14 mar 2006


Xosé Manuel Beiras, Galego Egrexio
O pasado sábado a Fundación Premios da Crítica de Galicia acordou nomear Galego Egrexio ao catedrático de Estructura Económica da Universidade compostelá, Xosé Manuel Beiras. Sabia decisión dos amigos do Premio da Crítica e sabia a escolla do lema "Pensar+facer: país", pois iso mesmo é o que fixo Beiras ao longo da súa dilatada vida. Pensar o país, facer o país: elaborar o pensamento necesario para entender a nosa Terra, poñer as pezas imprescindíbeis na acción para que ese soño se fixera algún día realidade. Quizais non viviu a mellor das épocas para gozar da plasmación práctica dese Pensar e Facer, pero o futuro recoñecerá en Beiras un dos chanzos fundamentais da Galiza contemporánea.Aproveito para dicir que non me gustan nada as comparacións que se fan estes días, sobre todo por certos xornalistas, entre Beiras, Fraga e Francisco Vázquez, presentándoos aos tres como políticos en retiro e dunha mesma caste. Admito que os tres foron políticos de peso, pero pouco máis. Fraga foi un ministro do franquismo que se axeitou á nova realidade sen formatear o seu disco duro e iso evidenciábase cada vez que abría a boca, por exemplo, para falar das mulleres e dos homosexuais. Francisco Vázquez era un avogado laboralista ao que o mesmo Beiras recomendou nunha ocasión como un dos futuros líderes do PSOE galego, nos inicios da transición e cando este partido non tiña votos nin cadros políticos: o que veu despois é ben coñecido e non é o perfil que se identifica cun político de esquerda e, moitísimo menos, cun político comprometido co seu país, Galiza (el xa non admitiría esta fórmula: o seu país é España, a poder ser con acento inglés). E Beiras, con todas as súas luces e sombras, como calquera figura pública, é, sen dúbida, OUTRA COUSA.(Caricatura de Gogue)
Presentación en Ourense, hoxe mesmo, do libro "Liquidación de existencias", de Marcos Lorenzo.
O martes 14 de marzo de 2006, ás 20:15 horas, no Café Cultural Auriense (praza do Correxedor, Ourense), será presentado o libro Liquidación de Existencias, de Marcos Lorenzo, editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas.O acto contará coa presenza do escritor e xornalista Camilo Franco, Xavier Paz, editor, e mais o autor. "Liquidación de Existencias" é un texto que une pensamentos, humores e poemas, sen atender a fronteiras estilísticas ou temáticas de ningún tipo. A medio camiño entre o dietario de autor, ao modo dun Nietzsche, Benjamin ou Pessoa, e a antropoloxía experimental, sen referentes claros por estas latitudes, este libro inaugura o xénero aforístico en Galiza. A través deste collage, o autor persegue acceder a unha comprensión persoal e integral do mundo no que estamos inmersos, propoñendo aos lectores unha nova forma de interpretar a nosa realidade.Prologado por Antón Baamonde, o libro está escrito en galego e en castelán e inclúe ilustracións de Antonio Fernández Seoane e do propio Marcos Lorenzo.Marcos Lorenzo (1970, A Coruña) é economista e antropólogo. Foi socio e fundador da cooperativa cidadanía, e exerceu como consultor nos campos da participación cidadá e da economía social. Na actualidade coordina diversos programas, tanto estatais coma europeos, orientados á integración de persoas inmigrantes. No mundo da contracultura ten sido redactor das revistas Anima+l e Ómnibus, e dirixido a Sociedade 'Patafísica do Atlántico.
«A experiencia de ler Liquidación de Existencias é similar á de situarse ante un muro cheo de graffitis: ese fragmento dispoñible da vida urbana que o artista non oficial escolle para enviar a súa mensaxe coma quen tira unha botella ao océano, na esperanza de atopar, no viandante casual, o interlocutor apropiado, alguén a quen aquel trazo lle xere unha resposta.»Antón Baamonde
«Estamos, pois, diante dun libro proteico, con agudeza no xuízo e sutileza nas apreciacións. [...] Unha obra para abrir a mente, con vida, sen respostas.»Armando Broz e Xamie Subiela (revista Grial, n.º 168)
«No ambiente desmitificador das vangardas -surrealismo e dadaísmo, sobre todo- dános unha imaxe crítica do mundo que nos rodea sen ningún tipo de inhibición e politicamente incorrecta. [...] O acedume de Lorenzo non deixa fóra nin vellos nin novos.»Manuel Rodríguez Alonso (revista electrónica Vieiros, 25/2/06)

O autor, contento coa súa bitácora
Así de contento maniféstase hoxe o autor desta bitácora, no seu miniartigo diario de "La Región" de Ourense:
PAN POR PAN martes 14 marzo
Pois xa ven, dende o pasado venres ando pola blogosfera. Non, non se asusten: non se trata de ningún territorio extraplanetario nin tampouco dun ataque de irracionalismo feroz que me levase a algunhas das múltiples sectas que andan polo mundo. A cousa non vai diso. Trátase, sinxelamente, dun espazo virtual, o de Internet, dende o que se comunican millóns de persoas todos os días: o meu currunchiño nesa inmensidade que mete medo leva un nome en homenaxe a Vicente Risco (http://www.asuvasnasolaina.blogspot.com/), que xa utilicei como cabeceira dunha sección semanal neste xornal hai uns anos. Montalo foi doado, cunha pequena axuda de Afonso Monxardín, e eu mesmo estou asombrado da acollida interactiva do meu blogue nestes dous primeiros días. Estou coma un neno cun xoguete novo, case tan contento como esta bailarina aquí ao carón, do artista arxentino Diego Manuel Rodríguez.

ANDOLIÑA martes 14 marzo
E PACO VÁZQUEZ FALABA EN GALEGO
A segunda canle de TVE inaugurou o sábado unha serie documental sobre a historia da Autonomía galega entre 1975 e os nosos días, realizada sobre un guión do xornalista Agustín Díaz (que contou en directo aquelas andainas na prensa) e do profesor Portero Molina e cos fondos documentais da propia TVE. Do xa visto, chamáronme a atención varias cousas. Por exemplo, o exótico de certas imaxes perdidas no faiado da memoria como un moi novo Francisco Vázquez falando en galego en defensa dun federalismo ideal para España.
Comprobamos tamén como algúns políticos daquela hora tiñan dificultades para ler un texto breve en galego. Moitos deles falaban en castelán, sobre todo da dereita gobernante (Meilán Gil, por exemplo). En honor á verdade lembremos tamén o emprego habitual do galego doutras figuras máis galeguistas naquel proceso, á marxe da súa ubicación ideolóxica, como Antonio Rosón ou Paz Andrade.
Camilo Nogueira, dirixente entón do Partido Obreiro Galego, autonomista crítico, dicía algo que non perdeu actualidade: o Estatuto galego non pode ter menos competencias nin status xurídico que o catalán e o vasco. E outras curiosidades das que falaremos mañá.
(Imaxe: Francisco Vázquez nun deseño de Pepe Carreiro).