MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO. CADERNO ABERTO
Marcos Valcárcel, intelectual e historiador, galicia hoxe 14-11-08
Se un intelectual é aquela persoa que produce, e en certa maneira administra, os contidos culturais representativos da sociedade, o historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel responde perfectamente, sen dúbida, a ese retrato; e aínda a definición, no seu caso, fica curta e merece ser ampliada nos pormenores que lle afectan. Eu vexo a Marcos Valcárcel no papel que lle asigna ao intelectual Mario Bunge -o intelectual é aquel que busca a verdade e a difunde, di o filósofo-, mais, ao mesmo tempo, navegou e navega o noso amigo polas augas do que Pierre Bordieu -autor dun texto a estes efectos imprescindíbel: Contra a política da despolitización- consideraba absolutamente necesario como forma permanente de compromiso: a restauración da política, a acción e o pensamento. Velaquí, todo sumado, o perfil nidio de Marcos Valcárcel. E todo isto vén a conto porque o historiador, o profesor, o escritor, o homme de lettres, vai presentar nos próximos días na cidade das Burgas un novo libro, Historia de Ourense, obra esta que se unirá a ese inmenso labor de investigación, documentadísima en todos os aspectos, que Marcos Valcárcel leva realizado, relacionando -é un dos seus puntos maiores de interese- a historia cultural, social, humana e política do galeguismo coa cidade de Ourense. No ano 1987 publicaba xa unha obra titulada A prensa en Ourense e a súa provincia, e logo virían títulos como Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento (1988), A cidade da Xeración Nós (1996) e Ourense, craro río, verde sol. A cidade na voz dos seus poetas (2001), entre outros. E non quero esquecer aquí outra obra: Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (1998). Agora o excelente profesor e tamén gran xornalista literario, compañeiro nas páxinas de Galicia Hoxe, publica unha Historia de Ourense, e os amigos de Ourense e da Galiza toda decidiron facerlle unha homenaxe: puro acto de xustiza poética cunha das figuras máis importantes da cultura galega do noso tempo. Alí estaremos.
(Da miña banda: graciñas, de corazón, a Fernán-Vello e a Pepe Paz polos seus artigos de hoxe, fillos máis da amizade que das miñas cualidades)
Moi boa tamén esta semblanza. Parabéns ao autor.
ResponderEliminarGRACIÑAS
ResponderEliminarGraciñas ós blogs Brétemas, Arumes, Croques, Cabrafanada (Fran Alonso), Modesto Fraga, que apoian a Cea-Homenaxe do día 29. (e outros que quizais aínda non vin)
Marcos Valcárcel
ResponderEliminarXOSÉ M. GONZÁLEZ
Colaborador de Xornal.com
(Lunes, 17 de noviembre de 2008)
Un quere lembrar, e volve ao ano setenta e nove ou oitenta. Certo grupo de mozos nacionalistas, chegando desde a rúa perpendicular ao cine Capitol, xorden pola Porta da Mámoa con afán de recuperar o Entroido rueiro santiagués e facer algo de política. Pepe Barro deseñara un mómaro que porto eu; e na comparsa de dez ou quince o espigado ourensán de gafas elixiu para sátira un atavío balompédico, talvez camisola branca e vermella, desde logo calzón curto. No medio do inverno. Qué novos eramos.
Despois moito choveu, e non só auga. En decenios, o profesor lugués retirado de actividades militantes conservou figuración e imaxe mediática do futbolista por un día. Aínda relevo político, gradual e ascendente protagonismo cultural... Nada imprevisible refutaba aquela silueta xuvenil. E chega o blog. Vese illa ilustrada, abeiro que promete. Entra un sen pedir moito permiso, e o balsámico repouso non esquiva debate gladiatórico. Estímulo de contertulios, achego do patrón, provocan froito rara vez sopesado: escribir un libro. Grazas ás uvas e o amo, xa non queda máis cá árbore para chegar a home.
E deica hoxe. El, motivo e titular desta peciña, leva gañado o que dicían o Miranda e quen asina: constituír arestora único parangón factible para don Ramón Otero Pedrayo. Igual lle agroma roibén nas fazulas, cavilando que aquela enorme sombra non ten hogano semellar. Confundirase. Hospitalidade, erudición, ourensanía. Perciben o aire de familia?
Na presente xeira de homenaxes, diversa voz próxima e ilustre colocará a súa alfaia no panexírico. Eu só quería lembrar e agradecer. Ou moito moito se torce, ou este vinte e nove encontrarémonos alí. Madia leva se non.
Enlazo do blog do ArumedP:premer.
ResponderEliminarEsquecín aplaudirlle ao Saavedra.
ResponderEliminarMenos mal que últimamente escribe pouco, que nos quita as ganas aos outros. Polo menos a mín.
Xa ten exemplares de "Entre Hortas e Portas"?. Traia pra Ourense, polo menos un pra min. Coste o que coste.
O Saavedra é outro estómago agradecido.
ResponderEliminar