27 sept 2006
Cousas que non se entenden
Comenta Estalote no seu blog que á Fundación Manuel Puente, en Buenos Aires, hoxe conducida pola filla do egrexio galeguista, Rosa Puente, se lle negou unha subvención que recibía antes da Xunta de Fraga. Moito me temo de que esteamos ante un caso de ignorancia: que consulten, se é preciso, a biografía de Castelao por Paz-Andrade, onde conta que Puente ata chegou a xestionar a recollida de varios milleiros de dólares para atender a Castelao enfermo en Nova York, pouco antes de morrer.
Tamén souben estes días que á fermosa festa que se celebra cada 17 de Maio en Vilanova dos Infantes, a romería Raigame, lle foi denegada outra aportación habitual que recibía de Turismo da Xunta. Non sei se a romería cumpre os requisitos, pero si que é unhas das festas de maior galeguidade, con ampla participación de pobo, recuperación do labor dos artesáns, identificación dunha vila tan senlleira na nosa historia cultural, etc.
Que está a pasar aquí?
(Imaxe: detalle de "A Fornarina", de Rafael).
Ministros galegos en Madrid
(Andoliña mércores 27 set.)
Serve para algo ter ministros galegos en Madrid? Esa era a pregunta que se facía hai uns días o editorialista de El Correo Gallego e que se repite de forma recorrente cada vez que se forma un novo goberno no Estado ou cando se discuten os seus orzamentos. A pregunta é pertinente porque sempre houbo ministros galegos en Madrid: foi así na Restauración, e con nomes de peso, e tamén na Segunda República, en todo o franquismo e logo na democracia. Nomes e personalidades moi diferentes dende líderes conservadores ata republicanos de esquerda ou socialistas, como hoxe a señora Espinosa.
A pregunta tampouco é nova. Cedereille a palabra a Unamuno, que a respondía en carta ao xornal Coruña Moderna aló por 1906. Alí facía notar que sempre houbo galegos nos gobernos españois, "pero non se coñeceu que o fosen nin lograron darlle un sentido que recoñezamos como propio deles". Os galegos egrexios, engadía Unamuno, "en canto se elevan en Madrid a postos eminentes desgaleguízanse en todo menos no acento". O autor de San Miguel Bueno, mártir non era precisamente un entusiasta dos nacionalismos periféricos. Pero tiña bo ollo para recoñecer a realidade, sen dúbida
Suscribirse a:
Entradas (Atom)