6 jun 2008


Símbolos e nacionalismo.
O Bloque colorea de azul a súa estrela vermella.

Segundo conta hoxe LVG o BNG de Quintana afronta o cambio máis radical da historia do nacionalismo de esquerdas: eliminar a estrela vermella, símbolo revolucionario utilizado cando menos dende os inicios do 76 (nas orixes da AN-PG). E o dito vai sen ningunha ironía: a polémica está servida. Calquera que saiba o significado que teñen os símbolos entre as bases nacionalistas, pódese decatar do arriscado desta decisión.

axenda: Olga Gallego
(foto Trebolle)
Hoxe, venres 6, 13 h., no Liceo, preséntase o volume "Mulleres de Ourense", de dona Olga Gallego. Estará na presentación Carme Adán.
en poleiro alleo

¡Non me toque os pronomes!, un artigo de Helena Villar en ECG (6.6.08). Curiosamente os dous primeiros comentarios do artigo na web do xornal son críticos co mesmo: un castelanista e outro lusista!

O tema estrela do día nos artigos de Opinión é Barak Obama: del escriben, en ECG, Carlos Luís Rodríguez e, en GH, Fernán Vello e Rivas Troitiño.

E Méndez Ferrín ("O arcebispo desexado") lembra no Faro a figura do bispo galeguista Lago González: ademais hai unha entrevista co "Ferro" en El País, de Daniel Salgado.

Alumnos e alumnas
Andoliña venres 6 xuño (Imaxe: J. Opie)

No estudo que xa citei onte neste recuncho fálase tamén das aptitudes dos rapaces e rapazas no seu rendemento escolar: as mozas, cando menos en Primaria e ESO, obteñen mellores puntuación que os nenos, agás nas materias de Matemáticas e Física. Tamén melloran as rapazas, en varios cursos, en Lingua Castelá, por diante dos seus compañeiros (creo que o estudo non ten datos de Lingua Galega).
Esta é unha realidade que non será estraña a moitos profesores: por suposto, hai alumnos mozos de magnífico currículum, pero tamén moitos cursos onde son elas a que levan a dianteira. Véxanse os premios de Bacharelato dos últimos anos. Ou a xa decisiva feminización de moitas carreiras, incluídas as que esixen mellores notas para ingresar. Esoutro día dei unha charla nun colexio ourensán e o seu director confirmaba esta tese: "O mundo futuro é delas. Non hai volta".
Que pasa cos mozos? Menos motivación, outras distraccións, menos capacidade de concentración nos estudos, etc. Se a iso sumamos o esterotipo dos adolescentes masculinos nas películas americanas e nas series de TV, imos apañados: parvalláns, infantís, obsesos co sexo, a comer hamburguesas. Algo terán que facer para espabilar, digo eu...