3 jul 2006

ETA maquilla a súa derrota
(Galicia Hoxe luns 3 xullo)
O proceso de paz. Hai uns días estivo en Auria o xornalista Gorka Landáburu, que falou no salón de Caixa Galicia sobre o proceso de paz no País Vasco. Gorka Landáburu é tamén unha das vítimas de ETA, pois sufriu un atentado con graves consecuencias nun ollo e nun brazo e, como tantos cidadáns vascos, ten que acompañarse de escoltas. Por iso a súa opinión é especialmente importante e, en primeiro lugar, revela que as vítimas de ETA son un colectivo plural e tamén diverso nas súas posicións ideolóxicas: Landáburu apoia o proceso de paz iniciado por Rodríguez Zapatero e confía en que chegue a bo fin.
A orixe do proceso. Destacou algunhas cousas singulares na súa intervención o xornalista vasco, sobre todo no coloquio. Por exemplo, a constatación de que este proceso, que será lento e traballoso, non vén de agora: ETA tomou xa esa decisión no 2005 e na mesma tiveron un protagonismo fundamental Arnaldo Otegi e Josu Ternera, este cun peso simbólico moi forte na estrutura etarra. Nos últimos anos houbo arredor de 70 xuntanzas clandestinas entre Batasuna e o PSOE vasco, dixo Landáburu, e logo Zapatero non fixo máis que ratificar o proceso. Tamén ten moi claro Landáburu por qué ETA inicia agora, á marxe do que digan os seus comunicados máis duros, un proceso negociador: a banda está convencida do abandono da loita armada, pero, como é lóxico, quere saír desa espiral de violencia sen unha imaxe total de fracaso. Noutras palabras, ETA quere maquillar a súa derrota e isto é moito máis significativo que a chulería de individuos como Txapote (o asasino de Miguel Ángel Blanco).
As dificultades. As dificultades serán moitas, niso todo o mundo está de acordo. Dificultades entre as partes negociadoras, entre os apoios políticos e entre a propia sociedade vasca e os militantes abertzales: hai arredor de 300 mozos novos no País Vasco francés, exiliados por accións de kale borroka, dispostos a volver en calquera momento se son chamados para reiniciar a violencia. No plano social, non convén esquecer que o País Vasco é moi pequeno e non hai unha soa familia que non conte con vítimas do terrorismo ou con presos etarras: será imposíbel (non se debería tampouco) esquecer todo iso. Abondo sería que nun prazo medio (unha ou dúas xeracións) eses mundos fosen quen de dialogar e convivir en paz. As outras dificultades tamén son coñecidas: o principal partido da oposición, con moitos votos detrás, está a facer todo o posíbel para que fracase o proceso. Landáburu foi moi crítico con Rajoy e o Partido Popular, lembrando que tamén Aznar negociou no seu momento, sen que daquela o PSOE fixese outra cousa ao respecto que apoiar o Goberno.
Que se vai negociar? Por parte de ETA é obvio: só pode ofrecer o abandono da violencia e das armas, no camiño da integración na vida política democrática do mundo abertzale. Por parte do Goberno, dixo Landáburu, non haberá nin negociación nin prezos políticos. Pero si se falará dos presos: do achegamento ao País Vasco dos máis de cincocentos presos etarras en cárceres españolas e logo tamén dos 150 presos en Francia e dun milleiro de exiliados en diferentes países. Logo, en función de como vaia o proceso, haberá excarceracións tamén, de xeito gradual pero inevitábel. Esa é a opinión de Gorka Landáburu, que me limitei a transmitir como intermediario: el aposta pola esperanza. Se así o fai el, que foi vítima de ETA, comprometido coa sorte do pobo vasco na historia, haberá que darlle un voto de confianza aos que cren que é posíbel rematar coa barbarie etarra.