9 feb 2009

Ferrín: firme puño de liberdade.
Luís González Tosar.
ECG. 8-2-09

Cheguei -de Buenos Aires- a Vigo, en 1969. Matriculeime en 5º de bacharelato no Instituto Santa Irene e cadrei nun grupo moi xeitoso que agromou arredor de Xosé Luis Méndez Ferrín, o noso profe de repaso de Literatura española de 4º, polas tardes. Un día chéganos a nova de que Ferrín estaba preso. Nós sabiamos mellor ca ninguén que el non facía proselitismo barato. O seu estilo era moito máis fino, clarificador, didáctico, aprendéndonos a descubrir a realidade por nós mesmos, abríndonos os ollos adolescentes ás contradicións da abafante ditadura. Durante aquelas clases, fenomenais, nunca lle escoitamos unha palabra descalificadora de Ramón Piñeiro. Pola contra, animounos, aos catro ou cinco do grupo, a ir visitar a Piñeiro unha vez que estivesemos en Santiago. "Vaivos recibir ben, vaille gustar" afirmou. A grande aventura -promovida por Ferrín- daquel COU foi unha viaxe a Madrid, para asisitir ao teatro do Círculo de Bellas Artes. Representaban Luces de Bohemia e alá fomos -unha ducia, profe incluído- en autocar.
Regresamos felices polas reviravoltas da Canda e do Padornelo, cantando, orgullosos do noso profe, sabedores de que estabamos trasgredindo. E aínda que entón non entenderamos algunha cousa, foi un tempo de útil preparación para enfrontarnos á realidade universitaria dos 70, en Compostela. Coñecín, en 1974, a Carlos Casares e a Ramón Piñeiro, fun amigo dos dous. Non por iso cortei, nin enfriei, a vinculación con Ferrín. Piñeiro falaba ás veces de Ferrín, considerábao grande escritor, destacaba nel a integridade, a firmeza de carácter. Certa vez comentou que non lle importaba o de Ulm Roam. Consideraba o personaxe como literario e que tiña máis da creatividade ferriniana ca da súa propia biografía. Corenta anos que pasaron, desde a tardiña na que o vin entrar no bar do Santa Irene a coller tabaco, até hoxe, cando Galicia enteira homenaxea a Xosé Luis Méndez Ferrín, nos setenta anos do seu firme puño de liberdade.

25 comentarios:

  1. Estou seguro de que Ferrin pide a liberdade dos mozos indepententistas detidos onte pola policia española e anímaos a seguir na loita.
    Ferrín é un grande escritor, un formidabel contista e un bo poeta. Políticamente tentou a coherencia con honestidade e recibiu a súa descompensación, nunca entrou na universidade, rechazou premios e foi xeneroso cos novos escritores.
    Ferrín é o único escritor galego actual que ten escola.

    ResponderEliminar
  2. Os independentistas sacuden a árbore e Espartaco-Barak-Quintana recolle as noces.

    ResponderEliminar
  3. Ferrín deu durante moitos anos cursos de doutoramento e é doutor honoris causa pola de Vigo.

    ResponderEliminar
  4. Eu tiña entendido que Ferrín, precisamente por ser un escritor tan singular e irrepetible, non ten "escola". Pero, en fin, Bender sabe moito máis ca min...

    ResponderEliminar
  5. O que creo que Bender quere dicir é que Ferrín, sen el buscalo, ten moitos admiradores que o consideran un mestre.

    ResponderEliminar
  6. Ferrin como ser humano e tamén como escritor percuraba e percura o recoñecimento, o que sucede é que hai recoñecimentos e recoñecimentos.
    Ferrín ten escola, eu perciboo non só na admiración que lle profesan algúns, senón tamén a súa impronta nas súas proprias obras, temática e estilísticamente.
    É alédome de que impartira eses cursos, dalgún xeito podería seguir a facelo dun ou doutro xeito, porque concita ilusión literaria aínda nos novos e é unha figura cunha proxección interna magnifica de compromiso coa escrita en tempos un tanto desorientados e fausticos.

    ResponderEliminar
  7. Barak-quintana, lese na Nosa Terra.
    O que ven amente, e que non lle cadra ao noso vicepresidente, porque Obama trasmite ilusión e alegría, e Quintana de trasmitir alegría, é o dunha vella, que é a súa verdadeira alma, e sen anímo de menosprecio e insulto, uns nacen vellos e outros conservanse mostruosamente adolescentes toda a vida.
    Pouco acerto en conxuntar imaxes psicolóxicas, meis porque non poderían pintar de negro a Quintana.

    Quintana o home que só quería ser vicepresidente. Quintana mirandose no espello roto dunha criada galega, que diría un coñecido.

