Máis de abusos cotiánsPan por pan, mércores 15 novembroSigamos cos abusos cotiáns que sufrimos, dende o teléfono, dende as pantallas de televisión e dende outros lugares. Velaí a estulticia de moitos anuncios televisivos que padecemos sen defensa (agás a posibilidade de apagar o televisor) : un deles presenta un paspán que tropeza contra a andamiaxe dunha igrexa románica en restauración para logo dicir: “Bien, no hemos hecho mucho por las gárgolas medievales, pero...”. Todo iso para vendernos un automóbil: nun país que despreza a cultura e deixa caer en anacos o seu patrimonio artístico.
E que me din das enquisas e das estatísticas? Alguén cre aínda nelas? Esoutro día un xornal galego publicaba unha que “demostraba” que os mozos len cada día entre unha e catro horas diarias: supoño que en calquera empresa seria o responsable de tal disparate estaría xa castigado a pegar selos durante moitas semanas.
(Imaxe: Beckmann, A toilette, 1923)