4 nov 2008

GAÑARÁ OBAMA?

Obama non se fía, A. Losada, GH. 4-11-08.
Disque as enquisas cantan segura unha vitoria espectacular da Gran Esperanza Negra. Disque os republicanos temen unha desfeita. A prensa europea aposta maioritariamente por Obama e ao peor confunde desexos e realidades. A demoscopia da vantaxe a Obama a nivel federal. Pero en estados clave que os demócratas parecían gañar durante a campaña, agora volven a andar empatados. O exceso de triunfalismo pode desmobilizar o voto obamista e espolear ao votante conservador para evitar unha tripla maioría demócrata: Casa Branca, Congreso e Senado. Obama leva días repetindo una mensaxe prioritaria: para gañar hai que votar. Non se fía, e fai ben.

O ENIGMA OBAMA, Carlos Reigosa, LVG. 3-11-08
Cando xa sabemos que se as eleccións estadounidenses se celebrasen en todo o mundo, Barack Obama gañaría por abafadora maioría, é a hora de preguntarse que ofrece o candidato demócrata e cales son as súas opcións políticas preferentes. O malo é que as respostas non aparecen nos seus discursos nin cabe deducilas dos variados nomeamentos que fixo no seu equipo. Obama fala da unidade dos estadounidenses, de solidariedade rexional, de integración posideológica, de concordia internacional, de xustiza social, de confianza nunha sociedade aberta, pero non di que vai facer para lograr todas esas cousas. Nomeou para o seu equipo a políticos de todas as tendencias existentes no Partido Demócrata (centristas, socialdemócratas, radicais, etcétera), cun resultado equilibrado, pero nada clarificador. Todos os que queren a Obama na presidencia saben moi pouco del. Imaxínano dun modo ou outro, pero non teñen a menor garantía de que sexa como pensan. Porque Obama fala marabillosamente, pero non di. Non desvela. Non especifica. Non concreta. Vai gañar as eleccións sen situarse con claridade ante case nada. E quizá as vai a gañar precisamente por iso: porque cada un pode imaxinar ao Obama que queira, sen que el o desminta nunca.
O candidato demócrata é un avogado brillante que coñece o seu oficio. Espertou unha enorme esperanza con só aparecer en escena e resistiu vitorioso, sen afirmar nada que poida contrariar a ningún dos seus potenciais votantes. O seu discurso non ten arestas, as súas proclamas son vagas e xenéricas e a súa lema redúcese a dúas palabras: «integración e reconciliación». Algúns o temen pola súa indefinición, pero son os menos. A maioría, logo de engulir tantas definicións erradas de Bush, simplemente adórano. Pero non o coñecen, nin sequera os do seu equipo. Obama é un enigma e por iso vai gañar as próximas eleccións. Votarano aínda sen saber por que (aínda que si contra que). E crerán a cegas a súa reiterada promesa de que lle vai a dar ao país «o cambio que necesita». Pero ¿de que cambio fala? Non consta aínda.

Se gaña Obama, Gonzalo Parente, LVG. 4-11-08
Cando falta un día para as eleccións, sen tomar partido, parece interesante expor o que podería significar que Obama pasase a ser o novo inquilino da Casa Blanca . Anteriormente, o ocupar o despacho oval era sentar no trono do mundo, pero xa non é así. Desde o final da guerra fría, EE.?UU. desperdiciou o capital de liderado conquistado co sangue, suor e bágoas de miles de mozos norteamericanos que loitaron para defender a democracia liberal que agora está en crise.
Por iso, Barack Obama ten ante si unha enorme tarefa para remover as estruturas da vella orde mundial que se derruba. Para iso conta co apoio de millóns de mozos que queren o cambio, pero ademais ten a simpatía no exterior ( Obamamanía ): En Europa, onde esperan que EE.?UU. volva ao multilateralismo; en África, polo ascendente kenyana do seu pai; o mundo islámico mírao como persoa próxima por vivir en Indonesia; e os suramericanos ven a un novo líder de cor, moi distinto dos WASP (brancos, anglosaxóns e protestantes).
Se Obama gañase significaría un cambio sociolóxico do proceso multiétnico da sociedade norteamericana. Pero nada máis. Porque o novo presidente sería ante todo un patriota que continuaría defendendo os intereses do seu país, na mesma liña que os seus predecesores. No exterior terá que afrontar o conflito de Irán, co que prometeu iniciar conversacións; con Iraq liquidará o despregamento para reforzar Afganistán, pero en Paquistán, nación islámica e nuclear, imos ver a súa iniciativa política.
A fin dos enterros, de Afonso Monxardín, GH. 4-11-08

