Cerebro e medo.
Pan por pan martes 23
Un estudo de politólogos da Universidade de Nebraska seica relaciona a actitude política cunha estrutura cerebral. Segundo estes investigadores a xente que non se asusta doadamente defende o pacifismo, o control de armas, unha política tolerante coa inmigración e o apoio económico ó Terceiro Mundo. En cambio, os máis asustadizos apoiarían o patriotismo, o gasto en defensa, a guerra de Iraq e a pena de morte. Algo semellante indiquei eu neste recuncho noutra ocasión. É perigoso tomar estes traballos ó pé da letra e inferir unha base biolóxica nas condutas políticas. Pero tamén é lóxico que persoas optimistas, que cren na vida e na convivencia, saiban domear por igual os nosos medos internos e aqueloutros que nos queren impoñer. Os asustadizos, di o estudo, tamén están contra o matrimonio gai, a pornografía, o sexo preconxugal e o aborto. Mira ti que cousas!