ARREDOR DUN DISCURSO POLÉMICO
(La Región 18 setembro)
Caricaturas. Na pasada primavera montouse un rebumbio de campionato en todo o mundo islámico a propósito dunhas caricaturas de Mahoma, pouco afortunadas dende logo, publicadas nun xornal danés. Díxose daquela que as caricaturas eran unha campaña planificada, nun ton provocador, polos grupos da extrema dereita danesa. Non se dixo que, aínda así, no noso sistema xurídico e democrático (dende unha perspectiva europea), calquera pode caricaturizar a quen queira sen outro límite que as leis de cada país. Aquel terrible incidente, polas súas consecuencias en toda a contorna islámica, supuxo tamén unha cesión por parte europea dos ideais e valores que definen o noso modelo de vida: neles, a liberdade de expresión ocupa a cerna mesma da propia idea de democracia, tal como a defenderon pensadores e activistas dende tempos xa remotos.
Nova indignación. De novo xorde a indignación entre millóns de musulmáns. Agora o centro desa indignación é o Papa católico, que pronunciou na súa Baviera natal un discurso “incómodo”, cunha cita que relacionaba a Mahoma coa yihad e a difusión da fe mediante a violencia. Por certo, agora non se fala de provocación, a diferenza do sucedido cos caricaturistas daneses. Seica o Papa falou dende unha perspectiva académica e intelectual e ademais non lle gusta xogar no plano político, polo que todo foi un malentendido. Benedicto XVI xa pediu perdón polas súas palabras e espérase que as augas volvan ao seu rego. De momento, xa logrou cabrear ao rei de Marrocos, ao presidente de Irán, a Hezbolá, a varios ministros exipcios, saudíes e xordanos e a algún terrorista islámico que respostou con novas ameazas.
Cara e cruz. O Papa tiña razón no seu alegato por unha fe que non se basee na violencia nin na guerra: ata aí merece todos os aplausos. Quizais debeu engadir, como indicou o teólogo católico disidente alemán Hans Kung, que esa foi tamén a historia de boa parte do cristianismo: non será preciso lembrar as Cruzadas, a Inquisición, a persecución dos herexes, a guerra civil bendicida en España, etc. Por non relembrar algúns textos da Biblia que seguen poñendo os pelos de punta, por moitas metáforas que lle busquemos. Pero houbo outros acentos máis sorprendentes aínda no discurso papal en Baviera: de certo, o Papa centrou as súas críticas no “laicismo” e o “cinismo” das sociedades occidentais por “excluír a Deus”. “A ausencia de Deus na nosa sociedade horroriza a outras relixións”, seica afirmou Benedicto XVI. Dito doutro xeito, que a culpa do odio a Occidente dos non cristiáns é dos ateos, laicos e agnósticos, todos remexidos. Como dixo Quim Monzó, “agora resulta que os mortos polos atentados fascistas islámicos gañámolos a pulso: porque algúns non cremos nun Deus Todopoderoso Creador do Ceo e da Terra”. Magnífico argumento que se lle regala ao integrismo de calquera color relixiosa para xustificar a barbarie: menos mal que os ateos, laicos e agnósticos non se adican a queimar embaixadas nin a proclamar ningunha espantosa Yihad.
www.asuvasnasolaina.blogspot.com