Volve Berlusconi (Andoliña xoves 17 abril) Por cortesía de ARUME, velaí dúas fotos de Porto Rotondo e Porto Cervo, os lugares onde Berlusconi ten o seu feudo de verán (e tamén de inverno). O iate non é de Berlusconi (é unha discoteca), pero podería ser calquera dos que ancoran nesa parte de Sardegna.
Hai un anuncio nos medios audiovisuais e tamén nas vallas do país co moi rechamante lema “Eu quero ser galego”. Suponse que fala un empresario, envexoso das supostas vantaxes que unha empresa concede ós empresarios galegos. Hoxe mesmo nos ambientes da esquerda italiana o lema ben podería ser “Eu quero ser español”, á vista dos resultados das eleccións italianas da pasada fin de semana e da idealización que por aqueles lares teñen moitos progresistas do modelo Zapatero. A volta de Berlusconi, xa temida, demostra que o sistema italiano segue sen encontrar unha saída plenamente democrática. E que as realidades que denunciaba o ensaio “A casta”, tan crítico coa clase política italiana, retratan con fidelidade a corrupción da mesma.
Xa é moi preocupante saber que che vai gobernar o segundo home máis rico do país (o PP perdeu votos aquí co supercandidato Pizarro). Se por riba é un populista e demagogo e está marcado por un personaxe tan perigoso como Umberto Bossi, o líder da Liga Norte, é doado entender a desolación da esquerda italiana que cando menos tiña en Veltroni un dirixente culto e ben formado nas loitas políticas. Gañou a xenofobia, o medo ós inmigrantes e o discurso antieuropeo.