Do caso de Boiro, dúas achegas
Coinciden hoxe na prensa Xosé M. Sarille ("Violencia e educación", ECG) e Afonso Monxardín ("O de Boiro", GH) en reflexionar sobre os incidentes violentos entre mozos en Boiro.
Máis educación! Eles queren dicir que todo isto é cousa dos mestres. E cando o argumento non chega, amplían: materias que fomenten a convivencia, outras a boa alimentación, outra a igualdade de sexos... e infinitas, até que en cinco horas se complete o home ideal.
Pois non señor, ou señora. O problema (menor que hai anos, histerias aparte) é que os pais non poden desentenderse, que os televisores non poden vomitar de todo a calquera hora, sen obediencia a un control público axeitado, que non se poden vender libremente xogos como o San Andreas e outros, que os pais compran felices, e onde a virtude consiste en matar anciáns cun coche, e violar e cortar pernas con serróns.
Antes o saber era transmitido pola escola e o clero. Hoxe as fontes e os espazos da aprendizaxe son múltiples. Pero pensar que o mestre é o único encargado resulta moi cómodo. (SARILLE)
Así, cando as patadas que o outro día aquel cacho de escoura barcelonesa lle deu á rapaza do tren, preocupeime non tanto pola entidade dunha agresión obxectivamente menor (sen armas, navallas, sangue...) , senón porque non tiña claro que non acabase o subhome de unto por sesada entrevistado nos programas da tele -como se interesase algo o seu orneo- e como exemplo para a xuventude máis transgresora. ¿Pero... en realidade hai que difundir todo e darlle voz a todo o mundo? ¿É maior o beneficio ou o prexuízo desta difusión para a intimidade e integridade das vítimas? O que teña as imaxes de agresións debe correr e entregarllas á Policía reservadamente. Logo o selo da xustiza debe marcarse na fronte deses culpables con forza, decisión e sixilo (a palabra de orixe é a mesma, sigillum) e nunca convertendo as vítimas neses "monos de feira dos medios" que tan sabiamente teme a bisavoa do neno de Boiro, nin aos delincuentes en estrelas medáticas. Non o merecen nin uns nin outros. (MONXARDÍN)
6 nov 2007
Rebeca.
Pan por Pan martes 6 novembro
Celébrase este ano o centenario da escritora Daphne du Maurier: eu entereime polo suplemento cultural do ABC. Moitos lectores quizais non identifiquen o nome inicialmente, pero si o farán se pensan en Manderley, aquela casa de campo misteriosa da película “Rebeca” de Hitchcock, cunha lóbrega ama de chaves, a señora Danvers, onde hai un algo inefable que segue dominando todas as condutas: quizais o espírito de Rebeca, a primeira muller que mandou naquela casa. É doado empatizar coa heroína anónima, nova esposa de Maxim, engaiolada nesa treboada de misterio e fascinación. Un mundo nacido dunha novela de Daphne du Maurier. Onde importan por igual os ambientes e os personaxes: todo perfectamente encrucillado. A novelista é tamén a autora das historias de “Os paxaros”, “A posada de Jamaica” e “O ancián”: con ese currículo, merece todos os respectos.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)