AS UVAS NA SOLAINA CONTINÚA.
Ourense, 24 de abril de 2009
É vontade do común amigo Marcos Valcárcel que o blog
As Uvas na Solaina siga adiante como foro de reflexión, debate e lecer. Ese é o seu xeito de agradecer as innumerables mostras de cariño, admiración e alento que, neste e noutros foros, lle teñen prodigado tantos e tantas amigos e amigas, quer sexan contertulios habituais ou ocasionais, quer sexan lectores.
Un grupo de amigos temos a difícil e, ao tempo, grata encomenda de tentar suplir parte do seu labor. De seguro que con máis intención que acerto, pois é imposible substituír a súa sensata, amable e ecuánime voz.
Así pois, poranse, cando se poida, ligames con textos da prensa, tal como Marcos viña facendo, e ás veces algún comentario ou artigo orixinal. Todo coa intención de que o debate continúe, de que este recuncho da vella Auria sexa un lugar de encontro, de complicidades compartidas, de discusións frutíferas, de desavinzas pacíficas, de sorrisos abertos.
En nome de Marcos Valcárcel, benzóns para todos, amigos e amigas.