    ResponderEliminar
  8. Pois eu agradecería moito unha pequena ilustración desa "escola" que seica percibe Bender, que sabe moito máis ca min. Cales serían, logo, eses autores nos que Ferrín deixaría "impronta nas súas propias obras, temática e estilisticamente".

    [O que si xa non entendo é a que vén aquí o de Quintana (????)].

    ResponderEliminar
  9. Si, a mín paréceme ben a imaxen elaborada por Bender. Quintana é unha vella, a parécese a doña Rogelia.

    Apicultor, vostede sorpréndeme. Cando dí: "Bender que sabe máis ca mín", penso que esta frase podería sobrar. Porque se sabe vostede moito, non andaría a pregonalo. A mín paréceme, e pode ter outras lecturas, que é vostede moi vanidoso neste caso. Abondaba cecais con "Bender que sabe moito". A que ven?, saiba ou non saiba Bender máis ca vostede. Parecen vostedes competidores de bachiller no réxime franquista.

    Tampouco fai falla ser tan "sesudos varones" para expresar opinións.Non hai algo de elitismo nestas consideracións?.

    ResponderEliminar
  10. Tranquilo, Lobo, non requiche os dentes, que eu inocente.

    ResponderEliminar
  11. Canto galegofalante "berri"! Requíchase o rabo ou as orellas pero regáñanse os dentes... Pa que si?

    ResponderEliminar
  12. Ten razón. Moitas grazas pola advertencia.

    ResponderEliminar
  13. Lamentabelmente penoso que un individuo que anda por aquí vaia como anónimo a Arroutada a poñer cousas como esta:

    Mentres consuman o cadaber literario de Agustín Fernandez Paz, soso, sen caracter, aburrridisamente previsibel e incapaz de erguen o bo imaxinativo, sempre mántendos nunha vulgar fantasía, e esforzandose en conectar facilonamente co lector.
    Unha bírria de autor, tan enaltecido polas institucións literarias galegas, que rematan dando o cante da súa capacidade de valoración da literatura que se está a facer. Comenencia, amiguetes, intereses e moito negociete.
    Eu son un simples cero a esquerda que opina neste foro insignificante para industria literaria deste pais.

    Alguén podería explicar que é o que pode levar a alguén a facer isto?

    (Nota: fixádevos no seu "nibel")

    ResponderEliminar
  14. Darío Xohan Cabana, Cid Cabido, Chus Pato, Anxo Angueira e outros que merecerían unha atención máis especializada que a miña.

    O post sobre Quintana, o noso vicepresidente, vai equivocado neste fio. Pero é xa demasiado tarde para correxilo.

    ResponderEliminar
  15. Dubido seriamente que Darío Xohán Cabana sexa da escola de ninguén. Menos da de Ferrín.

    Eu, xaora, non considero a FPG unha escola literaria.

    ResponderEliminar
  16. Por se non se entende: de ser o Daío escolino en vez de mestre, non sería da escola de Ferrín precisamente.

    ResponderEliminar
  17. Até onde eu alcanzo, que non é moi lonxe, tampouco vexo que Xohán Cabana sexa moi escolante de Ferrín.

    ResponderEliminar
  18. Iso seguro xa que escolante é o que pon escola

    ResponderEliminar
  19. Ultimamente non dou unha. Grazas, corrector.

    ResponderEliminar
  20. O Cervo Na Torre e mesmo Galván en Saor participan do imaxinario ferrinian, non é un calco nin unha copia, pero si ten a súa influencia. pero teriamos que entrar en tema collidiños da man.
    A poesía non ten esta pegada, moito mellor poeta Ferrín, Darío é un artesán de pezas antigas, melindrosas, cunha til amarela de vellice ainda que sexa pola primavera.
    Gostei moito das súa traducción do Poema Sacro, e do doce estilo novo, traballos meritorios e que se agradecen.
    Un ferrinián con moito mérito sen nungunha dúbida.

    ResponderEliminar
  21. Antes de melindrar, calar.
    Comprobo que resulta inutil expresar opinións sobre literatura galega por aquí.
    Demasiada oficialidade, demasiado amiguismo, demasiada ignorancia e ganas de afirmarse nela.
    Queden con deus señores. Adeus.

    ResponderEliminar
  22. Outros antes ca ti cometeron a mesma inxenuidade ou imprudencia. As cousas son como son e as fabas da literatura xa están contadas e ben contadas. E punto.

    ResponderEliminar
  23. Inxenuidade/imprudencia? Fabas contadas? Quen é o que conta as fabas boas que entrarán no egrexio pote do caldo? Vostede, sr/sra anónimo?

    ResponderEliminar
  24. As fabas contadas débeas contar o Bender de marras, que xa se lle vé o plumeiro á mínima de cambio.

    ResponderEliminar
  25. BENDER. Agardo que non se moleste por un simple comentario anónimo, que xa retiro polo seu ton insultante.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.