lembro o nome.

    ResponderEliminar
  6. Don MArcos,non esqueza incorporar Ourensanía na columna de blos recomendados, s´il vous plait.

    ResponderEliminar
  7. Don Etxe, non sei se "meteremos a pata". Sei que lle morréu un irmán ao Alfonso, agora caio se non sería ese. :(

    ResponderEliminar
  8. Non sabía... Enterareime

    ResponderEliminar
  9. Non sabía... Enterareime

    ResponderEliminar
  10. O tal hirmao de Alfonso Cid, chámase Emilio, vive e bebe, brevaxes por suposto, e podeno atopar en Bande.

    ResponderEliminar
  11. Xa me parecía a min...
    Claro o Emilio...

    ResponderEliminar
  12. Voulle facer algo de propaganda á páxina elaborada pola periodista Isabel Bugallo e os seus compañeiros, pra quen non a coñeza:.

    ResponderEliminar
  13. Por algunha razón non mostróu o texto, pero si preme no puntiño posterior aos "dous puntos", enlaza. A ver se agora:Premer.

    ResponderEliminar
  14. (Parece que si a dirección remata por "/", o html non escribe o texto.Malentendidos informáticos.XDD)

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.