26 abr 2010

Luciano Varela
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 26.04.2010

O xuíz do Tribunal Supremo Luciano Varela Castro, como vostedes saben, foi maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra durante 23 anos, fundador no ano 1984 da asociación progresista Jueces para la Democracia e creador da Revista Xurídica Galega, na actualidade con máis de 50 números editados. Lembrarán vostedes ademais que Luciano Varela na súa etapa pontevedresa utilizaba o idioma galego nas súas sentenzas, sendo por este feito alcumado en máis de unha ocasión -cousas da dereita- de "xuíz nacionalista". Xa ven vostedes. A vida é complicada. E ás veces confusa. Agora Luciano Varela, perseguidor de Baltasar Garzón por investigar este os crimes do franquismo, acaba sendo obxecto de querelas por parte de diversas asociacións para a recuperación da Memoria Histórica, e unha vaga de indignación xeral -tamén en importantes foros internacionais- érguese contra Varela, até o punto de que o propio Felipe González -non simpatizante, por razóns obvias, de Garzó- non dubida en considerar "inxusto" e "inexplicábel" o proceso no que está incurso o xuíz por investigar os crimes da ditadura franquista. Difícil situación, pois, presente e futura, no que atinxe ao prestixio persoal e profesional do maxistrado Luciano Varela, que até é criticado pola Comisión Internacional de Xuristas, con sede en Xenebra, que asegura que os procesos penais a xuíces por investigar crimes contra a humanidade constitúen "unha interferencia inxustificada e inapropiada"; ou vexamos aí, por outra banda, os máis de 400 profesores universitarios e intelectuais franceses que se manifestan indignados polo proceso que sofre Garzón. O certo é que, dadas as circunstancias, Luciano Varela, cun gran pasado como xuíz en todas as ordes, vive hoxe unha situación de encrucillada, situado no centro neboento dun labirinto -¿sen saída?- que el mesmo axudou a construír. Até a mesma asociación progresista Jueces para la Democracia, por el fundada, o critica abertamente. E fóra da extrema dereita e da dereita ten o mundo en contra.