15 ene 2008



Os sentementos non morren nunca (Alfredo Conde en ECG 15 xan.)

Evoca A. Conde días da mocidade da man deste blog e dunha ligazón de A Boheme, que deixou aquí Xoán da Coba:

(...) Entón, nunha mañá así, os Reis trouxéronme unha canción. Abrira eu o ordenador por ver cómo seguían As uvas na solaina, se a ese sol ou se a outro, máis ourensán e antigo; outro sol por mín aínda máis amado; un outro sol más límpido e diáfano, en ocasións; máis mesto o neboeiro que tiña que esfiañar, en tantas outras; e chegóume a canción e me petou alí onde máis petan certas cousas.Veu da man de Xohan da Coba. Ofrecéuma, a mín coma a tantos outros, no blog do Marcos Valcárcel e por conta do pasamento do Xaime Quessada. Ó fondo as lembranzas dun escritor que tamén foi alumno de sor Sabina, alá enriba na rúa de Santo Domingo, xusto embaixo do campo das Mercedes. Cantaba a canción Charles Aznavour (na imaxe). O seu título era A Bohemia. Calcei os auriculares e escoiteina. Véuseme enriba un mundo que xa non contaba pra mín, ou tal eu cría. Por conta dela, recordei un tempo que crín deshabitado. A mañá, entón, enchéuseme da mesma, e vella, e amada luz que iluminara a nosa mocidade, non sei se tamén a de Xohan da Coba, pero si a do Xaime, si a miña, si a de tantos, cando escoitabamos a Juliette Greco (na imaxe), a Barbara, ó propio Charles ou mesmo á Edith Piaf e Francia era a patria da liberdade, París a capital do mundo. Escoitei A Boheme, non unha nin dúas veces, e unha emoción irrelatable invadéume o ánimo. A memoria do Xaime viña envolveita na canción. Facíao a lufadas recorrentes coma as do sol, ía e viña, permitindo que toda señardade se instalase no meu corazón alagado de melancolía. Ouh, aquel tempo no que soñamos tanto! ¿Rematou xa como remata a canción que me trouxeron os Reis na mañá saudosa do seu día?. “A Bohemia era unha flor e á fin morreu” conclúea Charles Aznavour. Aínda o fai. A súa voz ecoa sen máis que prender o ordenador e querer escoitala. Se así o fas, descobres que os sentementos durmen, si, pero non morren. Sucédelles ás flores do espírito, sementadas que foron no seu tempo xusto, florecidas da man dunha canción, verdadeira e certa, que resume un tempo que foi noso. Morremos nós.

7 comentarios:

  1. Vaia. Parece ser que temos sensibilidades semellantes, Alfredo Conde i eu...


    Tamén eu lembro a Sor Sabina. Era boa con nós. De Sor Candelaria, prefiro non falar. A quen quería eu moitísimo era a Sor Consuelo. Alguén máis lembra a Sor Consuelo?

    ResponderEliminar
  2. A bohemia só pode ser cantada (chorada) por Aznavour.

    ResponderEliminar
  3. Don Alfredo, como non vai chorar con estos versos?

    Quand au hasard des jours
    Je m'en vais faire un tour
    A mon ancienne adresse
    Je ne reconnais plus
    Ni les murs, ni les rues
    Qui ont vu ma jeunesse
    En haut d'un escalier
    Je cherche l'atelier
    Dont plus rien ne subsiste
    Dans son nouveau decor
    Montmartre semble triste
    Et les lilas sont morts

    La boheme, la boheme
    On tait jeunes, on tait fous
    La bohme, la bohme
    a ne veut plus rien dire du tout.

    ResponderEliminar
  4. Arume, nos tres últimos versos hai erros. Unhes poden ser intencionados, outros non son congruentes.
    For exp. On "tait" (était ? ), ten senso. Bohme-bohème.

    "a" ne veut...(Ça)?

    ResponderEliminar
  5. Foi transcripción rápida, un ControlC-controlV penoso: pido mil perdóns.

    ResponderEliminar
  6. Para min que mais que sentimentos son emocións.
    A música é basica e fundamentalmente emocionalidade, outra cousa é a letra, que pode anclar a emocionalidade e dirixirse aos pensamentos, que están mais acabados, feitos, cocidos, linguistizados que a emoción. A emoción é inextricabel da situación de aí ese poder evocador que facilita a construcción de novos sentimentos, ainda que parezan os vellos, son novos facendose os vellos, porqué moitas veces non nos atrevemos a vivir as nosas emocións co potencial de futuro que sempre se presentan....xa estou digresionando.
    Interesante artigo que da ganas de pensar e de saber, para vivir mais.

    ResponderEliminar
  7. corrección: onde di "dirisirsse aos pensamentos", debe dicir "dirixirse aos sentimentos.

    ResponderEliminar

Graciñas por faceres comentarios.
Habilita o perfil de blogger para que marque a ruta ao teu blog.
De non ser así, e se queres que apareza o teu "nick, para burlar o sistema debes pór un enderezo a dunha páxina web túa. Se non tés páxina podes incluir o enderezo das uvas:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.