22 dic 2008



A MIRADA RETIDA
OS NENOS DE BLANCO AMOR
Marcos Valcárcel

A Eduardo Blanco Amor bastáballe con “A Esmorga” para pasar á historia da literatura galega, pero a súa extraordinaria sensibilidade e formación cultural amosouse como xenial en moitas outras facetas. Como novelista, como poeta, como xornalista, como dramaturgo, como polemista e loitador cultural, etc. Tamén foi un excepcional fotógrafo, como demostran os negativos que se conservan na Biblioteca da Deputación, moitos deles publicados xa en tres libros polo Clube Alexandre Bóveda ou por Galaxia. Nese tesouro hai moitas fotos de nenos, unha das pedras de forza da súa literatura: velaí “Os biosbardos”, “La catedral y el niño” ou “Xente ao lonxe”, entre outras. Fotografou ós nenos de Muros xogando cun carro, ós de Louro coas súas gorras debaixo dun cabaceiro, ó raparigo que tocaba o violín en Compostela co seu pai e tío, etc. Fotos todas inmortais como esta meniña galega retratada nos anos 30, que podería figurar en calquera escolma do retrato fotográfico, ou as monxas cos nenos das palmas (Madrid, finais dos 60) que tan ben define o nacionalcatolicismo da época, vivido con angustia no seu conto “Primeira Comuñón”.

1 comentario:

  1. Non sei se xa o dixen aquí: considero que Xente ao lonxe é máis novela ca A esmorga. Unha grande obra, nenos incluídos.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.