Tes os olliños negros.
Pan por Pan 3 xullo
Dos ollos e do seu poder no amor escribín o pasado domingo: os moi cultos seguidores/as do meu blog enriqueceron as referencias literarias, de Lope de Vega a Petrarca, e de Xoán García de Guillade a Louis Aragon. E as mesmas imaxes arredor dos ollos e os amantes aparecen ademais na poesía popular galega. Por exemplo, os ollos e o “morrer de amor” dos trobadores, nesta cantiga: “Eu non sei que tes nos ollos/ que, se me miras, ti matas;/ mátasme, se para min ris;/ mátasme, cando me falas”. E a beleza exclusiva dos ollos da amada, os únicos capaces de crear o misterio amoroso: “Moitos, moitos ollos vin, / e sólo ós teus, miña rula,/ e sólo ós teus me rendín”. E xa saben, se os ollos verdes son traidores, semella que a este poeta anónimo lle engaiolaban máis os negros: “Tes os olliños negros/ como a seda de coser; / nacemos un para o outro:/ que lle habemos de facer”.