SEGURO AZAR
(artigo de Damián Villalaín en A Nosa Terra, 21-27 setembro 2006. A imaxe é de El Roto, ese magnífico editorialista visual, en El País, 24 febr. 2006).
Rubianes e o Papa
O discurso de Joseph Ratzinger en Ratisbona aludía ao Islam de forma só marxinal e mediante cita dun crepuscular emperador bizantino do século XIV. Quen lea a conferencia papal completa, talvez coincida comigo en ver neste texto unha máis das consabidas críticas católicas a unha modernidade desnortada pola exclusión de Deus do seu modelo científico de interpretación do mundo.
No caso altamente improbable de que alguén tivese que sentirse ofendido polas palabras do Papa, seríamos os agnósticos e os ateos, ou simplemente os laicistas, os únicos que poderíamos reclamar ese parvo privilexio. Certamente, a única alusión de Ratzinger ao Islam, a que deu orixe ao novo batifundio destes días, está moi sesgada e conscientemente escollida, e en absoluto contrapesada por algunha reflexión autocrítica sobre as moi constatables relacións entre Cristianismo e violencia. Pero isto forma parte da batalla teolóxico-sectaria que no campo do monoteísmo vén desenvolvéndose dende hai moitos séculos entre os seguidores de Cristo e de Mahoma, de Deus e de Alá.
O único novidoso da situación, xa anticipada pola guerra das caricaturas, é que as palabras dun remoto rei, escritas na mítica Constantinopla de hai setecentos anos, susciten hoxe uns efectos fronteirizos co peor dos pesadelos. Eses efectos, que inclúen unha nova declaración de guerra de Al Qaeda contra o que esta organización segue a chamar a Cristiandade, recaen, ademais, sobre esa Europa cuxa tranquila descristianización é o motivo do polémico sermón ratzingeriano.
O espírito talibán avanza sincopadamente en todo o mundo. Pero non se manifesta só nos enfrontamentos relixioso-culturais nin é privativo das masas islamistas. Lendo o editorial dedicado polo ABC ao famoso caso Rubianes, advirto, de momento con máis preocupación que medo, que os talibáns tamén están aquí, entre nós, obtendo pequenos grandes triunfos, como a prohibición dunha obra de teatro porque o seu director blasfemou nun programa de televisión contra unha desas novas formas da divindade denominadas Patrias. A Rubianes, como ao Papa, tampouco lle valeu de nada disculparse, porque os talibáns se alimentan da ofensa e da aldraxe e non soltan a presa unha vez traban nela.
No medio do boureo, humillantemente reducidos a minoría silenciosa, imos quedando os ateos, os agnósticos, os que non cremos nin en deuses patriotas nin en patrias divinizadas. E semella que cada vez somos menos.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días