11 jun 2009





García Alén, Tarsy Carballas e Marcos Valcárcel, Medalla Castelao 2009
O recoñecemento nesta edición tamén inclúe a Fernando Diz-Lois Martínez; e a Fernando Pérez-Barreiro Noia.
O Consello da Xunta aprobou, na súa xuntanza desta quinta feira, o decreto polo que se conceden as Medallas Castelao 2009, unha distinción que se lle outorga a aqueles galegos e galegas autores "dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo no eido artístico, literario ou de calquera outra faceta da actividade humana".

Deste xeito, o Goberno acordou distinguir este ano a investigadora Tarsy Carballas Fernández; o doutor e internista Fernando Diz-Lois Martínez; o médico e etnógrafo Luciano García Alén; o tradutor Fernando Pérez-Barreiro Noia; e o investigador e divulgador da cultura galega Marcos Valcárcel López.

Os premiados, un a un
Tarsy Carballas é doutora en Farmacia pola USC, e profesora de Investigación no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia. Ten máis de 230 publicacións, e na actualidade traballa no eido da predición dos incendios forestais e a rexeneración do solo queimado.

Fernando Diz-Lois Martínez é un internista que, segundo contan dende a Xunta, "a pesar da súa fama", decidiu ficar no país. Dende 1973 é xefe de Departamento de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, labor que compaxina coa docencia universitaria.

Polo seu lado, Luciano García Alén é médico e etnógrafo, alén de fundador e primeiro presidente do Club Nacionalista Alén Nós e patrono fundador do Museo do Pobo Galego. Con Filgueira Valverde e o seu irmán Alfredo García Alén participou nos anos 50 a 70 na organización e desenvolvemento do Museo de Pontevedra. Dentro da súa actividade a prol da cultura galega resaltan os seus traballos e investigacións sobre a olaría popular.

Fernando Pérez-Barreiro Noia é tradutor do inglés e chinés. Foi membro dos equipos dos servizos exteriores da BBC en Londres, profesor en varias universidades británicas e xefe dos Servizos de Tradución da Organización Internacional do Café. Tamén é autor da primeira tradución dunha obra teatral de Shakespeare para o galego e das primeiras traducións directas do chinés para o galego.

Marcos Valcárcel López é doutor en Xeografía e Historia e catedrático de Lingua e Literatura galegas no ensino secundario. Conta cunha longa traxectoria como investigador, erudito e divulgador da cultura galega. Autor de numerosas publicacións e cun constante labor xornalístico, dende a Xunta destacan a creación dun seu blog, As uvas na solaina, que sinalan coma "un dos lugares da internet máis activos de Galiza".

5 comentarios:

  1. Non coñezo aos doutores, mas si lin as esplendidas traduccions ao galego de Pérez-Barreiro Nolla(sic, con "ll")do Macbeth, de Shakespeare, e o seu maravilloso "Flores e leña" do chinés.Emigrou a Londres, a BBc, por volta de de 1963 ou 1964, coa sua dona, a tamén escritora Teresa Barro.Hai poucos anos deronlle o Pedrón de Honra...Aledámonos moito por él , polo noso tan querido Marcos, e polos outros 3 premiados. Oxalá os Premios Castelao manteña o nível, como parece que foi...., porque aquelo de Fraga... con medalas Castelao a Moure-Mariño...mi madriña!

    ResponderEliminar
  2. Helena Villar Janeirojue jun 11, 09:29:00 p. m.

    Parabéns aos premiados e moi especialmente aos dous que trato, Marcos Valcárcel e o Dr. García Alén.
    Teño por certo que Castelao se sentirá contento de velos unidos ao seu nome.

    ResponderEliminar
  3. Parabéns a Marcos. Por esta vez, a medalla Castealo vai a ficar moi dignamente pendurada perto do corazón dun home bo e xeneroso.

    ResponderEliminar
  4. As miñas felicitacións a Marcos Valcárcel por este recoñecemento tan merecido. Non dubido que Castelao se sentiría orgulloso de contar con un "irmán" como Marcos.
    Unha forte aperta.

    Luis Lamela

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.