Se cadra parece broma pero o día de Fieis Defuntos fun a un enterro. Éralles no Ourense profundo, nun deses lugares onde aínda non chegou a moda da incineración que esa si, vai cambiar os costumes funerarios para sempre. Alí unha velliña ao meu lado suspirou logo de ver metido o cadaleito no nicho: "Menos mal, a probiña xa descansa na casa". Porque efectivamente a defunta vivía noutro mundo: na capital, a case corenta quilómetros da aldea. Neste enterro non asistín a esas escenas grotescas que teñen que ver co medre da talla e que fan que por veces o morto co seu floreado traxe de madeira non caiba no burato. A circunstancia máis extrema vivina nunha condución no Ribeiro. O enterrador, home resolutivo, axiña botou man dunha machada e zas zas. Chimpou ferraxes, adornos, cristo, patas e todo o que sobresaía. Logo a caixa lambida entrou xustiña. A unha das fillas varréuselle o sentido. E non me estraña.
Este de que lles falo foi un enterro normal con misa cantada e a igrexa chea. A maioría dos homes retomaban fóra -a igrexa estaba chea de mulleres- vellos paliques ou saudaban as xentes que viñan de lonxe. Como a pobriña da defunta era persoa de idade e enferma, a tristura era comedida, como pedían as circunstancias. E non chovía, que sempre se agradece.
E aconteceu o de sempre. Porque cómpre senón un regulamento, si un protocolo claro nos enterros. Explícome. Cando o señor abade di aquelo de "Poden ir en paz", a xente sabe que ten que dar volta e dirixirse á saída da igrexa.
¿Pero que acontece despois no cemiterio cando o cadaleito baixa -ou sobe- ao nicho correspondente? Hai uns minutos de indecisión e ninguén sabe que facer. Se hai crego e bota un responso ou un padre noso, ningúen se move, e só se atrasa o invitable.
Como ninguén di "Poden ir en paz", asístese, sen querelo, ao comezo da última obra co finado. Chega o momento masa. O enterrador agarra o caldeiro, saca de paleta e vai tapando as fendas entre lápida e sepultura. O público asistente, calado, examina as mañas de albanel que se dá o enterrador. Ninguén sabe que facer. Algúns pensan "está a masa demasiado solta" ou "cumpríalle un pouco máis de area que despois abre" pero non é un traballo de comentar como o das obras urbanas nas que pampan os xubilados ao sol. Aínda peor é -horrible cousa da modernidade- cando o enterrador abre a bolsa, saca de silicona, mete o tubo na "pistola" e co raca-raca do gatillo bota unha limpa tiriña tal como se estivese selando o mesado dunha cociña, ou as pezas dun baño. Alguén ten que pór fin aos enterros cunha eclesiástica campaíña ou un "amén" a tempo.














Arias e o medo ós caraveis
andoliña 4-11-08

Carlos Arias Navarro, o derradeiro xefe de goberno de Franco, quixo declararlle a guerra a Portugal e consultaba cos Estados Unidos, vía Robert Ingersoll, entón vicesecretario de Estado, para gañar puntos. Contábao onte con detalle o xornal El País estudando documentos do Departamento de Estado norteamericano agora rescatados. Os caraveis foron un soño de esperanza dende o outro lado da fronteira e aló foron os xornalistas, tamén galegos, a contárnolo (algúns encontraron acubillo fronte á represión, como Margarita Ledo).
Os caraveis asustaron o réxime franquista, temeroso dun contaxio democrático, e os fascistas pecharon Triunfo e reaccionaron con chulería: "España estaría disposta a librar o combate anticomunista, a soas se fose necesario", dicía Arias. E pensaría: para iso gañamos a guerra. As mensaxes do xefe de goberno de Franco, na primavera de 1975, tamén semellan pregos cara a EEUU para que Kissinger facilitase o ingreso de España na OTAN. Poucos meses despois un Arias espectral enchía as pantallas da TV para comunicar entre bágoas a morte de Franco. Un documento único, patético (está en youtube) dun mundo lúgubre que se despedía asinando varias penas de morte.