18 dic 2007


Os maiores na cultura
Imaxe: Doña Rosita Morillo, de Frida Kählo

O Club de Maiores de Caixa Galicia en Ourense está a celebrar os seus primeiros 25 anos de vida. Con ese motivo, a través da súa responsable, Carmen Bonet, convidáronme a dar unha conferencia sobre a visión dos maiores (ou dos vellos, como prefiran) na cultura, nas artes e na literatura. Preparei un power point duns 60 paneis sobre temas ben diversos, unidos só por esa condición: como reflectiron o mundo dos vellos en diferentes épocas e coxunturas históricas e xeográficas. Algúns de vostedes colaboraron co apartado "Os poetas" cos seus comentarios no post "A idade" que aquí apareceu a comezos de decembro.
É por iso que case me sinto obrigado a traer aquí un esquema desa miña intervención, para que se fagan unha idea de por onde foi. Máis ou menos isto:
Paneis 1 a 11. Imaxes dos Maiores na cultura galega. Castelao: Cousas, Retrincos, Os vellos non deben de namorarse. Carlos Casares: "A vellez" (Á marxe), "Agarda longa ao sol" (Vento ferido).
Paneis 12 a 15. Os vellos na historia da fotografía.
Paneis 16 a 26. Os maiores nas artes plásticas. Un código de valores, virtudes, a santidade. Pero tamén o mundo do desexo, o pecado. As Tres Idades. Susana e os vellos. Cimón e Pero, a Caritas Romana. O paso do tempo, a continuidade da vida.
Miguel Ángel, Rembrandt, Zeus, Caravaggio, Donatello, Cranach, Rubens, Gentileschi, Hans Baldung Grien, Giorgione, Tiziano, Ghirlandaio, Klimt, Rafael Zabaleta, etc.
Paneis 27 a 39. A voz dos poetas. A melancolía, a elexía, a sátira.
Rosalía, Celso Emilio Ferreiro, Fernando de Herrera, Quevedo, Pero da Ponte, Afonso Eanes do Cotón, Lorenzo Gomis, Aleixandre, L. Cernuda, etc.
Velázquez, Rembrandt, Giorgione, Goya, Zabaleta, Frida Kählo, Guaysamín, Zuloaga, Fortuny, Boucher, E. Munch, Emil Nolde, etc.
Paneis 40 a 49. Os maiores no cine. Umberto D (De Sica). Fresas salvaxes, Bergman. A balda de Narayama, S. Imanura. Calabuch, Berlanga. El abuelo, Garci. Sunset Boulevard, B.Wilder. Que foi de Baby Jane?, W.Wyler. Iris, R. Eire. No estanque dourado, Mark Rydell.
A lingua das bolboretas, M. Rivas, Cuerda, Fernán Gómez: don Gregorio.
O subxénero dos avós: de Minnelli a Pedro Lazaga.
O home bicentenario. As uvas da ira. Dous vellos gruñóns, etc.
Paneis 50 a 60. O lecer de Isolino, de Xaquín Marín.
Durero. Lucien Freud. A gran lección de Goya: "Aún aprendo".
Foi todo isto un pequeno intento de historia cultural que non saiu tan mal. O público, cando menos, quedou encantado. E eu, preparando todo, aprendín unhas cantas cousas.
PAN POR PAN mércores 19 decembro 07
O luns pasado estiven no Club de Maiores de Caixa Galicia, que celebra os seus primeiros 25 anos de vida. Convidáronme a falar da visión do mundo dos maiores na literatura e nas artes e preparei un power point que revisa o que do mundo da vellez dixeron ou pintaron, en diferentes épocas, poetas e artistas. De todo houbo na viña do Señor: dende os deuses e santos que simbolizaron as grandes virtudes e valores no Renacemento ou no Barroco ata a visión sarcástica dun Quevedo ou dos poetas trobadorescos de escarnio a bulrarse dos desexos e pecados da vellez. Entre todos eles, poucos tan lúcidos como o noso xenial Castelao, dunha excepcional empatía, sobre todo en “Cousas” pois en “Os vellos non deben de namorarse” deixouse levar por un certo moralismo. O público, ben agradecido: levaba eu uns 40 minutos a falar e pregunteilles se querían que seguise. Dixeron que si: non se aburrían.
en poleiro alleo

¿Bo Nadal? ¿Sonorización da oclusiva dental? (Afonso Monxardín, GH 18 decembro)
Curiosa fascinación pola morte (Andoliña 18 dec.)

Os ministros que pon Galiza (Xosé M. Sarille, ECG 18 dec.)

Sasha en Peredelkino (Luís González Tosar, ECG 18 dec.)

Unha fobia de cine
Pan por Pan martes 18 decembro
No mundo do cine teño moitas filias, pero moi poucas fobias: case ningún director ou actor me produce un noxo inexorable. Agás unha: Chuck Norris. Basta verlle o careto a este tipiño para cambiar de cadea. Resúltame insoportable e dubido moito de que poida ser considerado actor: poucas cousas tan insulsas se poden ver nunha pantalla. Buster Keaton, a quen lle chamaban “cara de pao”, dáballe mil voltas en expresividade sen mover unha cella. Leo agora que, segundo a xornalista Yolanda Monge (El País), o tal Chuck Norris apoia nos Estados Unidos a un candidato ultraconservador, Mike Huckabee, quen nega a teoría da evolución e anuncia cousas como esta: “Esta é a miña política contra a inmigración ilegal: Chuck Norrris”. O actor pasa polas películas dando puñadas sen parar. Se o tal Huckabee chegase a gañar, xa sabemos que os seus partidarios teñen un gusto cinéfilo infumable.