4 jun 2007


COUTO MIXTO E RESCALDOS ELECTORAIS.
La Región 4 xuño (Na foto, cruceiro de Meaus, no Couto Mixto)
Couto Mixto. A pasada semana aprobouse no Congreso español unha declaración que insta ó goberno do Estado a recoñecer o Couto Mixto como un espazo transfronteirizo con identidade propia e impulsalo e desenvolvelo cos medios máis axeitados. A proposta foi unha iniciativa socialista, do parlamentario ourensán Alberto Fidalgo, e foi transaccionada co Partido Popular para logo ser apoiada por unanimidade na cámara. Co entusiasmo ademais dos nacionalistas vascos e cataláns, segundo me conta Luís García Mañá, primeiro historiador que chamou a atención con seriedade sobre esta realidade. Estiven convidado en varias xuntanzas dos promotores do recoñecemento do Couto Mixto que inicialmente parecía unha utopía propia dalgúns idealistas. Pero a utopía está a facerse realidade, cando menos nos seus contidos simbólicos. Para ben de todos.

Rescaldos electorais. Xa en pleno debate dos pactos, quedan aínda sen apagar algúns rescaldos electorais. Con escenas insólitas como ver o PP implorando pactos do BNG ó que sempre se acusaba de ser a Herri Batasuna galega ou a confrontación xa aberta na cidade dos sectores que representan Cabezas e J.L. Baltar no marco da dereita ourensá. Supoño que se estará a discutir aínda moito máis nos aparatos e asembleas internas dos partidos. Deberían discutir tamén os nacionalistas, pois o BNG non perdeu (porque entrará no goberno de moitas cidades) pero tampouco gañou (porque perdeu 24.000 votos nesas mesmas cidades que vai cogobernar e só logrou frear suavemente un proceso de caída electoral). E hai datos que dan para moito reflexionar dentro do BNG: por exemplo, a cidade de Ferrol onde os nacionalistas chegaron a ter no seu día a alcaldía (en coalición) e pasan a ser agora a quinta forza do concello, por detrás de Esquerda Unida. A comarca de Ferrol estivo sempre baixo o control do secretario político da UPG, Francisco Rodríguez, que sempre manexou moitos dos fíos invisibles que conducen o BNG. Haberá autocrítica nesta ocasión?

Telelixo. Aclarouse todo. O programa da TV holandesa no que varios enfermos renais competían por un transplante era só unha montaxe televisiva. “Lisa”, a suposta enferma terminal, tiña que decidir qué concursante recibiría o seu órgano coa axuda dos SMS que lle enviasen os espectadores: reality show puro e duro. Esa é a noticia. Pero non: a verdadeira nova é que isto está hai días nos xornais e, aínda que a tal Lisa só era unha actriz, a todos nos pareceu verosímil e posible, sobre todo na televisión holandesa, que seica foi a inventora do formato de “Gran Hermano”. E iso é o terrible, en verdade: que unha cousa así ata podería ser real no mundo no que vivimos.